Calquera parecido das novas que se citan de seguido coa realidade futura e con un país concreto pode que sexa unha simple coincidencia. Ou que non.
O TRIBUNAL MÁIS ALTO CONFIRMA E ELEVA AS CONDENAS DOS VECIÑOS DE CAPELA DE MONTES
THE COUNTRY, 18 de xullo de 2024.- Fontes da xustiza informan que o Tribunal Mais Alto (TMA), presidido polo maxistrado Primo Franco y Rivera, confirma a sentencia do Tribunal Mediano polo que 12 membros da Asociación de Veciños de Capela de Montes foron condenados a 2 anos e seis meses de cadea por pecharse nas dependencias provinciais do Ministerio de Vías para esixir a construción dun vial de circunvalación que evite o paso do numeroso tráfico rodado polo centro da vila que, segundo os condenados, xa leva causado máis de trinta mortes por atropelos nos últimos tres anos. Igualmente, tamén segundo a citada asociación de veciños, o Ministerio de Vías comprometérase, segundo escrito do seu responsable provincial, a ter e realizada a ansiada circunvalación no mes de setembro do pasado ano unha vez expropiados os terreos polos que a citada vía tería que pasar. No mes de decembro, coa circunvalación aínda non empezada, requeridas explicacións por parte dos veciños, o Ministerio confirmou que os terreos necesarios, propiedade de don Pedro de Guzmán, presidente do Banco Riquísimo, non podía ser expropiado "por formar parte dun proxecto de construción dunha nova urbanización de vivendas unifamiliares de luxo a piques de ser aprobada pola comunidade autónoma", o que precipitou o enfado dos veciños e a súa decisión de pecharse nas dependencias ministeriais pola que foron condenados. A alta pena confirmada polo TMA en todos os termos da sentencia do Tribunal Mediano, ven determinada por considerar os citados tribunais coma un "acto deliberado de atentado contra a paz pública executando actos de violencia que supuxeron a rotura dun florero que estaba enriba dunha repisa e atentatoria contra o dereito de propiedade do excelentisimo señor don Pedro Guzmán". Por outra banda, o Tribunal Mais Alto decidiu aumentar en seis meses a pena de prisión para cada un dos acusados por desobediancia á autoridade ao negarse eles a abandonar as dependencias ocupadas a requirimentos dos gardas.
AS PENAS IMPOSTAS AOS ASALTANTES DO XORNAL DO LUGAR MODIFICADAS POLO TRIBUNAL MÁIS ALTO
XORNAL DO DESENCONTRO, 27-09-2024.- 25 membros da coñecida organización nazi-fascista Por la Patria y El Chambóm, foran condenados a principios do pasado mes de agosto polo baixo tribunal provincial de Chatanuga a unha pena de 1 ano e seis meses de prisión por invadir armados con bates de beisbol e pistolas as instalacións do coñecido Xornal do Lugar, causando graves lesións ao garda xurado e a varios periodistas presentes na redacción e provocando destrozos en mesas, cadeiras e equipos informáticos e outros elementos das instalacións do xornal. Cando a policía pretendeu que depuxeran a súa actitude e identificalos para posibles denuncias, os condenados procederon a insultar e agredir con violencia aos gardas, provocando un ferido leve e contusións varias ao resto dos policías e escapando á actuación policial. Posteriormente identificados e detidos, foron postos ao dispor xudicial e máis tarde condeados con arreglo ao artículo 557 do Código Penal. No día de onte, o Tribunal Mais Alto, presidido polo señor don Manuel de Aznar y Fraga, ditou sentencia sobre o recurso presentado pola organización Por la Patria y El Chambón contra a sentencia do baixo tribunal de Chatanuga, rebaixando a condena aos 25 acusados e condenando a todos eles a indemnizar dunha forma solidaria con 150,00 euros a Xornal do Lugar. Considera o máis alto tribunal que os acusados "non pretendían facer uso da violencia, nin causar unha perturbación grave"; e que "coa súa actitude só pretendían defender unha ideas que están totalmente protexidas pola liberdade de expresión contida na Constitución", e que "as lesións sufridas polos axentes foron totalmente fortuítas e parte normal do seu traballo".
