Amosando publicacións coa etiqueta Brutalidad. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Brutalidad. Amosar todas as publicacións

02 outubro 2017

2 de Outubro: Carta aberta a Mariano Rajoy

Na Galiza, a domingo  1º de outubro de 2017
Sr. Presidente do Goberno do Estado:

    Hoxe, como cada domingo que podo, erguinme pasadas as nove da mañá. Prendín a radio coa finalidade de escoitar o que acontecía en Catalunya e, alarmado polas novas que na emisora escollida comentaba algún dos intervintes nunha especie de tertulia fun a ver si nalgunha emisora de TV había imaxes (por suposto que, ao querer algo non propagandístico e que non tivera as novas manipuladas, non escollín TVE, que coido que nada falou do tema durante a mañá).

    E a verdade é que fiquei abraiado cando vin como membros da Policía Nacional ou da Guardia Civil botaban abaixo portas interiores de colexios, ou cando cargaban contra os cidadáns que pacificamente insistían en exercer o seu dereito a decidir. Lembráronme os meus tempos de estudante universitario, cando a policía franquista entraba “a saco” nas facultades, tamén para “defender a legalidade”, e cargaba contra toda persoa que se lle poñía por diante. Dado que os tempos e a Universidade na que eu estudei era a mesma que a súa, lembrarase vostede tamén de semellantes barbaridades e atropelos contra aquelas persoas que o único que pedían era poder votar e escoller aos seus gobernantes. Certo que vostede e eu non estabamos no mesmo bando; vostede estaba, admiraba e defendía ao bando do xeneral Franco (ese golpista, militar e asasino, que provocou e induciu milleiros de mortos -en accións de guerra e asasinados na retagarda- e desaparecidos  neste país- ) mentres eu estaba e sigo estando no bando que esixe liberdades democráticas. E dígollo con coñecemento de causa porque eu tamén nacín e vivín na provincia de Pontevedra, na que vostede era un significado membro discípulo dun dos maiores ideólogos do movemento fascista español (Movimiento Nacional, dicíanlle), Gonzalo Fernández de la Mora, home que votou (posiblemente coma vostede) contra a aprobación da vixente Constitución Española.

     Acabo de decidir deixalo por hoxe. Estou moi quente como para seguir. Vou esperar a mañá e ver como discorre o día, amais de coñecer máis detalles ao traveso das televisións que informen e os diarios españois e estranxeiros que fagan o propio. Ata mañá.


Na Galiza, a luns 2 de outubro de 2017

     Ola, bo día Sr. Rajoy. Teño que dicirlle que sigo a estar moi enfadado polo que ten pasado onte en Catalunya e polas reaccións que vostede e o seu goberno tiveron diante dos graves feitos acaecidos nesa comunidade autónoma. Non se pode negar a brutalidade policial exercida por Guardia Civil e Policía Nacional na xornada de onte, e tampouco tirar balóns fora e botarlle a culpa de tales feitos e comportamentos aos dirixentes políticos autonómicos do país catalá (salvando as evidentes distancias, esas desculpas lémbranme aos que culpan ás vítimas que morren por estar onde eles poñen as bombas ou onde bombardean). A culpa é súa e do seu goberno como máximo responsable das actuacións policiais; e, tamén, dos mandos que induciron ou non evitaron a desmesura por parte de numerosos membros das forzas ás súas ordes. Para mostra, dous botóns da desmesura policial cuxo enlaces ao portal de You Tube  lle remito:

https://www.youtube.com/watch?v=4zBwNifMxYg  (arrastrando a unha moza polas escaleiras; ¿Rompéndolle os dedos?)

https://www.youtube.com/watch?v=dI6k-HQgmmU (energúmeno collendo impulso nas escaleiras para patear más forte a quen xa está no chan)

      Só vostedes son responsábeis, por moito que o seu coro mediático trate de desviar as miras cara outra parte. E para facer de testemuñas están aí os diferentes xornais europeos, que non son parte directamente implicada no asunto catalá: “Hundreds hurt as Catalonian poll descends into violence” (The Guardian); “Catalogne. Le Coup de Force” (Liberation); “Spain’s day of shame” (The National); ”Brute Force. Hundreds injured Spanish riot police try to stop catalan ‘referendum’ “ (Free Metro);”EU crisis over Catalan poll violence” (The Daily Telegraph); ... e así sucesivamente. Amais das numerosas críticas de parlamentarios e políticos demócratas europeos, moitas delas silenciadas polos medios españoles.

