30 decembro 2019

Fake News from Here

Tendo en conta como a xogan algúns impresentables deste Estado Español, que carecen do máis mínimo sentido do humor e que actúan máis levados pola súa ideoloxía de extrema dereita que pola razón, a lóxica e a obxectividade, aclarar que de todo o aquí escrito calquera parecido coa realidade é pura coincidencia (e se así non fora, alguén debería facerse mirar).
FIRST NEWS
Unha perigosa banda terrorista separatista foi capturada pola Civil Guard na capital da Comunidade Autónoma de Polonia.
Baixo a dirección do xefe da TIA, superintendente Vicente, auxiliado polo famoso axente secreto Anacleto, a Civil Guard apresou a un perigoso comando terrorista separatista formado por un número indeterminado de persoas (como o responsable da operación extraviou a nota, aínda hai que preguntar a quen filtrou a confidencia cantas eran as persoas ás que había que deter).
Os xornais máis influentes e coñecidos do Estado no que se encadra Polonia se felicitan polo éxito dunha operación tan ben dirixida polo Superintendente Vicente e executada tan á perfección polos membros da Civil Guard participantes na operación; sen deixar o destaque da colaboración dos anacletos comandados polo famoso Anacleto, axente dos servizos secretos do Estado.
Destacar que nas dependencias policiais nun hábil interrogatorio dirixido por Anacleto, dous dos detidos confesaron a intención do comando terrorista de cometer un importante atentado no que eles denominaron “dia D”, que non saben moi ben na data que cadra pero era esa e todos estaban preparados. Igualmente confesaron que, amais da lixivia, os deterxentes e as pastillas de xabón de glicerina atopadas no seu poder e requisadas nos rexistros realizados polo corpo policial interveniente na operación, tiñan a intención de mercar gabardinas de espía infiltrado e antefaces para coarse no parlamento polaco sen ser descubertos e recoñecidos; e, por riba, contaban cun armario repleto de vasoiras con mangos de pau cheos de termitas cos que pensaban aterrorizar aos seus obxectivos.
Segundo confesaron os dous detidos, toda a operación gozaría dunha cobertura externa proporcionada por dous membros do comando terrorista utilizando sendos gancheto-cópteros de última xeración e metralletas de pau tipo Kalasnicouba tallados por un afamado artesán da contorna. Todas estas probas, que segundo o voceiro oficial do Superintendente Vicente demostran de forma inequívoca a implicación dos detidos e a súa intención de cometer actos terroristas e terroríficos en contra da seguridade do Estado. A Civil Guard está á espera de que alguén desde arriba lle diga o número e os nomes das persoas que faltan para proceder á súa detención, que se espera sexa inminente.
Os detidos foron dispostos ao dispor do Tribunal de Orde Público (TOP), que coas probas á vista decretou a súa entrada provisional en prisión ata que o aparato de propaganda da dereita e da ultradereita políticas estiveran en condicións de buscar outras escusas coas que atacar aos do Partido Nacionalista dos Polacos e aos que chaman os seus aliados anti-Estado Uno Grande e Libre. Mentres tanto, en apreciación do TOP, vaise creando ambiente.
Novas de última hora confirman que agás dous deles, o das formigas termitas e o que confesou os plans tomados dun Mortadelo e Filemón para asaltar o parlamento polaco, os acusados foron postos en liberdade. Neste último caso, a fiscalía baralla a posibilidade de procesalos por vulneración do copyright. Ifgualmente, a SGAE está a estudar como pode sacar cartos deste asunto.


SECOND NEWS
O Gran Xulgado de Roubos e Atracos acaba de ditar sentencia polo roubo efectuado pola familia do Cativiño Paco (máis coñecido como Franco) de dúas estatuas ao Concello de Santiago.
Na súa providencia considera probado que o Cativiño Paco efectivamente apropiouse das dúas estatuas que o Concello de Santiago reclama, máis que non está demostrado que as que están no poder da familia do Franco sexan as mesma que el roubou, aínda que se parecen.
Lembrar que con anterioridade un Pequeno Xulgado xa fallara en favor dos familiares do Cativiño Paco, sinalando que, pese a toda a documentación de propiedade e á lexislación estatal sobre obras de arte do Patrimonio Nacional, “o que se colle non se quita Santa Rita Rita Rita, polo cal o roubado (se foi o Franco quen o fixo) roubado está, e que nada se pode negar ao salvador da patria e aos seus descendentes. E que un ou unha xuíz que non o considera así non é digno ou digna de pertencer a tan patriótico corpo”. E que este estrepitoso fallo foi recorrido polo Concello de Santiago diante do Gran Xulgado de Roubos e Atracos.
 
