Amosando publicacións coa etiqueta Cisxordania. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cisxordania. Amosar todas as publicacións

19 novembro 2023

Os criminais sionistas seguen asesinar palestinos

           A campaña de exterminio do Estado de Israel contra o pobo de Palestina segue a ser unha das máis tristes novas de todos os días que, dende o pasado 7 de outubro, van pasando polas nosas vidas. E como todo hai que dicilo, este exterminio xenocida realízase co apoio incondicional dos gobernantes dos Estados Unidos de América (EUA) e de moitos da Unión Europea (UE); e hai que destacar un destacado papel nestes apoios de Ursula Von der Leyen e unha complicidade criminal da presidencia, do goberno e dos servizos secretos dos Estados Unidos

As políticas xenófobas e de exterminio do Estado de Israel.

            Semella que esta campaña criminal do exército e goberno sionistas vai dirixida especialmente a exterminar as alicerces humanas da poboación de Palestina, as crianzas, quer que estean nas columnas de refuxiados que foxen de Gaza, quer que moren en Cisxordania ou quer que estean internados en hospitais a curarse das feridas sufridas polos diferentes ataques sionistas. Outras vítimas que están a resultar obxectivo para os criminais son as mulleres palestinas estean onde estean; quizá porque son elas as que poden dar luz a máis crianzas. Claro síntoma de por onde van as políticas xenófobas e de exterminio do Estado de Israel.

            Na súa invasión de Gaza obsérvase que baixo as máis incribles e cínicas escusas (que nos lembran ás usadas polos criminais da intelixencia e do goberno de George Bush para invadir Iraq) o exército israelí dedícase a destruír hospitais e a maltratar e asasinar a todo o persoal sanitario, acompañantes e doentes que se atopan internados neles. Igual trato lle dan ás escolas (incluídas as da ONU) e lugares de culto relixioso, sexa da confesión que ese lugar teña. E o mesmo pasa cos campos de refuxiados, onde sobreviven aquelas persoas que non teñen ou quedaron sen fogar por mor dos ataques do exército sionista.


             E todas estas agresións dos militares sionistas non están sucedendo só na Faixa da Gaza, tamén ocorren na Cisxordania e no Xesusalén Este.  Agresións ás que temos que sumar as realizadas polos colonos da extrema dereita sionista de Israel coa protección e amparo do seu exército e policías. E as voaduras de vivendas palestinas tanto no territorio de Israel como no de Palestina auspiciadas polos criminais baixo as máis diferentes excusas.

A posición da comunidade internacional.

            Desde aquí reclamo aos gobernos europeos que defendan o dereito da poboación da Palestina invadida a defenderse da agresión do sionismo israelí da mesma forma que o fixeron con total axilidade cando o terrorismo de Hamas invadiu territorio israelí asasinando civís e matando militares. E nese dereito inclúo aos integrantes de Hamas (que, por moi de terroristas que vostedes os cualifiquen, o seu territorio está a ser invadido e masacrado polo exército israelí, violando a lexislación internacional e cometendo crimes de lesa humanidade). Aos gobernantes dos EUA non lle pido nada porque eses non teñen remedio; son asasinos por vocación e historia.

            É preciso que a comunidade internacional se posicione contra os criminais de guerra que son goberno e exército de Israel, culpables de xenocidio e de crimes contra a humanidade. É preciso que os estados que se autodenominan coma democráticos demostren que realmente o son; que rachen relacións diplomáticas con Israel mentres siga a ser gobernado polo nazi-sionismo e o seu exército e servizos secretos mandados por eses personaxes de mentes turbias e xenófobas, por eses criminais de guerra, eses asasinos. Mentres Israel non sexa unha democracia onde os dereitos cidadáns non dependan da raza, as crenzas, o sexo, a capacidade económica ou a orixe dos seus habitantes. E iso reclamo que faga o goberno do meu estado, o español.

            Mañá, luns día 20 de novembro, volverá haber manifestacións ou concentracións de solidariedade co pobo palestino en toda Galiza. Alí deberiamos estar todos e todas.

 



12 outubro 2023

Palestina: aos bárbaros a barbarie rebótalle en forma de barbarie

 


Era probable e algún día tiña que ocorrer.

