Amosando publicacións coa etiqueta Subvencións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Subvencións. Amosar todas as publicacións

10 febreiro 2020

A defensa da sanidade pública e os principais xornais de galiza

Onte, 9 de febreiro, entre as 17:55 horas e as 18:32 horas estiven ollando os principais xornais de Galiza, nas súas edicións dixitais, para ollar as informacións neles aparecidos sobre a manifestación convocada para ese mesmo día ás 12:00 pola plataforma SOS Sanidade Pública como protesta pola ultradeficiente situación da sanidade de titularidade pública na Comunidade Autónoma galega. Os xornais analizados foron aqueles de Galicia que tamén teñen edición en papel. A particularidade destes xornais é que todos eles reciben inxentes fondos monetarios da Xunta de Galicia por diversos conceptos, desde axudas polo uso da lingua galega (cousa en moitos casos incomprensible) ata as máis peregrinas, pasando pola publicidade institucional declarada e a publicidade institucional máis ou menos disimulada en forma de información ou contribución ao coñecemento.
Con unha excepción, constatamos que a existencia desta nova está moi relegada a posicións moi secundarias da portada ou, noutros casos, é totalmente inexistente na portada dos dixitais. Nas que aparece, agás a mesma excepción á que antes me referín, hai dúas tendencias: uns , unha vez presentada a existencia da manifestación con breves descricións, inserir na nova declaracións de responsábeis do SERGAS e/ou do secretario do PP de Galicia dando máis detalle e entidade á propaganda destes últimos que ao feito do titular da nova; outro, pese a darlle un terceiro lugar na portada pon de segunda de portada unha inserción publicitaria disimulada e non identificada como tal sobre as urxencias no CHUS; e ao mesmo nivel as mesmas declaracións do xerente do SERGAS e do Secretario do PP de Galicia en novas separadas. Unhas novas teñen a súa referencia nas axencias EFE e Europa Press (EP) e outras nas redaccións dos propios xornais. As sinaladas como procedentes de EFE e EP dou por sentado que son un refrito de diferentes novas diferentes servidas polas citada axencias (as referidas á manifestación, a referida á declaración do xerente do SERGAS e a referida ao secretario do Partido Popular de Galicia; e non fai falta moita intuición para supoñer que as declaracións do xerente do SERGAS están feitas en día ou días anteriores). Imos velo xornal a xornal.
La Voz de Galicia. A edición dixital deste xornal foi consultada ás 17:55 horas do domingo 9 de febreiro. A nova procede da redacción deste xornal en Santiago con hora das 13:55. Pese a ser unha das máis importantes novas da xornada en Galicia, foi relegada á columna esquerda do VIIIº lugar da portada, incluso despois dunha importante nova de titular “Koni sella la septima del Depor”. Entrando na nova, esta describía de forma superficial tanto a manifestación como das intervencións finais habidas na mesma. Dentro da nova dáse relevancia ás manifestacións conspiranoicas do secretario do PP de Galicia atribuíndo os graves problemas que padece a sanidade pública galega a conspiracións da oposición, declaracións conspiranoicas que nos lembran a aquelas do “contubernio xudeo-masónico pagadas co ouro de Moscú” que se escoitaban no entorno do xeneral asasino e dos seus cómplices non menos asasinos. Como vemos a neutralidade e calidade informativa deste xornal deixa bastante que desexar; quizás sexa este o motivo polo que o grupo empresarial ao que pertence sexa un maiores beneficiarios de centos de miles de euros de fondos públicos fornecidos pola Xunta de Galicia por distintos conceptos de axudas e por compra de espazos e campañas publicitarias patrocinadas polas consellerías do goberno galego.
Faro de Vigo. É o segundo xornal de Galicia en tirada; e, tamén, o segundo receptor de fondos públicos procedentes da Xunta de Galicia polo concepto de diferentes axudas á prensa e beneficiario, tamén, da publicidade institucional do goberno de Galicia e das súas consellerías. A portada dixital deste xornal foi consultada ás 17:58, onde a nova da mobilización convocada por SOS Sanidade Pública estaba situada na columna da esquerda nun posto XIIIº, despois de novas tan importantes como “El primer Cunqueiro enamorado...”, “Brais es el elegico para acompañar a Aspas y Smolov...” (nova xa pasada nese momento), “Arde un coche en plena plaza elíptica de Vigo”, “Todo listo en Los Angeles para...” ou “Osasuna – Real Madrid en directo” por poñer algúns exemplos de criterio periodístico utilizado nese xornal cara a un problema moi grave que está a afectar a toda sanidade de Galiza, pero que na comarca viguesa está a cobrar aspectos excepcionalmente graves para a saúde da poboación tanto na atención primaria como na hospitalaria. Unha vez dentro da nova, redactada en base a informacións das axencias EFE e EP, vemos que da tanta importancia á nova de actualidade que é a manifestación como ás declaracións seguramente pretéritas do xerente do SERGAS e, por suposto, ás veleidades conspiranoicas do secretario do PP de Galicia. Outra curiosidade é que aparece a nova baixo dous romboides que rezan un “Noticias de Verín” e o outro ”Noticias de comarca de Verín”; calidade informativa: unha manifestación convocada para toda Galiza, desde toda Galiza e na capital de Galiza convértese nunha nova de Verín. Feijóo contento e disposto a seguir soltando cartos.
