Amosando publicacións coa etiqueta Sahara. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sahara. Amosar todas as publicacións

02 agosto 2026

Avalancha humana en Ceuta

 

        O pasado xoves 30 de xullo, unha avalancha humana procedente de Marrocos entrou de forma masiva e desorganizada na cidade de Ceuta, colonia española en África e administrativamente parte do Estado Español.

Antecedentes das avalanchas humanas marroquís. 

        Hai xa antecedentes deste tipo de accións de migración desde Marrocos a Ceuta que foron utilizados polos sátrapas reinantes no país africano ao longo do tempo coa finalidade de reivindicar dos gobernos españois o que eles chaman "devolución de territorios marroquís ao seu lexítimo país". A primeira da que eu teño coñecemento foi a Marcha Verde no ano 1975, sendo rei de Marrocos o sátrapa Hassan II e ditador español Juan Carlos de Borbón; esta marcha, organizada activamente polos criminais da CIA estadounidense e comandada polo sátrapa marroquí se produce en medio do proceso descolonizador das terras africanas que eran "provincias" so Estado Español, entre elas o Sahara; neste proceso, coa fin de procurar a soberanía de Marrocos sobre un territorio pertencente ao pobo saharauí, foi cando se organizou a famosa Marcha Verde a través da cal Hassan II e a CIA procuraron unha marea humana de civís (vítimas de todo tipo de engados) que se dirixira cara ao Sahara para impedir a entrega dese territorio aos seus lexítimos donos. Loxicamente, o exército español, por moi fascista que era daquela, non podía disparar contra civís desarmados que se adentraban nun territorio que, progresivamente, estaba a ser abandonado polo propio exército e outras persoas de orixe español que volvían ao país colonial. O resultado final foi a entrega, nunha negociación, do territorio saharauí a Marrocos e a Mauritania, sendo os asinantes deses acordos de Madrid os dous ditadores, e "irmáns" segundo verbas propias dos propios protagonistas, Juan Carlos de Borbón e Hassan II. Foi a primeira puñalada trapeira dos gobernantes españois ao pobo saharauí; condenada posteriormente pola ONU, que estableceu nas súas resolucións que o novo colonizador Marrocos debería realizar un referendo entre a totalidade dos habitantes do Sahara onde estes decidiran o futuro da antiga colonia española, permitindo  a participación no proceso de todas as persoas saharauís incluídas no censo anterior á avalancha, incluíndo as que se exiliaron da represión alauita en territorios de Alxeria. Cousa á que Marrocos negouse e segue a negarse, co apoio decidido de países coma os Estados Unidos de América (EUA) e Francia, con intereses na explotación de materias primas existentes no territorio saharauí.

         Despois deste episodio de 1975, houbo sucesivas agresións marroquís non armadas contra intereses gobernamentais españois no norte de África, sempre utilizando á poboación civil e baseándose na miseria á que os sátrapas que gobernan Marrocos teñen condenada á maior parte da súa poboación. Os métodos para perpetuar a chantaxe foron múltiples e variados: desde a utilización das mafias traficantes de carne humana para pasar migrantes en pateiras e balsas desde territorio marroquí a territorio hispano, ata o abandono da vixilancia fronteiriza por parte de policía e exército de Marrocos coa finalidade de que os migrantes procedentes do propio país norteafricano e da África negra en busca dunha mellor vida na Europa poidan traspasar a fronteira con maior facilidade saltándose os controis fronteirizos.

            Dentro de todas as descritas, houbo outra importante avalancha humana, aproximadamente no ano 2021 (non me lembro agora as datas exactas). Unha avalancha, tamén organizada polo establishment alauita, que acabou con unha multitude de migrantes cruzando a fronteira con Ceuta e, por desgracia, con un importante número de migrantes afogados ou mortos por acción das policías españolas (desbordadas pola magnitude da avalancha) e marroquís que foi denunciado por organizacións non gobernamentais (ONG) de apoio ao migrante e mesmo por Amnistía Internacional polas mortes ocorridas na praia do Tarajal e nos valados terrestres. É curioso neste caso que as forzas gobernamentais marroquís que previamente deixaran pasar masivamente á multitude de migrantes procedentes do Magreb, maiormente, e de outros países de África, se puxeran a mallar neles e a detelos cando regresaron voluntariamente ou foron devoltos en quente pola policía española. Tamén tivo efectos esta avalancha humana organizada polos esbirros de Mohamed VI: a segunda puñalada trapeira dun goberno español ao pobo saharauí, que foi o posicionamento (pouco tempo máis tarde) do goberno de Pedro Sánchez coas teses de Marrocos sobre o Sahara.

