Hai
uns días, a proposta do goberno estatal español, estaba previsto que a UniónEuropea (UE) discutira e decidira sobre a posibilidade de que os idiomascatalá, éuscaro e galego pasaran a ser considerados coma oficiais dentro dos
organismos que conforman o espazo común europeo. Isto deu lugar a diversos
pronunciamentos non só no seo da UE, senón tamén no conxunto do Estado Español,
estando en contra desa oficialidade os partidos da extrema dereita Partido
Popular e Vox que, todo hai que dicilo,
fixeron gala de fidelidade ás súas orixes comúns franquistas.
Máis
non só foron os parlamentarios europeos do Partido Popular (entre os que hai algún
galego de orixe) os que fixeron propaganda contra esa oficialidade europea dos
idiomas galego, éuscaro e catalá; tamén a fixo o que a min sempre me pareceu que sente vergoña da súa orixe rural galega, o mesmo que hoxe preside o Partido Popular
español, Alberto Núñez Feijóo, que manifestou a súa opinión contraria a que o galego fora
considerado coma un idioma cooficial da UE. Posición nada estraña se temos en
conta as súas andanzas contra o galego nos moitos anos que ostentou a
Presidencia da Xunta de Galicia.
O Presidente da Xunta de Galicia:
Alfonso Rueda.
Todos os galegos sabemos que os
coñecidos coma “niños pijos de Pontevedra”
nunca tiveron a ben (agás algunha excepción que se me puidera coar) o falar
galego. E que tampouco ven con bos ollos a aquelas persoas que o falan porque é
a lingua cotiá na que desenvolven a súa vida na súa vila ou parroquia; “paletos” ou “aldeanos”, din deles. E mellor non escoitar o que estes "niños pijos" din daqueles urbanitas
que falan de forma cotiá no idioma de Rosalía e/ou que reivindican o poder
desenvolver a súa vida dentro da Galiza no idioma propio do país; hainos desde os que
simplemente cualifican está actitude, desprezando a quen a mantén, como de “rojos separatistas” ata aos que aderezan esa
“rojería separatista” con insultos ou
cualificacións de todo tipo, incluídos os de raíz homófoba e con alusións ao
paredón. Facendo gala todas esas persoas do pouco respecto ou de actitude violenta cara ás
opinións diferentes.
E
a que ven este parágrafo anterior?
preguntaredes. Pois non é moi difícil de adiviñar se consideramos que o
actual Presidente da Xunta de Galicia, don Alfonso Rueda, pronunciouse
publicamente encontra da posibilidade de que o idioma galego fora
considerado pola UniónEuropea coma idioma oficial no seu ámbito. E iso fíxoo desprezando a posición
unánime do Parlamento Galego, que en sesión plenaria pronunciouse en favor de
solicitar á Unión Europea a inclusión do galego coma un dos seus idiomas
oficiais. O cal podemos interpretar coma un desprezo total á Galiza. A conta disto venme unha pregunta á cabeza: E os deputados e deputadas do Partido
Popular que votaron favorablemente á inclusión do idioma galego entre os
oficiais da UE, que van facer diante do desprezo que o seu presidente de partido
e Presidente de Galiza fixo do seu voto? Van facer de ovelliñas obedientes manténdose en rebaño para que non lle perigue a poltrona ou van recriminar ao Sr. Rueda
a súa actitude? Eu non quero ser malo, mais coido que vanse inclinar pola primeira posición e dicir beeeeeee!.
Este
señor, Alfonso Rueda, de Pontevedra, xa desde os seus tempos máis mozos estivo implicado en
cruzadas contra o uso do noso idioma. A máis comentada e coñecida foi a manifestación
convocada por organizacións de carácter antidemocrático e fascista no ano 2009
en Santiago de Compostela contra o uso do galego; manifestación que foi
secundada por partidos de carácter centralista entre os que se atopaba o
Partido Popular, representado por un coñecido pontevedrés chamado Alfonso Rueda
e por outra pontevedresa de nome Ana Pastor, amais de todo un grupo representativo
do facherío antigalego e antidemocrático máis selecto do país.
A Consellería de Cultura, Lingua e
Xuventude.
“De Cultura, Lingua e Xuventude”. Estraño nome para unha consellería que non
fai máis que denigrar a lingua, menosprezar a cultura galega ao través das
súas políticas de subvencións de actividades e colectivos de edición e uso do
idioma, e que para a xuventude parece que só pensa en subvencionar os autobuses
e festivais nos que os seus principais números escénicos non usan nin defenden
a nosa lingua propia.
Pero
o de aquí ía do noso aldraxado idioma,
cada vez menos usado, cada vez máis vilipendiado e ocultado por unha
Administración Pública Galega que debería ser vangarda da súa defensa.
