Amosando publicacións coa etiqueta Narcotráfico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Narcotráfico. Amosar todas as publicacións

21 xullo 2023

FEIJÓO, UN MENTIREIRO CONTUMAZ E UN HIPÓCRITA REDOMADO

 


Falemos claro, Feijóo é un farsante: ‘hipócrita, mentireiro, troleiro, patrañeiro’, segundo o Diccionario Xerais de sinónimos”. (Manuel Monge1)

Un mentirán indecente e unha xornalista decente.

Miúdo balbordo se ten montado este días a conta de que Silvia Intxaurrondo, xornalista de TVE, cumprindo coas obrigas propias da súa profesión de non tolerar que os seus espectadores foran vítimas de informacións erróneas, díxolle a Núñez Feijóo nunha entrevista que estaba a mentir cando este afirmaba que o Partido Popular sempre subira as pensións de acordo co Índice dos Prezos ao Consumo (IPC).

A el non lle sentou nada ben; e tampouco aos membros do seu partido de extrema dereita franquista (franquismo e fascismo no Estado Español son sinónimos). Non pararon de poñer a feder á señora periodista, que se merece un notable pola súa actuación tan profesional. Pero non foi a das pensións a única mentira que largou o sinistro personaxe durante esa entrevista; parece ser que tamén no tema das escoitas dos teléfonos intervidos de personaxes do goberno español e de políticos ese mentireiro veterano que é Feijóo tentou coar unha trola que ficou ao descuberto por mor da profesionalidade da xornalista. Neste caso, o noso protagonista, ao verse outra vez máis posto en evidencia, púxose a botar as culpas sobre algunha e inexistente axencia de novas.

Que ocorre? A explicación é moi doada. Feijóo, como todos os personaxes da dereita española, está acostumado a participar en programas e sair en publicacións de xentes da dereita ou da extrema dereita, algúns dos cales, ademais, practican e impulsan ou branquean esa ideoloxía desde os seus programas (como Ana Rosa Quintana, Susana Griso, Herrera, Pablo Motos, algúns dos discípulos e discípulas de Ferreras, etc.), todos eles ligados a instrumentos mediáticos da dereita que non só non lle poñen ao descuberto as mentiras claras e flagrantes que largan nos espazos que eles (os/as xornalistas) dirixen ou presentan (deixando que os seus espectadores sexan vítimas da desinformación), senón que por riba algúns deles incluso abondan en axudar aos mentireiros a perpetuar o seu engado cara aos espectadores ou ouvintes.

Ese mentireiro persistente que é Núñez Feijóo.

A historia deste personaxe coma mentirán e trapalleiro non ven de agora. Os que vivimos na Galiza xa o coñecemos de vello. O que moitos de nós non comprendemos é o por que de que tantos e tantas xornalistas se asombren agora das mentiras de Núñez Feijóo cando este leva practicando ese “deporte” desde hai moitísimos anos; como mínimo, desde que sucedeu a Fraga Iribarne na presidencia do Partido Popular en Galiza e, sobre todo, durante a campaña e precampaña das eleccións autonómicas galegas de 2009, nas que el era o candidato á presidencia da Xunta de Galicia polo Partido Popular. Pero, se facemos caso aos que foron seus compañeiros nos servizos centrais da Xunta de Galicia, cando Feijóo non era ninguén no mundo da política, a súa carreira de mentirán trepa xa empezou moito antes segundo nos contan desde o boletín da CIG-Autonómica de marzo do 2012, ao que podes acceder pulsando na ligazón.

En todo caso, e para quen teña moito interese en coñecer máis a a vida e milagres de personaxe a quen vai dedicado esta entrada, pode acudir a un excelente libro, profusamente documentado sobre o nefasto personaxe de Núñez Feijóo, escrito por Manuel Monge González que leva por título “Feijóo. Biografía dun farsante (non autorizada)”, editado por Edicións Laiovento neste ano 2023.

