03 novembro 2017

NO REINO DAS OVELLAS (E DAS PITAS)



     Antes de comezar con aquilo do que realmente quero falar neste artigo, teño que aclarar que eu non só non son home de campo, senón que, amais, se saio das cifras da produción final agraria,  da contribución da agricultura ao PIB ou da política agraria de Feijóo e do goberno central que están a arruinar o campo e aos agricultores galegos,  sei ben pouco de agricultura e gandería. Pero o que si sei pola pura observación é que cando unha ovella ou u carneiro bota un balido as demais ovellas do rabaño repiten o mesmo. Din, tamén, que os loros non é que saiban falar nin discorrer senón que repiten unha e outra vez o que di o seu amo. Outro becho que está de moda estes días é a pita ou ghaliña, bicho tonto onde os haxa. A quen se lle ocorrería facerse representar por unha ghaliña? Só unha persoa imbécil ou tonta sentiríase representado por tal animal. Pero xa o dixen antes, eu non son home de campo; nin de bechos.


O inicio da revolución das ovellas.

     A cousa dos balidos homoxéneos comezou aos inicios do mes de setembro deste ano (non me lembro da data exacta- será cousa da idade), cando nunha manobra efectuada pola maioría da representación parlamentaria no Parlamento catalá propiciouse unha serie de leis que facilitaran a celebración dun referendo no ámbito territorial de Catalunya para consultar á cidadanía de dese país sobre se querían ou non ser un país independente. Certo é que non facían mais que tentar de cumprir o programa electoral (eses que os dereitosos do Partido Popular e do PSOE din que non son para cumprir, senón para adornar na campaña electoral). 


     Outra cousa é a forma lexítima ou non de cumprir co prometido; e penso que, como ben denunciou o deputado Joan Coscubiela na propia sesión na que as “leis de desconexión” foron aprobadas, esa forma non foi acorde co que podemos coñecer como lexitimidade democrática. Pero, tamén, debemos recordar que manobras semellantes carentes de lexitimidade están sendo utilizados polo Goberno de Mariano Rajoy e os seus ministros dereitistas para esquivar as decisións tomadas por maiorías do Congreso dos Deputados que representan, á súa vez, maiorías máis que cualificadas do conxunto da cidadanía española. Nestes casos son os loros os que substitúen ás ovellas e cada un larga polo pico segundo o que lle esixe a voz do seu amo, cousa que a partires da data indicada todos os loros, por unha sorte de truco, convertéronse en ovellas e puxéronse a beeee...!rrar. 


     O caso é que, cunha breve pausa os días 1º de outubro e o día seguinte pola mañá (supoño que por mor dos efectos xerados polas ordes impartidas polo goberno de Mariano Rajoy ás policías españolas do modo no que debían cumprir as ordes xudiciais) escoites a emisora de radio que escoites, leas a prensa editada en papel que leas ou vexas a cadea de TV que vexas, da toda a impresión de que detrás de cada editora ou dirección de informativos está o mesmo carneiro co seu beeeee...! indicando cal debe ser o compás que o resto das ovellas debe gardar. Pero non só os empregados e condutores de programas de tales medios, senón tamén os colaboradores cotiás (supoño que para que non lles ocorra o mesmo que lle aconteceu a o director de eldiario.es coa Cadena SER; claro que este tiña posicións sobre comunicación pública totalmente enfrontadas ás do grupo PRISA) parece que poñen a súa palabra ao servizo do mesmo beeeee...!  Certo é que hai algúns que non asumen na súa totalidade, aínda que si no esencial, o relato central do discurso. 


     Entre toda esta morea de ovellas en senso figurado, a min chámame a atención aquel a quen eu denomino interiormente como o cura, que de ser unha persoa belixerante en defensa das súas propias ideas nos seus anos de xornalismo crítico exercido nun xornal e unha revista hoxe desaparecidos pasou a ser na actualidade un servo belixerante ao servizo das ideas dun poderoso emporio de comunicación español. Teño que confesar que nunca tiven moito que ver con el, pero teño que recoñecer que foi un bo xornalista no pasado e que ten moita arte na forma na que escribe. Seranche cousas da chouchería da idade e non outras máis relacionadas coa rendibilidade, prefiro pensar.


O concerto das ovellas.

