SEIS DE MAIO DE 2019: DATA PARA LEMBRAR.
Onte, 6 de
maio de 2019, foi unha data histórica para a vila de Cangas de Morrazo. O grupo
de goberno dese concello, despois de moitas xestións e intentos frustrados, conseguiu
retirar do lateral da igrexa parroquial católica de Santiago de Cangas o mural
levantado despois da chamada guerra civil española polas hordas fascistas do
xeneral Franco.
Mural non distinto de moitos outros colocados, tamén, nos muros de templos relixiosos católicos, cuxa estrutura (agás decentes excepcións) estivo na conspiración e na posterior represión política e ideolóxica do golpe de Estado fascista de xullo de 1936 e que durou ata ben entrado o ano 1977. Os meus parabéns a todos os demócratas cangueses, en especial aos membros do Grupo Municipal de goberno e a Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas do Morrazo. Xa era hora.
ALGO MOI REAL ACONTECIDO EN CANGAS DO MORRAZO
E agora paso a
comentar algo que aconteceu en Cangas hai, máis ou menos, tres anos.
Contoume un
amigo que nunha rúa canguesa sita ao lado da igrexa, hai algún tempo, tivo
lugar unha conversa. Esta conversa desenvolveuse entre o actual párroco de
Cangas e o meu amigo; non sei se as palabras son as exactas (hai máis de un ano
que o contou), pero si que responden ao contido real desa conversa:
Meu amigo dirixíndose
ao párroco e sinalando ao espantallo fascista situado no lateral da igrexa: “Ola,
bo día. Cando van quitar eso de aí?”. O párroco, con cara de vinagre e ton de moito
enfado contesta: “Nunca, eso nunca se va a quitar. Gracias a esos valientes [ou
heroes, non me lembro ben como me contara] no quemasteis la iglesia”.
Teño que
aclarar que o meu amigo aínda non existía cando o golpe militar asasino de
1936; nin sequera os seus pais estaban en idade de procrear, polo cal é
imposible que puidera queimar ningunha igrexa; e, tamén, que o meu amigo é
profundamente respectuoso coas crenzas máis profundas de cada quen. Diante esa
contestación o meu amigo, que é un antifascista de sempre, enfadouse e seica
lle largou máis dun improperio “por maleducado e por fascista”.
Hoxe, o meu
amigo está moi ledo porque por fin o espantallo que homenaxeaba o levantamento
militar contra a legalidade da IIª República, espantallo presidido polo nome do
fundador dunha organización que foi de pistoleiros nazi-fascistas, utilizando de
parapeto (como en outros moitos templos dos colaboradores necesarios da
masacre, o asasinato e o xenocidio franquistas) nomes de numerosas persoas da
vila que perderon a vida defendendo, voluntaria ou involuntariamente -non o
sei-, aos carniceiros golpistas que instauraron un réxime policial represor e
corrupto do que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias, tanto no ámbito
da represión como no ámbito da corrupción.
E QUE ACONTECERÁ? QUE FARÁN OS CATÓLICOS QUE CREN NA DEMOCRACIA E NA
LIBERDADE?
Onte o señor
cura estaba moi enfadado, segundo conta hoxe o Faro de Vigo, aínda que non
quixo facer declaracións públicas. Imaxino que, tendo en conta os seus modos e
maneiras e a ideoloxía que parece profesar e que é de dominio público en todo
Cangas, reservará as súa opinións para
lanzalas desde o púlpito en todas as ocasións que poida facelo; aproveitará
misas e novenas (e, se cadra, tamén funerais e vodas) para facer apoloxía do
fascismo, defender ao golpismo franquista e tentar de branquear a un réxime
caracterizado pola negación de calquera liberdade de expresión e incluso
pensamento (non esquezamos que centos de miles de persoas foron asasinadas
entre os anos 1936 e 1977 simplemente por pensar de forma distinta da do réxime
fascista de Franco), utilizando a violencia armada e policial para manter a
corrupción e poder roubar a mans cheas en favor dos seus cómplices e apoios
financeiros.
Eu espero dos
crentes católicos que cren firmemente na democracia, nas liberdades
democráticas, que no caso de que o cura aproveite os ritos relixiosos para
defender ese franquismo indefendible lle mostren a súa desconformidade dalgunha
forma; por exemplo, abandonando o lugar no que se estea celebrando o oficio relixioso
corrompido polo fascismo.
Xa de por si
adoita ser bastante vergonzosa a actitude da maior parte dos curas católicos en
épocas electorais para tentar de dirixir o voto dos fieis desde os púlpitos,
como para que se lle permita que poidan exaltar ao fascismo sen que ninguén lle
deixe as cousas craras.