El Correo Gallego. O que parece ser terceiro xornal de maior tirada de Galicia, editado en Santiago de Compostela. Tamén dos máis beneficiados polas “axudas” e a publicidade da Xunta de Galicia. Aquí, hai que dicir que a referencia aparece no IIIº lugar da portada, despois dunha nova referida ao coronavirus e (e isto é para poñerse a mexar e non botar gota) dun artigo de publicidade datado no día tres de febreiro adulando as excelencias das urxencias do CHUS mil veces denunciadas polas organizacións defensoras dos doentes e en cuxas instalacións de urxencias ten falecido, segundo denuncias do persoal médico, un doente a semana pasada. Neste xornal, El Correo Gallego, na mesma portada e ao mesmo nivel aparecen, nun apartado os titulares das declaracións propagandísticas do xerente do SERGAS e noutro apartado as fábulas conspiranoicas de Tellado, secretario do PP de Galicia. Entrando xa na noticia en si mesma, observamos que está baseada na información proporcionada por EFE cunha extensión maior que Faro de Vigo e Voz de Galicia referidas á manifestación e as súas motivacións e, como xa non chagaban as dúas novas parellas, facendo referencia ás declaracións propagandísticas do xerente do SERGAS. Renovará El Correo Gallego subvencións de diversa índole e contratos publicitarios coa administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes dela? Supoño que si, que igual que nos casos anteriores Núñez Feijóo e o Partido Popular estarán contentos.
Atlántico. Este xornal no seu espazo dixital, visto no intervalo horario mencionado ao inicio, dedica á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en defensa da sanidade un primeiro lugar na súa portada. Entrando no contido da nova vemos que está elaborada pola redacción do propio xornal; unha elaboración impecable como nova xornalística na que se nota o obxectivo de informar do acontecido nas rúas de Compostela ese día pola mañá, informando das motivacións dos diferentes actores do foco da nova. A diferencia do feito nos xornais analizados con anterioridade, o xornal Atlántico non mistura a actividade reivindicativa con declaracións propagandísticas ou conspiranoicas de ninguén (igual porque as declaracións do xerente do SERGAS xa as publicou no seu momento e as de Tellado, que sirven para todo, xa non son unha nova real). Resúltame curioso que este xornal, do mesmo grupo editorial que La Región, publicara unha nova tan obxectiva e sen sesgos evidentes; e isto dígoo porque este grupo editorial é moi achegado ao PP de Ourense. Claro que os baltaríns están moi contrariados polo tema Verín que estiman que lles vai supoñer un alto custo político nas próximas eleccións autonómicas. Se segue así non sei se este xornal vai renovar subvencións nin publicidade institucional da Xunta, o cal non sei se poría en solfa a súa continuidade como xornal, polo menos na súa versión impresa.
Nós Diario. Este xornal, na súa edición dixital aberta, o domingo pola tarde mostrábanos unha breve crónica da manifestación feita por un dos seus redactores, indicando os apoios políticos cos que contaba, as persoas que leron os comunicados finais e centrándose fundamentalmente en breves opinións acadadas durante o acto de protesta polo voceiro de SOS Sanidade Pública Manuel Martín e dous representantes de plataformas de defensa da saúde das comarcas de Monterrei e da Barbanza. Non se prodigou máis na información sobre a mobilización.
La Opinión Coruña. Este xornal, do mesmo grupo editorial que Faro de Vigo, deu unha nova feita en base a novas de EFE e AP que parece copiada do seu irmán maior, o Faro de Vigo. O lugar de portada, como Faro, moi secundario. Tamén levará subvención e publicidade.
Vistos tamén os xornais dixitais de La Región de Ourense, Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo, dicir que ningún dos tres presentaba mención algunha do acto convocado pola plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da sanidade pública celebrado o día 9 de febreiro de 2020 en Compostela entre as súas novas de portada.
Como podemos observar, isto é o que da de si a prensa con edicións impresas que temos neste país galego. Dos tres xornais con maior tirada con base en Galiza, dous deles case ocultan a nova máis importante do acontecido onte, 9 de febreiro, no país; o terceiro deles, domiciliado no concello de Santiago de Compostela e que polo tanto non pode ocultar a realidade do que alí pasou, sitúa a nova en terceiro lugar de referencia, pero precedido dun artigo de propaganda sobre as máis que denunciadas urxencias no CHUS e acompañado por dous artigos con referencia pepera: un no que o xerente do SERGAS dedícase integramente a facer propaganda da política sanitaria sanitaria da Xunta de Galicia e xustificando o inxustificable con datos presuntamente certos pero desconectados da realidade do masacrado polo Partido Popular na sanidade pública galega; e o outro no que o secretario dese partido na Galiza se dedica a botar pelotas fora con afirmacións conspiranoicas sobre a sanidade que ese partido está a destruír progresivamente desde que Núñez Feijóo acadou a Presidencia da Xunta de Galicia.
Hai que sinalar, tamén, que hoxe luns algún deles como o Faro de Vigo e La Opinión de Coruña renovaron a nova e non lle dedican tantas liñas ao xerente do SERGAS; o cal non signifique que introduza o tema na renovada nova. Imaxino que a alguén se lle caía a cara de vergonza, e de aí o troco.
E se agora están así, como para lelos cando convoquen as eleccións galegas !
ANEXO
Para rematar, un resume das axudas concedidas pola Xunta de Galicia aos diferentes medios xornalísticos e de comunicación, onde vemos que destacan con moito as empresas do Grupo Voz, seguidas de Faro de Vigo e El Progreso de Lugo. Isto pódenos axudar a comprender algunha das cousas que pasan coa información neste país. Os datos están tirados do Diario Oficial de Galicia de 27 de decembro de 2019.
a) Axudas a xornais impresos en formato papel:
Entidade beneficiaria
Importe axuda
Editorial Compostela, S.A.
72.982,98
Editorial La Capital, S.L.
28.163,44
El Progreso de Lugo, S.L.
125.832,10
Faro de Vigo, S.A.
242.808,15
La Opinión de La Coruña, S.L.
38.021,94
La Región,S.A.
96.910,09
La Voz de Galicia, S.A.
553.757,62
Lérez Ediciones, S.L.
68.866,18
Rias Baixas de Comunicación, S.A.
27.657,50