     Evidentemente non todos os beeee...! das diferentes ovellas, aínda que de fondo similares, se manifestan no mesmo ton e na mesma escala. Mencionando os tons non me refiro ao son de maior ou menor nivel de volume, é dicir, non só aos medios nos que a fala é esencial para transmitir a mensaxe, falo tamén daqueles que utilizan a escrita na transmisión dese mesmo mensaxe. 


     Cando falo de mensaxe non falo de nova; unha nova pode darse dunha forma fiel coa realidade que pretende describir, pode manipularse para facela coincidir co que quen a transmite quere que se pense ou saiba, ou ben dar novas falsas de forma directa para tentar de deformar a realidade. E nos tres aspectos, dos que só o primeiro se corresponde coa información ética e seria, hai neste reino español verdadeiros especialistas que así o demostran día tras día. Non vou dar nomes e medios porque non é cuestión de non gañar nin para querelas e coa pensión perdendo poder adquisitivo ano tras ano, pero un superficial análise comparativo do paraíso dos mass-media daríanos unha fotografía bastante acaída desta cuestión.  Se así o fixeramos, quizá só poderiamos salvar a uns poucos medios, sobre todo de soporte único dixital, tanto pola súa obxectividade no relato como pola súa pluralidade de opinión. E, tamén, pola súa apertura a recoñecer publicamente os potenciais erros que puideran transmitir nalgunha das informacións por eles reflexada. 


      Cando falo de mensaxe, falo de opinión; dunha opinión expresada coas propias palabras e a propia construción das frases. E a isto me refiro cando falo dos “tons do beeee...!”; por iso digo que son similares. Porque o fondo da opinión e a plasmación gramatical das súas ideas centrais son as mesmas na práctica totalidade dos medios.


Os distintos tons do beeee...!

     Vou contarvos unha anécdota. Normalmente para non correr o perigo de quedarme durmido polas mañás poño o radio-espertador e a emisora que poño para empezar a poñerme as pilas é a Cadena SER. Un día, anterior ao 1º de outubro, como cada día, a radio activouse puntualmente á súa hora, coas novas matinais. E así pasaron os minutos mentres me ía convencendo de que era inevitable o de erguerse da cama coa “matraca” do referendo catalá. “Pepa Bueno debe estar enferma”, pensei; así ata que houbo un momento no que me dixen “Ese ton? Esa voz?” A radio estaba mal sintonizada, e a emisora era ES-Radio de Jiménez Losantos.  Na zona na que vivo, SER e a ultradereitista emisora de Jiménez Losantos teñen unha frecuencias moi achegadas, e cun dial analóxico é moi doado moverse dunha a outra. O mesmo pásame, ás veces, ás 14 horas na radio da cociña e, ultimamente, tardo un cacho en decatarme do erro. E sempre pola forma de transmitilo, non polo mensaxe de fondo que ven a ser a mesma.


     Os medios máis próximos ao goberno do Estado, á súa fiscalía e aos seus ministerios do interior, de xustiza e de defensa, isto é, os medios que situados moi á dereita ou á extrema dereita ideolóxica, transmiten o beeee...! cun alarmismo e unha incitación ao odio esaxerada e decididamente incendiaria e agresiva, con incitación ao ardor e ánimo guerreiro e argumentacións propias de Pablo Casado ou da vella garda falanxista y de las JONS, que no fondo veñen a ser o mesmo.


     Os medios máis próximos aos defensores da reforma política que trouxo consigo a vixente Constitución Española (non esquezamos que Unión Nacional Española, partido liderado por Fernández de la Mora e ao que pertencía o actual presidente do goberno español, pediu o “non” no referendo constitucional por considerar o texto moi esquerdista e rupturista co réxime golpista) publicitan o mesmo beeee...! pero cunha aparencia expositiva máis “baselínica”, como para facelo penetrar mellor nas cabezas das súas víctimas.


     Mais, uns e outros contribuíron e contribúen á unha polarización social totalmente irracional en torno ese tema catalá que debería estar resolto hai moitos anos, pero ao que se deixou durmir ata que unha parte moi importante da sociedade catalá dixo basta e buscaron o camiño (equivocado ou non) da independencia. Camiño que, dito de pasada e sen afondar, serviu para ocultar temporalmente a corrupción da dereita nacionalista catalá e da dereita española agrupada en torno ao Partido Popular; e que, moito me temo, vai ser a substituta do tema do “terrorismo”, que oculte as súas miserias e a súa falla de convicción democrática, nas campañas centrais do Partido de Mariano Rajoy. Daqueles pos estes lodos.


