Despois de todas as mostras dadas ao non considerarse responsable de nada, Núñez Feijóo, candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta de Galicia, outra vez máis deriva as que deberían ser responsabilidades súas cara a outros sen capacidade nin medios para exercelas. Non se considerou responsábel da desfeita da sanidade pública, nin da diminución de prazas hospitalarias públicas, nin da falla de médicos en atención primaria e hospitalaria, nin da falta de profesionais de enfermaría, celador@s, da mala xestión das residencias de maiores e centros de persoas dependentes que sofriron os ataques da pandemia, tampouco se responsabilizou da falla de equipamentos de protección individual diante de contaxios nos centros hospitalarios e residencias públicas, etc., etc., etc. É dicir, non se considerou responsábel de nada do que ten as competencias plenas exclusivas para a súa xestión; simplemente porque se demostrou que os seus recortes matan. "A culpa? É do goberno central" roalla sen rubor.
Esta vez, o que debería ser autoridade sanitaria na anormal "nova normalidade" resulta que diante da extensión da pandemia na Mariña luguesa, bota pelotas fora e endílgalle aos alcaldes dos concellos afectados a responsabilidade de controlar a pandemia nos seus concellos. Incríbel se nos atemos ao que debería ser un comportamento político normal; normal se temos en conta que a Galicia está gobernada por unha colección bastante completa de trileros da política, o que non debería ser normal.
A este modo sen vergoña de actuación política por parte da Presidencia da Xunta de Galicia únese o do tempo de confinamento territorial da comarca. O confinamento foi dictaminado polo Conselleiro de Sanidade, coñecido polas súas excelentes relacións económico-políticas coas empresas de sanidade privada e polos salvaxes recortes de todo tipo que practicou durante todo o seu mandato na sanidade pública galega, tanto en persoal e medios de atención como en atención aos doentes (con dicir que aínda hoxe, co estado de alarma rematado, se queres unha consulta co teu médico de cabeceira o único que che van ofrecer é unha consulta telefónica está casi todo dito).
Pois ben, digo eu que este brazo de mar que é o mencionado conselleiro debeu investigar pola súa conta e acordar no seu foro interno que o tempo de manifestación do contaxio de COVID-19 é de cinco días, desmentindo e botando por terra todas as teorías de todos os epidemiólogos españois e estranxeiros, así como da OMS sobre o tempo de incubación e contaxio do bicho; digo eu que sería así porque ese é o tempo que decretou para o confinamento da Mariña. Mais iso non parece ser todo todo; tamén debeu descobrir que ese proceso pódese facer por tempos e con prórroga como se fora no futbol, porque manifesta que eses cinco días pódense prorrogar en caso de necesidade. Ou ao mellor isto foi cousa do señor Núñez Feijóo que días atrás, cando pedía insistentemente ao goberno central que deixara aos galegos e ás galegas moverse interprovincialmente, parecía ser un experto epidemiólogo máis que un simple picapleitos amigo do narcotraficante Marcial Dorado. De que é un verdadeiro incompetente e un irresponsable non cabe dúbida. Hai un artigo moi ilustrativo aparecido nestes días no eldiario.es asinado por Antón Baamonde que ten por título "Pero, ¿que ha hecho exactamente Feijóo?" que merece a pena ler. Non abarca a totalidade dos aspectos, mais si os fundamentais (se se puxera a describir toda a incompetencia de Núñez Feijóo, non habería disco duro ou papel que lle chagara, por moitos megas ou toneladas coas que contara).
En fin; e estes son os que parece que nos van gobernar aos galegos e ás galegas durante outros catro anos. Apaga e ímonos, porque con xentes machacadas, vilipendiadas, explotadas, enganadas, expulsadas á emigración ou ao abandono e a incomunicación que seguen a confiar a xestión do país aos malnacidos sen vergoña que lles fixeron todo iso non se pode ir a ningures.