Amosando publicacións coa etiqueta Migracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Migracións. Amosar todas as publicacións

02 xullo 2024

Migrantes. Denigrados, vendidos e sen dereitos

 

Desde hai bastante tempo estamos a asistir a un debate social intenso sobre o fenómeno migratorio. Non é un debate que se dea só no Estado Español e na Europa e que condicione de forma importante o comportamento do corpo electoral; tamén é un debate importante e condicionante nos Estados Unidos de América.

Diversas posicións arredor da migración

Nos diferentes países estanse a dar diversas posicións sobre o tratamento a dar a o asunto migratorio (maiormente fálase do “problema da migración”; eu négome a cualificalo de “problema” porque considero que o problema real son aquelas persoas que cualifican a migración coma un “problema” dos países receptores de persoas migrantes.

A grandes trazos, e tendo en conta que dentro de cada unha pode haber matices diferenciados, poderiamos describir as diversas posicións existentes sobre a migración como as seguintes:

1ª) Por unha parte están os postulados aberrantes que está a utilizar a extrema dereita e o fascismo contra os fluxos migratorios de persoas con un alto nivel de pobreza procedentes de países do terceiro mundo cara a Europa ou cara aos países “ricos” de América (ricos en termos de PIB, que non en termos de IDH-Índice de Desenvolvemento Humano). Temos que aclarar que para xustificar os seus postulados o fascismo está a recorrer de forma continuada á expansión de todo tipo de mentiras arredor das actividades dos migrantes (que si violacións, que si ocupacións, que si quitan traballo, etc.), trolas que fican desmentidas se acudimos ás memorias xudiciais e policiais. Mais non só é a extrema dereita a que usa estes mecanismos troleiros para denigrar as migrantes, tamén hai forzas de “dereita civilizada” (o de civilizada é un dicir e unha contradición), como pode ser o Partido Popular no Estado Español ou os partidos Republicano e Demócrata nos EUA. Ou ese partido europeista, que di Felipe González, o partido fascista de Meloni, ao que só lle falta dar ordes á súa mariña de que afunda as embarcacións de migrantes que entren en territorio de Italia.

2ª) Por outra parte, están aqueles que observan o fenómeno migratorio dun xeito utilitarista e cousificando ás persoas migrantes coma suxeitos útiles para resolver os problemas do crecemento vexetativo e os desequilibrios das pirámides de poboación ao que se están enfrontando os países máis desenvolvidos e que están a suxerir problemas tanto no mantemento dos sistemas de pensións como nos do desenvolvemento produtivo daquelas actividades que os propios empresarios non deslocalizan cara a países corruptos e con baixos salarios.

3ª) Unha mestura das dúas visións anteriores é unha intermedia: a que, aínda recoñecendo a regañadentes as situacións que levan ás persoas migrantes a adoitar marcharse dos seus países (sen afondar nas causas polas que eses países chegan a esas situacións, non vaia ser...), néganlle o pan e a sal, néganlle refuxio e incluso pagan a países terceiros con sistemas corruptos para que sirvan de barreiras de contención ou de campos de concentración para que esas persoas non cheguen a penetrar polas súas fronteiras. E non lle doen prendas. Estes suxeitos na Europa dirixen e gobernan moitos países que empobreceron, tanto desde os seus estados como desde as súas empresas, aos países de onde proceden a meirande parte dos migrantes que veñen cara a Europa. Francia, Alemaña, Holanda, Italia, Inglaterra, Bélxica,... esquecen que foron os seus exércitos e as súas empresas quen saqueou as riquezas naturais de África deixando ás poboacións deses países na máis extrema pobreza e miseria. E que unha vez renunciado a mantelas coma colonia, deixaron a eses países nas mans de gobernos monicreques, corruptos, e ao servizo da antiga colonia e as súas empresas para seguir co saqueo. E agora non queren que esas persoas ás que espremeron ben espremidas, que non teñen onde caer mortas, veñan cara a onde poden acadar un futuro, incluso poñendo en risco as súas vidas e as das súas crianzas. Igualmente os Estados Unidos de América, que despois de saquear a gusto Latino América agora se nega a asumir a chegada de migrantes procedentes daqueles países aos que espremeu e nos que impuxo pola forza de golpes de Estado gobernos de monicreques corruptos e asasinos; e onde derrocou gobernos lexítimos para poñer no seu lugar outros que foran dóciles cans ao servizo dos seus intereses.

4ª) Por último, están as persoas que asumen coma propia a situación das persoas migrantes e que defenden o dereito de todas as persoas a ter unha vida digna sen razóns de fronteiras e, polo tanto, o dereito á libre circulación das persoas entre os diversos países do mundo. Posiblemente tamén coincidimos en condenar as políticas migratorias de todos os países da Unión Europea e dos países da América do Norte.

