Amosando publicacións coa etiqueta democracia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta democracia. Amosar todas as publicacións

27 setembro 2025

50 anos desde o asasinato de cinco loitadores antifranquistas

 

Mañana, cuando yo muera, no me vengais a llorar. Nunca estaré bajo tierra, soy viento de libertad

(Ernesto Che Guevara)

Epitafio de Juan Paredes Manot (Txiki)

Cambiemos todo para que todo siga igual

Este ano 2025, o 27 de setembro, cumpriranse os 50 anos dos últimos asasinatos patrocinados polo conxunto das principais institucións fascistas de represión do réxime criminal do Xeneral Franco. E digo “polo conxunto” porque neles estiveron implicados exército, xudicatura, policía, Garda Civil, ministros do réxime e o propio xeneral asasino. Hai que sinalar, para quen non o saiba, que o ditador, con bastante antelación á declaración da súa morte clínica, estaba xa moi enfermo; e que morrería apenas dous meses despois de cometer os referidos asasinatos, xa podre e cheo de tubos cos que manter artificialmente o seu corazón latindo; eses asasinatos foron cometidos en “estado de espera” dos seus herdeiros políticos e dos que realmente gobernaban o Estado Español para ver que facían para manter o réxime franquista sen Franco de forma que puidera ser aceptado polas democracias europeas e, sobre todo, polos países que formaban o que daquela recibía o nome de Mercado Común Europeo (antecedente da actual Unión Europea). Ese lobby empresarial franquista estaba formado fundamentalmente por banqueiros e grandes empresarios, principais beneficiarios do réxime, que se lucraron coa súa corrupción e que hoxe -baixo outras denominacións comerciais- seguen a liderar as grandes empresas construtoras, enerxéticas, de servizos diversos e bancos españois (todas elas presentes no IBEX-35). Para que vos fagades unha idea das pretensións dos políticos e empresarios franquistas, daquela, facendo referencia aos desexos dos partidarios do criminal golpista, foi moi usada a famosa frase de Tomasi de Lampedusa, na súa novela o Gatopardo, cuxo personaxe principal, un nobre siciliano que ao ver como se derrubaba a súa vida de abusos e privilexios dicía que “se queremos que todo siga como está, é preciso que todo cambie”.

Os asasinados

Os cinco antifranquistas asasinados foron Juan Paredes Manot (Txiki), Ángel Otaeguí, José Humberto Baena, José Luís Sánchez Bravo y Ramón García Sanz; os dous primeiros pertencentes a ETApolítico-militar (ETAp-m) e os outros tres ao FRAP (FrenteRevolucionario Antifascista y Patriota).

Os que tivestes a sorte de non sufrir aquela época de represión e asasinatos fascistas, realizados ou impulsados polo propio réxime do xeneral Franco, cando vexades na Wikipedia (se é que o facedes) o que eran ETA p-m e FRAP, diranvos que eran organizacións terroristas, analizando baixo o prisma actual (sería como dicir que o Fronte Sandinista era unha organización terrorista cando combatía en Nicaragua contra a ditadura de Somoza e o seus apoios da CIA dos EUA). Non vos asustedes nin vos levedes a engado; para ese réxime franquista case todo o que a el se opoñía era “terrorista”, como así o plasmou mediante Decreto-Lei do goberno de Arias Navarro e Fraga Iribarne, que entrou en vigor o mes de agosto de 1975, anterior aos cinco asasinatos, coa finalidade de conter as esperadas protestas cidadás contra as execucións e reivindicando liberdades democráticas e o fin da ditadura. E, efectivamente, ambas organizacións preconizaban a loita armada e atentaban con bombas contra obxectivos vinculados ao réxime, que consideraban como as mellores formas de facer fronte ao réxime ilexítimo e ditatorial franquista; consideraban que os aparatos armados do franquismo (exército, Policía Armada -hoxe Policía Nacional- e Garda Civil) eran institucións que a ditadura utilizaba contra calquera posibilidade de avance democrático. Certo é que, tamén, desde o réxime franquista se consideraba que estaban a manter unha guerra contra todo tipo de organización que se opoñía ao franquismo (de aí que se xulgara en tribunais militares aos opositores cando mediaban armas de por medio). Estas actividades armadas contra o réxime de Franco (que duraron ata a legalización dos partidos políticos e a implantación do actual réxime de liberdades) non eran compartidas pola maioría das organizacións democráticas e antifascistas (desde posicións de dereita ou desde posicións de esquerda), que se ben normalmente non as condenaban, tampouco as aprobaban e as consideraban como nada pertinentes, por considerar que substituían o que debería ser unha acción de masas protagonizada pola cidadanía polo terrorismo individual que podía xerar dúbidas entre unha gran maioría da poboación que demandaba un réxime democrático baseado na democracia representativa e de liberdades democráticas, onde ningunha persoa fora perseguida e encarcerada por ter e manifestar as súas ideas.

