Remate do segundo intento de investidura de Pedro Sánchez. Xa non o
intentou. Nada novo no horizonte; simplemente o esperado, que o PSOE
non quer un goberno de orientación socialdemócrata. O que queren no
partido felipista é un goberno que siga a servir sen trabas os
intereses da oligarquía financeira española e internacional, como
xa teñen feito cada vez que o PSOE tivo nas súas mans o Goberno do
Estado. Un goberno deles en solitario con calquera apoio directo ou
indirectos en condicións, ou, diante da imposibilidade de que o
partido franquista se suba ao carro, ou con Ciudadanos. É dicir, un
goberno de dereita liberal.
A
desexada e frustrada reedición dun pacto como o de febreiro de 2016
O desexo preferente do PSOE de acadar con Ciudadanos (C's) un acordo
similar a aquel “Acordo para un goberno reformista e de
progreso” que acordaron en febreiro de 2016 veuse impedido
pola actitude do “partido que non se sabe por onde vai saír”
que lidera o Riverita.
Aquel era un acordo perfecto para os dous partidos que baixo un
verniz de modernidade, un de suposto centro-liberal e outro de
suposta esquerda, acadaran un
acordo perfecto para servir a curto prazo os mesmos intereses que
ambos defendían: os do gran capital.
Unha banda de delincuentes de luva branca (o gran capital) que
estimaba que un corrupto Partido Popular non era presentable para a
defensa dos seus intereses, e do que o comportamento e implicación
na corrupción de numerosos dirixentes dese partido poderían ter,
daquela, un efecto negativo sobre as súas pretensións creando
tensións sociais que a oligarquía financeira para nada desexaba nun
contexto de crise e desesperación social das clases máis
desfavorecidas. Unha oligarquía financeira que, desde Cataluña,
ocupouse de crear un novo partido estatal, “un Podemos de dereita”
a dicir dalgún dos membros desa oligarquía, que puidera substituír
a un Partido Popular fortemente desprestixiado pola súa implicación
nos numerosos procesos de corrupción aireados ao longo e ancho do
Estado Español.
A
rebelión de Rivera e a frustración do PSOE e do gran capital
O
que non contaba o PSOE nin o gran capital era que a rebelión de C's
na primeira sesión de investidura (“a banda de Sánchez” e
lindezas de toda clase e faltas de educación)
e o seu desprazamento cara á extrema dereita fora máis ala das
eleccións municipais, de aí que non lles preocupara o aprazamento
ata setembro dunha nova sesión de investidura. Pero as cousas non
foron como esperaban; por suposto que a última hora as presións do
gran capital sobre a cúpula de C's fixeron efecto e estes
consideraron timidamente a posibilidade de absterse e non votar non
na investidura. Non así o gran beneficiado da situación e que,
amais, volve a ser a gran esperanza branca da oligarquía financeira,
o Partido Popular, que se mantivo na súa negativa a sabendas que
nunhas próximas eleccións vai ser quen volva a acumular o esencial
do voto de dereita antes repartido entre eles, o Rivera e o partido
nazi-fascista; situación que, se esa é a consecuencia da ausencia
de goberno, tampouco desgustaría aos grandes empresarios e aos
banqueiros pese a todas as rimbombantes declaracións realizadas por
estes sobre a inestabilidade xerada por non ter un goberno.
Nunhas
novas eleccións,
e supoñendo que se cumpran as expectativas de baixada de
Unidas-Podemos e de Ciudadanos, hai
tres alternativas que á oligarquía lle valen e serven os seus
intereses:
1ª) Se
o PSOE volve a ter a maioría insuficiente
pode pactar con C's -estes xa se manifestaron neste senso despois de
que Sánchez non presentara nova investidura- non sería difícil
acadar o apoio dos representantes das burguesías catalá e vasca,
PdeCat e PNV, e tampouco da Canaria e Cántabra -CC e PRC- como
tampouco a do sucedáneo do PP en Navarra; incluso ERC, cómplice da
burguesía do PdeCat na xeira de privatizacións en Cataluña e
actual impulsor de privatizacións de servizos públicos, non é
descartable que votara favorablemente; 2ª) Se
a maioría insuficiente é do Partido Popular,
a situación sería similar á anterior posibilidade e os apoios os
mesmos, pero esta vez para os de Casado; engadindo os seus antigos
correlixionarios nazi-fascistas; e a 3ª) Que
haxa maioría absoluta do PSOE ou do PP,
situación ideal para grandes empresarios e banqueiros xa que, con
toda seguridade, en ambos casos os seus intereses ficarían ben a
cuberto como ten acontecido ata o momento.