A avalancha do 30 de xullo de 2026

        Non vou describir aquí como foi esta última avalancha (está aínda fresca nas hemerotecas dos diferentes xornais se aínda non tes detalles de como foi; iso si: non te desinformes lendo xornais da dereita recalcitrante ou da extrema dereita, sexan galegos ou non). E na que fican moitas cousas por clarexar.

         O que si vou recalcar é que outra vez máis foron utilizadas persoas ás que os poderes do país de procedencia, e os demais organizadores da avalancha, manteñen na miseria e nos límites da subsistencia. Incluso convocadas por unhas redes sociais, desde os días anteriores, das que se sabe que o goberno marroquí ten controladas e que exerce unha censura constante sobre elas.

            Vese claramente a man da Axencia Central de Intelixencia (CIA) e dos servizos secretos israelís detrás da organización desta avalancha humana; e, por suposto, a inestimable colaboración do criado local dos EUA, o sátrapa Mohamed VI e o seu exército e policía de fronteira. Tamén é perfecto o momento escollido polos organizadores para levar a cabo esa avalancha: cando as actividades e as medidas xenófobas adoitadas nos distintos países da Unión Europea están en ritmo crecente da man de gobernos de orientación fascista (como o italiano ou o finlandés) ou partidos fascistas, dos partidos filo-fascistas integrados nos grupos do Partido Popular Europeo e mesmo algúns gobernantes presuntamente socialdemócratas de países do norte da Europa.

        E xa non digamos dos xenófobos fascistas do Reino Unido, seguidores da tradición conservadora inglesa. E que no Estado Español debemos identificar con Vox, o filo-fascista Partido Popular e os diferentes grupos de ideoloxía nazi como poden ser Núcleo Nacional ou Desokupa. E todo este lixo político (e humano?) secundado por toda unha morea de publicacións (que teñen moito financiamento empresarial e político e poucos xornalistas serios) en papel e dixitais que non fan máis que repetir os bulos, argumentos e propaganda do fascismo e do filo-fascismo.

            É curioso que toda esa chusma fascista, patriotas de pulseira e oportunistas, que se chama asimesma xornalista, como Vito Quiles ou Ndongo, ou os imbéciles nazis de Núcleo Nacional, ou Alvise Pérez, que foran a Ceuta a tentar de pescar "patriotas" en río revolto e tiveran que saír co rabo entre as pernas e escoltados pola policía por mor da valentía da cidadanía ceutí que se enfrontou a eles dicíndolles que se foran por onde viñeran, que eran uns noxentos que o único que buscaban era lío e meter lixo fascista e xenófobo.

Que intereses hai detras da última avalancha?   

        Por que EUA e Israel? É de coñecemento xeral que, desde o recoñecemento de Palestina e as declaracións do goberno español sobre o xenocidio e exterminio emprendido polo Estado nazi-sionista de Israel contra a poboación palestina en Gaza, apoiado polos gobernos dos EUA, estes últimos non están moi contentos. 

         Se a iso engadimos que tampouco se apoiou a guerra ilegal emprendida por ambos estados contra Iran e a negación teórica do goberno español a aumentar o orzamento nominal para armamento no famoso 5%, podemos concluír con escasa posibilidade de equivocarnos que o delincuente nazi que ostenta a presidencia dos EUA e os seus secuaces ultraconservadores e terraplanistas non estean moi contentos cun goberno socialdemócrata que non baila todos os pasos como eles pretenden, cousa que si están a conseguir de moitos outros gobernos europeos e mesmo da Presidenta da Comisión Europea, a señora Von der Leyen.

            Hai que ter en conta, tamén, a mellora nas relacións hispano-alxerianas dos últimos tempos, que tivo coma consecuencia acordos económicos de relevancia para ambos países. Mellora de relacións que posiblemente non agradarían nada ao sátrapa Mohamed VI, que accedería a montar todo ese número alentado polas administracións americana e israelí. Administración dos EUA á que tampouco agradaría nada que o subministrador preferente de gas natural do Estado Español siga a ser Alxeria, en detrimento dos negocios gaseiros norteamericanos cuxa obtención basease no método antiecolóxico do fracking e cuxo prezo é superior ao do gas alxeriano.