A cinco persoas ás que aquí pretendo homenaxear foron asasinadas por pensar diferente e actuar en liberdade contra un estado policial que reprimía as súas ideas; cinco persoas que guerrearon con armas contra quen lles tiña declarado a guerra armada e co obxectivo de acadar unha sociedade máis xusta e democrática.

Contra esas persoas arremeteu o réxime fascista con toda a forza, botándolle enriba todas as institucións xudiciais e policiais represivas das que dispoñía o franquismo coa finalidade de eliminalos fisicamente a calquera prezo e, ao mesmo tempo, tentar de branquear diante do mundo a súa actuación criminal. O seu fin estaba decidido incluso antes de que os pallasos uniformados empezaran o seu número nas pistas do circo dos consellos de guerra.

A día de hoxe aínda quedan moitas dúbidas sobre a autoría real dos feitos atribuídos ás persoas xulgadas e condenadas a morte naqueles procesos farsa, dos que os cinco aquí homenaxeados foron asasinados (moitos coas únicas probas produto de confesións arrancadas mediante salvaxes torturas nas comisarías e cuarteis da Garda Civil durante os interrogatorios). Por exemplo, a irmá de Humberto Baena a día de hoxe mantén que moitos dos feitos que pesaron na condena do seu irmá non foron realizados por el, que foron inventados ou fabricados pola propia policía (o cal nada estraño sería).

Xa naquel fatídico ano 1975, tres anos despois dos asasinatos cometidos pola policía franquista en Ferrol durante a folga dos estaleiros e da represión emprendida en Vigo contra as traballadoras e traballadores dos estaleiros, ocorrera o amplo dispositivo represivo contra a UPG e o asasinato, tamén en Ferrol, de Moncho Reboiras en agosto dese ano. Eran o principio das últimas rabexadas do réxime sanguinario e criminal do xeneral Franco; rabexadas que continuaron ata a morte do ditador e ata o ano 1977, onde numerosos demócratas foron asasinados a mans da policía franquista, da Garda Civil ou de bandas fascistas que contaban con protección e amparo dos corpos policiais ao servizo do réxime.

 

Os aparatos xudiciais e policiais do réxime franquista

Os asasinatos do 27 de setembro de 1975 foron precedidos de todo un proceso destinado a sementar un terror aínda máis intenso do que ata aquela tiña desenvolvido o réxime do criminal Franco, coa finalidade de parar as crecentes mobilizacións populares en demanda de liberdades democráticas. Este proceso foi desenvolvido polo conxunto das institucións de represión armadas e civís franquistas, a saber:

a) Brigada Político Social (BPS): sección da policía franquista especializada na persecución, tortura e mesmo asasinatos encubertos das persoas opositoras ao réxime, era policía política do réxime;

b) Policía Armada[i], era a policía do réxime do ditador; era a que , en compañía da BPS, se encargaba de perseguir nas cidades e grandes núcleos urbanos as manifestacións públicas contra o réxime nas rúas, sen escatimar en medios para a detención ou paralización das protestas (incluídos disparos de bala); era a época na que se dicía que os españois voaban, porque a pesares de haber feridos ou mortos de bala en moitas das mobilizacións polas liberdades o réxime e a prensa franquista contaban que a Policía tivera que disparar ao ar para disolver as mobilizacións.

c) A Garda Civil tiña as mesmas funcións no medio rural que a Policía Armada nos núcleos urbanos, e amais o seu Servizo de Información cumpría as mesmas funcións e facía as mesmas barbaridades que a BPS facía nos núcleos urbanos; eran famosos os seus controis no País Vasco realizados en curvas de escasa visibilidade para dar o alto e disparar se os coches non paraban.

