Amosando publicacións coa etiqueta Exércitos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exércitos. Amosar todas as publicacións

25 febreiro 2022

Como non nos chegaban os crimiais ianquis, chegan os criminais rusos


            No pasado 29 de xaneiro escribín neste espazo un artigo titulado "Ucraína: Rusia, os Estados Unidos e a OTAN"; nese artigo eu tiña feita a seguinte reflexión: "Logo, non nos creamos todo o que nos contan sobre o que está a acontecer en Ucraína. A maioría son mentiras, sobre todo o que se refire á potencial invasión do país por Rusia". É máis que evidente que, á vista dos feitos, estaba moi equivocado. No día de onte Rusia ten invadido territorio ucraíno. Amais, esta intervención ilegal utiliza as xa coñecidas escusas dos imperialismos de "defensa da poboación", "defensa da liberdade fronte ao nazismo" ou calquera outra que xa nos soa de cando os Estados Unidos invadiron ou interviron noutros países para mudar os gobernos e poñelos á súa conveniencia. O mesmo que no pasado tamén facía a extinta URSS, a partires de Nikita Jrushchov, coa invasión da antiga Checoslovaquia e as ameazas a Hungría e outros países "da súa área de influencia" que quixeran imitar a chamada Primavera de Praga.

             Certo que o da miña equivocación, tal e como se fora unha aplicación da fábula de Pedro e o lobo, veu determinada pola experiencia de ter que soportar mentiras e propaganda falsa e sesgada de forma continuada por parte das instancias norteamericanas e os seus altofalantes mediáticos; todas elas creadas pola intelixencia e a Secretaría de Estado dos USA e espalladas polo mundo ao través das "súas" axencias internacionais de novas e polos propios xornais dos distintos países que se aliñan dunha forma incondicional e acrítica coas posicións de Wall Street e o goberno ianqui.
 
        Non me vou estender no tema das intervencións militares ilegais en terceiros países para defender intereses económicos das empresas transnacionais; pero fago unha pregunta: ninguén se lembra dos famosos silos nucleares iraquís que deron lugar á Guerra de Iraq, iniciada mediante bombardeos indiscriminados de Bagdag o 20 de marzo de 2003, e que resultaron ser unha trola? Si, unha trola creada polos criminais de guerra que presidían, gobernaban e mandaban militarmente nos Estados Unidos e espallada, como se unha verdade incontestable se tratara, polas axencias internacionais de novas, a prensa acrítica e algúns gobernos monicreques, como o español e os doutros países da OTAN (lixo militar cun historial cumprido de intervencións inxustificadas e ilegais ao servizo da oligarquía internacional e inzada de militares fascistas -e nazis- nas súas liñas de mando). Unha trola que custou milleiros de mortos tanto en Irak como nos USA e outros países, que supuxo unha flagrante violación da legalidade internacional. Xa describín, no artigo ao que me refería ao principio, toda unha serie de intervencións ilexítimas e ilegais encabezadas polos USA e secundadas de algunha forma pola OTAN, polo que non me vou repetir.
         
        Onte Rusia, seguindo os exemplos sementados polos Estados Unidos no mundo, invadiu Ucraína e bombardeou cidades causando baixas persoais entre civís e destrución nos medios materiais que eses cidadáns ucraínos tiñan para satisfacer as súas xustas necesidades e aspiracións vitais. Criminais da presidencia, do goberno e do exército ruso deron orde de atacar un país soberano. E chámolle criminais porque o son; como tamén o eran os presidentes, gobernantes e militares que ordenaron bombardear e invadir Iraq.
             
    Teño lido crónicas que desculpan ata certo punto a intervención rusa baseándose no cerco militar ao que a OTAN está a someter a Rusia e ao incumprimento de certo tratado por parte de USA e a OTAN. Eu non dubido de que esa situación poida estar a darse, que ianquis e otánicos incumpran tratados que asinaron; como tampouco dubido de que os rusos tentan de afianzar polos medios que sexan a súa influencia en enclaves estratéxicos. Pero iso non xustifica a masacre dunha poboación, por moi pequena que sexa, nin a invasión militar dun país soberano. Non é para nada xustificado o ataque e invasión de Ucraína. E tamén aquí, como alí, aparecen as axencias e os medios que terxiversan, sesgan e falsifican a realidade para xustificar a actuación de Rusia en Ucraína; as axencias que difunden "novas" fabricadas polos diferentes servizos de intelixencia e os gobernantes rusos. Unha das principais é Russia Today (RT). Evidentemente que teñen a mesma credibilidade que Reuters ou Associated Press.