As pitas.

      E que pintan as pitas en todo isto? Preguntaranse. Pois o das pitas, que como todo o mundo sabe son tontos animais domésticos igual que as ovellas, ven a conto pola incitación que para elas supón o beeee...!


     Esa mensaxe tan uniforme transmitida por distintos medios aínda que con tons diferentes tivo moitos efectos indesexables, pero coido que o seu peor efecto foi a resurrección dos da bandeira da ghaliña, a bandeira monárquica do aguiacho, o de que a esa xente lle creceran as ínfulas e que se sentiran aínda con máis impunidade da que gozan desde que o Estado está gobernado polo Partido Popular. Unhas ínfulas que van in crescendo, como se pode ver día a día nas agresións a emigrantes e a persoas que non comparten a violencia do seu pensamento cada vez que hai unha manifestación patriotera; como se pode ver en estacións de tren e aeroportos onde agriden á xente que pensa diferente sen que ninguén o impida ou lle solicite identificación, impunemente (iso non son escraches; estes non levan aparelladas agresións nin obstaculizacións de movementos). E que ultimamente aparecen, incluso, portando a bandeira monárquica española de escudo constitucional; e digo que son eles polos modos e maneiras que se gastan (a non ser que todos os amantes desa bandeira se comporten de igual xeito).


E ...eu que digo?

     Eu non digo nada. Desde logo que non me apunto ao balido nin ao ghaliñeiro. E sobre a independencia de Catalunya non teño nada que dicir; poido opinar e pode gustarme máis, menos ou nada; pero de aí non debe pasar. Coido que os únicos que deben dicir algo neste tema son os catalás, residentes ou emigrados. E para que iso sexa posible debe regulamentarse unha consulta con garantías, tanto na limpeza e seriedade da súa realización como na aceptación do resultado resultante sexa cal sexa.


     Outra das cousas que fago cunha certa periodicidade dada esta situación tan ovina que impera na maior parte dos medios de comunicacións do Reino de España (dos da Galiza, mellor xa non falar) é algo que xa non facía desde hai moito tempo; dende que para coñecer o que acontecía no Estado Español tiña que recorrer ás emisións en español de Radio París e da BBC. Agora, amais dos xornais dixitais que considero como minimamente decentes aínda que con certas limitacións orzamentarias, cunha certa periodicidade e gracias a internet boto man da prensa do resto de Europa. 


     Por exemplo, na edición dixital do xornal The Guardian do día de onte, 2 de novembro, nun artigo de opinión asinado por Jordi Solé , e Ramón Tremosa (eurodiputados europeos, do grupo Alianza Libre Verde os dous primeiros e da Alianza Demócrata-Liberal o terceiro) leo o seguinte: “Na mañá do 26 de outubro, o catalá (o goberno) e o goberno español chegaran a un acordo polo cal o primeiro ministro Mariano Rajoy non procedería á suspensión de competencias transferidas a Cataluña, a condición de que o Presidente Carles Puigdemont non fixera una declaración formal de independencia e chamara a realizar eleccións rexionais de inmediato”; cousa que eu descoñecía, pero que si era algo que me desconcertaba de esa mañá: o cambio tan rápido de opinión do Presidente Puigdemont despois de estar máis que anunciado en case todos os medios que ía convocar eleccións. Como din os autores citados no lugar citado: ”O acordo acadado entre Barcelona e Madrid estoupou antes do mediodía do 26 de outubro, cando Puigdemont soubo que o goberno español non ía cumprir coa súa parte do trato”.   


     Isto descrito no parágrafo anterior amosa que os eloxios a Mariano Rajoy e o seu goberno expresados na case totalidade dos medios, incluso os dixitais que frecuento, por “ter adiantado as eleccións incluso máis que a data inicialmente sinalada polo Presidente da Generalitat” non tiñan fundamento algún; e que o que deberían ter feito é criticar ao presidente do goberno español por non ter palabra, por ser un mentireiro. Pero non faría xogo co seu permanente beeee...!.  


     O que si poido dicir con seguridade é que as ovellas e as pitas son bichos que non son do meu agrado. E tampouco os loros.



O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...