d) O Tribunal de Orden Público (TOP)[ii]. Era a sección da xudicatura encargada de xulgar aos detidos políticos; era un niño de xuíces e fiscais fascistas, e o paso dos detidos políticos polas súas salas era un mero trámite para envialos a cadea con condenas de cárcere. Alí non se admitía practicamente ningún tipo de proba exculpatoria contra as persoas xulgadas (nin evidencias de tortura para arrancar confesións, nin testemuñas favorables, nin calquera outra evidencia favorable ao reo) agás que a persoa procesara fora o “garavanzo negro” procedente de poderosas familias pertencentes ao réxime, que algunha había. O que dicía a policía ía a misa fora ou non fora certo, coma hoxe coa lei mordaza na maioría dos xulgados, e as condenas estaban decididas antes de comezar as farsas dos xuízos.

e) Os tribunais militares amais de xulgar os seus propios asuntos internos (que traían consigo os arrestos e penas a soldados, pedras, piscinas ou fiestras) e, tamén, reprimir aos militares da Unión Militar Democrática (UMD) que preconizaban a necesidade de que o exército se pronunciara en favor da democracia. Nos tribunais militares eran xulgados, tamén, os civís acusados de terrorismo; isto é, a toda persoa que se manifestara en contra do réxime (que era, invariablemente, acusada de comunista, o fora ou non) por mor do Decreto-Ley 10/1975, de 26 de agosto, sobre prevención del terrorismo, antes citado. Polo tanto “merecedores” dun consello de guerra, isto é: de ser sometidos a farsas teatrais onde os militares fascistas que os conformaban gozaban repartindo condenas e penas de morte contra as persoas demócratas. No caso que nos ocupa, as penas foron a morrer fusilados diante dun pelotón de execución.

As execucións. Os voluntarios

Unha vez pasados polos distintos números do triste e cruel circo de represión franquista, despois de sufrir innumerábeis vexacións e sádicas torturas, despois das humillacións que tiveron que sufrir as súas familias por parte das distintas instancias de represión do franquismo, Txiki, Otaegui, Baena, Sánchez Bravo e García Sanz foron executados por fusilamento; uns en Burgos, outros en Barcelona e outros en Madrid.

A pesares das multitudinarias mobilizacións que houbo en toda Europa e no Estado Español contra o perfeccionamento dos crimes do 27 de setembro e contra o réxime fascista; a pesares de que todo o proceso que desembocou nos asasinatos foi cualificado, e demostrado, de fora unha farsa sen garantía algunha para os procesados; a pesares, incluso, da petición do Papa católico de suspender as execucións, aos dirixentes franquistas e ao criminal Franco non lles tremeu a man, e este último asinou as súas derradeiras penas de morte, os seus últimos crimes contra a humanidade.

Os asasinatos, levados a cabo en instalacións militares, foron realizados por distintos pelotóns de fusilamento formados por gardas civís, militares e policías. Todos eles voluntarios para cometer perfeccionar os últimos asasinatos do réxime cometidos baixo o mandato do criminal Franco, todos eles amosáronse como dignos servidores do fascismo e igual de criminais que os xefes das súas respectivas cuadrillas e dos manda-máis do réxime.

A Lei de Amnistía do 1977

Todas as persoas integrantes dos diferentes aparatos de represión e morte franquistas (civís e militares) non só non foron xulgados por todos os crimes cometidos ou inducidos por eles, senón que pasaron a formar parte dos distintos corpos militares, xudiciais e policiais despois da chamada reforma política e da aprobación da Constitución de 1978. Todo cambiou para que todo seguira igual; o franquismo ocupouse, antes das primeiras eleccións a Cortes Constituíntes, de promulgar unha Lei de Amnistía que exoneraba de toda culpa a todas esas persoas do réxime que cometeron crimes contra a humanidade, ben fora desde a xudicatura, a policía, o exército ou a Garda Civil.

