Amosando publicacións coa etiqueta Código Penal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Código Penal. Amosar todas as publicacións

18 decembro 2022

A propósito do TC. Daqueles pos, estas lamas

 

(Actualizado o 19-12-2022 ás 12:32)

        Na pasada quinta feira, 15 de outubro de 2022, no Congreso dos Deputados tratouse, para a súa aprobación, unha proposición de lei impulsada por PSOE e Unidas Podemos para a modificación do Código Penal. Ese debate ía incluír as emendas presentadas polos diferentes grupos parlamentarios. Entre elas unhas que, de ser aprobadas, suporían modificacións das leis orgánicas que regulamentan o Poder Xudicial (PX) -Emenda nº 61- e o Tribunal Constitucional (TC) -Emenda 62- e coas declaracións e incrementos do patrimonio dos cargos públicos -Emenda 64-, cousas que para nada teñen co groso do paquete a parlamentar (neste caso, nada que ver co Código Penal), pero que é un mecanismo que con total cinismo e indecencia solen facer con frecuencia tanto PSOE coma Partido Popular desde os gobernos (senón véxanse esas odiosas "leis de acompañamento" que adoitan aparecer xunto cos orzamentos xerais de distintos gobernos) (1).

       Pero o máis notorio do desenvolvemento político do día non veu determinado pola grande importancia do groso do programa da orde do día, que era a modificación do Código Penal, nin as emendas que puideran ser presentadas ás propostas de modificación do mesmo. O groso do debate político veu determinado pola aparición de emendas nas que se pretendían modificar as regulamentacións do PX e do TC pero, por riba de todo, pola insólita axilísima actuación desta última institución a requirimento da extrema e da ultra dereita parlamentaria, VOX e Partido Popular, coa pretensión de "secuestrar" a capacidade do órgano lexislativo de exercer a función para a que está deseñado nas leis o Parlamento e, como parte del, o Congreso dos Deputados.

A extraña e insólita axilidade dun tribunal cuxo Presidente está "caducado".

       E quero subliñar o de "insólita axilísima actuación", porque é ben sabido que os tempos de espera para que o TC se pronuncie arredor da constitucionalidade de normas saídas das distintas instancias parlamentarias e gobernamentais, incluso en lei orgánicas, son tan inapropiados na súa lentitude coma inmensos no tempo que tardan en pronunciarse; e nesta ocasión, parece que o obxectivo non era o de cualificar a constitucionalidade dunha norma, senón de impedir que esa norma puidera ser lexislada incluso antes do inicio do seu debate parlamentario, antes de ser (ou non) aprobada. A todas luces un verdadeiro despropósito.

        Pero non o único despropósito da actuación do TC en relación a este tema, pois -segundo contan os e as cronistas de diferentes xornais- esas pretensións da ultradereita política post-franquista deberían ser tratadas nunha das salas do TC na que teñen maioría aqueles aos que denominan coma "progresistas", e o Presidente do TC fixo valer o seu mando para que fora o Pleno, de maioría "conservadora", quen se pronunciara sobre o asunto (2).

Cal foi o motivo do recurso do Partido Popular e VOX diante do TC que provocou ese despliegue inaudito de axilidade por parte dese tribunal? 

         Eran bastantes os preceptos do Código Penal que a proposición de lei pretendía modificar. Pese a que nesa proposición se incluian modificacións que afectaban gravemente á calidade democrática do Estado, a discusión e contraposición política e mediática maioritaria só se centraba en dous temas: a desaparición do delicto de sedición coa subseguinte modificación das penas e a modificación no tratamento do delicto de malversación. Logo, puidérase pensar que os nazionalistas españois agrupados nos partidos recorrentes estarían molestos por ese motivo e trataran de impedilo por calquera medio, acolléndose ao ser vello e caduco discurso da "unidade nacional", do "separatismo", da alusión aos fantasmas de desaparecida "ETA", a supostos pactos "co terrorismo" e toda unha xeira de cousas propias para dar de xantar a crédulos e imbéciles. Pois non,  o motivo da inquedanza da ultradereita e dos seus monaguillos de Ciudadanos era de distinta natureza: o non seguir poder controlando o poder xudicial e (supoño que para eles o máis importante) o referente á declaracións de bens dos cargos públicos e ao aumento de posibilidades de detección dun enriquecemento ilícito no desempeño de ditos cargos.