            Sen esquencernos das políticas migratorias diferenciadas das xenófobas adoptadas pola maioría dos países da Unión Europea, impulsadas pola fascista Meloni. No Estado Español a forza da esquerda parlamentaria e da esquerda do goberno non permiten que o PSOE, por moito que o desexa, adoite as políticas xenófobas que defende a señora Van de Leyen, á que tanto lle gusta fotografarse con Donald Trump e con Benjamin Netanyahu. E iso moléstalles á maioría da dereita filo-fascista e fascista, así como a unha parte importante do liberalismo pretendidamente socialdemócrata do continente. 

            Temos outro aspecto a considerar de cara ás reaccións habidas na Europa diante da avalancha humana sobre Ceuta. É curioso que as primeiras reaccións, case inmediatas, foran de crítica ao goberno español e non á abandono do control de fronteiras polo réxime marroquí, rachando os acordos que ese país ten coa Unión Europea (UE). É de sinalar as reaccións da fascista Meloni, da fascista primeira ministra de Finlandia e dos partidos fascistas da Europa pedindo a expulsión de España do espazo Schengen; igualmente, sinalar a perfecta coordinación dos partidos agrupados no Partido Popular Europeo con fortes críticas, aproximándose á extrema dereita e chegando ao filo-fascismo, pola actuación dun goberno que fixo o que cabía esperar de xentes civilizadas: non parar coa forza armada policial ou militar a toda esa morea de xente mobilizada pola xentalla xa mencionada aproveitándose da súa ignorancia e da súa necesidade perentoria cobertura das necesidades básicas que lles dixeran que con pasar a Europa todas se verían colmadas. Xente que, unha vez en Ceuta, deuse conta de que non había tal paraíso; e moitísima desa xente decidiu volver sobre os seus pasos e irse cara a Marrocos.

           O que non cabe dúbida é que na UE, amais de nos EUA, ao goberno da España téñenlle ganas. Unha banda de gobernos liberaloides non son quen de asumir que as políticas sociais aplicadas polo goberno de España, con todo o tímidas e pouco sociais que son, poidan dar os resultados que dan. E o mesmo a súa suposta "falta de investimento no militar", que non é tal. E os resultados que se atribúen Sánchez e o PSOE se obteñen a pesar deles; obtéñense por mor da presión dos seus socios de goberno e por unha importante presencia da esquerda socialdemócrata que esixe no parlamento español.

        E para a dereita europea, incluído o fascismo español de Vox e o filo-fascismo do Partido Popular, iso supón algo que non poden tolerar: que os seus representados, a alta burguesía e a oligarquía europea, non poida sacar máis tallada da explotación dos seus traballadores e da especulación cos servizos públicos e coas necesidades básicas da cidadanía europea. De aí a coordinación da dereita e ultradereita diante da avalancha provocada cara a Ceuta.

        Nos camiños de terra ou na fronteira marítima ceutí ducias de mortos e feridos. Todo por causa deses sátrapas e criminais aos que nada lle importan as persoas con necesidades agás para usalas para enriquecerse ou cumprir obxectivos políticos pouco edificantes. Un día foron as coreanas e as vietnamitas, as palestinas e as iranianas, as latino-americanas e as ucraínas,... esta semana pasada tocoulle ás marroquís e ás da África sub-sahariana. 

21 novembro 2025

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

 

        Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I, rei da España por decisión de Franco) cando os criminais franquistas que daquela gobernaban o Estado Español deixaron ao pobo saharauí abandonado á súa sorte nas mans doutro sátrapa e ditador, o naquel intre rei de Marrocos Hasan II.

        Estaba eu, aos meus 20 anos, realizando estudos universitarios en Santiago de Compostela, onde a atención maior e a preocupación da cidadanía (tanto da fascista como da demócrata, e por motivos contrapostos) estaba centrada na enfermidade do criminal Franco, que pouco despois, o 20 de novembro, faleceu cheo de tubaxe e, probablemente, de todo tipo de conservantes e colorantes destinados a mantelo co corazón latente mentres os que mandaban e os seus servos franquistas do goberno de Arias Navarro, baixo o mando do ditador en funcións, decidían o “que” e o “como” facer.