Cando me refería ao ascenso de Núñez Feijóo á fama da política da man do ultracatólico e franquista Romay Becaría no ano 1991, estaba a referirme sucesivos cargos cargos públicos de responsabilidade en organismos dependentes do PP, tanto en Madrid coma en Galiza. Foi Feijóo quen empezou a privatización de Correos e a privatización do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), do que foi secretario xeral no ano 1991. E foi ese señor, ao que lle doe ser un aldeán dos Peares aínda que diga o contrario, quen se puxo coma meta a privatización da sanidade pública galega en favor dos poderes económicos ligados á sanidade privada e aos servizos xerais necesarios para o funcionamento de centros de saúde e hospitais.

Feijóo e as súas narco-relacións.

No ano 1995, é pillado in fraganti navegando pola ría de Arousa en compañía do xa coñecido narcotraficante Marcial Dorado, nunha embarcación da propiedade deste último. Feijóo afirma que daquela non coñecía a condición de narcotraficante do seu acompañante (co que parece ser que non fixo só esa aventura marítima, senón que amais houbo saídas a gozar da neve -non sei de que tipo de “neve” fala- en compañía do mesmo suxeito). 

O certo é que a esas alturas de século na Galiza case todo o mundo sabía da condición de narcotraficante de Marcial Dorado a pesares de “non haber Google nin internet”. Era pan de cada día nos xornais que informaban e na vox populi arousá a condición do amigo de Núñez Feijóo, así como a relación máis que estreita do Partido Popular cos narcotraficantes arousáns. Feijóo non quer explicar cal era a natureza da súa amizade con Dorado, nen se eran negocios ou outra cousa o que os relacionaba; o certo é que o señor Dorado foi un dos beneficiados por contratos de subministracións do SERGAS. E o certo, tamén, é que Feijóo négase a relatar como e cal era a natureza desa amizade por máis que lle preguntan por ela. E coido que a natureza non sería a de amor romántico. Unha actitude, a de Núñez Feijóo, totalmente intolerable en calquera cargo público; e menos en alguén que ostentou a presidencia da Xunta de Galiza e aspira a presidir o Goberno do Estado.

 E unha persoa que aduce non saber o que calquera medianamente informada sabe, e bota culpas á falta de redes, ou ben é un babeco redomado, que non se decata de nada do que o arrodea, ou ben é un puto mentireiro de merda. E, sexa cal sexa a solución, unha persoa desa caste non está capacitada para exercer ningún cargo de responsabilidade; e menos a presidencia do goberno dun Estado.

As mentiras da campaña electoral galega de 2009.

Outras das grandes mentiras de Núñez Feijóo discorreron durante a campaña e precampaña previas ás eleccións autonómicas de 2009 na Galiza. As súas mentiras sobre o mobiliario do despacho de Touriño, presidente da Xunta daquela, sobre os coches de luxo que formaban parte do parque automobilístico da presidencia e conselleiros da goberno autonómico galego (iso si, mentiras vertidas mentres recorría Galiza nun Citröen-C6 de luxo que a dirección da factoría da marca cedéralle para realizar a campaña electoral; non se sabe a ciencia certa a cambio de que, pero si que esas empresas non dan nada a cambio de nada); tamén sobre unha suposta encerrona do vicepresidente da Xunta, Quintana, a un grupo de pensionistas nun hotel-spa das proximidades de Baiona para largarlles un mitin encuberto; ou as insinuacións de tratos de favor dunha construtora galega por parte da vicepresidencia da Xunta ao publicar un determinado medio de ultradereita, seguido por todos os demais, unha foto do ano 2005 onde Anxo Quintana estaba a bordo dun iate dun empresario da construción. Tamén tivo os seus relatos a “neveira de luxo” (parece que unha simple bolsa neveira ou unha neveira eléctrica simple e do máis corrente) que o vicepresidente da Xunta, Quintana, levaba no seu coche oficial; todo isto acompañado con profusas e confusas fotografías publicadas por un medio de prensa indecente.

