Amosando publicacións coa etiqueta El progreso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta El progreso. Amosar todas as publicacións

08 febreiro 2024

Galiza defende a súa sanidade pública das agresións ás que a somete o Partido Popular

         

        O pasado día 4 de febreiro unha gran parte da poboación da Galiza desprazouse cara a Santiago de Compostela e botouse á rúa en defensa dunha sanidade pública que está a ser, esnaquizada e vendida polo Partido Popular en pequenos cachos, ou en grandes lotes, ás grandes compañías que negocian e fan da sanidade e da saúde da poboación (que pode pagala) un obxecto de negocio. Lotes de venda e privatización que levan incluídos todos aqueles servizos precisos para que calquera servizo que teña por centro a prestación de servizos de saúde poida funcionar cuns mínimos aceptables: aparcadoiros, servizos de limpeza, servizos de laboratorio, servizos de ceas e xantares aos doentes ingresados, servizos de ambulancias, etc.

        Contrariamente ao que afirman desde a Consellería de Sanidade e doutras instancias da Xunta de Galicia e do Partido Popular (cuxas consignas son estendidas e repetidas de forma reiterada e insidiosa unha e outra vez polo lixo mediático -a maioría da prensa editada na Galiza, tanto en papel coma en edicións dixitais- , que secunda e anima as políticas seguidas polo mencionado partido) a manifestación é un acto que forme parte de ningunha campaña electoral "da esquerda" pois estaba xa convocada moito antes de de o incompetente que preside a Xunta de Galicia tivera convocado as próximas eleccións do 18 de febreiro.

        Numerosas plataformas cidadáns que velan pola sanidade pública e procedentes dos máis distantes recunchos do país, numerosas asociacións de pacientes, numerosas asociacións e sindicatos médicos e de enfermaría, sindicatos de clase, colectivos representativos de xubilados e das persoas maiores, colectivos de enfermidades determinadas e/ou raras,... É dicir unha ampla representación de toda a cidadanía galega ten participado na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública o pasado día 4 de febreiro en Compostela, sen distinción de ideoloxía, con toda a pluralidade que pode darse nun país coma o noso. Dende Ferrol ata Valdeorras, dende Ribadeo ata A Garda, dende o Cabo Ortegal ata Verín, dende a Costa da Morte ata A Mezquita e Navia de Suarna... veciños e plataformas diversas estaban presentes na que resultou ser unha grande mobilización cidadán en contra das políticas de desmantelamento da sanidade pública que está a levar a cabo o Partido Popular.

        Políticas sanitarias da actual Xunta de Galicia de depredación do público, para favorecer ás compañías aseguradoras de saúde, favorecer ás compañías de servizos médicos privados (que supeditan a saúde da poboación á saúde das súas contas de resultados) e favorecer ás multinacionais farmacéuticas, que ven nos sistemas de saúde baseados na atención medicinal sistemática unha fonte de grandes ingresos que un sistema público de saúde baseado na prevención non lles proporcionaría. Unhas políticas que, como noutros eidos da gobernabilidade da Galiza, son produto non só da vontade dos gobernantes senón da aceptación das presións exercidas polas grandes corporacións industriais, fondos de investimento e corporacións bancarias, impulsoras estas últimas de coñecidas aseguradoras de saúde.

        Máis estes depredadores do público non están sós. Teñen o apoio de numerosos grupos de comunicación que non dubidan en minimizar, ocultar, retorcer a información ou -nalgún caso- directamente mentir sobre todo aquilo que poida prexudicar dalgún xeito á dereita económica e á dereita política. E, sen medo a errar, podemos afirmar con rotundidade que neste tesitura están a case totalidade das cabeceiras editadas en Galiza que teñen como soporte o papel, así como algunhas emisoras radiofónicas locais (integradas ou non en cadeas estatais). Por suposto que xa non falamos daquelas xeradoras de novas ligadas á RTVG, onde a manipulación diaria das novas en favor do Partido Popular é máis que evidente como denuncian os seus propios traballadores e as súas traballadoras. Mais que unha cadea pública, a RTVG parece unha empresa particular que actúe coma voceira e propagandista do Partido Popular na Galiza.

E que dixeron os principais xornais da Galiza, editados en papel, sobre a mobilización?