Os
desexos do PSOE e a incapacidade de Pedro Sánchez para investirse
Presidente
Os
feitos e actitudes políticas dos implicados demostran que desde o
minuto un posterior ao escrutinio electoral os desexos prioritarios
do PSOE e de Pedro Sánchez pasaban por acadar acordos coa dereita
integrada en Ciudadanos de cara á formación de goberno e, se era
posíbel, acordar a abstención case imposible do partido franquista
e así non depender de pactos cos socialdemócratas de Unidas Podemos
(UP). Sabían perfectamente que con só os seus votos e os do partido
de Rivera no Congreso non poderían acadar unha maioría de
investidura; incluso si Coalición Canaria (CC) e Partido
Regionalista de Cantabria (PRC) votaran favorablemente; sabían
perfectamente que da dereita catalá, dada a situación política en
relación a Cataluña e a presenza dunha forza tan centralista coma
C's no goberno, non sería factible acadar os votos.
A
consecuencia de todo isto foi artellar un paripé de negociación
con Unidas Podemos. Unha chantaxe política á dereita realizada
coa intención de propiciar un cambio de posición no partido
riverista e do partido de Casado diante da posibilidade de que fora
un goberno con medidas socialdemócratas quen gobernara o Estado.
O
resultado é de todos e todas coñecido: ese paripé non colleu o
camiño desexado polo PSOE; despois de múltiples declaracións,
contradeclaracións e burradas varias expresadas publicamente por
membros do PSOE e do Goberno de Sánchez (véxanse as continuadas
declaracións de Carmen Calvo, Ábalos, Adriana Lastra, etc. que
constituíron verdadeiras xoias da antipolítica e, en moitos casos,
merecedoras de premios á burrada máis espantosa; e que a día de
hoxe seguen largando polas súas bocazas burrada tras burrada).
Paripé que quedou claro cando no mes de xullo Pablo Iglesias
renunciou publicamente a formar parte dun futuro goberno por ser
considerado publicamente polo PSOE e Pedro Sánchez como o único
obstáculo para un goberno de coalición, cousa que non foi aceptada
polo partido capitalista liberal no que se ten convertido o PSOE. Aí,
e pese aos esforzos realizados polo lixo mediático sistémico
para ocultar a verdadeira natureza das intencións do partido
felipista-liberal, quedou máis que claro que o partido de Pedro
Sánchez non buscaba un goberno de esquerda. Tentou de disimulalo
ofrecendo publicamente migallas baleiras de contido pero con nomes
rimbombantes a Unidas Podemos, labor para a que volveu a contar co
apoio dese mesmo lixo mediático e “bien pensante” do sistema
cuxos maiores accionistas son fondos voitre.
E
así, entre estupidez e estupidez expresada publicamente polos cadros
políticos do PSOE, entre inacción e falta de actuacións reais
tendentes a formar goberno, e supoño que entre presións da
oligarquía financeira a PSOE e a C's para evitar un goberno de
esquerda, foi transcorrendo o tempo ata chegar setembro, no que xa
definitivamente o PSOE dixo que nada de goberno de coalición, que se
quería Unidas Podemos apoiaran un programa pechado que lle
presentaran (programa con multitude de medidas “de entrada” para
despois non cumprir). E UP fixo o que tiña que facer: mandalos a
tomar vento fresco.
Cambiar
a fachada ao sistema, simplemente.
O
que segue a ficar claro é que nos plans do PSOE non entra o rematar
coas podremias do sistema; derrogar as reformas laborais e do
sistema de pensións públicas do partido franquista, nin a LOMCE,
nin a lei mordaza, nin unha regulación progresista da vivenda; e
tampouco os artigos fascistas introducidos no Código Penal polos
gobernos de Mariano Rajoy para protexer todo tipo de institucións
medievais e trasnoitadas das denuncias públicas dos seus abusos e a
súa corrupción, así como as denuncias públicas dos abusos
policiais e xudiciais. É dicir, nada que poida desgustar ou minguar
ás súas protexidas contas de resultados da oligarquía financeira;
e, por suposto, non poñer cancelas ás portas xiratorias polas que
se poidan coar aqueles e aquelas que desde as institucións “se
porten ben” ou medidas para impedir o saqueo fiscal á que moitas
grandes empresas, nobres e empresarios someten ao Estado desviando
fondos cara aos paraísos fiscais ou tributando miserias que as leis
lle permiten.
Que
a súa intención pasa só por lavarlle a cara a este sistema
político corrupto para facelo menos impresentable á vista pero cuxo
fondo vai seguir a ser o mesmo. E por suposto, tamén, as súas
consecuencias: progresivo empobrecemento da clase traballadora e da
pequena burguesía, inseguridade e precariedade laboral,
privatización progresiva dos servizos públicos básicos, represión
policial, xudicial e mordaza sobre calquera intento de protesta
organizada contra as leis antisociais. Tampouco se aventa unha
depuración dos corpos policiais, do exercito ou da xudicatura,
librando ao sistema social daqueles elementos incompatibles cun
sistema de liberdades. Parafraseando ao máis que parafraseado
Giuseppe T. di Lampedusa da súa novela O Gatopardo, o PSOE
busca trocar todo para que todo siga igual. Niso xa ten
experiencia, xa o fixo Felipe González no ano 1982. Impresentables
véxase por onde se vexa.