Certo que tamén se beneficiaron da amnistía aquelas persoas que estaban encarceradas por reclamar publicamente liberdades democráticas, pero que nas súas filas non tiñan ningún asasino nin torturador, senón que estaban encarceradas polo mero feito de pedir liberdades de expresión, de manifestación, de asociación, de sindicación, legalización dos partidos políticos, dereito ao voto libre, etc. É dicir, o que na rúa ou nas casas pedían as mobilizacións populares e a cidadanía demócrata do Estado Español, non a amnistía asinada por Adolfo Suárez e don Juan Carlos de Borbón que foi feita, fundamentalmente, para salvar de ser procesada e condenada toda esa porcallada fascista; e para seguir contando con eles nos distintos aparatos do Estado xurdidos ou mantidos cos reforma política.

Moitos xuíces e fiscais pasaron a formar parte da Audiencia Nacional e dos altos tribunais do Estado. Moitos deles, xoves naquel entón, foron ascendendo na xerarquía e ocupando importantes cargos no Tribunal Supremo, Consello do Poder Xudicial, Fiscalía do Estado, o que tivo como resultado o aparato xudicial do que hoxe goza a rancia dereita española. O seu apego e defensa do fascismo quedou demostrado cando o xuíz Baltasar Garzón quixo investigar os crimes do franquismo e os seus autores e cómplices, que tivo como consecuencia unha condena e inhabilitación do xuíz, utilizando como escusa para a condena outro caso do seu xulgado, unha investigación do terrorismo utilizando escoitas aos avogados dos procesados (algo que era ilegal pero que, ao parecer, non era o único que o facía e, amais, a súa xeneralizada existencia era vox populi nos ámbitos da xudicatura).

Dos militares podemos dicir outro tanto. Moitos mantiveron a súa alta xerarquía ou foron ascendendo na xerarquía militar ata chegar a altos postos de mando; de aí a implicación de unha moi importante cantidade de altos mandos nos distintos intentos de golpe de Estado. Outros foron colocándose en organismos internacionais como a OTAN, pero sen renunciar ás súas sinais de identidade fascistas. Os daquela máis novos, entre os que posiblemente están os criminais voluntarios para fusilar dos que antes falamos, irían situándose na escala impulsados pola alta xerarquía do exército franquista.

Da policía e Garda Civil ben claro quedou coas investigacións das tramas das cloacas do Estado a implicación de antigos membros da Brigada Político Social e dos Servizos de Información. Xentes culpables de crimes contra a humanidade, como Billy el Niño ou o famoso comisario Villarejo, ascenderon e ocuparon postos chave no aparato da Policía Nacional. Posiblemente non foron os únicos; tamén foron beneficiarios de bo trato por parte da xerarquía policial de ambos corpos outros membros da BPS ou do servizo de información da Garda Civil franquista culpables de prácticas de tortura. Igualmente, non é improbable que moitos dos asasinos voluntarios do 27 de setembro foran beneficiados e impulsados a ascender dentro dos seus respectivos corpos represivos.

Final

Foron moitas as persoas asasinadas e reprimidas salvaxemente durante o franquismo. E foron moitos os asasinos e represores que despois da chamada “transición” permaneceron impunes e, incluso, ocuparon postos de responsabilidade no Estado post-franquista. Tamén ministros de Franco con responsabilidades directa ou indirecta sobre asasinatos ou membros do aparato do chamado Movimiento Nacional franquista.

Por que foi iso posible? Pois moi simple: porque a transición desde o franquismo ao réxime actual non foi unha transición democrática, foi un lavado de cara para que os privilexiados de entón seguiran a manter o seu poder e privilexios. Lavado de cara que contou coa colaboración de dirixentes políticos que traizoaron as arelas democráticas dun pobo, negándose a mobilizalo e pactando co fascismo a cambio dunhas migallas de beneficio persoal. Todas as persoas que vivimos aquel momento sabemos de quen estou a falar.



[i] Hoxe recibe o nome de Policía Nacional.

 

[ii] O órgano que sucede ao TOP no sistema xudicial español é a Audiencia Nacional (AN). Como o TOP, a AN é un tribunal de excepción que xulga, dentro das súas competencias, diversas actividades, desprazando as causas xudiciais dos xulgados naturais que corresponderían ás persoas xulgadas, como ocorren en calquera democracia contrastada. Coma facía o seu antecesor TOP, instrúe causas como as do procés catalá para aquelas persoas acusadas e que non están aforadas; tamén os chamados “delitos contra a Coroa” (por exemplo, cando xulgaban a un twitero/a ou a un/ha usuario/a de facebook de publicar ou compartir un post que non gustaba aos monárquicos era a AN que os xulgaba, negando á persoa encausada o dereito ao seu/súa xuíz/xuiza natural), crime organizado,etc. Eu, a idea que teño é que é un tribunal fundamentalmente político, aínda que pretendan lavarlle a cara.