        A situación descrita máis arriba non significou que o pobo demócrata do Estado Español se desentendera da traizón do franquismo, liderado por Juan Carlos de Borbón, ao pobo saharauí. Sobre todo, a esquerda democrática condenou e fixo campaña (dentro das posibilidades reais que a represión franquista o permitía) contra o abandono do pobo saharauí, en favor da independencia do Sahara e do recoñecemento da Fronte Polisario  como único representante do seu pobo.

        Onte fixo, tamén, 50 anos da morte do criminal Franco (que non da chegada das liberdades democráticas ao Estado Español). Curiosamente onte tamén coñecemos unha sentencia inxusta, que cheira a franquismo por todas partes, emitida por un Tribunal Supremo español, inzado de maxistrados de ideoloxía dereitista e fascista, contra o Sr. García Ortíz, fiscal xeral do Estado, por dar luz onde outros ansiaban unha total escuridade coa finalidade de protexer os seus privilexios e os seus chanchullos. País! (que diría o grande Forges).

A Marcha Verde

        Nesa tesitura política, segundo amosan os papeis desclasificados polas instancias dos Estados Unidos de América (EUA), a Axencia Central de Intelixencia (CIA) foi preparando conxuntamente co goberno do sátrapa Hassan II, daquela rei de Marrocos, unha comitiva numerosa composta por lumpen, labregos obrigados a participar, voluntarios pensando en facerse ricos coas terras saharauís en base ás promesas dos sicarios do rei sátrapa e, posiblemente, presidiarios aos que se lles prometeu a liberdade pola súa participación. Esa comitiva recibiu por estes pagos o nome de Marcha Verde, que escoltada por militares marroquís invadiu o Sahara, diante da perplexidade dos militares coloniais españois asentados no territorio do Sahara que recibiran ordes de non enfrontarse e non disparar contra esa masa de xente (non eran “rojos” perigosos con cornos, rabo e pezoñas de cabra, senón súbditos do amigo de Juan Carlos e de Franco). A medida que a citada comitiva ía penetrando en terras do Sahara, unha colonia española en África pendente de que o Estado colonizador cumprira as resolucións da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre a forma que ese proceso debería levarse a bo termo, que era precisamente o que Marrocos e os EUA (e tamén Francia) pretendían evitar, a sabendas de que o pobo saharauí ía pronunciarse en referendo pola súa independencia e pola súa soberanía como país, evitando caer nas mans do sátrapa Hassan II ou de permanecer baixo soberanía da ditadura franquista.

        Tanto o monarca marroquí como o gobernos dos EUA e de Francia non querían deixar que foran os propios saharauís quen gobernaran e determinaran o que facer coas súas inmensas riquezas naturais: gas natural, fosfatos, pesca, ouro, petróleo, etc. De aí o seu interese por forzar ao Estado Español a incumprir as resolucións da ONU e a entregar a Marrocos o que era do pobo saharauí. Para elo buscaron un momento no que o réxime franquista estaba moi feble e desconcertado, co seu piar básico tirado nunha cama, podre e cheo de tubos por todas partes, e sen saber por onde tirar diante dunha crecente mobilización popular demandando liberdades democráticas.

Os Acordos Tripartitos de Madrid.

        Finalmente, a CIA, Hassan II, os EUA e Francia saíronse coa súa e o 14 de novembro de 1975 asináronse en Madrid, baixo a ditadura de Juan Carlos de Borbón, os denominados Acordos Tripartitos de Madrid entre España, Marrocos e Mauritania, en virtude dos cales a potencia colonizadora (España)  deixaba a administración do territorio nas mans dos gobernos marroquís e mauritanos, que posteriormente repartíronse o territorio cal piratas repartíndose o botin.

        Anos máis tarde, baixo a presión da loita armada do goberno saharauí no exilio exercida ao través da Fronte Polisario (FPolisario), o goberno de Mauritania renunciou á parte do botín acordado con Marrocos. E este último país mantivo unha permanente guerra armada contra a FPolisario, obrigando ás súas tropas a repregarse e a construír un muro e sementar parte do deserto con minas antipersoas (prohibidas polas leis internacionais, pero facilitadas polos EUA) para conter os ataques do exército saharauí.