Non sei se me que da algunha sen mencionar (posiblemente); pero coido que os trazos que máis arriba describo tenden a agrupar os grandes grupos de opinión.

 

30 xullo 2018

Pablo Casado: migrantes e mentiras

     Non chegaban os e as fascistas clásico-modernos europeos como Le Pen, Salvini, Orban e outra serie de fillos mal paridos que rexentan con políticas antisociais contra as clases máis desfavorecidas dos seus países e políticas xenófobas baseadas en mentiras (véxase o artigo de Sánchez de Ugarte publicado no diario.es de hoxe: https://www.eldiario.es/desalambre/Espana-inmigracion-ventajas_0_783222076.html). 

     Pero non só é que eses despreciábeis personaxes sexan quen de enganar a unha importante parte da poboación dos seus países coa sarta de grandes mentiras acerca da pretendida "invasión" de Europa por cidadáns de países africanos e de latinoamérica,senón que chegan, nalgúns casos, a poñer en cuestión a permanencia en países europeos de persoas naturais do propio continente por razóns de carácter étnico. Isto último está a pasar en Italia e Francia cos membros da etnia romaní, aos que o nazi Salvini e a nazi Le Pen, na actualidade, condenan e que no recente pasado foron perseguidos polo goberno dereitoso de Sarkozy en Francia, sen contar coa persecución de exterminio que o réxime de Hitler emprendeu contra as persoas de etnia xitana (e non esquezamos a secular persecución e criminalización dos xitanos en España, perfectamente descrita no Romancero Gitano de Federico García Lorca).

     A cobertura mediática da xenofobia.
     Pero non podemos restrinxir esa persecución á actuación desde os gobernos deses impresentábeis e sinistros gobernantes e os partidos de carácter xenófobo e fascista que os sustentan en cobertura política. Temos que integrar na cobertura e expansión das mentiras asociadas ás políticas xenófobas a multitude de medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, que, consciente e voluntariamente, dan cobertura por activa ou por pasiva a esa sarta de trolas que os nazi-xenófobos usan para tentar de convencer ao conxunto da poboación das maldades asociadas aos migrantes. Cando dicimos por activa referímonos a que apoian coas súas publicacións e desde elas difunden e afondan nas falsas argumentacións; cando falamos de apoio pasivo, referímonos á falta de desenmascaramento das mentiras e á publicación de novas tinguidas de escándalo sobre a chegada de inmigrantes aos países europeos; novas do estilo de "Otro día más, llegada masiva de emigrantes ilegales a las costas andaluzas" (referencia indirecta que contribúe a espallar esa mentira da "invasión" e do cualificativo de "ilegal" aplicado ás persoas que escapan dos seus países por mor de persecucións, guerras ou por falta de medios de sustento), que se puido escoitar onte nun noticiario dunha cadea privada de televisión que emite en aberto; non a dos bispos, que podería ser. Non se pode ocultar que os medios audiovisuais e os medios escritos de distribución masiva están ligados á grande burguesía de cada país, clase que case maioritariamente está detrás do financiamento dos grupos da ultradereita á que utilizan como bonecos, amais de recibir  -a prensa- fortes subvencións dos gobernos coa publicidade ou subvencións finalistas para garantir a súa difusión, e que eses medios non fan máis que defender os intereses económicos de quen os financia. 
     
     Nunca falan das actuacións dos patróns das grandes multinacionais que xeran miseria e pobreza, apropiándose incluso das escasas fontes de alimentación das poboacións sen recursos e dos seus campos tradicionais de cultivo (ver informes reiterados da Organización da ONU para a Alimentación -FAO-) nos países africanos, nos países latinoamericanos e de Oriente Medio. Tampouco falan de que ninguén se monta nunha balsa de praia para cruzar mares a sabendas de que as posibilidades de chagar a destino son mínimas agás que saiban que na orixe a morte sexa unha probabilidade certa. E menos meterse nunha balsa cunha criatura pequena. Información (desinformación) ao servizo de intereses económicos, non da obxectividade e o coñecemento obxectivo da realidade.

     A cobertura política da xenofobia.
     Pero non só é a cobertura mediática quen da alas aos movementos xenófobos da Europa. Hai que sinalar que os partidos clásicos da dereita europea, tanto a dereita da socialdemocracia como a dereita ultraliberal e a dereita democristián, poñen o mantemento das poltronas ao través dos votos por diante dos dereitos humanos das persoas. Así, os gobernos non persiguen aquelas actuacións que contribúen a xerar malestar entre as capas máis desfavorecidas das poboacións dos seus países e que, combinadas coas manipulacións mediáticas e as actuacións dos grupos fascistas como Hogar Social, Falange Española, Hazte Oir, Vox ou outros do estilo xeran dinámicas e sentimentos anti-migrantes.