E outras moitas trolas máis, incluso ás veces relacionadas coas vidas persoais dos membros do goberno de Pérez Touriño, e aireadas sen pudor nin contraste por medios de comunicación dirixidos e editados por xentes que se beneficiaron posteriormente das subvencións e ingresos dos gobernos de Núñez Feijóo por conceptos variados; e que, a día de hoxe, seguen a ser beneficiados polo goberno que preside Alfonso Rueda (subvencións por uso do idioma galego -pese a ser este idioma rara avis nas súas páxinas-, profusión de publicidade institucional, subvencións por motivos variados, encargos de organismos e empresas públicas para a produción de material audiovisual de diversa natureza, etc.) a. Estes medios foron La Voz de Galicia, editado por unha persoa de recoñecida ideoloxía da dereita extrema coruñesa, os xornais Faro de Vigo, La Región, Atlántico Diario e El Progreso e Diario de Pontevedra, todos eles de recoñecida tendencia dereitista e aliados do Partido Popular en todos os procesos electorais, e ás editoras das maioría das emisoras radiofónicas presentes na Galiza (Radio Vigo, emisoras da COPE e Onda Cero, emisoras de Radio Voz,etc.).

O paso de Feijóo pola Xunta de Galicia.

Unha das primeiras medidas adoitadas por este suxeito desde o goberno galego cando chegou á Presidencia da Xunta de Galiza foi o de poñer ao dispor da súa propaganda os medios de comunicación públicos (a maioría dos privados xa os tiña ao seu dispor). Así, destituíu directores da TVG e da Radio Galega (RTVG), poñendo persoas que serviran fielmente ás súas arelas, persoas que se encargaran de destituír a responsábeis de programas e persoas das redaccións que non estiveran dispostos a “entrar polo aro”. Unha entidade que empezaba a ter unha calidade crecente (tanto en programas de entretemento de produción propia como en informativos) e a cumprir como difusora e defensora da lingua galega, unha das principais funcións pola que fora creada, derivou nunha entidade cunha moi deficiente calidade en programas, cuns informativos faltos de pluralidade e obxectividade que parecen os voceiros de Nuñez Feijóo e a súa caterva do Partido Popular, e onde atopar programas que contribúan a defender e estender o uso da lingua galega -unha das premisas básicas polas que se creou a RTVG-simplemente non existen ou son relegados á segunda cadea e maiormente en redifusión os realizados hai moitos anos (coa conseguinte perda de actualidade e, por tanto, faltos de interese)

As informacións manipuladas, ocultadas ou mentireiras.

Unha vez controlada a información tanto ao través dos medios afíns de carácter privado como dos medios públicos xa se podía proceder a cumprir o programa real que Núñez Feijóo pretendía aplicar na Galiza. Ninguén ía acadar dar eco ás críticas e oposicións dos veciños ou colectivos. Nos medios públicos nada se diría. Nos privados limitaríase o máis posible a súa difusión territorial, relegándoas ás edicións comarcais se as “movidas” eran grandes e importantes, sen que transcenderan territorialmente máis alá e convenientemente redactadas para non facer moito dano á dereita, ou ben directamente ocultaríanse. Se as “movidas” foran de carácter xeral e de interese xeral (por exemplo, as manifestacións en defensa da sanidade pública convocadas en Compostela) a actitude era tentar de dinamitalas antes de que se produciran publicando entrevistas con cargos da Xunta de Feijóo ou producindo novas que puideran restar a potencial participación nas mesmas. Se non conseguían, como pasou numerosas veces, a solución buscada era a de non falar do asunto, relegala a nova secundaria e publicala só para aquelas persoas ás que non se lle podía ocultar o éxito das convocatorias, é dicir, as do territorio onde a actividade tivera lugar, relegalas ás edicións locais e ocultalas no resto.

