Hoxe é 14 de abril, día no que se
conmemora a data da instauración da Segunda República Española no ano 1931, día
que fai referencia ao trunfo da decencia e dos dereitos humanos sobre a
barbarie monárquica, a barbarie dos grandes propietarios, a barbarie
representada en diferentes aspectos sociais e económicos pola Igrexa Católica,
a barbarie do fascismo e dos seus pistoleiros e asasinos agrupados baixo a
bandeira dun grupo antisocial denominado Falange
Española y de las JONS, a barbarie simulada, subterránea e conspiradora da Confederación Española de Derechas Autónoma
(de acrónimo CEDA, partido que representaba os intereses da grande burguesía
española de entón e que estivo na sombra de todos os intentos de golpe de
Estado militar contra o réxime legalmente constituído).
Unha República, a Segunda, que
recibiu o apoio de toda canta organización representante dos dereitos das
persoas ou dos dereitos nacionais dos pobos, incluíndo á dereita
nacionalista vasca e a gran parte da dereita nacionalista catalá e da inmensa maioría do nacionalismo galego da época.
Unha República na que a maioría parlamentaria que representaba realmente os
intereses populares foi quen de poñer en marcha os estatutos de autonomía catalán
e vasco. Que foi quen de aprobar o Estatuto de autonomía de Galiza redactado,
entre outros, por persoas tan insignes e significativas como Alfonso R. Castelao
ou Alexandre Bóveda (vil e salvaxemente asasinado polos conspiradores militares
e fascistas que apoiaron o golpe de xullo do 36); estatuto que, aínda que aprobado, non se puido por
en marcha precisamente debido á sublevación fascista dos asasinos (militares,
civís e relixiosos coas súas organizacións e confesións organizadas á fronte) que
se levantaron en armas contra a legalidade vixente.
Unha República, que pese a saber
de antemán que nas eleccións a celebrar despois da proclamación da mesma as
mulleres ían votar de xeito masivo ás opcións monárquicas e de dereitas
rancias, impulsaron e puxeron en marcha (contra a vontade da propia dereita) o
dereito das mulleres a votar e escoller quen as representara nos parlamentos e
nos concellos. E efectivamente así foi; a marcada influencia da Igrexa Católica
(sobre todo) e do caciquismo fixo que nas primeiras eleccións estatais
republicanas foran as dereitas as beneficiadas polo voto feminino. Tamén foi
unha lección aprendida polas mulleres que nos seguintes anos o seu sometemento,
por mor das leis dereitosas e a influencia nelas da curia católica, perdurou e
foi in crescendo; lección aprendida e
que fixo que unha grande parte delas rectificaran o seu voto no mes de febreiro
de 1936.
Unha República que lexislou o dereito
ao divorcio e o dereito a establecer unha relación matrimonial pola vía civil,
sen ter que someterse ás leis que
chamaban divinas, da Igrexa Católica, pero que non eran máis que patróns de comportamento dos seus seguidores en beneficio dos negocios
da grande burguesía e da propia organización relixiosa.
Unha República que ao través da
reforma agraria, volveu produtivas grandes extensións de terras fértiles e
cultivables entregando terras a quen nelas traballaban en réxime de servidume
para os grandes terratenentes, sometidos a continua explotación e condenados a
pasar fame e miseria e favor duns parasitos da nobreza e os seus herdeiros e
descendentes (uns grandes de España, outros simplemente herdeiros, pero todos
uns grandes fillos de puta). Unha República que quixo rematar cos “foros”[1].
Unha República que dignificou o
ensino público e fixo del un dereito para todas as persoas; e que estendeu a
cultura ata os máis recónditos lugares da xeografía española.
En fin, fican moitas cousas
positivas da IIª República Española no tinteiro; unhas que se me esquecerán e
outras que non vou mencionar por non estenderme no artigo.
Actualidade da
defensa da Segunda República.
Mais, é contraditorio loar e
defender a IIª República Española coa reivindicación dunha República Galega? Eu
persoalmente penso que para nada son posicións excluíntes; que a Segunda
República representou un avance social e político que todos os demócratas
debemos defender, independentemente de que defendamos ou non a
consecución dunha República Galega independente. Iso o tiveron moi claro, incluso naqueles
tempos, os nosos devanceiros; non todos independentistas pero que si tiñan claro
a necesidade de que Galiza tivera políticas propias que posibilitaran o avance
social e económico dunha terra explotada e abandonada.
Por iso eu non comprendo que,
aínda coincidindo en numerosas arelas con elas, haxa persoas que cando no mes
de abril e nos actos republicanos me ven coa insignia republicana na solapa e
cando reclamo a lembranza da Segunda República Española me contestan como
contraposición “república galega”. Non o entendo, nin sei cal é a filosofía de
fondo; pero eu sigo coa miña loa da Segunda República e dicindo que só baixo un
réxime republicano é posible acadar a igualdade de dereitos para as persoas e a
redistribución máis xusta das rendas.
Isto non quer dicir que todas as
repúblicas respondan a intereses populares; temos exemplos dabondo de que isto
non é así. Pero desde o momento no que o xefe dun Estado non pode ser escollido
polo conxunto da cidadanía, ese Estado ten unha raíz e unha natureza non
democrática, por moito que lle chamen “monarquía
parlamentaria”, “monarquía
constitucional”, ... ou lle poñan a “monarquía”
calquera outro apelido destinado a enmascarar e disfrazar ese réxime insán,
autoritario e antidemocrático.
E se o exposto anteriormente é aplicable
a todas as monarquías, no caso español a esa monarquía parlamentaria temos que cualificala
de ilexítima porque a reinstauración monárquica do rei Juan Carlos foi
consecuencia dun golpe de Estado contra a lexislación existente no ano 1936; e
o citado rei foi nomeado como tal por un ditador, por un cruel asasino. Iso por
moito que no referendo constitucional do 1978 se coara de “estrangis”, e
aproveitándose das arelas de respirar liberdade e aire fresco dos españois, ese
indesexable réxime.
Por iso, un ano máis, VIVA A
REPÚBLICA!
[1] En poucas verbas, e para que se entenda sen ter que estenderse moito,
os foros consistían o pago en especie
abusivo que quen traballaba a terra e vivían en chozas propiedade dos poderosos
-a nobreza e a Igrexa Católica- practicamente abandonadas e arruinadas tiñan
que facer aos seus propietarios. Terras que por regra xeral foran entregadas á
nobreza ou á Igrexa por “vontade real”
ou “vontade divina”, que viña a ser o
mesmo e consistía en quitarlle a terra a quen a traballaba.