Amores que se corresponden.

            Fagamos unha pouquiña de historia. É de sobra coñecido que desde o Partido Popular, desde o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e desde o Tribunal Constitucional (TC) estanse a poñer trabas á renovación destes dous órganos citados conforme ao dictaminado pola Constitución e as leis orgánicas que regulamentan os nomeamentos e o funcionamento de ambos órganos xudiciais. 

            Tamén é de sobra coñecido (aí está a historia para amosalo, por moito que eles o neguen) que cada vez que o Partido Popular perde a maioría parlamentaria e toca renovar eses órganos aquel pon todas as trabas que ten ao seu alcance para evitar que a maioría de maxistrados da súa confianza (non membros do seu partido, que os xuíces non poden estar afiliados a partidos) existente en CXPX e TC poida diluírse e desaparecer e non poder utilizar o lawfare coma método de goberno ilexítimo na sombra; e máis na actualidade, por motivos de sobra coñecidos e que saen un día si e outro tamén nos medios de comunicación que manteñen un certo nivel de obxectividade informativa (moi poucos, por certo). Se se controlan os nomeamentos dos maxistrados que xulgan nunha primeira instancia e, amais, os das instancias de apelación, que mellor para os seus intereses?

            Ata o de agora, agas casos illados coma o do estatuto de autonomía de Catalunya recorrido hai anos, todo isto quedaba na casa e non era tan evidente o recurso a que foran os xuíces os que anularan as normas que eles non puideron tumbar nos parlamentos nos que perderan ou nunca tiveran a maioría. Era unha continua pugna entre Partido Popular e PSOE por garantir a súa influencia dentro dos órganos de goberno dos xuíces e nas altas instancias dos tribunais de xustiza ou de anular as influencias determinantes do outro. O PP bloqueaba, o PSOE se queixaba do bloqueo. Pero nisto aparece a Unión Europea e di que o que está a ocorrer no Estado Español cos órganos xudiciais é inadmisible, que non se pode paralizar a renovación dos mesmos por intereses políticos de parte, que hai que cumprir a lei existente e a posteriori, se é o caso, revisala. Mais o Partido Popular segue coa súa resistencia numantina a perder a maioría "conservadora" nos órganos xudiciais e o PSOE vese obrigado a tomar cartas no asunto desde o goberno para garantir o cumprimento da lei (e, tamén, para impedir que sexan os xuíces os que impidan un normal desenvolvementos dos procesos democráticos e, quero supoñer, para unha aplicación equilibrada da xustiza e non sesgada polo pensamento político ou persoal dos maxistrados que deben que administrala). Incluso desde o PP se negan a que o Goberno nomee para o TC a xente tan pouco ou nada progresista coma o anterior Ministro de Xustiza.

            Parece que aquela afirmación feita polo senador do PP Ignacio Coisidó que falaba do control dos nomeamentos das presidencias das distintas salas do Tribunal Supremo tendo o control do CXPX, sobre todo daquelas que deberían xulgar os diferentes casos de corrupción dos políticos aforados. Se teñen cautivadas esas salas, aínda que lles poidan fallar, sempre lles quedarán as instancias de apelación.