        Non hai mellor forma de demostrar a ligazón ideolóxica dun xornal, aliñada ou non co Partido Popular,  así como o respecto que lle teñen ás persoas que mercan o xornal para se informar, que ler o que din nas súas portadas a respecto da grande mobilización social en defensa da sanidade pública acontecida ese 4 de febreiro en Santiago de Compostela. Vexamos o que nos din as portadas dalgúns dos máis importantes medios editados en papel na súa edición do día 5 de febreiro.

(No caso de que as portadas inseridas no texto non se vexan ben, poderemos abrilas en imaxe pulsando sobre o título do xornal)

1. Empezaremos pola portada de La Voz de Galicia

    Como podemos observar, este xornal réstalle importancia á mobilización popular en defensa da sanidade pública. Este é un xornal, adscrito a un grupo de comunicación propiedade dun personaxe coruñés coñecido polas súas ideas de dereita extrema, cuxos principais columnistas teñen a mesma adscrición e/ou son propagandistas militantes en favor do Partido Popular.

    Pois ben (e como non podía ser doutro xeito) segue consigna adoitada polos conselleiros e o Presidente da Xunta de Galiza, do Partido Popular,  de atribuír a autoría e convocatoria da manifestación á esquerda e poñéndoa coma un acto de campaña electoral, obviando que nela ten participado un amplo espectro ideolóxico e que foi convocada por SOS Sanidade Pública con bastante anterioridade á convocatoria electoral.

    Pese a ser o máis importante e relevante acto cidadán acontecido ese día na Galiza o espazo que lle asigna é mínimo e no recuncho inferior dereito da portada, cunha pequena foto, na que nin sequera se amosa o motivo da mobilización, e un titular que supón unha clara manipulación da realidade ao ligalo á esquerda política e á campaña electoral (manipulación de libro). Non sei cal sería o contido interior da nova (se é que aparece); pero como xa teño dito en numerosas ocasións eu os xornais os leo e os merco para me informar; e neste caso, por moito que me interesara saber o que dixo, a cousa só podía tela lido ben mercando o xornal ou ben subscribíndome á edición electrónica. E non é cousa de tirar os cartos. Por desgraza unha parte dos meus cartos fan parte das elevadísimas subvencións e pagos por publicidade que este grupo de comunicación recibe da Xunta de Galicia. E, neste intre non sei si tamén ten a Xunta, ou calquera dos organismos dela dependente, subscricións de numerosos exemplares deste xornal que van parar aos lugares máis variados.

2. Seguiremos pola portada do Faro de Vigo.

    Neste xornal do grupo Prensa Ibérica, que pon a nova nunha tira por baixo da cabeceira, con fotos a ambos lados do titular pon un titular irreal e, tamén, coincidente coa mensaxe que en días anteriores e posteriores lanza o Partido Popular: "La sanidad entra en campaña como arma de desgaste". Evidentemente, a sanidade non entrou en campaña; as numerosas e plurais organizacións que conforman SOS Sanidade Pública, convocantes da mobilización, levan anos esixindo unha mellor sanidade pública e opoñéndose ao desmantelamento que o Partido Popular está a realizar con ela en favor da privatización. Notar que é o Faro de Vigo outro dos grandes beneficiados polas subvencións e pagos por publicidade realizados pola Xunta de Galicia e outros organismos dela dependentes.

3. Ímonos agora a Ourense a ver que pasa con La Región.

Neste xornal o máis importante acontecemento social acontecido ese domingo na Galiza nin sequera parece merecer unha simple mención na súa portada.

Pese a ser un xornal que maior lectura ten en toda a provincia, e pese a ser toda a súa poboación afectada de forma negativa polos recortes da sanidade pública, tanto na atención primaria como na hospitalaria, parece que non queren informar aos seus lectores do que ocorre na Galiza. Os tres hospitais públicos da provincia con recortes, desmantelamentos e unhas listas de espera insoportables; a súa atención primaria esnaquizada, con falta de médicos de familia e pediatras; os tempos de espera para consultas insoportables... Pero este xornal non lle conta ás persoas que o len, polo menos na primeira páxina, que milleiros de concidadáns seus galegos se desprazaron a Compostela para esixir un troco nas políticas sanitarias da Xunta de Galicia.