O bombo e plato que arrodea á reforma do delicto de "sedición" para axeitalo á "realidade do noso entorno" non é máis que unha excusa para limitar as liberdades democráticas pola porta de atrás que conten a proposta de reforma do Código Penal
Na actualidade o Parlamento Español está a proceder a unha reforma do Código Penal (pódese ver o texto completo da proposta pulsando AQUI ou AQUI-texto dos propoñentes). A proposición de lei orgánica parte dos grupos parlamentarios do PSOE e Unidas-Podemos.
Nun principio, a mediateca está a tratar o tema baixo os titulares de reformar o delicto de
sedición; pero na práctica esa reforma vai moito máis alá e con ese
pretexto vanse introducir na mesma contidos que poden ter graves
consecuencias para o exercicio das liberdades democráticas no Estado
Español, sobre todo para o exercicio da protesta colectiva e pacífica
utilizada multitude de veces por colectivos como a PAH, colectivos
veciñais, Comités de Empresa, colectivos profesionais e de afectados
polas preferentes, etc. que normalmente, nas súas mobilizacións pacíficas utilizan métodos que esa reforma pretende criminalizar e penalizar penalmente. Aplicación da lei que vai ficar en mans duns
informes policiais e duns tribunais que van facer a súa labor de
interpretación persoal das leis que aplican, cousa que lles permite a lei.
E xa sabemos que hai membros dos corpos policiais, da fiscalía e da xudicatura que non son precisamente admiradores de sociedades progresistas, senón máis ben xentes ancladas no pasado ideolóxico máis penoso deste país, raiando moitos deles en admiradores dos métodos e procedementos levados a cabo durante os rexímenes autoritarios que asolaron Europa nos anos 30 do século pasado e cuxas dinámicas seguen presentes na actualidade en numerosos países. E non son nin un, nin dous, nin tres.
Quince. Modifícase o artigo 557, que queda redactado como segue:
“1. Serán castigados coa pena de prisión de seis meses a tres anos os que, actuando en grupo e co fin de atentar contra a paz pública, executen actos de violencia ou intimidación:
(a) sobre as persoas ou as cousas; ou
(b) obstaculizando as vías públicas ocasionando un perigo para a vida ou saúde das persoas; ou
(c) invadindo instalacións ou edificios.
2. Os feitos descritos no apartado anterior serán castigados coa pena de prisión de tres a cinco anos e inhabilitación especial para emprego ou cargo público polo mesmo tempo cando se cometan por unha multitude cuxo número, organización e propósito sexan idóneos para afectar gravemente a orde pública. En caso de acharse os autores constituídos en autoridade, a pena de inhabilitación será absoluta por tempo de seis a oito anos.
Dezaseis. Modifícase o artigo 557 bis, que queda redactado como segue:
“Os que, sen facer uso de violencia ou intimidación e sen estar comprendidos no artigo anterior, actuando en grupo invadan ou ocupen, contra a vontade do seu titular, o domicilio dunha persoa xurídica pública ou privada, un despacho, oficina, establecemento ou local, aínda que se atope aberto ao público, e causen con iso unha perturbación relevante da paz pública e da súa actividade normal, serán castigados cunha pena de prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce meses, salvo que os feitos xa estivesen castigados cunha pena máis grave noutro precepto deste Código."
Neles, considéranse delictos penais cousas como a ocupación de vías públicas ou a invasión de instalación ou edificios. Iso si, coa condición de que "atenten contra a paz pública, execútense actos de violencia ou intimidación". Mais, tamén, sen que haxa violencia ou intimidación. Quen determina que a ocupación dunha rúa por un grupo de veciños ou os traballadores dun sector para esixir algunha mellora é ou non violenta ou intimidatoria? Os corpos policiais ou os xuíces, evidentemente. Vai ocorrer o mesmo que está a pasar coa Lei Mordaza na actualidade? Van ser denunciados por desórdes públicos xentes que esixan na rúa dereitos? Van ser denunciadas persoas que non teñen estado presentes como xa ten ocorrido nalgunha ocasión? Ou aquelas persoas que foron multadas por unha delegada do goberno por esixir pacificamente o uso do idioma galego sen ocupar rúas? Sabemos que, por moitas testemuñas que o desmentan, a palabra dun policía que pode ser a trola máis grande do mundo (como xa se ten demostrado nalgunha ocasión) ten presunción de veracidade. E os xuíces e fiscais? Vai pasar como cos famosos titiriteiros de Madrid?