              É máis, non se xustifica que eses criminais belicosos teñan que inmiscuírse sen preguntar na soberanía de países que viven pacificamente sen o previo consentimento destes, que os inclúan nos seus tratados de guerra sen o seu consentemento, que tenten de dispor do seu futuro coma se foran pastillas de plastilina. Que tenten de poñer e quitar gobernos para moldealos e adptalos ás súas necesidades e non ás necesidades dos cidadáns que residen neses países. Pero claro, iso é o que fan os criminais: tratar de acadar o que queren aínda que sexa asasinando. Iso é o que fan os presidentes, os gobernantes e os militares de alta graduación dos USA, de Rusia e da OTAN.

            Unha das consecuencias contrastadas nestas "aventuras" militares dos estados e dos organismos militares poderosos é que a principal damnificada e prexudicada das actuacións belicosas dos exércitos é a poboación civil. E dentro desta, as que máis sofren son as mulleres. Os militares de baixa graduación tamén teñen baixas (son a carne de canón que utilizan os estrelados), pero xeneralotes de calquera nivel, coroneis, presidentes, gobernantes, etc., é dicir, os que deciden os ataques (pero tamén os dos mesmos rangos que os reciben) raramente son prexudicados nestas lides; máis ben saen sen despeitear. E moitas veces,  enriquécense a costa de que morran os seus soldados rasos e milleiros de persoas da poboación civil. E se non o cren, fíxense no caso do vicepresidente Cheney e os seus negocietes en Iraq.

                Os que adoitan saír con mal, aparte da poboación civil e os soldados rasos, son os que contan as barbaridades que nesas intervencións militares se realizan e os métodos que exércitos e gobernos utilizan para acadar os seus fins. E senón pregúntenlle á soldado Maining ou a Julian Assange. Por non falar do operador que denunciou os métodos de espionaxe xeneralizado a toda a poboación utilizados polos servizos secretos dos Estados Unidos á marxe da legalidade.

            En fin, coido que a mellor defensa da poboación mundial pasa por disolver os exércitos, destruír as armas de guerra e dedicar as fábricas de armamentos a elaborar artefactos e produtos útiles. Estou seguro de que todos e todas estariamos máis seguros e máis felices. Amais, os cartos improdutivos que xeran militares e exércitos (que normalmente supoñen un moi alto porcentaxe dos orzamentos dos países) poderían dedicarse a educación, investigación, medicina,... gasto social produtivo, en definitiva. Amais iso crearía multitude de postos de traballo para absorver aos soldados, suboficiais e oficiais de baixa graduación. Os demais, que se busquen a vida.
 
NON Á GUERRA!    OTAN NON!

 


29 xaneiro 2022

Ucraína: Rusia, os Estados Unidos e a OTAN

        Antes de que alguén se poña a atribuírme etiquetas dicir que me caen tan mal os Estados Unidos como Rusia. E, por suposto, son contrario á existencia desa estrutura militar, inzada de xeneralotes fascistas de distintos países (incluídos españois)(1), da que España forma parte e da que nunca debeu formar parte ou da que hai tempo debeu de saír vistas as accións contrarias ao dereito internacional e ás directrices das Nacións Unidas practicadas pola citada estrutura militar; para exemplos a invasión de Kosovo, con entrega do seu goberno ás mafias albano-kosovares, o bombardeo del Belgrado no tempo do conflito da antiga Iugoslavia ou a intervención da OTAN en Libia e a entrega do seu goberno a mafias tribais que superan con moito os horrores practicados no pasado por Gadafi. Iso sen esquecer, as ilegais invasións de Iraq, Kuwait por parte do estado delincuente que realmente decide na OTAN. Ah! E non me gustan nada as armas nin os armados; eu disolvería os exércitos e mandaría a todos os xenerais a arar os grandes latifundios hoxe dedicados á caza para facelos produtivos.