                O certo é que parece que a natureza da ideoloxía "conservadora" da maioría dos xuíces e xuízas (conservadora en extremo, polo que se ve) fai que a legal interpretación das leis que os maxistrados fan na hora de pronunciarse en distintos procesos estean tinguidas dunha rechamante pátina de tendencia favorecedora das clases máis acomodadas e tradicionais. E, no caso de estar a política ou a posta en cuestión daquelas figuras ou institucións anormalmente consideradas coma inamovibles na configuración do Estado Español, a maxistratura adoita aliarse ou se pronunciarse con posicións ultraconservadoras máis propias das concepcións gobernamentais habidas entre os anos 1939 e 1977 que na realidade social que debería imperar na sociedade española actual.

            Partindo da base de que nos países de economía capitalista as leis están feitas para servir aos intereses das clases economicamente máis podentes e aos sectores sociais máis privilexiados da sociedade (aínda nos sistemas de democracia parlamentaria nos que se presume de separación de poderes) e que os encargados de administrala solen proceder, na súa maioría, de clases privilexiadas, non podemos dicir que a xustiza sexa imparcial. A xustiza será cega, como din por aí. Mais a min paréceme que mira a quen xulga antes de pronunciarse e facer a correspondente interpretación e aplicación das leis.

            Quizá sexa esta actuación da maioría da maxistratura outro dos efectos de non ter realizado unha ruptura co réxime franquista en condicións realmente democráticas e coa conseguinte limpeza dos aparatos do Estado, entre eles a administración de xustiza, nos que durante anos conviviron e administraron xentes de nulas inquedanzas democráticas, apegados fortemente ao réxime ditatorial, e que foron creando adeptos dentro dos corpos xudiciais do Estado. Daqueles pos, estas lamas.

            Práctica do "lawfare"?

            Así vemos cousas como as que se están a dar, onde se condenan a rapeiros por cantar contra corruptos, se xulgan e condenan a internautas polos chíos que publican nos seus espazos, se encarceran titiriteiros por representar obras de teatro, se exculpan a nazis que agreden a persoas diante de lugares de culto incitando ao odio por ser musulmás, se condena a dirixentes sindicais baseándose en informes policiais desmentidos por numerosas testemuñas ou  non admitindo videos que amosan a súa inocencia, se desimputa a xerifaltes da dereita política de casos de corrupción dos que hai indicios máis que suficientes para manter esa imputación mentres se persegue con insistencia a dirixentes da esquerda política polas cousas máis inauditas.

            E agora, o próximo luns, o Plano do TC vaise pronunciar sobre a constitucionalidade ou non dunha intención (de momento non hai disposición lexislativa que anular). Vai tratar de secuestrar a vontade da maioría dos representantes escollidos democraticamente nas urnas polo conxunto da cidadanía, a vontade dos que teñen a capacidade de lexislar porque así o quixo a cidadanía e así o estipula unha Constitución vixente (mala e socialmente  desfasada -como se demostra cada dous por tres- pero que é a que hai) que está por riba do TC, aínda que aos membros do mesmo poida molestarlle.

                Pero non é so o dito no parágrafo anterior. Vai ser un órgano co seu Presidente e outro dos seus membros que teñen o seu mandato caducado (e aliñados con ideas sociais e políticas máis que caducadas) desde hai moito tempo os que vaian dicir se quedan ou se teñen que irse. E todo por dar pávulo a unha dereita política integrista, franquista, e que non concibe que non poidan ter todo atado e ben atado. Unha dereita que se resiste a que se remate cos seus privilexios e os daqueles que os financian e impulsan. Xentalla á que todo lles vale, incluído o lawfare, como xa demostraron os seus correlixionarios noutros países (no Brasil con Lula e Dilma Rousef, en Bolivia con Evo Morales, como pretenderon facer en Venezuela co monicreque Guaidó e como tentaron, tamén, de facer recentemente nos USA cos nomeamentos de xente indecente no seu Tribunal Supremo para limitar os dereitos democráticos da cidadanía).

            Non sei o que fará o luns o TC, pero faga o que faga a súa natureza fica máis que clara.