Primeiro foi esa administración, da man do Partido Popular que desde a Xunta de
Galiza gobernaba o país, coa lexislación
ditada desde o primeiro goberno de Núñez Feijóo ao través da Consellería de
Educación co chamado “decreto de
plurilingüismo no ensino” e co programa de subvencións á prensa escrita que
poñía o 17 de maio de cada ano a súa primeira plana no noso idioma pero que no
resto do ano dedicábase a espallar a propaganda anti-galego saída das filas do
PP e da Xunta. E, unha vez conseguida a conversión das públicas TVG e Radio
Galega en órganos de propaganda do Partido Popular, recortes na programación e
na produción propia e na emisión dos programas infantís e xuvenís en galego que
tan bo resultado deran na expansión do coñecemento e do uso do galego desde a
máis tenra infancia, sen que elo supuxera un menosprezo e unha discriminación
cara ao idioma común do Estado. Daquela, os nosos nenos e nenas, os nosos mozos
e mozas, co seus coñecementos idiomáticos, poderían desenvolverse perfectamente
en Galiza no seu idioma propio, en Portugal ou en calquera outra rexión ou país
onde a lingua oficial fora o español ou o portugués, cousa que hoxe (vistos os resultados do
estudo do IGE sobre coñecemento e uso do galego) non poderían facer.
O
Secretario Xeral da Lingua (para ser
máis xustos, poderían denominalo, mellor, como secretario de destrución xeralizada da língua galega) é un
personaxe moi peculiar nas súas aseveracións públicas. Normalmente nunca é o
primeiro en pronunciarse sobre as cuestións que afectan á nosa lingua; espera
sempre a que sexa outro manda-máis do Partido Popular quen diga algo para
despois, cal papagaio, dicir o mesmo. Non sei se é cousa de que non sabe que
dicir, se é cousa de instrucións recibidas dende arriba ou se é cousa de
conservación de poltrona. E, como era de esperar, unha
vez que Rueda e Feijóo pronunciáronse contra a oficialidade europea do
galego el, o señor don Valentín, saiu a dicir o mesmo que os seus xefes, coma bo mandado que adoita ser.
O estudosobre coñecemento e uso do idioma galego realizado polo Instituto Galego deEstatística (IGE)[i] ao longo do ano 2023 amosa uns resultados
demoledores para a política lingüística emprendida pola Xunta de Galicia desde
o inicio da presidencia de Núñez Feijóo na Xunta de Galicia, política
continuada pola Xunta de Rueda e que segue a escarvar nos mesmos termos que están
a erradicar o galego das escolas, dos xornais subvencionados, dos medios
públicos galegos de comunicacións e, coma consecuencia, das rúas. Este estudo compara o uso e coñecemento do idioma galego nos anos 2008 e 2023, desde dous anos antes da entrada en vigor do decreto de plurilingüismo no ensino ata o 2023. O que deixa en evidencia a política destrutora do idioma seguida polo Partido Popular en Galiza.
Este estudo do IGE dinos moitas cousas das que
destacamos: No referente á capacidade
para expresarse en galego da poboación comprendida entre os 5 e os 14 anos,
que experimentou un retroceso do 110% entre os anos 2008 e 2023; e sobre o uso do cotiá do idioma amósanos que,
entre esas datas, solo usan o español como lingua cotiá o 53,6% da poboación de
entre 5 e 14 anos e o 43% da comprendida entre os 15 e os 29 anos. Isto, polos anos que o IGE utiliza para ver a
evolución no uso e coñecemento do noso idioma demostra sobradamente que o
declive no coñecemento e uso do idioma galego prodúcese desde a entrada en
vigor do famoso decreto de plurilingüismo no ensino e da desaparición da
programación educativa, infantil e xuvenil en galego dos medios de
comunicacións públicos (TVG e RG).
Diante dese estudo que desmontaba toda a propaganda que PPdeG e Xunta de Galiza
tiñan fabricado arredor da potenciación do idioma galego, a reacción do
goberno galego foi poñer en cuestión a calidade do mencionado estudo, indicando
nalgún intre que eles tiñan outro estudo (do que ninguén explicou a súa procedencia
nin os parámetros estatísticos nos que ese estudo se baseaba) que desmentía os
resultados do IGE; a evidencia de que isto non se sostiña nin con cemento
armado era tan clara que pronto meteron este argumento no tinteiro.
Outra das reaccións diante do excelente estudo
do IGE sobre o coñecemento e uso do idioma galego foi a do fiel escudeiro do
conselleiro do ramo, o Secretario Xeral de Lingua don Valentín García, que sen
cortarse nin un pelo tacha os datos proporcionados polo IGE como “non
fiables” e o estudo como “irrelevante en demoscopia e sociolingüistica”
(realmente, ese Valentín sabe do que fala?); e xa non busco o que puidera dicir
o voceiro do PPdeG no Parlamento Galego porque a cousa pode ser tan forte que
non sexa apta para horario de público infantil.
