Antonte
en Verín os veciños e veciñas da comarca de Monterrei, acompañados
por outros moitos cidadáns de doutras comarcas afectadas por
procesos de recortes sanitarios, manifestáronse contra o peche do servizo de paritorio e pediatría no Hospital de Verín.
En
realidade o peche dos servizos mencionados foi a gota que colmou o
vaso. Porque non foi máis que un paso máis, dos moitos dados pola
Xunta de Galicia que preside o incríbel (incriblemente inutil,
claro) Alberto Núñez Feijóo amparado polo partido franquista
Partido Popular, en aras a desmantelar o sistema sanitario público
na Galicia.
Supresión
de servizos e camas no Hospital Comarcal Valdeorras; supresión do
número de camas públicas hospitalarias, supresión de médicos de
familia, de pediatría, persoal auxiliar e de enfermería no conxunto
dos centros de saúde e hospitais públicos da comarca viguesa;
intentos de vender como ampliacións de servizos a apertura de novos
centros presuntamente avanzados que na realidade non supoñen nin o
aumento de servizos de saúde esenciais, nin de especialidades que
supoñan un aumento sobre o que xa hai nos centros de saúde, como
está a ocorrer en Cangas do Morrazo, no que se ofrece un CIS novo
con peche do centro de saúde actual no que a única innovación vai
ser a apertura de servizo de radiografía de tarde (nen sequera pola
noite en urxencias). O mesmo pasa na provincia da Coruña, xa pasou
en Lugo e segue a pasar na capital ourensá.
Mentres,
a desviación de servizos cara aos servizos privados de saúde segue
a ser continuada. En Vigo un moi importante número de beneficiarios
de servizo de saúde teñen as súas consultas de especializada e os
servizos hospitalarios nas mans dun hospital privado, POVISA. Dadas
as importantes listas de espera que hai na sanidade pública por
falta de profesionais (non porque non os haxa, senón porque
simplemente non os contratan ou non os contratan en condicións)
moitas das intervencións cirúrxicas son enviadas a clínicas
privadas, procedendo dese modo, e de facto, á privatización dun
servizo de atención sanitaria que debería ser de carácter público.
Outra das forma que ten a Xunta de Galicia e a Consellería de
Sanidade de potenciar o uso dos sistemas sanitarios privados é
cultivando o desprestixio da sanidade pública; isto é consecuencia
de toda a política de recortes, tanto de servizos como de persoal,
que teñen como consecuencia que unha gran parte da poboación
desconfíe das bondades da sanidade pública por falta de atención
ou por tardanza en facilitar esa atención. Isto maniféstase no
aumento progresivo das afiliacións a compañías de seguros médicos
privados e que en moitos casos os e as doentes acoden a especialistas
privados debido á tardanza na que no sistema público (mal xestionado polos
incompetentes do Partido Popular) lle conceden as citas,
incluso as declaradas preferentes ou urxentes. Así danse casos de
consultas de enfermidades graves cuxa espera supera os dous meses ou
máis. E tamén o crecemento de numerosas clínicas privadas en vilas
de tamaño grande.
As
protestas súmanse unhas tras das outras. Non só son os e as
verineses, os valdeorreses e valdeorresas, os cidadáns da Mariña
lucense e todas as persoas do medio rural que ven como continuamente e
de seguido se recortan os seus servizos sanitarios públicos. Tamén
son os vigueses e supoño que os cidadáns do resto do territorio de
Galicia.
E
cando digo que supoño é porque a información sobre os conflitos
xerados pola mala xestión dos servizos públicos que dependen da
Xunta de Galicia apenas aflora nos xornais galegos e, por suposto,
tampouco nese mecanismo de propaganda ao servizo do Partido Popular
no que teñen convertido á televisión pública galega. Ao mellor
informan nas páxinas locais dalgún xornal, ou de xornais de
carácter provincial, do que xa alí todo o mundo coñece e que non
poden silenciar. Outras veces nin iso. E no resto das edicións
doutras comarcas ou provincias distintas daquelas na que discorre a
protesta, nin mentala.
Os
xornais de Galicia, agás coa excepción dos que unicamente se
publican unicamente en edición dixital, non informan de forma
obxectiva do que ocorre no noso país. Os dous xornais publicados en
papel con maior difusión de Galicia perecen servir aos intereses
partidistas do Partido Popular e non aos intereses informativos do
conxunto dos cidadán. Mesmo a algún destes medios en papel se lle
pode confundir coma se fora o voceiro oficial do citado partido
político, tanto polas súas ocultacións como polo seu contido en
temas que poden resultar conflitivos para as aspiracións políticas
do Partido Popular. Ocultación de mobilizacións cidadáns de
carácter diverso, impedimento de acceso ás páxinas de opinión de
organizacións políticas e de carácter cidadán (plataformas
sanitarias, asociacións de veciños, sindicatos,...) que poidan
contradicir ou denunciar as posicións oficias da Xunta de Galicia e
do Partido Popular. Parecen máis un medio de desinformación e
manipulativo que medios de información do que realmente ocorre no
país e do que pensa a sociedade que o vertebra.
O
mesmo pasa nas emisoras radiofónicas de carácter local: moito
folklore e pouca información e diversidade de opinións sobre temas
que poidan desgustar ao partido que goberna a Xunta de Galicia. Ás
veces, e nalgunha e illada cadea de emisoras, podemos escoitar
diversidade de opinións e información sobre o que ocorre no país;
iso si, nos boletíns de carácter estatal e, ao mellor, nos de
algunha emisora local que depende da central desa cadea de emisoras.
No resto, mellor chapar; e xa non digamos nada da cadea pública
galega... porque iso é de traca.
En
fin, apodrecen todo o público por onde pasan. E non digo que o fagan
mal, que non é iso. Estou seguro de que o que fan, o desmantelar o
servizo público de saúde e o resto dos servizos públicos, o
realizan coa eficiencia por eles buscada. O que pasa é que non
queren que os servizos públicos sexan de calidade; o que queren é
beneficiar ás empresas privadas de saúde, de ensino e de coidados.
Por iso hai que botalos. E canto antes, mellor.