NOTAS.-

(1)  Dicir que tales "acompañamentos", que nada teñen que ver coa  natureza principal da lei que din acompañar, son estrataxemas indecentes utilizadas con moita frecuencia polos distintos gobernos estatais e autonómicos do Partido Popular e do PSOE para colar pola porta de atrás modificacións de leis que deberían requirir un trámite parlamentario propio e diferenciado (por exemplo, aquí na Galiza os impresentables teñen coado mediante o citado procedemento modificacións de leis como a dos montes en man común, de espazos naturais protexidos, de modificación de tributos, de modificación das leis de instalación de certas industrias, etc., etc., etc.)

(2) A min, esta actuación do TC recórdame cando a sala correspondente do Tribunal Supremo (TS) se pronunciou de forma desfavorable aos bancos no tema da retroactividade non me lembro se das chamadas "cláusulas chan" ou dos gastos ilegais asociados ás hipotecas, o Presidente dese órgano non admitiu ese pronunciamento e convocou un pleno no que si, pola súa composición, íase limitar e limitouse a retroactividade da sentencia dos tribunais europeos.

03 decembro 2022

O debate da sedición, un recurso para recortar liberdades democráticas

            Calquera parecido das novas que se citan de seguido coa realidade futura e con un país concreto pode que sexa unha simple coincidencia. Ou que non.

O TRIBUNAL MÁIS ALTO CONFIRMA E ELEVA AS CONDENAS DOS VECIÑOS DE CAPELA DE MONTES

THE COUNTRY, 18 de xullo de 2024.- Fontes da xustiza informan que o Tribunal Mais Alto (TMA), presidido polo maxistrado Primo Franco y Rivera,  confirma a sentencia do Tribunal Mediano polo que 12 membros da Asociación de Veciños de Capela de Montes foron condenados a 2 anos e seis meses de cadea por pecharse nas dependencias provinciais do Ministerio de Vías para esixir a construción dun vial de circunvalación que evite o paso do numeroso tráfico rodado polo centro da vila que, segundo os condenados, xa leva causado máis de trinta mortes por atropelos nos últimos tres anos. Igualmente, tamén segundo a citada asociación de veciños, o Ministerio de Vías comprometérase, segundo escrito do seu responsable provincial, a ter e realizada a ansiada circunvalación no mes de setembro do pasado ano unha vez expropiados os terreos polos que a citada vía tería que pasar. No mes de decembro, coa circunvalación aínda non empezada, requeridas explicacións por parte dos veciños, o Ministerio confirmou que os terreos necesarios, propiedade de don Pedro de Guzmán, presidente do Banco Riquísimo, non podía ser expropiado "por formar parte dun proxecto de construción dunha nova urbanización de vivendas unifamiliares de luxo a piques de ser aprobada pola comunidade autónoma", o que precipitou o enfado dos veciños e a súa decisión de pecharse nas dependencias ministeriais pola que foron condenados. A alta pena confirmada polo TMA en todos os termos da sentencia do Tribunal Mediano, ven determinada por considerar os citados tribunais coma un "acto deliberado de atentado contra a paz pública executando actos de violencia que supuxeron a rotura dun florero que estaba enriba dunha repisa e atentatoria contra o dereito de propiedade do excelentisimo señor don Pedro Guzmán". Por outra banda, o Tribunal Mais Alto decidiu aumentar en seis meses a pena de prisión para cada un dos acusados por desobediancia á autoridade ao negarse eles a abandonar as dependencias ocupadas a requirimentos dos gardas.