Con estas premisas mentireiras, manipuladoras e controladoras da información, Feijóo e o Partido Popular gozaban de mans libres para levar a cabo as súas actividades e expandir as súas mentiras contra a poboación galega e en favor do capitalismo máis salvaxe que ten Galiza como unha das súas bases de operacións e do integrismo relixioso máis contumaz: madeireiras e pasteiras que esnaquizan os nosos montes e as nosas rías e deixan que á flora e fauna autóctona vaian desaparecendo progresivamente; macrogranxas que contaminan e destrúen o medioambiente; eléctricas que xa no pasado esnaquizaron os nosos ríos e os nosos vales fértiles e agora queren esnaquizar a vida rural, as correntes de auga subterráneas, os camiños rurais e os caladoiros de pesca cos eólicos; minería contaminante e destrutora do medioambiente; grupos empresariais da sanidade privada e as aseguradoras de saúde a facer negocio a conta da saúde e a mala atención médica dos galegos e galegas aos que condenou o Partido Popular deteriorando premeditadamente a sanidade pública; privatización e impulso da confesionalidade da educación obrigatoria e post-obrigatoria, que supón un ataque á liberdade e igualdade de oportunidades para toda a poboación; atención ás persoas dependentes e de mala calidade posta en bandexa ao dispor e negocio de grupos económicos sen escrúpulos e un dos factores que propiciou un alto número de falecementos durante a pandemia do COVID; rebaixa dos impostos cedidos, para os máis ricos (a maioría da poboación non chega aos niveis nos que os impostos se rebaixan), e privatización todo o público en favor de quen a capacidade económica para acceder aos servizos privatizados; botar ás mulleres máis vulnerábeis en mans de grupos católicos integristas ligados ao Opus Dei; desaparición progresiva do idioma galego nas escolas, organismos públicos e sociedade en xeral, así como a deixamento do seu uso por todo tipo de organismos de carácter público esencial. E poderiamos seguir aquí enumerando todas as miserias que o goberno de Núñez Feijóo foi deixando aos galegos e galegas ao longo dos seus sucesivos gobernos da Xunta de Galiza.

As poucas veces que tivo que comparecer no Parlamento Galego amosou a súa escasa preparación coma presidente; parecía como que se lle quitaban o libro de instrucións que lle impuxeran Romay Becaría e os seus sucesores o señor Feijóo non sabía por onde andaba. Un perfecto ignorante en multitude de temas, un perfecto inculto que en lugar de pasar pola universidade a universidade pasáralle por riba, cada vez que algún deputado requiría explicacións en lugar de responder poñía a insultar, saía coa reiterada estupidez de Herri Batasuna ou Bildu, outra similar que nada tiña que ver ou simplemente recorría a mentira como arma fundamental da súa política, incapaz de fiar un discurso sólido ou crible; e se a réplica podía facer dano político, aí estaba a presidencia do Parlamento para parala e facer que non constara en acta. Total era sabido que o asunto non ía ter ningún eco na inmensa maioría dos medios de comunicación da Galiza, sobre todo nos que, para xustificar tirada e xustificar a percepción de subvencións sen as que non subsistirían, se reparten gratis todos os días ou as fins de semana en establecementos educativos ou residencias de maiores.

A actualidade do mentireiro e “moderado e bo xestor”.

Iso si, o “moderado e bo xestor” foi nomeado polo gran capital da España para dirixir ao partido que representa os intereses da maioría deses infames explotadores, o Partido Popular, para tentar de que desde a presidencia do goberno do Estado faga o mesmo que acadou aquí, na Galiza. As condicións de partida son similares: a inmensa maioría dos medios de comunicación sonlle favorables, están dispostos a ocultar as súas mentiras, e terxiversar e manipular información, a ser totalmente acríticos coas súas propostas, a facilitarlles tribunas desde as que enganar aos seus lectores, espectadores e ouvintes; aparte ten ao seu dispor as emisoras e TV públicas daquelas administracións onde goberna a dereita pepera (soa ou en coalición con Vox) das que xa se ocuparon de eliminar calquera voz crítica ou que desentoara coa maioría. As mentiras ponas Núñez Feijóo e os seus correlixionarios e lambecús.


     Nesta campaña electoral que está a piques de rematar temos exemplos abondo das mentiras de ese señor que di estar orgulloso da aldea que o veu nacer, cousa que moitos dos habitantes dos Peares poñen endúbida e declaran abertamente que o señor Feijóo so aparece pola aldea para gravar programas de TV ou nas eleccións como parte da súa campaña de facerse pasar polo que realmente non é. Polo que eu penso que Feijóo ten un grande complexo por ser un home de aldea (un “paleto” que din e poñen en pancartas e pintadas xentes coma el, de extrema dereita, referíndose ás persoas galegas), que non está nada orgulloso de ser galego, que aínda ten na súa memoria a aquel inocente neno galego que no programa “Cesta y Puntos” de TVE nos finais dos anos 60 e principios dos 70 do século pasado, cando lle preguntaron por sons emitidos por animais, dixo “ornear” ou “orneo” (non me lembro exactamente) cousa que no idioma do imperio non existe, pero que a diglosia imperante na Galiza a causa da represión do noso idioma durante a longa noite de pedra, aínda existente naqueles anos, propicia. Loxicamente, déronlle a resposta coma errónea.