09 xullo 2024

Poder Lexislativo vs Poder Xudicial. Intentos de perverter a democracia?

Quen debe lexislar nun país democrático, o Poder Lexislativo (Parlamento) ou o Poder Xudicial (Tribunal Supremo, Audiencia Nacional, Audiencias Provinciais, Fiscalías,...).?

O Estado Español constitucionalmente se autodenomina coma unha Monarquía parlamentaria, é dicir, a aprobación da lexislación corresponde ás cámaras parlamentarias. Pero xa desde a propia transición parece que cando á dereita non lle van ben as leis aprobadas por quen debe facelo (o Poder Lexislativo), están os xuíces e xuízas do Tribunal Supremo, de determinadas salas de audiencias provinciais e de determinados xulgados non para aplicalas, senón para modificalas por vía de resolucións, de sentencias ou da "liberdade de interpretación", prescindindo, se así é preciso, das exposición de motivos nas que se fundamentan todas as leis.

Curiosamente esta liberdade de interpretación e soberanía xudicial da interpretación das leis vai sempre no beneficio electoral ou político da dereita, da ultradereita fascista e/ou dos poderes económicos ou daqueles que negan a existencia da violencia de xénero e da igualdade da muller. E se non chega a sala correspondente do Tribunal Supremo (TS) para obter o desexado, recórrese á convocar un pleno como xa ten ocorrido coa sala do económico en relación á aplicación das resolucións dos tribunais da Unión Europea sobre a legalidade de certos cobros bancarios asociados ás hipotecas e á determinación do ámbito temporal da súa devolución aos afectados que a Sala do Económico do TS tiña determinado que fora desde sempre. Como era o desexo “mal menor” das entidades bancarias o tempo fixado foi menor.

Non é que eses xuíces ou maxistrados incumpran a lei, senón que (polo xeral aínda que con excepcións[i]) fan unha interpretación moi peculiar da mesma. O que parece dar toda a credibilidade a aquelas verbas expresadas no ano 2018 polo senador do Partido Popular, Ignacio Cosidó, de que “controlaremos la Sala Segunda del Supremo desde atrás”; palabras expresadas no contexto do acordo entre o seu partido e o PSOE para os nomeamentos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), cuxa composición segue a manterse coas mesmas persoas na actualidade (agás unha que renunciou hai uns meses) ao negarse o Partido Popular, baixo numerosas escusas, cada cal máis peregrina, a proceder á súa renovación (quizá pola conta que lle ten por mor dos innumerábeis casos que corrupción que teñen abertos, ou susceptibles de abrirse, cargos públicos da súa formación).

Pero aínda máis. En numerosas ocasións ao TS non lle queda máis remedio que intervir nas actuacións dalgúns xuíces ou xuízas para indicarlles que o procedemento que están a seguir non é o adecuado. Pasa, por exemplo, cando un maxistrado instrúe un caso de forma prospectiva para imputar a alguén; é dicir, a partires dun suposto inexistente pero que manteñen “que pode existir” no que ten incorrido a persoa investigada (sen probas nin indicios certos de que iso teña ocorrido; ás veces, incluso, sustentados en trolas comprobadas como tales e publicadas en certos xornais). É dicir, “se a profecía non se cumpre, poremos todos os medios para facer que se cumpra ou que pareza que é así”.

Ataque á liberdade de expresión e procedementos prospectivos ou baseados en fuck-news.

Durante o goberno de Mariano Rajoy as altas instancias xudiciais ditaron numerosas sentencias condenatorias, moitas con anos de cadea, contra numerosas persoas opostas publicamente ou moi críticas co labor do goberno do Partido Popular en relación cos perentorios problemas da vivenda, salariais, alimentarios, etc. que asolaban á pequena burguesía e, sobre todo, ás clases populares do Estado; e tamén se viron afectadas persoas críticas coa monarquía borbónica. Sindicalistas, rapeiros, teatreiros, twiteiros, xornalistas,... foron vítimas de resolucións ou sentencias xudiciais que atacaban a liña de flotación dun dos compoñentes básicos dun réxime democrático: a liberdade de expresión. Afortunadamente, os tribunais europeos –nada sospeitosos de esquerdismo ou progresía- puxéronlle coto aos xuíces e xuízas españolas declarando ilegais a maioría das súas sentencias deste tipo.