 

 AS PENAS IMPOSTAS AOS ASALTANTES DO XORNAL DO LUGAR MODIFICADAS POLO TRIBUNAL MÁIS ALTO

XORNAL DO DESENCONTRO, 27-09-2024.- 25 membros da coñecida organización nazi-fascista Por la Patria y El Chambóm, foran condenados a principios do pasado mes de agosto polo baixo tribunal provincial de Chatanuga a unha pena de 1 ano e seis meses de prisión por invadir armados con bates de beisbol e pistolas as instalacións do coñecido Xornal do Lugar, causando graves lesións ao garda xurado e a varios periodistas presentes na redacción e provocando destrozos en mesas, cadeiras e equipos informáticos e outros elementos das instalacións do xornal. Cando a policía pretendeu que depuxeran a súa actitude e identificalos para posibles denuncias, os condenados procederon a insultar e agredir con violencia aos gardas, provocando un ferido leve e contusións varias ao resto dos policías e escapando á actuación policial. Posteriormente identificados e detidos, foron postos ao dispor xudicial e máis tarde condeados con arreglo ao artículo 557 do Código Penal. No día de onte, o Tribunal Mais Alto, presidido polo señor don Manuel de Aznar y Fraga, ditou sentencia sobre o recurso presentado pola organización Por la Patria y El Chambón contra a sentencia do baixo tribunal de Chatanuga, rebaixando a condena aos 25 acusados e condenando a todos eles a indemnizar dunha forma solidaria con 150,00 euros a Xornal do Lugar. Considera o máis alto tribunal que os acusados "non pretendían facer uso da violencia, nin causar unha perturbación grave"; e que "coa súa actitude só pretendían defender unha ideas que están totalmente protexidas pola liberdade de expresión contida na Constitución", e que "as lesións sufridas polos axentes foron totalmente fortuítas e parte normal do seu traballo".

    O bombo e plato que arrodea á reforma do delicto de "sedición" para axeitalo á "realidade do noso entorno" non é máis que unha excusa para limitar as liberdades democráticas pola porta de atrás que conten a proposta de reforma do Código Penal

            Na actualidade o Parlamento Español está a proceder a unha reforma do Código Penal (pódese ver o texto completo da proposta pulsando AQUI ou AQUI-texto dos propoñentes). A proposición de lei orgánica parte dos grupos parlamentarios do PSOE e Unidas-Podemos. 

            Nun principio, a mediateca está a tratar o tema baixo os titulares de reformar o delicto de sedición; pero na práctica esa reforma vai moito máis alá e con ese pretexto vanse introducir na mesma contidos que poden ter graves consecuencias para o exercicio das liberdades democráticas no Estado Español, sobre todo para o exercicio da protesta colectiva e pacífica utilizada multitude de veces por colectivos como a PAH, colectivos veciñais, Comités de Empresa, colectivos profesionais e de afectados polas preferentes, etc. que normalmente, nas súas mobilizacións pacíficas utilizan métodos que esa reforma pretende criminalizar e penalizar penalmente. Aplicación da lei que vai ficar en mans duns informes policiais e duns tribunais que van facer a súa labor de interpretación persoal das leis que aplican, cousa que lles permite a lei.

            E xa sabemos que hai membros dos corpos policiais, da fiscalía e da xudicatura que non son precisamente admiradores de sociedades progresistas, senón máis ben xentes ancladas no pasado ideolóxico máis penoso deste país, raiando moitos deles en admiradores dos métodos e procedementos levados a cabo durante os rexímenes autoritarios que asolaron Europa nos anos 30 do século pasado e cuxas dinámicas seguen presentes na actualidade en numerosos países. E non son nin un, nin dous, nin tres.

            Nese contexto, poderían darse situacións como as que se amosan nas novas ficticias que se citaron antes, ocorridas nun país ficticio entre os anos 2023 e 2024.
 
 Cal é o meollo da proposición de modificación?
 
         As propostas de modificación fundamentais é que, efectivamente, desaparece o delicto de sedición tal e como está contemplado no actual Código Penal pero se introduce o que era o seu contido, modificando as penas, no Capítulo III do Título XXII baixo o epígrafe "Dos desordes públicos".
 