     Non se pode actuar así contra uns cidadáns que pacificamente amosan a súa resistencia civil, xa que estas actitudes cidadáns (igual que os escraches) son propias dunha democracia, cousa vostedes esquecen e do que parece que con vostede e os seus non é posible. Parece que cando ve que moitas persoas se xuntan pacificamente para reclamar na rúa aquilo que consideran que é xusto e que un goberno debe darlle, vostede esquécese da política e a única resposta que coñece é a de “ordeno e mando” (esa que con tanta facilidade vostedes colócanlle con frecuencia aos mandatarios venezolanos) . Menos mal que desta vez non apareceu ningún “compañeiro” disfrazado de antisistema, con pulseriña de bandeira española e provocando para xustificar cargas como xa pasara nas protestas que houbera en Madrid un 22 de marzo de 2014, día no que tamén se “luciron”.

    Tampouco nada positivo se pode tirar da declaración institucional feita por vostede na noite de onte, que non foi máis que renovadas racións do seu erre que erre. Nin tampouco das declaracións realizadas na mañá de hoxe polo seu Ministro portavoz nas mañáns da Cadena SER. Amais, mellor esquecer as declaracións realizadas pola señora Vicepresidenta no mediodía de onte ou polo señor Ministro do Interior nese mesmo día.

     Ninguén dubida de que as instancias xudiciais correspondentes declararon ilegal o referendo, nin que diante desa tesitura o seu goberno tiña que actuar. Outra cousa e o como. Porque os xuíces, que eu saiba, non lle din aos corpos de seguridade que dean hostias a troche e moche a todo o que se resista pacificamente; os que din iso son outros. E estes últimos non teñen cabida dentro das institucións dun sistema democrático.

    Non vou facer balance histórico do problema catalán, porque iso excedería amplamente os obxectivos de protesta literal e pacífica. Pero si que vou dicirlle que unha parte importante da culpa tena o partido que vostede preside, o Partido Popular, por recorrer diante do Tribunal Constitucional un estatuto aprobado pola inmensa maioría dos representantes políticos dos cataláns e referendado máis que amplamente por esa cidadanía. Un estatuto que contiña artigos que outros estatutos de autonomía tamén conteñen e que non están declarados inconstiucionais nin tampouco foron recorridos. A outra parte de culpa é súa e dos seus gobernos por non afrontar desde a súa chegada dunha forma política e dialogada o denominado “problema catalán”, que todo o país sabía da súa existencia, e deixando que as cuestións políticas apodreceran para, diante da súa incapacidade, traspasarlle posteriormente o “marrón” aos tribunais de xustiza. Impresentable.

     Mire, señor Rajoy, Catalunya afortunadamente ten unha cidadanía que nada ten que ver coa de Galiza. Unha cidadanía consciente dos seus dereitos, unha cidadanía organizada e asociada, cunha cultura social que para nós quixeramos moitos pobos do mundo. Unha cidadanía que sabe expresar pacificamente as súas arelas, e que tamén sabe resistirse pacificamente diante do que considera inxustizas; aínda que iso lle custe ter o corpo mazado, a cabeza aberta ou os dedos rotos. Cunha policía que ten mostrado (a verdade que me sorprendeu positivamente) o seu saber facer, que sen desobedecer as ordes xudiciais, e sabendo que desde a toma dos sistemas informáticos o referendo estaba máis que rematado, soubo cumprilas con mesura e sen violencia. Cun respecto inmenso pola resistencia pacífica realizada por unha importante e numerosa parte dos cataláns.

      Se eu residira en Catalunya, onte e despois das 10:00 horas da mañá, houbera decidido a ir a votar. Non para darlle a razón aos convocantes do “referendo”, senón para quitárllela a vostede e ás actuacións que motivaron este longo escrito. E, efectivamente, como non é difícil pensar, eu son partidario do dereito a decidir, tanto dos catalás como de todos os pobos que así o demanden con maiorías parlamentarias. E penso que só eles deben decidir o seu futuro e con garantías que deben de proporcionarlle os Estados dos que forman parte. Asemade, dicirlle que non me gustan as fronteiras, que me considero cidadán do mundo e non me gusta que ninguén me poña dificultades para moverme polo planeta adiante, e que xa hai fronteiras dabondo como para poñer aínda máis.

       Por último, pedirlle formalmente que dimita. Que dimita vostede e o conxunto do seu goberno e secretarios de Estado; porque supoño que se ninguén ten dimitido despois do de onte é que concordan coas formas e os modos de actuar que se viron onte en Catalunya. Estimo que son vostedes incapaces e incompetentes para exercer a gobernanza dun país moderno e que quere vivir en democracia, que son incapaces de aprender do positivo doutros e incorporalo ás súas actuacións (aí temos aos veciños portugueses que saen da crise sen reprimir aos seus cidadáns nin recortarlle os seus dereitos sociais e económicos). En definitiva: non serven. Váianse.

     Sen máis, reciba atentos saúdos de

        Xesús X. Fernández Iglesias.

P.D./ Informarlle que, posiblemente, este escrito será publicado en forma de carta aberta no meu blogue. Aínda non o teño decidido.



O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...