        Por moito que as novas que masivamente, e de forma case “copiada”, distribúen a maioría dos xornais da Península Ibérica (sexa o medio que as distribúe en papel, dixital, radiado ou televisado) nos poñan a Rusia como a mala da película, e aos Estados Unido e á OTAN como os heroes que tentan salvar á unha pretendidamente vilipendiada Ucraína, eu non me creo nada. Teño moi claro que o que maioritariamente escoitamos e lemos son parte das novas distribuídas polas axencias internacionais de información vinculadas co poder político real dos Estados Unidos y medios de distribución das campañas orquestadas nos despachos da Casa Blanca, da Secretaría de Estado USA, a Axencia Central de Intelixencia (CIA) e a Axencia Nacional de Seguridade (NSA).

        Haberá outras axencias que distribúen información contraria, onde os malos serán os USA e a OTAN e Rusia a salvadora da vilipendiada Ucraína. Estas novas serán xeradas nos aparellos de propaganda do Kremlin e polas súas axencias similares á CIA e á NSA.

        O que si teño claro é que tanto a OTAN, coma os Estados Unidos, coma Rusia (e os seus altofalantes mediáticos) menten descaradamente. Que hai intereses estratéxicos, políticos ou económicos, ou todos de vez, que condicionan tanto a propaganda como as actitudes de cada unha das partes. E que é a poboación ucraína a que fai de pelota de ping-pong en todo este embrollo.

As "lindezas" históricas dos Estados Unidos, da OTAN e de Rusia.

        Porque, que imos esperar dun país, os Estados Unidos, que brandindo a bandeira da defensa da democracia se permite o luxo de intervir naqueles países que non se pregan aos seus desexos e ordes? Dende hai moitísimos anos os USA poñen e quitan gobernos en distintos países de Latinoamérica, apoian e participan cos seus asasinos da CIA en cruentos golpes militares que provocan milleiros de asasinatos e desaparicións neses países e colocan nos gobernos a ditadores sanguinarios ou a narcotraficantes (Chile, Arxentina, Brasil, Honduras, Bolivia, Colombia, Panamá de Noriega,...) ou os invaden cos seus exércitos, coma fixeron no estado soberano da illa de Granada no ano 1983 para derrocar a un goberno lexitimamente escollido polos granadinos; e fixérono simplemente por tentar de facer políticas que non casaban cos desexos da política exterior dos EE.UU.  Ou intentos coma o da invasión de Cuba baixo a presidencia de John Kennedy.

        Xa mencionamos antes o caso iraquí, mais tampouco podemos esquecernos de Afganistán onde ficou claro que o que realmente importaba aos ianquis non era o benestar e a liberdade da poboación afgana, senón a defensa dos intereses económicos e estratéxicos dos Estados Unidos, xa que cando iso ficou garantido deixaron aos cidadáns dese país a mercede daqueles que inicialmente dicían ían combater; nas mans daqueles aos que adestraron, armaron e incluso os integraron nas filas da CIA (Bin Laden é un deles e que lle saíu ra) para tentar desaloxar a unha antiga URSS que tiña intereses económicos e estratéxicos en Afganistán; aínda que hai que recoñecer que non eran tan brutos coma os americanos e aliados da OTAN en xeral, e que durante o dominio ruso houbo unha modernización real no país afgano, modernización botada abaixo polos talibáns apoiados por USA e OTAN, situación mantida posteriormente cando os exércitos da OTAN volveron tomar control do país e ata hoxe xa nas mans dos integristas e talibáns.

        Tampouco se pode esquecer un de que estados onde se conculcan dunha forma salvaxe os máis elementais dereitos democráticos e, sobre todo, os dereitos das mulleres, estados gobernados por xeques e sultáns sátrapas e sanguinarios (Arabia Saudita, Omán, Qatar, ...) son decididamente protexidos e apoiados polos que continuamente se proclaman como defensores das liberdades e liberadores doutros estados, cando o que realmente son é criminais que queren lograr os seus obxectivos a calquera prezo e por calquera método. E para iso, os Estados Unidos, válense dos seus servizos secretos, do seu exército e da OTAN. O que queren é acadar o fin, o medio sérvelle calquera. Ética non a teñen.