    O perigo para a democracia e as liberdades de expresión da cidadanía están, sobor de todo, nos apartados "Quince" e "Dezaseis" da referida proposición de lei nos aspectos que se citan de seguido:

Quince. Modifícase o artigo 557, que queda redactado como segue:
“1. Serán castigados coa pena de prisión de seis meses a tres anos os que, actuando en grupo e  co fin de atentar contra a paz pública, executen actos de violencia ou intimidación:
(a) sobre as persoas ou as cousas; ou
(b) obstaculizando as vías públicas ocasionando un perigo para a vida ou saúde das persoas; ou
(c) invadindo instalacións ou edificios.
2. Os feitos descritos no apartado anterior serán castigados coa pena de prisión de tres a cinco  anos e inhabilitación especial para emprego ou cargo público polo mesmo tempo cando se cometan  por unha multitude cuxo número, organización e propósito sexan idóneos para afectar gravemente a orde pública. En caso de acharse os autores constituídos en autoridade, a pena de inhabilitación será absoluta por tempo de seis a oito anos.

 Dezaseis. Modifícase o artigo 557 bis, que queda redactado como segue:
Os que, sen facer uso de violencia ou intimidación e sen estar comprendidos no artigo anterior,  actuando en grupo invadan ou ocupen, contra a vontade do seu titular, o domicilio dunha persoa  xurídica pública ou privada, un despacho, oficina, establecemento ou local, aínda que se atope  aberto ao público, e causen con iso unha perturbación relevante da paz pública e da súa actividade  normal, serán castigados cunha pena de prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce  meses, salvo que os feitos xa estivesen castigados cunha pena máis grave noutro precepto deste Código."

           Neles, considéranse delictos penais cousas como a ocupación de vías públicas ou a invasión de instalación ou edificios. Iso si, coa condición de que "atenten contra a paz pública, execútense actos de violencia ou intimidación". Mais, tamén, sen que haxa violencia ou intimidación. Quen determina que a ocupación dunha rúa por un grupo de veciños ou os traballadores dun sector para esixir algunha mellora é ou non violenta ou intimidatoria? Os corpos policiais ou os xuíces, evidentemente. Vai ocorrer o mesmo que está a pasar coa Lei Mordaza na actualidade? Van ser denunciados por desórdes públicos xentes que esixan na rúa dereitos? Van ser denunciadas persoas que non teñen estado presentes como xa ten ocorrido nalgunha ocasión? Ou aquelas persoas que foron multadas por unha delegada do goberno por esixir pacificamente o uso do idioma galego sen ocupar rúas? Sabemos que, por moitas testemuñas que o desmentan, a palabra dun policía que pode ser a trola máis grande do mundo (como xa se ten demostrado nalgunha ocasión) ten presunción de veracidade. E os xuíces e fiscais? Vai pasar como cos famosos titiriteiros de Madrid? 

            E as penas de cadea? Vai ocorrer o mesmo que pasou a dous sindicalistas pontevedreses do transporte que foron condenados por defender pacificamente os dereitos dos seus representados? Ou o que está a ocorrer cun cargo da CIG no Ferrol que está condeado a penas de cadea por actos normais e razonables acaecidos na loita sindical? Porque en ambos casos non se tiveron en conta as numerosas testemuñas que confirmaban as versións dos condenados contra as versións minoritarias dos que alegaron contra eles? 

            Vai ir á cadea xente coma Pablo Hasel por cantar un rap que fala mal dunha persoa da que se comprobou que efectivamente non era honrada mentres esa persoa ou personaxes coma a antiga secretaria do Partido Popular son librados de todo mal?

O Partido Popular abre a veda, o PSOE e (incriblemente) Unidas Podemos a continúan

           Foi o Partido Popular quen abriu a veda coa Lei Mordaza contra os dirixentes sociais e sindicais; unha lei que pese ás promesas electorais dos gobernantes do PSOE e Unidas Podemos segue a estar vixente; unha lei que non cumpre cos mínimos esixibles nun país de calidade democrática media pero que no Estado Español segue vixente. Unha lei que, sobre todo o PSOE, non queren derrogar e que os Subdelegados do Goberno -do PSOE ou achegados- nas provincias seguen aplicando. Unha lei que din que van derrogar pero da que o PSOE quer manter os aspectos máis antidemocráticos e fascistas da mesma, sobre todo os relacionados coa carta branca proporcionada aos corpos de seguridade e as sancións sen paso polo xuíz.

