Amosando publicacións coa etiqueta Fanatismo relixioso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fanatismo relixioso. Amosar todas as publicacións

31 agosto 2017

Terror no nome dun deus calquera



O pasado xoves 17 de agosto na cidade de Barcelona tivo lugar un feito que levou por diante vidas, que produciu numerosas persoas feridas. E que, queiramos ou non, vai deixar pegada psicolóxica nas mentes doutras moitas; tanto se estaban presentes nas Ramblas no intre no que a furgoneta entrou a matar, como senón; incluso naquelas persoas que non teñen fixada a súa residencia na preciosa e moderna cidade catalá cuxos veciños foron vítimas non só de terroristas, senón que o son, tamén, de especuladores inmobiliarios sen escrúpulos. Pero isto último é outro cantar; así que imos ao que imos.


Segundo contan os diferentes corpos de policía que entenden do caso, o mesmo grupo de individuos foron os que ese mesmo día pola noite quebraron a tranquilidade de Ripoll, vila de Catalunya na que os desalmados tiñan a súa residencia,  as súas familias e moitas das súas amizades. Como se pode chegar a ese nivel de dexeneración da persoa? Pois parece ser que no nome dun deus, no nome de Alá, un fato de mozos novos, irreflexivos e coa mente deformada por un imán musulmán (que ven sendo o equivalente musulmán do “cura” católico, o “pastor” protestante ou o “rabino” xudeu) que ao que parece consideraba a todo aquel que non profesara a súa relixión como alguén “infiel” condenable, incluso  a morrer a mans dos convencidos. Todo elo no nome de Alá. Un pouco como a Santa Inquisición católica dos séculos XV a XVII, martelo executante e castigador de herexes. 


Aclarar que non é a miña intención identificar o feito de profesar a relixión musulmá con practicar a violencia ou dedicarse a liquidar a toda canta persoa non comulgue coas mesmas crenzas; nin que as persoas de crenzas musulmáns non poidan ser obxectivo dun grupo de desalmados integristas relixiosos; de feito a maioría dos mortos ou secuestrados no nome de Alá o foron en países onde a inmensa maioría ou unha parte importante da poboación é crente e practicante da relixión do Islam (Nixeria, Sudán, Siria, Paquistán, Iraq, ... por poñer algún exemplo).


O exercicio da barbarie no nome dun deus.

Mais a violencia exercida no nome do deus “Alá” non é exclusiva dos integristas islámicos. A historia da humanidade ensínanos que a inmensa maioría das barbaridades cometidas polas distintas civilizacións utilizaron como bandeira a relixión, o sometemento dos infieis, os herexes ou calquera outra denominación aplicada a aquelas sociedades ou persoas que non profesaban as mesmas crenzas (non necesariamente relixiosas) que quen promovía as accións violentas. Esa violencia “relixiosa” case sempre foi utilizada no nome de relixións monoteístas e as máis das veces con ánimo de obter beneficios de carácter económico; e, amais, no nome de relixións que teñen entre os seus principios básicos declaracións contra a violencia, contra o matar e, en xeral, contra o maltrato a outras persoas, que deben ser consideradas coma semellantes, coma irmás.


Imos citar unhas poucas desas barbaridades cometidas no nome dalgunha relixión. Aí temos as Cruzadas, cunha guerra de rapina da nobreza europea contra os países musulmás xustificada no nome do deus cristián; podemos citar, tamén, a conquista por motivos comerciais e de enriquecemento da Península Ibérica e territorios situados no mar Mediterráneo polos árabes, xustificada no nome de Alá; igualmente, a invasión e conquista de América polos reinos europeos despois de 1492, invasións animadas pola necesidade de fondos das monarquías absolutistas española, portuguesa e italiana e que foron realizadas poñendo por diante o nome do deus cristián. Realizáronse, tamén utilizando a relixión coma parte da escusa, barbaridades de tal calibre como o golpe de Estado de Franco contra a Segunda República Española e os asasinatos que seguiron ao citado golpe; asasinatos en cuxa planificación e realización participou un elevadísimo número de imáns católicos e que foron bendicidos pola xerarquía eclesiástica con total frialdade e naturalidade, como se formaran parte da relixión que dicían representar. A liquidación da democracia e dos dereitos democráticos no nome de Alá en Iran, Arabia Saudí e Catar ou, recentemente, en Turquía. O ataque ás torres xemelgas e outros obxectivos situados nos Estados Unidos; igualmente, o ataque terrorista múltiple realizado en Madrid o 11-M ou os realizados en distintas cidades europeas, de Iraq, de Afganistán ou de Sudán no nome de Alá. Ou a introdución de seitas evanxélicas, financiadas pola CIA, con alto poder económico para a súa expansión, en América Latina na época de auxe dos relixiosos católicos con inquedanzas sociais.


En todas elas, dende a Idade Media ata hoxe, os motivos reais desas accións perpetradas no nome dun deus e que xeraron morte, miseria, pobreza de moitos e enriquecemento duns poucos, que practicadas por asasinos sen escrúpulos (nobres cruzados, xeques ou caudillos do Islam, asasinos e mercenarios contratados polos promotores, falanxistas, gardas cívicos, xoves sen formación ou procedentes da marxinalidade social e, mesmo, curas), non tiveron como motivo real a imposición ou a defensa dunha determinada relixión, senón que as motivacións foron económicas ou políticas, como xa teño dito anteriormente.