Nos últimos tempos, e desde o inicio da era dos gobernos de coalición, primeiro o de PSOE con Unidas-Podemos e agora a coalición PSOE-Sumar, está de moda abrir procedementos xudiciais baseados en denuncias formuladas por coñecidas organizacións nazis ou fascistas (Manos Limpias, os Hazte Oir de El Yunque, Abogados Cristianos e outras polo estilo) fundamentadas en base a fuck-news (novas comprobadas como falsas) que implican sen fundamento nin probas  a persoas dos gobernos ou achegadas a persoas con cargos públicos gobernamentais. E hai xuíces, xuízas ou fiscais que abren procedementos contra as persoas mencionadas nesas fuck-news contrastadas coma falsas. E hai algún aínda van máis alá e que, comprobada e demostrada reiterativamente a falsidade dos fundamentos da acusación, manteñen procedementos abertos “por se acaso aparece algo...”.

De actuacións xudiciais como as mencionadas máis arriba temos numerosos exemplos no Estado Español. A persecución de Pablo Iglesias e Irene Montero (os de Podemos) por un xulgado de Madrid; o caso de Mónica Oltra por delitos cometidos pola súa ex-parella; agora aparece o caso da esposa (non me lembro do seu nome) de Pedro Sánchez; están as condenas impostas a moitos dos procesados polo caso dos ERE de Andalucía que foron anuladas ou rebaixadas polo Tribunal Constitucional; temos, tamén, a apertura de dilixenciaspenais contra un concelleiro de Esquerda Unida en Sevilla que foi absolto despoisde oito anos e que ten causadonumerosos prexuízos ao acusado (curiosamente, xa é casualidade, estes dous últimos iniciados pola mesma xuíza). Recentemente, onte, coñeceuse a resolución da Audiencia Nacional declarando ilícito e arquivando o procedemento que mantiña aberto o xuíz García Castellón por terrorismo contra persoas do process catalá polo caso Sunami Democrático de Catalunya, que afectaba a persoas que poderían ser beneficiarias da lei de amnistía recentemente aprobada polo Parlamento do Estado... E os que non coñeceremos porque as persoas afectadas por resolucións ou sentencias xudiciais inxustas non son coñecidas do gran público e, polo tanto, os seus casos non aparecen nos xornais ao non ser considerados de interese informativo!

En case todos os casos, as persoas imputadas deixaron os seus cargos políticos mentres non se probara a súa inocencia; e polo tanto os proxectos que tiñan en perspectiva para mellorar a vida da xente menos favorecida socialmente deixaron de realizarse, cos prexuízos derivados tanto para os encausados como para os potenciais beneficiarios das súas actividades públicas.

Outras actuacións xudiciais destacan por todo o contrario. Recentemente vemos de coñecer a absolución do elemento fascista que estivo acosando constantemente, diante do seu fogar, e atentando contra a privacidade de Irene Montero e Pablo Iglesias, con insultos constantes e ameazas durante moitísimo tempo, mentres os acosados desenvolvían tarefas públicas de responsabilidade. Igualmente é coñecida a recente absolución do señor homófobo que no metro de Barcelona, diante dun vixiante de seguridade en posición estatua de sal, insultou gravemente e ameazou (tal e como se pode observar nun vídeo feito público) a unha persoa transexual simplemente por ser como era, sen respecto algún e cunha actitude totalmente discriminatoria e de odio cara ás persoas transexuais. E posiblemente moitos máis que agora mesmo non me lembro pero que claramente se inscriben na ideoloxía de ultradereita.

E o órgano do Estado que debería manter a raia aos xuíces, xuízas e fiscais que se sobrepasan coas súas actuacións ou que claramente rozan ou incorren na prevaricación con actuacións como as descritas máis arriba non actúa. Incluso nos casos de membros do poder xudicial que desobedecen ordes ou instruccións do Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional.