        Tampouco nada podemos esperar de Rusia. Non hai máis que ver o que fan cos dereitos democráticos da súa poboación. E o que fan en moitas das súas antigas repúblicas, moitas de nome impronunciable e outras moitas que descoñezo, para mantelas baixo a súa influencia económica e militar: gobernos títeres, colocacións de ditadores sanguinarios, abastecemento de armamento para que poidan reprimir á poboación, intervención dos seus servizos secretos,... É dicir, o mesmo que fan os USA alí onde non queren bailar ao son que eles pretenden. Sobre todo naquelas socialmente menos desenvolvidas, o que non é o caso de Ucraína.

O circo militar e o circo mediático: un escenario cheo de pallasos nada divertidos

        Logo, non nos creamos todo o que nos contan sobre o que está a acontecer en Ucraína. A maioría son mentiras, sobre todo o que se refire á potencial invasión do país por Rusia. O propio Ministro de Defensa de Ucraína e o Secretario do Consello Nacional de Seguridade ucraíno desmenten á OTAN e din que non ven motivos para dicir que Rusia planea invadir o país; claro que isto non se publica na maioría dos xornais, nin se oe nas emisoras de radio ou de televisión do Estado Español. Non vai na onda dos intereses que defenden as empresas editoras.

        Como veredes non falo da Unión Europea, ese organismo criado ás ordes de Washington, nin do seu impresentable responsable da política exterior, o señor Borrel. Os únicos que ata este momento mantiveron publicamente unha posición non subordinada aos intereses dos Estados Unidos foron Francia, Holanda e o silencio alemán. O resto, incluíndo o Estado Español, na súa posición cotiá: “servidores del señor”.

        Das declaracións da flamante Ministra de Defensa de España mellor, por precaución, non falo xa que as gordas verbas que se merece semellante suxeita poderían supoñerme serios problemas se me despacho a gusto (e non falo de insultos, por suposto). Déixoas á súa imaxinación.

        De Sánchez e do Ministro de Exteriores, mellor esquecerse. E da dereita declarada... Menuda banda de inútiles e aspirantes a lambecús!.

        Para rematar, deixo unhas ligazóns de artigos que non saen na prensa “ben pensante”. Procurei non coller ningún que procedera de personaxes aliñados, gobernantes ou ex-gobernantes de países axudados ou da órbita de Rusia. Por suposto non hai ningunha referida a medios alineados coa burguesía internacional, xa que eses podedes lelos ou escoitalos en El País, La Voz de Galicia, Cadena SER, La Vanguardia, La Sexta, Antena3, etc., etc.... Hai moitos máis pero, aí van estes:

https://vientosur.info/otan-si-otan-no-dejad-que-decida-el-pueblo-ucraniano/
https://contrainformacion.es/lo-que-los-medios-tergiversan-sobre-los-tambores-de-guerra-en-ucrania/
https://www.nosdiario.gal/articulo/internacional/kiev-n/20220125092318136243.html
https://blogs.publico.es/dominiopublico/42714/el-polvorin-neonazi-en-ucrania/
https://blogs.publico.es/puntoyseguido/7610/la-yugoslavizacion-de-ucrania-aun-puede-esperar/
https://blogs.publico.es/espejos-extranos/2022/01/24/europa-y-la-guerra-de-ucrania/
https://blogs.publico.es/cronicas-insumisas/2022/01/25/la-guerra-de-ucrania/
https://www.eldiario.es/politica/rusia-otan-viejo-motivo-division-izquierda-espanola_129_8682913.html

Notas.-
1.- Se nos fixamos nos poucos xenerais españois que estiveron na estrutura da OTAN e que agora están xubilados, veremos que a meirande non só amosan respecto polo ditador xeneral Franco senón que parte deles forman parte ou sitúanse na órbita de Vox ou forman parte dese partido fascista.

 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...