Estas actitudes do Partido Popular e da Xunta
de Galicia no seu conxunto de poñer en cuestión os estudos realizados por
organismos autónomos da Administración Pública Galega empeza a ser preocupante,
sobre todo tendo en conta o que fixeron cos medios de comunicacións públicos desde
a entrada na presidencia da Xunta de Galicia e Núñez Feijóo e a lexislación que
baixo a presidencia de Alfonso Rueda sobre estes medios se están a realizar.
Porque o do estudo do galego polo IGE non é o único caso; están o ditame do
Consello de Contas de Galicia sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e o do
Consello da Cultura Galega sobre a instalación da macrocelulosa ALTRI en Palas
de Rei, ambos contradicintes da propaganda e posicionamento do Partido Popular
e da Xunta de Galicia sobre eses temas.
Mobilización popular do 17 de maio
Como xa fixera meses atrás, o 17 de maio, Día
das Letras Galegas, o pobo da Galiza
volveu dar unha lección a todos esas persoas desvergonzadas que desde a Xunta
de Galicia e desde o Partido Popular se dedican a tentar de enterrar para
sempre o noso idioma pero que ao través da propaganda, propia e da que
gratuitamente lle facilitan os seus amigos da prensa a cambio das cuantiosas
subvencións que reciben, pretenden que comunguemos con rodas de muiño e nos
traguemos a ilusión de que eles coidan de que o noso idioma teña unha longa
vida e un uso normalizado. A creación desa Consellería de Cultura, Lingua e
Xuventude é unha desas medidas propagandísticas nas que se agrupan esas tres
importantes facianas da vida dun país pero que como coas demais fagan o mesmo
que co galego...
O 17 de maio milleiros de persoas patearon as rúas de Compostela reivindicando o
noso idioma e criticando as medidas e o desprezo que o Partido Popular e a
Xunta de Galiza teñen cara a el e que están a propiciar a súa desaparición. Reivindicando o poder vivir a súa vida no
seu propio idioma e na súa terra. Desprezando a todos aqueles que como Alfonso
Rueda, Núñez Feijóo, o Secretario Xeral da Lingua, o Conselleiro de Educación e
a todos aqueles cargos públicos peperos que só usan o galego coma unha
formalidade inherente ao seu cargo pero que no fondo non poñen ningún reparo á
súa desaparición (incluso aqueles hipócritas que presumen de galeguistas, que
os hai). Reivindicando un futuro para o galego.
...Pero seguen coa súa agresión continuada contra o galego.
Pese a todas as mobilizacións populares de carácter moi masivo habidas desde a promulgación e imposición do famoso "decreto de plurilingüismo no ensino" (cada unha con máis participación que a precedente) ata chegar a importantísima deste pasado 17 de maio, que rematou cunha foliada na Praza do Obradoiro.
Pese, tamén, a todas as asociacións educativas e populares, así como organismos públicos de carácter autónomo, como a Real Academia da Lingua, que se teñen pronunciado polo mal trato ao que a lingua galega está sendo sometida pola Xunta de Galicia e os seus subconxuntos (consellerías, direccións xerais, secretarías xerais,...), así como polo Partido Popular de Galicia e do Estado.
Pese ás numerosas e sucesivas reclamacións procedentes dos claustros de profesores e profesoras dos distintos centros educativos e dos sindicatos representativos do profesorado para que se derrogue o decreto de plurilingüismo no ensino.
...E moitos máis "pese a que..."
Pese a todo iso, a Xunta do Partido Popular, esa Xunta que quer rematar coa presencia pública do noso idioma, non recúa. esa Xunta á que cada vez máis galegos e galegas que rexeitamos estar sometidos a caciques e prisioneiros de ameazas veladas; esa Xunta que segue tendo moito voto refén e que utiliza os mecanismos ancestrais do caciquismo para manterse na poltrona; esa Xunta que ten do seu lado ás editoras de numerosos xornais, emisoras de radio e televisión; e que controla con man férrea os medios de comunicacións públicos impedindo a presencia de pluralidade de todo tipo nos mesmos (informativa, artistas, producións, debates,...).
Se queremos que o idioma propio da Galiza, o galego, sobreviva como unha parte esencial da nosa identidade propia e unha parte integrante da nosa rica cultura propia, cultura que non podería ser entendida se non é conxuntamente co noso idioma, só nos cabe rematar co dominio político da bazofia política no noso país; rematar co dominio político das ideas de ultradereita e unificadoras da diversidade cultural e lingüística; e esa bazofia política, na actualidade, son o Partido Popular e as bandas nazi-fascistas lideradas por Vox, o partido de Abascal.
Porque como dicía o noso querido e admirado Castelao, personaxe odiado e vilipendiado por esa bazofia á que antes teño mencionado (aínda que algúns dos integrantes da mesma pretendan apropiarse do personaxe para esconder a súa miseria ideolóxica e o seu compromiso con Galiza): "Se ainda somos galegos é por obra e graza do idioma".
[i] O IGE é un organismo autónomo da Adminsitración Galega
que ten por finalidade facer estudos sobre os distintos aspectos da realidade
da Galiza (economía, cultura, poboación,...)