        Levaba o Estado de Israel asasinando a centos e centos de vellos, crianzas, mulleres e homes da poboación civil, masacrando todo o que cheiraba a Palestina; soldados israelís roubando xoguetes e maltratando crianzas, bombardeando tanto en Gaza como en Cisxordania, de forma indiscriminada, cidades enteiras coa escusa de que nos lugares bombardeados (escolas, hospitais, centros relixiosos,...) acochábanse membros de Hamas; disparando con fogo real contra catro rapaces que con pedras tentaban parar os seus abusos; pasándolle cos tanques por riba a colaboradores humanitarios que protestaban contra os seus abusos;  permitindo en Xerusalén ou noutros lugares de Israel que con total impunidade os sionistas radicais expulsen ás familias palestinas e ocupen os seus fogares  de forma ilegal e con total impunidade e aplausos da súa policía; que colonicen e expulsen a campesiños ou residentes rurais palestinos apropiándose de todos os seus bens e medios de vida con total impunidade e con inusitada violencia para establecerse coma colonos e formar un kibbutz, tamén coa vista gorda da policía israelí e apoio do seu exército (mesmo na Cisxordania, que legalmente é territorio de Palestina); e se algunha desas persoas palestinas roubadas decide facer fronte aos violentos ocupadores da única forma na que é posible paralos pronto é acusada, polas mesmas autoridades que fan a vista gorda, de pertencer a algún grupo terrorista simplemente por defender o que é seu. O mesmo ocorre cando algún membro da sociedade sionista acusa a alguén, con ou sen verdade, de acubillar a terroristas na súa casa; pronto o Estado de Israel desaloxa a quen habite a edificación e pon a funcionar as escavadoras para derrubala. E como as agresións descritas anteriormente moitas outras que se nos poñemos a relatar non dariamos rematado este artigo.

        A todo isto temos que engadir o bloqueo e os bombardeos continuados á faixa de Gaza e a moitos pobos e cidades da Cisxordania, amais do amedrentamento continuado á poboación civil de ambos territorios, adxudicados polos acordos internacionais ao Estado Palestino. Na primeira, o exercito israelí no deixa pasar sequera a axuda humanitaria remitida por diversas Organizacións Non Gobernamentais (ONG) para tratar de paliar as carencias de todo tipo (fundamentalmente médicas e alimentarias) provocadas polo cruel bloqueo ao que Gaza está sometida, tanto por terra como por mar.

 

O rebote da barbarie.

        As ansias imperiais de Israel algún día tiñan que provocar un estoupido da poboación palestina, sobre todo da gazatí que é a que máis está a sufrir as consecuencias da continuada violencia de todo tipo que Israel está a exercer contra a faixa.

        E esa barbarie sionista rebotou, tamén en forma de barbarie, contra o Estado e a poboación israelí no pasado sábado, na que os milicianos de Hamas fixeron unha réplica do que o exército israelí adoita facer con moita frecuencia nos territorios ocupados así como na faixa de Gaza: unha incursión terrorista no territorio dos seus inimigos con matanzas de numerosos civís, destrución de numerosos fogares, captura de numerosas persoas para telos coma reféns e con moitas baixas militares nas filas do exército de Israel. Unha barbarie onde a poboación civil, coma case sempre, pagou o pato dos excesos dos militares.

        Esta actuación cruenta de Hamas provocou unha xeira de reaccións de condena entre os gobernantes de Europa e América; uns gobernantes que permitiron toda clase de excesos terroristas do Estado de Israel contra a poboación civil Palestina, tanto na faixa da Gaza coma na Cisxordania e nos territorios de Israel. Uns gobernantes (os europeos, incluído o español; dos ianquis asasinos nada bo se espera) que se levantan en bloque contra a agresión de Rusia a Ucraína con bombardeos de cidades e numerosas vítimas civís e organizando axuda de todo tipo, pero calan diante dunha agresión moito maior e continuada, perpetrada polo Estado de Israel contra a poboación civil e o Estado Palestino desde hai moitos anos, tanto con bombardeos indiscriminados coma outros tipos de agresión, con moitas máis vítimas e con consecuencias sociais moito máis graves que as habidas na Ucraína, cun bloqueo totalmente ilegal ao territorio de Gaza e con incursións totalmente ilegais nos territorios cisxordanos. Pero a algún imbécil con poder nalgúns estados da Unión Europea non lles chega son iso; tamén prohiben -baixo escusas do máis prosaicas- actos públicos de solidariedade con Palestina, saltándose o dereito democrático da cidadanía a expresarse libremente; así o fixeron Alemaña e Francia. 


 
A impunidade internacional do Estado de Israel.

        Podemos afirmar sen temor a equivocarnos que o Estado de Israel ten un goberno criminal, formado por extremistas xenófobos da estrema dereita que dirixen un país teoricamente laico coma se fora un Estado confesional. (E todos sabemos que nos estados confesionais as liberdades democráticas brillan pola súa ausencia -a España franquista, o Irán, Arabia Saudita, Qatar,...-). Neste caso, un goberno sionista que se apoia nun exército comandado por criminais e asasinos que non dubidan en matar nenos, bombardear á poboación civil palestina, asasinando de forma indiscriminada e violando unha outra vez cada un dos epígrafes da Declaración Universal dos Dereitos Humanos; un exército onde, aparte da oficialidade,  hai numerosos soldadiños e chusqueiros que pretenden emular as fazañas criminais dos seus superiores, como temos visto máis dunha vez en vídeos e fotos que circulan polas redes ou mesmo en xornais e emisións televisivas. E todo elo amparándose nuns servizos secretos onde parece ser que só teñen cabida aquelas persoas que demostren suficientemente ser asasinos sen escrúpulos.

