Amosando publicacións coa etiqueta Movementos sociais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Movementos sociais. Amosar todas as publicacións

16 abril 2018

Transversalidade ou uniformidade? A transversalidade dos movementos sociais


Nos últimos tempos está moi de moda, sobre todo en certos ámbitos relacionados cos movementos sociais, falar da transversalidade. Mais, que é iso? Significa transversalidade o mesmo que apoliticismo? Ao mellor enténdese que transversalidade é a arte de ocultar voluntariamente o pensamento propio e a propia personalidade cando se actúa dentro dun grupo ou colectivo? Ou tranversalidade é impedir a diversidade de pensamento sobre un mesmo tema? En definitiva, é transversalidade o mesmo que uniformidade? Eu, particularmente, penso que non.
Estas cuestións viñeron á miña cabeza despois de escoitar unha intervención de Victoria Portas, voceira da Coordinadora Estatal en Defensa del Sistema Público de Pensiones, sobre a simboloxía nas manifestacións convocadas por esa organización e a súa transversalidade. Intervención publicada nun arquivo de son (pulsar esta ligazón para escoitalo) pola organización sevillana partícipe na citada coordinadora. 

Cando se fala de transversalidade dun movemento estamos a falar dun movemento no que en base a uns obxectivos básicos como pode ser a defensa das pensións públicas, a defensa dun sistema público de saúde ou da defensa dunha sociedade non sexista, entendo eu que estamos a falar de que neles poidan convivir distintas formas de ver a forma acadar os obxectivos comúns buscados e, loxicamente, poden expoñelo en liberdade porque son respectadas desde todas as posicións.

As prácticas amosadas no senso da transversalidade polo movemento feminista e o respecto á expresión das diferentes ideas existentes no seu seo, así como as practicadas nese mesmo senso por SOS-Saúde Pública parécenme todo un exemplo no ámbito da diversidade de ideas expresada en aras de acadar algo que todos e todas as participantes neses movementos desexan. Arredor da reivindicación principal agrúpanse unha diversidade de ideas e pensamentos que son expresados libremente e sen obstáculos por parte da organización.

Na recente manifestación nacional convocada en Vigo pola coordinadora feminista galega no pasado domingo 4 de marzo dos presentes, podiamos ver que baixo o lema común e principal de apoio á folga feminista convocada para o Día Internacional da Muller, había tamén multitude de achegas procedentes de numerosos colectivos feministas ou de mulleres que individualmente poñían cantos ou consignas propias e que arroupaban á que era a motivación central da marcha. Igualmente, sindicatos e partidos políticos poñían as súas cores, as súas bandeiras e mesmo as súas propias consignas para indicar o seu apoio á motivación principal da marcha. O único que pedían a todo o mundo, sen ameazas nin tons autoritarios (disto dou fe persoal por estar no lugar onde ocorreu un feito destas características), as organizadoras da marcha era “en primeiro lugar as organizacións e colectivos feministas, os e as demais para atrás”. Por suposto que o respecto das e dos “demais” (algunhas delas presentes como secretarías da muller de centrais sindicais) ao solicitado polas organizadoras da marcha foi inmediatamente cumprido, sen ánimo de capitalización por parte de ninguén. Bandeiras do PSOE, de Esquerda Unida, do BNG, bandeiras republicanas, bandeiras estreladas, pancartas e bandeiras de sindicatos e das súas secretarías da muller conviviron en perfecta harmonía coas bandeiras dos distintos colectivos feministas e da coordinadora feminista galega; todas e todos co mesmo obxectivo: divulgar e convocar a folga das mulleres para o seguinte 8 de marzo. Todo un exemplo de real transversalidade. Todo un exemplo de respecto á exposición e á expresión das ideas propias e alleas, así como de respecto ao obxectivo proposto polas organizadoras.

Algo similar ocorre coas mobilizacións organizadas por SOS-Saúde Pública ou pola Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública, mobilizacións nas que están presentes toda caste de cores, pancartas, bandeiras e persoeiros de distintas organizacións e pensamentos que se agrupan arredor da motivación principal que sostén a citada mobilización.

Puxen estes dous exemplos, feminismo e sanidade pública, por ser das máis recentes e numerosas mobilizacións; e que, ademais, das de maior concorrencia en cuanto a diversidade de pensamentos que nelas participan. Pensamentos que se mostran libremente e que non son amordazados polas organizadoras das mesmas. E non por ser diversas e realmente transversais diminúe a afluencia de persoas ás mesmas. Iso si, todos e todas as participantes van coa cara descuberta amosando quen son e como pensan. 

Alí onde hai caras descubertas e transversalidade non hai caldo de cultivo propicio para salvadores de nada, nin para políticos de culler, nin para negociantes sen escrúpulos. Cada quen móstrase como o que é; e cada quen é respectado polos demais participantes. Todas e todos ao mesmo obxectivo. Como dicía parte da letra desa bonita canción, que tivo moito éxito e foi perseguida na República del Salvador nos anos 70 do pasado século: “de cores, de cores vístese o campo pola primavera”.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...