        Esta invasión do Sahara por Marrocos, coa pasividade (ou aquiescencia) do Estado Español franquista, significou o exilio forzoso de milleiros de persoas saharauís cara a campos de refuxiados situados no deserto alxeriano e a ocupación de bens e vivendas dos habitantes do Sahara por parte das forzas (militares e civís) invasoras. Igualmente, aos saharauís residentes na colonia española (españois de nacionalidade segundo aquela cantarela franquista de “las provincias españolas de El Sahara y Río de Oro, Ceuta y Melilla”), con DNI español, fóronlle negadas a nacionalidade e a posibilidade de renovación do seu carné de identidade; e foron considerados pola potencia colonialista como marroquís, agás casos illados residentes na península. Outra mostra máis do abandono e deixación de responsabilidades da que aínda hoxe segue a ser considerada pola ONU coma potencia colonizadora.

        No ano 1976, no mes de febreiro, sendo Presidente do Goberno español Arias Navarro, Ministro de Gobernación Fraga Iribarne e rei-ditador Juan Carlos I de Borbón, o exército español recibiu ordes de abandonar o Sahara, deixando ao pobo saharauí nas mans e a mercede do rei sátrapa marroquí, que se veu coas mans libres para manter unha forte campaña represiva contra a totalidade da poboación saharauí, sobre todo daquela que se negaba a pertencer a Marrocos. A súa intención era encher o Sahara de persoas de nacionalidade marroquí, diminuír a poboación autóctona ata que esta ficara en minoría e proceder a realizar un referendo amañado de antemán. Loxicamente, o FPolisario reclamou diante da ONU que o referendo debería ser realizado cos censos existentes no momento da cesión da administración do Sahara a Marrocos e Mauritania por parte do goberno franquista de España, cousa á que as Nacións Unidas non puideron negarse.

        Evidentemente, hoxe moita da poboación censada daquela no Sahara xa non está entre nós; e os territorios saharauís están poboados por xentes procedentes de Marrocos e os seus descendentes. E a pesares de que a resistencia interior saharauí segue existindo e maniféstase frecuentemente nas cidades do Sahara estando sometidos a unha cruel represión (pese a que aquí a maioría dos mass media -pro e anti gobernamentais- nin o goberno español non o dean a coñecer).

Un novo revés para o pobo saharauí.

        Houbo un tempo no que o Fronte Polisario fixo unha tregua na súa loita armada contra Marrocos; foi o tempo no que puxo as súas esperanzas en que a potencia colonizadora, despois da vitoria electoral de Felipe González e o seu PSOE no ano 1982, pensando en que todas as promesas feitas por estes nos sucesivos anos desde 1975, ían ser cumpridas. Craso erro; parafraseando ao gran Javier Crahe:  “o gran xefe encantador de serpes non estaba disposto a fumar a pipa da paz”. Hassan II e o seu sucesor Mohamed VI aproveitaron a ocasión e a tregua para consolidar as súas posicións internacionais a cambio de cesións.

        Pero non foi este o único revés. Desde 1975 ata hoxe os desplantes e traizóns efectuados polos distintos gobernos españois ao pobo saharauí foron continuados; en todos eles a escusa principal foi a do “control da inmigración ilegal” desde Ceuta ou Melilla (lembrar que só unha mínima parte das persoas sen papeis que entran no Estado Español non acceden ilegalmente ao territorio hispano). Gobernara o dereitista Partido Popular ou o liberal-demócrata PSOE.

        Pero a maior traición veu dada polo goberno de Pedro Sánchez no ano 2022, iniciada coa súa carta a Mohamed VI, e seguida despois polo apoio decidido, expresado polo Ministro Albares, ás posicións de Marrocos para converter ao Sahara nunha provincia marroquí. Pero claro, do PSOE como partido de ideoloxía liberal-demócrata, defensor a morte do sistema económico capitalista liberal e como adulador dos EUA (incluso con Trump coma presidente) non se pode esperar outra cousa por moito que nas súas siglas sigan a aparecer as verbas “socialista” e “obreiro”.

___________________________________ 

Nota final.- Para un magnífico resume da evolución da venda do pobo saharauí por parte do Estado Español a Marrocos, desde a Marcha Verde ata o 31 de outubro de 2020, podes consultar aseguinte ligazón da publicación "No te olvides del Sahara Occidental.org" : 

https://noteolvidesdelsaharaoccidental.org/%E2%AD%95-efemerides-45-anos-de-una-ocupacion-la-marcha-verde-que-ocurrio-exactamente-en-el-sahara-occidental/


Achegas ao desafiuzamento de Maricarmen

  Todas as persoas que así o quixemos puidemos coñecer o desafiuzamento de Maricarmen, acontecido a semana pasada en Madrid. Este artigo n...