        Certo é que posiblemente este xornal non podería subsistir de non ser polas subvencións, publicidade e subscricións coa que anualmente o rega a Xunta de Galicia que rexenta o Partido Popular.

        Non sei se nas páxinas interiores di algo, máis non me estrañaría que non o fixera; e se o fixo, vaia vostede a saber cal foi o enfoque da nova; aínda que imaxino que estaría arredor da consigna de todos os demais e do Partido Popular. Mentiras.

4. Para ver como se informa á cidadanía lucense que mellor que ver a portada de El Progreso?

    Titular a unha columna en pequeniño, debaixo dunha nova destacada referente ao Consello Xeral do Poder Xudicial e outra referente á unha publicación sobre Umbral.

    Aínda que o gran titular político está referido á campaña electoral e ao debate a realizar na TVG a medida de Alfonso Rueda, a referencia á mobilización á que nos estamos referindo, aínda restándolle importancia á súa magnitude podemos dicir que é, dos analizados ata agora, o máis acaído na súa formulación; simplemente se dedica a dicir en formato inversamente proporcional á magnitude do evento que "miles de personas se concentran para exigir mejoras en la sanidad". (exceptuamos La Región que, como temos visto, silencia a información na súa portada).

5. Que pasa por Santiago? El Correo Gallego.

     Xornal do grupo Prensa Ibérica, como o Faro de Vigo e La Opinión de Coruña, que ten unha grande implantación en toda a comarca da Mahía e na de Arousa. Fonte de información para gran parte da cidadanía deses territorios.  E, amais, un dos grandes beneficiarios da percepción de fondos públicos destinados pola Xunta de Galicia do Partido Popular á prensa por diversos conceptos.

    A este xornal, a diferenza dos seus curmáns de grupo de comunicación,  non lle queda máis remedio que poñer na primeira plana o gran acontecemento social acontecido en Santiago: a marcha en defensa da sanidade pública. E así é como titula con letra de tamaño medio (e debaixo do destaque das serias estupideces atribuídas a Núñez Feijóo, destacadas con letra grande).

        E cando digo que "non lle queda máis remedio" refírome a iso. Que lles parecería aos lectores santiagueses dese xornal se non fixera referencia ao maior acontecemento ocorrido nesa cidade no día anterior? Non o entenderían.

E 6. La Opinión- A Coruña  e Diario de Pontevedra.

        Estes dous xornais editados en papel non teñen tanta relevancia a nivel de lectores e lectoras como os citados con anterioridade, pero si unha certa implantación nas cidades nas que son editados. Para ver as súas portadas do luns 5 de febreiro basta con pulsar sobre o nome de cada un deles.

        O primeiro, La Opinión - A Coruña é outra das cabeceiras propiedade de Prensa Ibérica. E como se pode ver na súa portada so aparece unha pequena referencia (e medio oculta) ao importante acto de defensa da sanidade pública acontecida o día anterior en Santiago, misturada cos grandes titulares das tontalladas de Núñez Feijóo. Pura propaganda do Partido Popular en portada, disfrazada de nova. Vale, estamos nas vésperas do Antroido.

        No que se refire ao Diario de Pontevedra, dicir que se menciona que "miles de personas defienden en la calle la sanidad pública gallega", mais no mesmo nivel e coma nova inicial de portada (supoñemos que coma contraposición da primeira) fala de que "el nuevo hospital de Pontevedra, en el que se han gastado ya caso 90 millones, culmina su fachada". E isto ocorre nun xornal cuxa área de influencia situase na capital da provincia e nunha área de saúde que presenta un dos maiores problemas de atención sanitaria pública de toda Galiza. Ao mellor é que van colgar da fachada do hospital aos pacientes que non caiban nas habitacións ou non teñan atención médica nas súas vilas.

        En fin, este é o panorama informativo que temos nos xornais máis lidos na Galiza e que se editan en papel. E que, evidentemente, están en campaña electoral en favor do Partido Popular. Para estar informados.

Agradecemento da plataforma SOS Sanidade Pública.

        Para rematar, poñer a nota emitida por SOS-Sanidade Pública o pasado 6 de febreiro en agradecemento a todas as persoas e entidades que participaron na gran mobilización en defensa da sanidade pública o pasado domingo 4 de febreiro.





 


 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...