Durante a campaña electoral puxéronse en evidencia moitas cousas referentes ao señor Núñez Feijóo, unhas que nos amosan a súa escasa preparación en numerosos temas importantísimos para xestionar un país (economía, ecoloxía, diversidade, cultura..., e moitos outros), outras referidas á súa capacidade para mentir descaradamente e sen rubor e a outra a que moitos galegos e galegas xa coñeciamos: que sen o libro de instrucións Feijóo non é quen de articular un discurso minimamente sólido e coherente e que é incapaz de afrontar un debate serio sen acudir á descualificación gratuíta, a mentira e o insulto.

Aparte da mentira que abre este artigo puidemos observar e coñecer outras moitas trolas en numerosos programas radiofónicos e televisivos nos que participou. Nunha participación no programa “El Hormiguero”, de Pablo Motos, puiden observar como o suxeito tentou botar merda sobre a actual lei que regulamenta a eutanasia, tentando de confundir termos, falando dunha serie de garantías que a lei contempla coma se esas non existiran, gabando “documento de instrucións previas” regulamentado pola Xunta de Galicia que dificilmente se aplica e magnificando os paliativos (que si son necesarios, pero mellor que non teñas un médico do Opus Dei) como alternativa á eutanasia e o testamento vital.

Non atendín ao debate entre o noso personaxe e Sánchez realizado polo grupo Atresmedia. Lin crónicas en xornais partidarios dunha democracia solvente; e escoitei reflesións plurais realizadas desde diferentes ópticas en programas radiofónicos. Case todos coinciden na pasividade dos presentadores de Atresmedia, que admitiron que Feijóo despachara mentiras a destro e sinistro deixando sen tempo a Sánchez para replicar a todas e cada unha delas. Típica técnica do xefe dos populares, mentir descaradamente e facer acusacións gratuítas en lugar de debater e mostrar a súa ignorancia e incultura. Repito: coa pasividade e transixencia dos dous presentadores, que deixaron coar todas e cada unha das mentiras feixoanas aos seus espectadores e espectadoras. Que pouca ética!

Por suposto, tampouco acudiu Feijóo ao debate organizado por TVE entre os catro primeiros partidos estatais. A Feijóo non lle gustan os presentadores e xornalistas serios. Iso si, non pararon, el e os seus, de botar merda sobre os xornalistas da TVE que puxeron en evidencia as súas mentiras.

E segue a campaña e seguen as mentiras. Os impresentables peperos, con Núñez Feijóo a cabeza, seguen a artellar mentiras en todos e cada un dos actos electorais que celebran, mostrando unha falta total de respecto cara aos asistentes aos que tentan coarlles toda esa colección de bastas e evidentes trolas que manexan. Pero, vótanlles; non sei quen será máis lelo, se Núñez Feijóo ou aquelas persoas que lle dan o voto.

E logo, quen é Núñez Feijóo?

A miña opinión sobre el é que Núñez Feijóo é un suxeito falto de calquera tipo de ética. Que o único que o único que busca é medrar social e politicamente a costa do que sexa. Un mentirán cualificado e un inculto, pese a ter cursado estudos universitarios, que diante da súa falta de argumentos e incapacidade de razoamento recorre ao insulto coma medio de ocultar a súa incapacidade. Un acomplexado que tenta de ocultar, agás o libro de instrucións diga temporalmente o contrario, a súa procedencia aldeá, razón pola que carga desde as institucións que controla contra o idioma propio da terra que o veu nacer. Unha persoa que non é digna de ostentar ningún cargo público de relevancia; e menos unha presidencia dun goberno.

1MONGE GONZÁLEZ, Manuel: Feijóo. Biografía dun farsante (non autorizada). Edicións Laiovento, 2023.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...