     Para mostra da falta de actuación dos gobernos un botón. Unha das argumentacións que usan os gobernos tinguidos de xenofobia e os movementos fascistas para convencer á clase obreira (obxectivamente interesada en políticas que defendan o traballo regular, salarios e condicións de traballo dignas) é a suposta "venta", por baixos salarios e fora de toda regulamentación laboral, da forza de traballo dos migrantes ás empresas. O discurso xenófobo en casos deste tipo susténtase "na competencia desleal" que o migrante presenta fronte ao autóctono, co cal consigue enfrontar aos traballadores e traballadoras (locais) contra os traballadores e traballadoras (migrantes). Non critican a quen financia os movementos xenófobos, é dicir, ao empresariado que contrata, por catro chavos e ao marxe de toda legalidade (sen declarar, facendo horario desmedido, sen cotizar á seguridade social, sen dereitos de calquera tipo) a unha persoa chea de fame que chega a un país descoñecido no que a súa integridade e dignidade persoal están en xogo, que elixe o camiño de deixarse explotar e non o do roubo e a delincuencia. Persoas das que se aproveitan empresarios sen conciencia (quizás chegara con dicir "empresarios", sen máis especificacións). Pero poucas veces podemos ler de actuacións dos gobernos contra ese tipo de contratacións (algunha que outra si) e todo tipo de abusos popularmente coñecidos contra os migrantes (recente caso de violacións e abusos sexuais a migrantes en Andalucía), pero si que vemos de verdadeiras redadas e actuacións continuas contra os denominados dunha forma cabrona como "ilegais".

          E non falemos das políticas da Unión Europea de potenciar a escravitude en Libia, os afogamentos no Mediterráneo ou o exterminio dos migrantes en campos de refuxiados de Turquía (hai que dicilo así de cru, porque é no que consiste realmente esa política, a súa resolución final) financiando a países gobernados por delincuentes ou dictadores. Poñendo todo tipo de trabas a que organizacións humanitarias actúen salvando as "embarcacións" que consiguen salvar ás patrulleras criminais de Libia.

     E moitos destes que falan, ouvean, escusan, dirixen ou son altos executivos do eco mediático xenófobo activo ou pasivo ou, simplemente, non fan nada seguramente teñen como empregadas do fogar, ou coma xardineiros, ou como explotadas sexuais a migrantes aos que non teñen dados de alta na Seguridade Social, aos/ás que lle pagan salarios de miseria, facendo xornadas interminábeis e sen días de descanso semanal.

    Estes "asalariados", políticos ou mass-media, da xenofobia nunca falan da contribución dos migrantes ao crecemento económico dos países nos que teñen unhas condicións de traballo dignas e acordes coas leis. Non falan da súa contribución ás arcas da seguridade social, da súa contribución á Facenda Pública ao través dos impostos, da súa contribución a manter a natalidade e moitos outros beneficios, tanto de carácter económico como social. Incluso aqueles aos que chaman "ilegais" contribúen ás arcas públicas cada vez que mercan nun establecemento, agás que o empresario propietario do mesmo, non declare o IVE ou sexa unha empresa pirata.

     Pablo Casado (y de las Jons).
     Esta fronte fascista e xenófoba viuse incrementada nestes días coas declaracións do novo presidente do Partido Popular, Pablo Casado (y de las Jons), un home que de igual modo que o seu antecesor xa apuntaba maneiras. A diferenza está en que mentres M.Rajoy xeraba políticas directamente xenófobas desde as leis, sen grandes movementos propagandísticos, sen críticas da maior parte dos mass-media nin da suposta oposición psoecialista (agás en período electoral), Casado é moi activo na contribución á causa xenófoba. Xa estaba publicamente moi escorado cara á ultradereita cando era membro da executiva e voceiro do Partido Popular; de aí a "cualidade" dos seus apoios entre os compromisarios peperos. Hai quen atribúe esta actitude á tentativa de desviar a atención pública de todos os chanchullos que parece rodean a titulacións universitarias que di ter, pero eu coido que iso non é así. Penso eu que é porque é un membro cualificado do Partido Popular e este, no seu conxunto e na maioría dos seus membros cualificados, é un partido que practica a xenofobia e que non dubidaría en practicar o fascismo máis clásico para acadar os seus fins e protexer as súas carreiras. Poido estar equivocado, pero os cheiro. E feden.

      "As orixes do fascismo", un vello libro moi actual.
     Por último, aconsellar unha lectura interesante, un libro que xa é vello pero que parece escrito hai uns días. O seu autor é Robert Paris, un historiador francés. A primeira edición do libro é do ano 1968. Eu téñoo en español, nunha edición de 1985, que ten por título "Los orígenes del fascismo". É moi instructivo e, como xa dixen, actual.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...