08 febreiro 2019

10-F: Extrema dereita, borregos, ovellas e pallasos tristes


Ás xentes da extrema dereita española parece gustarlle o mes de febreiro para atacar as conquistas democráticas acadadas con moito traballo pola cidadanía. Xa o fixeron utilizando aos elementos máis fascistas do exército sucesor de Paquito El Terrible y sus Oficiales Guaracheros un 23-F; e parece que volven, esta vez con toda a dereita xunta e sen fisuras, a tentar un golpe de man (esperemos que incruento non só no seu desenvolvemento, senón tamén nos seus resultados) contra a democracia; e o que é peor, contra as ansias de recuperación dos espazos democráticos secuestrados á cidadanía polos últimos gobernos do Estado sustentados polas maiorías parlamentarias da extrema dereita do Partido Popular.
Cando aínda non está case nada recuperado, porque parece que por parte do goberno actual do PSOE tampouco hai moitas ganas facelo, os partidos da extrema dereita convocan para o próximo domingo, 10 de febreiro, unha concentración na praza madrileña de Colón. E digo da extrema dereita porque, como xa teño explicado máis dunha vez, ás persoas e ás organizacións eu adoito cualificalas non polo que din, senón polo que fan. Por iso igualo a Ciudadanos, Partido Popular e Vox como partícipes da mesma ideoloxía.
Non cabe dúbida de que a praza de Colón vai estar repleta de nazi-fascistas e toda caste de xentes de extrema dereita chegadas de todas as partes do Estado, a maior parte chegadas a Madrid en autobuses fretados polos convocantes e os seus apoios financeiros. Mesmo hai quen, como o Presidente da Xunta de Galicia, ven expresamente desde terras americanas para asistir ao citado acto de exaltación fascista. O que non se sabe se neste último caso pagará el o seu transporte ou teremos que pagárllelo a cidadanía da Galiza. Ou si se sabe.
En teoría, esa presencia da "nova mesta" polas rúas madrileñas é para protestar por non se sabe moi ben que relacionado con Cataluña; de feito pregúntasllo a calquera dos que participan, incluído os dirixentes convocantes, e cada un diche unha cousa distinta sobre as motivacións. No único que coinciden é en dicir que “polo bien de España”, un manido e fedorento argumento utilizado por todos os golpistas do mundo cada vez que atacan a democracia dos seus países; iso si, trocando o nome do país e poñendo o correspondente.
Eu comprendo que anden tan desesperados. Acabóuselle o chupeteo vario e diverso. Unha morea de cargos públicos de alto nivel pertencentes ao Partido Popular acusados de diversas fechorías para enriquecerse (agora xustifican que xa os botaron) e para lucro dese partido; organizacións de extrema dereita que se quedan sen chupes diversos naquelas comunidades e concellos nos que xa non goberna o Partido de Casado; o lider de Vox que ficou sen as “mamandurrias” madrileñas que lle proporcionaban FAES e Esperanza Aguirre e agora ten que buscarse a vida, e non vaia a ser que despois de toda unha vida teña que poñerse a traballar; ...e supoño que os outros que faltan tamén queren meter o cazo.
Acabo de ler hai pouco que xa se unen á convocatoria cousas tan variopintas como Hogar Social, Falange Española, España 2000,..., é dicir, todo o lixo nazi-fascista que pulula polo Estado Español vai estar en Madrid .
Imaxino que unha vez en Colón, que o petarán, haberá un palco onde se xuntarán os lideres do Partido Popular, Vox e Ciudadanos para lanzar arengas fascistas contra a democracia, contra as mulleres e contra todo aquelo que cheire a liberdade e igualdade. O que si fica máis que claro (por se alguén non o entendía) é que o entendemento entre Ciudadanos e Vox en Andalucía non foi algo ocasional e provocado polo Partido Popular, senón que foi algo buscado polas tres forzas que agora incluso lle dan responsabilidades ao partido nazi-fascista en temas relativos á recuperación da memoria histórica en Andalucía.
En fin, e resumindo: o próximo domingo a Mesta, esta vez disfrazada e fora de temporada, ocupará unha pequena parte de Madrid. Esta vez os ovelleiros montarán unha especie de cercado virtual na Praza de Colón onde xuntarán a todas as ovellas e a todos os borregos, con algún carneiro e algún lagarto de incógnito no medio,  e instalaranlle un palco desde onde os pallasos tristes tentarán que as ovellas non se aburran, os borregos non choren e os carneiros e os lagartos non se desmadren.
Mentres, outros estaremos en Santiago de Compostela intentando defender a sanidade pública galega dos continuados ataques aos que a someten aqueles extremistas de dereita liderados polo que ven das américas expresamente para participar no acto fascista.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...