Onte estiven en
Santiago de Compostela e puiden admirar unha vez máis a preciosa catedral, unha
construción que debería ser un ben de titularidade pública pero que explota
economicamente unha determinada confesión relixiosa mais é mantida con
orzamentos públicos. Mais e meu paso pola beira da catedral non foi debido a
motivos da miña inclinación e aprecio pola arte; e, aínda menos, polas miñas
inclinacións relixiosas ou pseudo-cristiáns-lucrativas que esa catedral
representa na actualidade.
A miña presencia na
cidade compostelá foi determinada pola celebración nela dunha manifestación na
defensa da sanidade pública e contra a nova lei da saúde coa que a Xunta de
Núñez Feijóo pretende privatizar e empobrecer aínda máis o sistema público de
saúde, favorecendo ás empresas privadas que fan da mala saúde dos cidadáns o
motivo do lucro (o principal da súa existencia) e non un servizo coa finalidade
de prestar un servizo á poboación. O que trae como consecuencia que (á
diferenza do que comezaba a acontecer hai uns anos co noso sistema sanitario e
que o Partido Popular parou alí onde goberna e ten competencias sobre a saúde) no canto de establecer unha medicina
preventiva de calidade baseada nunha ampla rede centros de atención
primaria, dotada en medios técnicos e persoal, tenta de basear o sistema de saúde na mediciña curadora que é a que
deixa máis cartos ás empresas farmacéuticas e, no caso dos concertos, ás
empresas médicas asistenciais. E amais é
a que máis custa ao erario público pero
que van deixar pingües beneficios que
van ir, fundamentalmente, ás contas de resultados de empresas privadas. Como xa
están a ir na actualidade ao hospital POVISA, do cal o actual Conselleiro de
Sanidade foi xerente e que xestiona unha parte importante da rede de mediciña curadora
de Vigo e comarca.
Que método está a seguir o
Partido Popular para coar a súa privatización ao público?
O primeiro que fixo
foi baleirar de persoal os hospitais públicos, tanto no referente á atención
directa aos pacientes como no referente ao persoal dos servizos
complementarios. Así, o número de persoal auxiliar, de enfermería e médico
descendeu progresivamente; e, nalgún lugar, coma en Vigo, tiveron a indecencia
de pechar hospitais públicos para privatizar a explotación dun só hospital que
ten menos camas que as que tiñan no seu conxunto os hospitais pechados. Tamén
se privatizaron os servizos de cociña, limpeza e mantemento dos hospitais e
centros de saúde públicos. As queixas derivadas das privatizacións das cociñas
son unha constante nos hospitais do SERGAS. De igual forma, os recortes de
persoal médico, de enfermería e auxiliar clínico provocaron que as urxencias
hospitalarias estean convertidas nun caos. Todo isto, loxicamente, provoca o
enfado do paciente que se sinte mal atendido e que carga contra o máis
inmediato: o persoal do que depende a súa atención e que está desbordado por
insuficiencia de medios e persoal nos servizos. Isto salta á prensa e esta
(maiormente controlada ideoloxicamente ou económicamente dalgún modo polo
goberno) cóntao. Do mesmo xeito, nos medios xornalísticos nunca nos contan se
hai pacientes rexeitados nos servizos de urxencia das clínicas privadas por
falta de medios, ou dos pacientes que sendo intervidos cirurxicamente en
establecementos privados teñan que ser evacuados de urxencia a hospitais
públicos por falta de medios naqueles para unha axeitada atención médica. Como
tampouco nos falan dos pacientes que están sendo atendidos nas dependencias privatizadas
das áreas hospitalarias públicas e que levan a falecer ás dependencias estritamente
públicas para que iso non conste nas súas estatísticas.
O segundo e actual
paso seguido pola Xunta de Galicia presidida por Núñez Feijóo (aínda que
podería ser outra persoa calquera do Partido Popular) para xerar un sentemento
de desprestixio da sanidade é a de xerar unha asistencia primaría de mala
calidade; e non porque os profesionais que exercen o seu labor na asistencia
sanitaria primaria sexan malos, senón porque non dota de profesionais
suficientes nin de medios suficientes para a cantidade de persoas que eses
centros de atención primaria deben de atender. Tampouco cubren as baixas
médicas ou de enfermaría como debera ser, acumulando os pacientes aos profesionais
que fican en actividade. Quizas o caso máis penoso sexa o que está a acontecer
cos profesionais de pediatría, que están desbordados e non dan abasto; por unha
parte hai poucos, debido á falla de previsión e aos deficientes sistemas de
formación de profesionais (e non só ocorre nesta especialidade, aínda que
destaque). Supresión de prazas en atención primaria, supresión de PAC’s,
distribución arbitraria (e en función de maximizar os beneficios das empresas
contratadas) das ambulancias naquelas vilas que non contan con servizos
hospitalarios. É dicir, están creando un verdadeiro caos no sistema sanitario
público coa finalidade de desprestixialo e darlle a puntilla en favor dos
negocios da saúde.
O que pretenden (“non é un goberno, é unha mafia”, berraba
onte en Santiago un colectivo dos participantes na manifestación en referencia
á Xunta de Feijóo; haberá que pensar nesa posibilidade) para o futuro é aprobar
unha lei sanitaria que, entre outras moitas agresións á sanidade pública e
baixo a aparencia que querer rematar coas listas de espera da sanidade pública,
establece a obriga para o doente de aceptar ser intervido ou atendido nun
negocio sanitario. Supoño que iso será para aquelas especialidades que aos
establecementos privados que negocian coa saúde non lle supoñan altos custes.
Unha das mostras
que nos indican o proceso que se está a seguir desde os gobernos do Partido
Popular para privatizar a atención e a xestión sanitaria, e a conivencia deste
partido coas aseguradoras e negocios privados de saúde, é o alto índice de crecemento
e propaganda dos seguros médicos privados e a proliferación de consultorios
privados de saúde (xa acontecera o mesmo cando se privatizou a saúde laboral ao
traveso das mutuas).
Como dicía o
encabezamento do manifesto
lido onte ao remate da manifestación en defensa da sanidade pública: “Desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo
a Xunta de Galiza, recortáronse dramaticamente os recursos do Sistema Sanitario
Público Galego, tanto en orzamento, como en camas hospitalarias ou en prazas de
persoal. O abandono do Plan de Mellora da Atención Primaria deixou sen
construír máis de 60 Centros de Saúde e reduciu o seu orzamento ao 11% do gasto
sanitario (moi lonxe do 25% acordado cos traballadores do sistema)”
Dicir, tamén, que a
manifestación foi tan exitosa en participación (e iso a pesares dos anuncios
meteorolóxicos) que hasta os medios de información(?)
máis próximos e protexidos polo goberno de Núñez Feijóo víronse na obriga
reseñar nas súa páxinas a importancia do evento. Coas súas reviravoltas e con
rechinar de dentes; en moitos casos poñendo ese importante acontecemento social
ao mesmo nivel que outros sen significación social algunha. Hasta La Voz de Galicia! (iso si, poñendo na
mesma páxina dixital as declaracións xustificativas de sempre dun Conselleiro
de Sanidade que ten ao seu dispor, un día si e outro tamén, as páxinas dese
xornal).
Hai que seguir na
brecha. Ata conseguir botalos ou metelos na cadea.
NOTA: As fotos están tomadas de http://www.cig.gal