Ese órgano mantense na súa matraca de supostas agresións de caracter político ao poder xudicial por parte de quen critica ou discrepa publicamente das actuacións. Ese órgano non é nin máis nin menos que o CXPX, órgano máis que caducado constitucionalmente, que hai anos que debería estar renovado e que parece estar formado na súa maioría por persoas de ideas caducas, propias da longa noite de pedra, e de clara ideoloxía dereitosa e/ou de extrema dereita. Un órgano que de facto, ao non pronunciarse sobre delas, apoiou as concentracións de togas e puñetas, de clara intencionalidade política anti-gobernamental, acontecidas no pasado mes de novembro diante das audiencias provinciais contra unha presunta lei de amnistía da cal aínda non se coñecía nin o anteproxecto.

A elección dos órganos de control da xudicatura.

O malo é que estas actitudes do poder xudicial fan boas as opinións que manteñen que as actuacións e interpretacións das leis pola xudicatura están condicionados pola súa ideoloxía política (non necesariamente a súa afiliación) e a súa procedencia maioritaria das clases máis acomodadas e dominantes, da burguesía e da oligarquía. Así o demostra a inmensa maioría que as asociacións “conservadoras” de xuíces teñen entre os membros carreira xudicial españois.

Igualmente son as actuacións como as descritas máis arriba as que tamén dan a razón aos que defendemos que os xuíces non deben ser os que escollan aos membros que conforman o CXPX, pois farían deste órgano constitucional un órgano ao servizo dos intereses políticos da dereita e dos intereses económicos da oligarquía e da burguesía aos que esa dereita representa.

Os órganos de control dun Estado, e o Consello Xeral do Poder Xudicial o é, deben representar ás arelas da maioría da poboación; e a maioría da poboación (ou gran parte dela) exprésase nas urnas. Os órganos do Estado non son órganos corporativos como parece que algúns políticos e moitos xuíces e maxistrados parecen pretender que sexa o CXPX.

A elección dos órganos de control xudicial na Unión Europea.

Nos países da Europa non é infrecuente que xuíces, xuízas, maxistrados e altos cargos dos sistemas xudiciais procedan de clases da alta burguesía ou de clases acomodadas, igual que sucede no Estado Español. E, loxicamente, tamén terán a súa ideoloxía e intereses de clase. Pero polo que parece non están tan achegados a posicións políticas, non tan vencellados, como parecen estalo na xudicatura española.

E tampouco parece que no resto da Europa a investigación profunda dos posibles casos de corrupción por parte dun xuíz ou dunha xuíza poida condicionar o seu ascenso na carreira xudicial, cousa que si parece ocorrer no Estado Español. E estou a lembrarme o xuíz Ruz, substituto de Garzón na Audiencia Nacional, a “esperanza branca” do Partido Popular no caso Gurtel, que non cumpríu coas espectativas e ficou estancado e enviado ao xulgado de Móstoles.

Tampouco no resto de Europa son os xuíces os que escollen aos membros dos órganos de control xudicial. Nas democracias todos os órganos deben representar á maioría do sentir popular; e isto cúmprese ao pe da letra nos países democráticos europeos.

Confianza no Poder Xudicial español?

Xa que logo, como pretenden os xuíces españois que as persoas de a pe confiemos neles? Eu, persoalmente, non teño nin un ápice de confianza no aparato xudicial español. Non confío en que se algún día teño un problema por expresar as miñas opinións publicamente de forma pacífica teña máis peso a testemuña de dous membros policiais que de outras corenta testemuñas, ou que me poida pasar como aos traballadorese traballadoras de La Suíza condenados por defender o seu traballo,  ou que por expresar publicamente opinións como as que aquí se expresan poidan procesarme e ditar sentencias condenatorias, ou que me poida pasar como a esa nai que por defender aos seus fillos dun maltratador teña que actuar personalmente por mor dunha inactuación do aparato xudicial e ser acusada por este de secuestro, ou sentencias como a da audiencia de Pamplona no caso da manda violadora... Confiar neles? Eu, dende logo que non.



[i] Véxase o caso do xuíz Alba no proceso aberto contra a xuíza Victoria Rosell, que foi cargo público por conta de Podemos.


 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...