                Imaxino que no intre no que os aspectos máis fascistas da proposición de lei que da lugar a esta entrada estean aprobados, entón si que procederan a modificar alguns dos aspectos da Lei Mordaza por estar xa contemplados con agravantes penais na súa proposición. Mentres tanto a teñen na reserva para poder reprimir, non con tanta contundencia como pretenden, aos movementos sociais que usan a mobilización para amosar publicamente na rúa ou con ocupacións pacíficas de edificios, oficinas bancarias, oficinas públicas ou calquera outro tipo de mobilización que un xuíz, un fiscal, un policía ou un garda civil poida considerar coma un desorde público grave por moi pacífico que sexa.

               Por iso non podemos descartar que no futuro e no Estado Español poidan ocorrer cousas como as relatadas polos xornais The Country e o Xornal do Desencontro aos que facían referencia as novas futuras que abren o presente artigo.

            Vivimos nun país plagado de xentes que son herdeiras ideolóxicas do ditador Franco e que ocupan altos postos en institucións claves do Estado, como o demostran día a día as novas que podemos ler ou escoitar nuns poucos medios xornalísticos, radiofónicos ou televisivos. Por desgraza, en poucos. A maioría son cómplices desa xente despreciable.

            Que vai ocorrer no debate parlamentario desta lei?

            Eu espero que os grupos que realmente defenden as liberdades democráticas emenden eses aspectos tan fascistas e criminais desa proposición de lei; e espero, tamén, que haxa deputados e senadores do PSOE e de Unidas Podemos que se poñan de fronte e se neguen a votar afirmativamente eses aspectos que criminalizan a protesta social e que deixan nas mans de quen non deberan a cualificación da gravidade das mobilizacións. Nada espero dos partidos da dereita extrema coma VOX, o Partido Popular e os seus satélites navarros e asturianos ou Ciudadanos; e tampouco das dereitas PNV e Junts per Catalunya. Espero que os demais (incluído a Esquerra Republicana de Catalunya cuxos dirixentes poden saír beneficiados por unha reducción das penas dunha condena inxusta ditada polo Tribunal Supremo) non deixen que eses aspectos vaian adiante. Se así o fan, perderán todo o meu respecto.

17 xullo 2019

"Arriba, abajo, mandaremos al rey al carajo"


“Arriba, abajo, mandaremos al rey al carajo. Abajo, arriba, no queremos a la monarquía”. Parece que foron estas, segundo contan diversos xornais electrónicos, as frases dunha canción que propiciaron que un sarxento da Garda Civil procedera a identificar aos membros do grupo Adebán polo que el (o sarxento) estimaba que “atentaba contra a democracia”, rectificando de seguido trocando a verba democracia pola verba “monarquía”. (Pódese escoitar unha versión da citada canción de Adebán, no que non faltan as frases motivo de represión, na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=Tvl45z-L-oQ). 

           Supoño que aquelas persoas que temos unha certa idade ficamos sorprendidos pola nova; sobre todo porque frases coma esa forman parte dunha tradición moi estendida nas cancións formantes da loita antifranquista, cancións que perduraron e cantáronse publicamente sen problemas ata ben entrada a década dos noventa, na que foron esvaecéndose co tempo e que só adoitan cantarse polos seus intérpretes a petición do público. De feito aínda perdura na miña memoria a letra dunha canción (non me lembro de quen era) que nunha das súas estrofas dicía así: “Arriba, abajo, que Juan Carlos se vaya al carajo”, estrofa da que me culpo publicamente de tela cantado en numerosas ocasións nos meus tempos mozos. Pero chegou a maioría absoluta do partido franquista baixo a presidencia de Mariano Rajoy ao Congreso dos Deputados, e con ela dúas leis que supoñen un torpedo na liña de flotación das liberdades democráticas: a chamada Lei Mordaza e a reforma realizada no Código Penal. Pero claro, se unha persoa foi xulgada penalmente non hai moito tempo por dicir un chiste sobre Carrero Blanco... por que ímonos asombrar?