THIRD NEWS
A Xunta de Galicia ven de facer pública a súa resolución sobre as axudas á prensa editada en Galicia. Unha vez máis o Grupo Voz é o gran prexudicado.
Publicadas pola Xunta de Galicia as subvencións directas á prensa, confírmase un ano máis que os grandes discriminados polas mesmas foron os medios do Grupo Voz, que recibiron ínfimas contías en relación aos percibidos por outros medios favorecidos polas mesmas, como poden ser Sermos Galiza, Praza Pública ou Galicia Confidencial. Postos en contacto cun responsable dos medios castigados pola Xunta, este comenta que “desde o goberno de Galiza non se ten valorado a imparcialidade de medios coma os nosos que poñen por ribas o dereito dos lectores á información e a obxectividade a unha información que responda ás necesidades informativas e políticas dos gobernos do señor Feijóo; nunca un medio informativo como os pertencentes ao noso grupo de comunicación fixeron tantos esforzos por denunciar a corrupción que asola ao Partido Popular nin tampouco fixeron tanto por normalizar o uso do galego en todas as áreas da sociedade da Galiza; por outra parte, o cadro de colaboradores e colaboradoras de opinión dos nosos medios proceden dun amplo abano de ideoloxías abertas e progresistas (para exemplo só mencionar -como botón de mostra- que ata Robertito, o ultraesquerdista nacionalista que é conserxe da facultade de dereito da universidade, ten cabida nas nosas páxinas); por iso volvémonos a sentir discriminados unha vez máis”. Ata aquí as declaracións deste voceiro do grupo de comunicación máis independente e obxectivo de todos os nunca habidos en Galicia.
FOUTH NEWS
O Partido Popular, Vox e Ciudadanos recorrerán aos independentes tribunais españois para tratar impedir que Sánchez poida formar un goberno judeo-masónico-comunista-separatista.
Esta vez, o tribunal independente escollido polos constitucionalistas de Vox, Partido Popular e Ciudadanos é a Junta Electoral Central. Este intento de carambola, que pasa pola inhabilitación do ario Torra para exercer coma President de Catalunya, pretende que posteriormente caian polos buratos os de ERC e se poñan como energúmenos o de Junts por Catalunya para impedir que Podemos e PSOE poidan formar un goberno que remate cos privilexios dos obreiros e coa continuada ruína dos empresarios iniciada polo primeiro goberno de Mariano Rajoy.
Franco así o habería desexado” comentaron os denunciantes.


FIFTH NEWS
Feijóo encadease na Ponte de Rande para exixir do Goberno de España a devolución da AP-9, a supresión das peaxes e a fin dos privilexios da concesionaria da Autoestrada do Atlántico.
Fiel ás reivindicacións históricas do seu partido, Feijóo ten decidido dar un paso máis na loita do Partido Popular pola recuperación para Galicia da Autoestrada do Atlántico. Con esta fin, o famoso político non fai máis que amosar a súa consecuencia cunhas ideas que leva defendendo desde que empezou a súa andadura coma xefe de filas do Partido Popular en Galicia.
Non podemos esquecer a manifestación liderada por el e Mariano Rajoy, acompañados de Abel Caballero, no pasado 31 de decembro de 2017 para tratar de impedir que a concesionaria da AP-9 subira as peaxes antes de rematar as obras de ampliación da mesma.
Feijóo, en declaracións a este medio, afirmou que “por moito frío e por moita neve que teña que sufrir de aquí só me van poder descolocar pola forza”.
FIN
Ata aquí fake news de hoxe.

05 decembro 2019

CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA: 41 ANOS DE PRIVILEXIOS (para os de sempre)