E as penas de cadea? Vai ocorrer o mesmo que pasou a dous sindicalistas pontevedreses do transporte que foron condenados por defender pacificamente os dereitos dos seus representados? Ou o que está a ocorrer cun cargo da CIG no Ferrol que está condeado a penas de cadea por actos normais e razonables acaecidos na loita sindical? Porque en ambos casos non se tiveron en conta as numerosas testemuñas que confirmaban as versións dos condenados contra as versións minoritarias dos que alegaron contra eles?
Vai ir á cadea xente coma Pablo Hasel por cantar un rap que fala mal dunha persoa da que se comprobou que efectivamente non era honrada mentres esa persoa ou personaxes coma a antiga secretaria do Partido Popular son librados de todo mal?
O Partido Popular abre a veda, o PSOE e (incriblemente) Unidas Podemos a continúan
Foi o Partido Popular quen abriu a veda coa Lei Mordaza contra os dirixentes sociais e sindicais; unha lei que pese ás promesas electorais dos gobernantes do PSOE e Unidas Podemos segue a estar vixente; unha lei que non cumpre cos mínimos esixibles nun país de calidade democrática media pero que no Estado Español segue vixente. Unha lei que, sobre todo o PSOE, non queren derrogar e que os Subdelegados do Goberno -do PSOE ou achegados- nas provincias seguen aplicando. Unha lei que din que van derrogar pero da que o PSOE quer manter os aspectos máis antidemocráticos e fascistas da mesma, sobre todo os relacionados coa carta branca proporcionada aos corpos de seguridade e as sancións sen paso polo xuíz.
Imaxino que no intre no que os aspectos máis fascistas da proposición de lei que da lugar a esta entrada estean aprobados, entón si que procederan a modificar alguns dos aspectos da Lei Mordaza por estar xa contemplados con agravantes penais na súa proposición. Mentres tanto a teñen na reserva para poder reprimir, non con tanta contundencia como pretenden, aos movementos sociais que usan a mobilización para amosar publicamente na rúa ou con ocupacións pacíficas de edificios, oficinas bancarias, oficinas públicas ou calquera outro tipo de mobilización que un xuíz, un fiscal, un policía ou un garda civil poida considerar coma un desorde público grave por moi pacífico que sexa.
Por iso non podemos descartar que no futuro e no Estado Español poidan ocorrer cousas como as relatadas polos xornais The Country e o Xornal do Desencontro aos que facían referencia as novas futuras que abren o presente artigo.
Vivimos nun país plagado de xentes que son herdeiras ideolóxicas do ditador Franco e que ocupan altos postos en institucións claves do Estado, como o demostran día a día as novas que podemos ler ou escoitar nuns poucos medios xornalísticos, radiofónicos ou televisivos. Por desgraza, en poucos. A maioría son cómplices desa xente despreciable.
Que vai ocorrer no debate parlamentario desta lei?
Eu espero que os grupos que realmente defenden as liberdades democráticas emenden eses aspectos tan fascistas e criminais desa proposición de lei; e espero, tamén, que haxa deputados e senadores do PSOE e de Unidas Podemos que se poñan de fronte e se neguen a votar afirmativamente eses aspectos que criminalizan a protesta social e que deixan nas mans de quen non deberan a cualificación da gravidade das mobilizacións. Nada espero dos partidos da dereita extrema coma VOX, o Partido Popular e os seus satélites navarros e asturianos ou Ciudadanos; e tampouco das dereitas PNV e Junts per Catalunya. Espero que os demais (incluído a Esquerra Republicana de Catalunya cuxos dirixentes poden saír beneficiados por unha reducción das penas dunha condena inxusta ditada polo Tribunal Supremo) non deixen que eses aspectos vaian adiante. Se así o fan, perderán todo o meu respecto.