b) Axudas a empresas radiofónicas privadas:
Entidade beneficiaria
Importe axuda
Radio Coruña, S.L.
5.783,22
Radio Lugo, S.A.
3.736,96
Radio Orense, S.A.
18.936,50
Radio Pontevedra, S.A.
20.333,84
Radio Popular, S.A.
73.702,41
Radio Vigo, S.A.
30.293,01
Sociedad Española de Radiodifusión, S.L.
25.325,05
Uniprex, S.A.
59.799,67
Voz de Galicia Radio, S.L.U.
28.489,34
c) Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet:
Entidade beneficiaria
Importe axuda
Editorial La Capital, S.L.
5.568,03
El Progreso de Lugo, S.L.
24.106,92
Europa Press Delegaciones, S.A.
208,63
Faro de Vigo, S.A.U.
74.499,03
La Opinión de La Coruña, S.L.U.
15.692,57
La Región, S.A.
13.189,53
La Voz de Galicia, S.A.
294.360,48
Lérez Ediciones, S.L.
9.521,79
Radio Lugo, S.A.
391,71
Rías Baixas de Comunicación, S.A.
3.229,08
Sermos Galiza, S.A.
2.323,42
Virtual Vedra Comunicación, S.L.
4.910,21
Voz de Galicia Radio, S.L.U.
141,76


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...