        En resume, un Estado, o israelí, que día a día comete as máis graves violacións do dereito internacional e que non é penalizado gracias á protección e aos vetos que na ONU exerce o seu principal protector, os Estados Unidos de América.

        Só un país gobernado e dirixido civil e militarmente  por xentes sen escrúpulos e con poder letal e diplomático internacional, os Estados Unidos de América (EUA), podía ser o principal apoio dun país que está a acometer as atrocidades do Estado de Israel contra a poboación Palestina. Un país, os Estados Unidos de América que, desde aquel presidente que deu orde de deixar caer as bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki cando estaba xa rematada a guerra mundial e ata hoxe, non fai máis que vulnerar a legalidade internacional coas súas intervencións directas ou encubertas en diferentes países do mundo. Un país dirixido por criminais desde 1945.

        Pero non só son os EUA quen protexe a política criminal do Estado de Israel contra Palestina. Xa falamos antes de Alemaña e Francia; pero son máis os países europeos, da Unión Europea (UE), cal eco repetitivo dos EUA, os que poñen o acento no terrorismo de Hamas, pero se esquecen de todas as agresións que por parte de Israel leva sufrindo Palestina desde tempos inmemoriais. Aos israelís nunca os critica. Non temos máis que repasar as impresentables declaracións de Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, as do comisario europeo que pretendía negar a Palestina todo tipo de axuda, ou as primeiras declaracións de Borrel englobando nun mesmo paquete a toda a poboación palestina.

        Esquécense, tamén, de que Hamas, movemento integrista relixioso que aspira a crear un Estado confesional islámico, foi apoiado e reforzado por distintos gobernos israelís co apoio dos seus servizos secretos e o exército sionista para impedir a execución dos acordos de paz de Oslo, asinados por Yasser Arafat (lider da Organización para a Liberación de Palestina) e Isaac Rabin (presidente de Israel) o 13 de setembro de 1993. E como lle pasou aos EUA con Al Qaeda e con Bin Laden: primeiro os utilizaron para xustificar as ilegais intervencións en terceiros países e despois saíronlle rans. (Cousas dos imbéciles de todos os servizos secretos).

        Outra das cousas que van a acadar estes monicreques europeos manexados polos ianquis é que o pobo de Palestina poida rematar amparándose no movemento de Hamas. E se isto ocorre, que Europa e os USA non miren para outro lado; son eles os principais responsables por non querer pararlle os pes a Israel, por deixar que os criminais sionistas asasinen e cometan actos de xenocidio contra a totalidade do pobo palestino.

O papel dos medios de comunicación.

        Non sei noutros estados, pero no español a maioría dos medios de comunicación -case todos eles propiedade da dereita máis reaccionaria do país- se colocaron á beira dos criminais sionistas, sen pararse a pensar que a barbarie cometida por Hamas pode ser unha consecuencia (i)lóxica provocada por tantos anos de agresión sionista contra a faixa de Gaza e a súa poboación civil. Desde logo, aínda que algún de forma sibilina e sen destaque parece espertar agora, ningunha crítica ás continuas agresións de gobernos, exercito e servizos secretos israelís contra os cidadán palestinos, sobre todo os que viven na faixa de Gaza.

            Este esquecemento premeditado do lixo mediático non sei se responde aos desexos dos seus editores de apoiar de forma acrítica o terrorismo do Estado de Israel ou o fan para apoiar as estupideces vertidas desde o domingo polas dereitas fascio-franquista do Partido Popular e nazi-franquista de Vox contra o actual goberno español, acusándoo de apoiar e non condenar os ataques de Hamas.

        Outra das cousas que me chama a atención son as afirmacións ou insinuacións de certos xornalistas e comentaristas políticos sobre a suposta intención de Hamas de provocar unha masacre en Gaza para poñer á opinión internacional ou aos gobernos árabes que chegan a acordos con países da OTAN de forma clara e de fronte contra o goberno de Israel. Para esta viaxe non facían falla alforxas, como din os maiores, a poboación de Gaza é agredida e masacrada con unha certa regularidade desde hai moitísimos anos polo exército de Israel, así como os palestinos residentes en Israel ou os que viven na Cisxordania. A cousa non é de agora, nin consecuencia do máis próximo.

        No que si coinciden todos é na incrible operación militar organizada por Hamas en terra israelí, que segundo din tivo que ser planificada con detalle e moita antelación, e que colleu aos servizos secretos de Israel por total sorpresa.

        Por último, amosar a miña solidariedade co pobo palestino e a miña condena contra as recorrentes agresións e masacres perpetradas polo exército de Israel que teñen coma principais vítimas a poboación civil palestina tanto en Gaza como en Cisxordania como no propio Israel.

        Amosar tamén a miña solidariedade coa poboación civil israelí que foi ou é vítima de ataques terroristas indiscriminados. Desta solidariedade exclúo a aqueles colonos ou civís que participan na ocupación e roubo de terras ou vivendas de poboación palestina.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...