           Desde logo que é preocupante, é toda unha agresión á liberdade de expresión por parte do sarxento implicado no feito; pero o máis preocupante é que non se trata dun caso illado senón que é un dos moitos abusos policiais amparados pola Lei Mordaza (ou pola reforma, tamén franqui-fascista, do Código Penal realizada polo goberno de Mariano Rajoy) sen que ninguén do Goberno de Pedro Sánchez fixera nin sequera un intento de poñer fin á semellantes arbitrariedades e abusos.

           Pero supoño que non será só a existencia das citadas leis ás que propician semellantes comportamentos agresivos coas liberdades por parte das forzas que deberan ter entre as súas misións principais velar polas liberdades democráticas, entre elas a de expresión. O que si parece que teño claro é que, agás casos moi illados, non son iniciativas propias e persoais dos axentes que “poñen a cara”, senón que responden a instrucións recibidas “desde arriba”. A través de circulares? A través de boletíns periódicos? Pero, son realmente oficiais todas as comunicacións que chegan aos diferentes acuartelamentos, ou hai unha parte deles que teñen carácter “extraoficial” ou “oficioso” (e que, polo tanto, “non existen” oficialmente) Que se di neses papeis? 

          As persoas que onte estivemos preocupadas por acadar as liberdades democráticas e que hoxe seguimos preocupadas por preservalas do seu continuado retroceso, observamos con preocupación que cando en distintas partes da xeografía do Estado se producen feitos  que implican a civís e a membros das forzas de seguridade do Estado e hai contradicións entre versións, as xustificacións e os contidos dos partes aducidos e das versións proporcionadas polos mandos sempre, ou case sempre, teñen os mesmos contidos verbais, coma se foran de clixé, fáganse no Ferrol, en Badaxoz ou en Almería. Isto pode observarse cunha certa claridade sobre todo en conflitos sociais, nos que adoita haber máis persoas que coñecen e relatan os sucesos que posteriormente aparecen na prensa. Aí están os feitos acontecidos cos afectados polas preferentes no Baixo Miño e outros lugares de Galicia onde os partes de denuncia emitidos pola Garda Civil, que significaron multas ao abeiro da Lei Mordaza, diante dun recurso xudicial amosáronse como falsos os feitos denunciados (eivados saltando valados, persoas que insultaron ou se resistiron aos axentes sen estar presentes,...) e anuladas por un xuíz as sancións impostas por un Subdelegado do Goberno de claro talante fascista. O que non se sabe é o que pasou cos axentes denunciantes de falsos comportamentos.

           Diante deste tipo de comportamentos, alguén nos gobernos debería preocuparse por educar aos axentes das forzas de seguridade do Estado no significado e na práctica do que é un Estado democrático, do que é a liberdade de expresión e do que significa, así como do resto das liberdades democráticas básicas: a de manifestación, a de dereito a dispoñer do propio corpo, a de folga, a da presunción de inocencia, a de ser xulgado polos xuíces naturais, a de levarlle a contraria aos poderosos publicamente, a discutir de forma correcta e educada decisións e actuacións dos policías, etc. etc.; que aquilo de “una cosa es la libertad y otra el libertinaje” era un conto fascista inventado precisamente para rematar coa liberdade. Conto que, por desgraza, moitos monos con certo poder seguen a utilizar. 

           E, por suposto, vixiar a “filosofía” que se poida dispensar nas comunicacións e circulares internas dirixidas ao conxunto dos membros dos corpos de seguridade, non vaia a ser que esteamos a procurar unhas policías políticas ou unhas “policías patrióticas”.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...