Amosando publicacións coa etiqueta Assange. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Assange. Amosar todas as publicacións

25 febreiro 2024

LIBERDADE PARA ASSANGE!

 

        Doutra volta os tribunais británicos vanse pronunciar sobre se Julian Assange debe ser extraditado ou non aos Estados Unidos de América (EUA), onde vai ser xulgado por "traición" e onde pode ser condenado a morte. Hai que sinalar aquí que a "traición" que se lle atribúe ao ilustre personaxe sueco consiste en facer públicos os documentos da propia administración estadounidense no que se describen plans e accións criminais cometidas polo exército americano, e os contratistas por el seleccionados, en Iraq e que constitúen flagrantes violacións dos dereitos humanos e mesmo crimes contra a humanidade tal e como están contemplados na lexislación internacional.

            A estes dirixentes civís e militares dos Estados Unidos de América, que se autoproclaman "defensores da liberdade" pero que non son máis que uns criminais sen escrúpulos, non lles bastou con utilizar aos seus servizos secretos (a famosa C.I.A.-Compañía Internacional de Asasinos) para facerlle a indecente e cheirenta montaxe que lle fixeron a Assange en Suecia de cara a acadar a súa extradición. Supoño que esa mascarada foi realizada coa colaboración de elementos corruptos da policía, da xudicatura e da política suecas (cousa que se podía deducir sen esforzo das novas publicadas pola prensa europea nada sospeitosa de ser "anti-americana" polo fedor que a montaxe botaban) e, posiblemente, millonariamente recompensada. Iso levou consigo a peticións de extradición de Assange, que vivía en Inglaterra, a Suecia para xulgalo por un algo que non cometeu, que foi fabricado artificialmente.

           Afortunadamente un goberno ao servizo do seu pobo, o de Ecuador daquel entón, acolleu ao líder de Wikileaks (cuxo enderezo web, se non está bloqueda polos criminais, é https://www.wikileaks.org)  dándolle asilo político na súa embaixada. Alí estivo a vivir e a ser vixiado por distintas bandas de criminais dos servizos secretos de diversos países ata que un cambio no goberno do Ecuador (que pasou a estar formado por servís escravos dos EUA) decidiu entregalo ás autoridades británicas.

            Encarcerado e xulgado en numerosas ocasións polos tribunais do Reino Unido, cun cada vez máis deficiente estado de saúde debido ao longo período de illamento na embaixada de Ecuador e nas cárceres inglesas (sen descartar os malos tratos por parte dos servizos secretos e da CIA), Assange está agora pendente do pronunciamento dos tribunais británicos sobre a súa extradición.

            Conscientes do ataque á liberdade de expresión por parte dos tribunais británicos que suporía o acceder á extradición de Julian Assange aos EUA; e conscientes do que a Assange lle podería ocorrer no "país da liberdade", os movementos pola liberdade e as liberdades democráticas estase a mobilizar no Reino Unido contra ese proceso de extradición. Existe un serio perigo de que Assange poida ser condenado á morte; de que os tribunais dos EUA condenen á liberdade de prensa e de información á pena de morte. E iso sen deixar de considerar que entre a súa chegada a os EUA e o seu xuízo non poida sufrir un "accidente conveniente" ou unha agresión doutro "preso descontrolado" que remate coa vida de Assange (lembremos o caso de Oswall, presuto culpable, e Rubi, que disparou mortalmente ao primeiro, no entramado do asasinato de John Kennedy).

            Condenar a Julian Assange non é máis que iso: matar ao mensaxeiro e deixar libres e sen castigo aos verdadeiros culpables das aberracións e os crimes feitos públicos por Wikileaks.

        Así que desde aquí ESIXIMOS LIBERDADE PARA JULIAN ASSANGE. Esiximos o respecto ás liberdades democráticas, aos dereitos humanos e ao dereito de autodeterminación dos pobos, sen tutelas de ningún país imperialista que coarte a súa liberdade e a dos seus cidadáns.

 

23 abril 2022

Priti Patel: dígalle NON aos criminais dos USA. Liberdade para Assange !

Assange quitalle a careta aos criminais

         Poderiamos falar da agresión rusa a Ucraína; e, tamén, da utilización que os Estados Unidos están a facer desa agresión para favorecer os intereses económicos que a súa oligarquía ten na Europa que se ven ameazados pola puxanza e competencia que ten a oligarquía rusa. Igualmente, poderiamos falar de toda a carne que no asador están a poñer os EE.UU., e os seus aliados e gobernos servos europeos para favorecer eses intereses, incluso a costa de supeditar o benestar da súa cidadanía para servir os intereses USA. E xa non digamos do sufrimento da poboación civil de toda a Ucraína que está a sufrir os embates e os crimes perpetuados polos militares rusos, polos militares ucraínos e polas escuadras militares nazis de cada unha das partes contendentes, financiadas pola CIA ou polos servizos secretos rusos, respectivamente.

        Pero non. Hoxe, imos falar do intento de asasinato selectivo que un país que nega a someterse á xustiza da Corte Penal Internacional, e os seus servizos de intelixencia, leva tentando de perpetrar dende hai moitos anos coa colaboración de distintos gobernos monicreques e cómplices de Europa e América. Estou a falar do intento de asasinato que os Estados Unidos de América tentan de perpetrar na persoa de Julian Assange, hoxe preso nas cárceres da Gran Bretaña e pendente de que a decisión dun ministro inglés poida ratificar que Assange poida ser asasinado nos EE.UU. polos seus dirixentes políticos e xudiciais.

        Neste contexto, Julian Assange, presidente da organización de defensa dos dereitos civís Wiki Leaks, está punto de ser extraditado pola Pérfida Albión aos EEUU por denunciar a continuada masacre dos dereitos humanos perpetrada polas forzas militares USA en países como Afganistán ou Iraq. Crimes de guerra iguais o peores que os que hoxe os países da OTAN, os propios Estados Unidos e todo o seu coro mediático mundial denuncian que se están a cometer na Ucraína. Para os USA, o de Ucraína son crimes de lesa humanidade que deben ser denunciados; a denuncia dos que eles ou os seus aliados cometeron ao longo e ancho do mundo (desde a guerra de Vietnam ata a actualidade) son traizóns

        Baixo esta acusación totalmente inxusta, Assange pode ser condenado a morte. Por iso, e porque denunciar os crimes de lesa humanidade é un deber social de calquera cidadán e de calquera goberno decente, debemos esixir a súa liberación. Serían os propios criminais de guerra os que ditarían sentencia sobre o futuro de quen ten denunciado abertamente e dunha forma valente as súas atrocidades. E iso, nin cidadáns amantes da democracia, da paz e dos dereitos humanos nin ningún goberno que se prece de ter as mesmas inquedanzas, podemos permitilo. Debemos esixir a súa liberación. Por desgraza o goberno do Estado Español parece non compartir esas mesmas inquedanzas.

        Non me extendo máis, simplemente vou deixarvos unha ligazón a un artigo de Isabella Arria, publicado o 23 de abril de 2022 en Liberación.org baixo o título de La extradición de Assange garatizaría la impunidad de los crímenes de lesa humanidad (pulsando sobre o título podedes acceder ao citado texto).

LIBERDADE PARA JULIAN ASSANGE !!

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...