Como sinalei antes, as relixións non predican tales cousas; normalmente, as bases nas que se asentan as diferentes relixións son pacíficas e integradoras. Logo, pregúntome eu: son as crenzas relixiosas as que xeran a violencia ou son as organizacións relixiosas as que alentan e facilitan que se produzan episodios violentos no nome das relixións que din representar coa finalidade de servir aos seus propios intereses ou como cómplices e colaboradores cos intereses de terceiros? É evidente que a intervención das organizacións relixiosas non adoita a mesma forma ao longo dos séculos. Así como tampouco as motivacións aducidas para cometer barbaridades no seu nome contra a humanidade foron as mesmas. Tampouco o número de participantes relixiosos e alentadores nas distintas accións criminais foi sempre o da totalidade da xerarquía da organización relixiosa comprometida.


É máis, hai máis que fundadas sospeitas de que moita da violencia exercida nos últimos tempos por elementos que actúan no nome do Islam foi ou é impulsada por axencias de información occidentais (fundamentalmente esa banda de asasinos internacionais baixo a dirección dos EE.UU. que é a CIA) para acadar obxectivos políticos. Artigos aparecidos nos diarios dixitais Público, La Marea ou Sermos Galiza, asinados cadanseus por Nazanin Armanian, Antonio Maestre e Xabier P. Igrexas, respectivamente, apuntan nesa dirección (poremos os títulos e as ligazóns ao remate deste artigo). Tamén parece máis que probado que a maior parte das persoas recrutadas para formar parte desa especie de milicias fanáticas basean as súas accións e actuacións criminais convencidos “por motivos relixiosos” impulsados por clérigos extremistas, posiblemente moitos deles a soldo de quen financia as operacións de terror.


É o fanatismo relixioso actual patrimonio exclusivo da relixión islámica?

Contra o que parece querer que se entenda, e tal como a historia nos demostra, o fanatismo baseado na relixión non é exclusivo dunha soa relixión.  Nas grandes organizacións relixiosas monoteístas, tanto cristiás coma musulmás, existen correntes extremistas perfectamente organizadas cuxos membros en calquera momento poden ser utilizados por intereses alleos ao propio sentimento relixioso para realizar actos de carácter violento.


Non é descoñecido que dentro relixión xudaica existen fanáticos ultraortodoxos perfectamente organizados e que conviven dentro desa organización confesional. E que son tolerados pola xerarquía da igrexa xudía como parte integrante da mesma. Estes integristas son a punta de lanza que o estado israelí utiliza coa finalidade de ocupar e colonizar terras palestinas, recoñecidas como tales polas leis internacionais, incluso matando ou calquera outra barbaridade que xustifican no nome da “recuperación da terra prometida”; cousa que, evidentemente, nada ten que ver con relixión algunha, aínda que sexa aderezada con roupas que non se corresponden con ela.


O mesmo pasa dentro da confesión católica, na que existen correntes extremistas e fanáticas perfectamente organizadas e con poder económico; correntes que captan a nenos e nenas dende moi xoves e que os adestran ideoloxicamente en comportamentos que nada teñen que ver coa doutrina da fe cristiá que din profesar (incitar ao xaxún, ofrecer dor a Xesús, ser soldados de Xesús, etc., como teñen afirmado algúns pais afectados e que tiveron o valor de denuncialo publicamente e diante das xerarquías da confesión). Non é moi difícil supoñer que as persoas formadas nese ambiente e “principios” acaban sendo moi submisas, nada críticas e obedientes; e que son pasto fácil para quen os queira lanzar por vías que nada teñen que ver coas relixións, facendo de forza de choque do extremismo bárbaro baixo a escusa de defensa de calquera escuro interese. Nos anos oitenta potenciouse polo Estado un organismo para o estudo das seitas, coa finalidade de determinar as que tiñan carácter destrutivo; unha destas correntes, o Opus Dei, que se sitúa dentro da Igrexa Católica, con moito poder e financiamento por parte de persoas ligadas  ao gran capital,  estivo a piques de ser considerada coma unha seita destrutiva, mais precisamente ese gran poder que moitos dos seus membros ou protectores teñen impediron que recibira tal cualificación. Podemos mencionar, tamén, aos chamados Legionarios de Cristo ou aos denominados Quicos, por falar doutras seitas con grande actividade e influencia. Pero, do mesmo xeito que a xerarquía xudía fai cos ultra-ortodoxos xudeus, tamén son tolerados e protexidos pola xerarquía da Igrexa Católica xunto con outras correntes extremistas católicas, pese ás bonitas palabras que pronuncia con frecuencia o seu actual xefe, o Papa Francisco, e que nada teñen que ver coa realidade práctica da confesión que lidera.


Do Islam xa non nos estendemos, pero aí están o wahabismo e o salafismo, protexidos e utilizados polos réximes saudís e catarís, amais de polos servizos secretos dos USA. E os chiitas de Irán, comprometidos coa causa contra a liberdades democráticas e a liberdade de crenzas, con brigadas relixiosas armadas para impoñer pola forza as súas crenzas e con grande poder. 
------------------------------------------------------------

Ligazóns aos artigos citados no texto:


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...