Como cada ano desde hai 41 anos, o día 6 de decembro vaise celebrar por unha parte da cidadanía do Estado Español o aniversario da vixente Constitución Española de 1978. Outra parte, as persoas que desexaban que o rache co réxime franquista fora real e efectivo, non temos nada que celebrar.
A citada lei, ao través da cal se vertebra (ou dise que iso se fai) o resto da lexislación do estado, ten sufrido dúas modificacións desde a súa promulgación no ano 1978. A primeira, para adaptarse á lexislación europea ao respecto dos dereitos de participación da cidadanía europea non española residente no Estado Español nos procesos electorais de ámbito municipal. A segunda, a modificación do artigo 135 do texto constitucional, para satisfacer as necesidades da oligarquía bancaria internacional e considerar como obriga preferente do Estado o pagamento dos xuros e a devolución da débeda externa, e reflectilo así nos orzamentos xerais do Estado para cada ano sendo un desembolso que tivera preferencia sobre o afrontamento de calquera outra necesidade do Estado ou do conxunto dos seus e das súas cidadáns, aínda que esta última fora de vida ou morte (isto de “vida ou morte” non o di, mais sobreenténdese tendo en conta a súa redacción).
Unha constitución cunha total falta de ética no seu nacemento.
Esta constitución cuxo 41 aniversario celébrase neste ano é unha lei á medida do franquismo e dos franquistas que consideraban que coa morte do ditador o seu corrupto réxime nacido do golpe de Estado de 1936 estaba esgotado e morto; e non só moitos dos xerifaltes políticos do réxime franquista (Manuel Fraga, Federico Silva, Fernández de la Mora, López Rodó, ...) eran desta opinión; tamén moitos dos grandes empresarios que amasaron a súa fortuna ou despegaron ao amparo dos chanchullos e da represión do réxime do ditador Franco eran desta opinión. Toda esta caterva fascista prefería “trocar todo para nada trocar” antes que arriscarse a que a crecente, daquela, mobilización popular rematara totalmente e liquidara o seu réxime de corrupción; ou que un exército e unha policía corruptos e inzados de fascismo e franquismo volveran a ser protagonistas dun novo e cruento golpe de man, ao estilo chileno ou arxentino, que rematara cun baño de sangue e asasinatos dunha parte importante da poboación.
Esta última era unha opción que nada gustaba a unha burguesía e a unha oligarquía españolas que empezaban a ser toleradas na “Europa civilizada”; suporía un novo illamento do réxime que non sería tolerado polo denominado “mundo libre” baixo ningunha circunstancia e que tería ou seus días contados, con todas as consecuencias negativas que iso tería para esa oligarquía industrial e financeira con alicerces na corrupción e na represión franquista.
Por outra parte, a burguesía franquista tampouco estaba polo labor de rachar totalmente nin co seu pasado criminal nin coa totalidade das institucións coas que se dotou o franquismo ao través da denominada Lei de Sucesións de 1967 (a monarquía encarnada en Juan Carlos de Borbón) e tampouco dos privilexios económicos e sociais adquiridos na ditadura ao amparo da economía de mercado e da represión. Nin estaba disposta a prescindir da famosa “España una grande y libre” que esmagaba os dereitos de territorios con lingua e cultura propias, cuxa mantenza se asignaba a un exército fascista organizado territorialmente para esmagar calquera intento de alzar a voz e que tan bos (aínda que ilexítimos) resultados económicos lles reportou. 

Tampouco deberían ficar desprotexidos aqueles que desde os púlpitos fixeron de valedores espirituais do golpe de Estados dos asasinos, santificando desde o minuto un ata o ano 1975 (agás contadísimas e honrosas excepcións) a represión gobernamental e os asasinatos do réxime de Franco; estou a falar da Igrexa Católica, unha confesión relixiosa co-partícipe do golpe franquista e aliada en todas as andanzas do réxime. O franquismo político e económico (este último que tamén integraba a organizacións amparadas pola Igrexa, coma o Opus Dei) non podía deixar de lado, nin rebaixar o nivel de privilexios que a organización católica tivera ao longo do franquismo. 

Por outra banda, que pasaría coa xudicatura, a policía e o exército fascistas? Loxicamente non ían limpar os estamentos estatais daqueles elementos que, en distinto grao de participación, contribuíran decisivamente ao medre dos seus negocios e ao posicionamento social dos impulsores do xiro franquista; ese xiro cara a un réxime admitido por Europa tamén debería salvar da queima a eses indesexables elementos que perviven aínda a día de hoxe, por si ou polos seus sucesores, en institucións que deberían ser inmaculadas nun estado democrático.
De garantir todo o antedito encargáronse distintas leis: a mal chamada de amnistía e a modificación de parte do articulado do acordo subscrito polo réxime de Franco co Vaticano, ambas no ano 1977; e a propia constitución aprobada no ano 1978 sometida a referendo tramposo e amparado nas ansias de liberdade do conxunto da cidadanía española na que se coaron aspectos de mantemento do réxime que deberían ser motivo de consulta separada e aspectos que pechaban, na práctica, a porta a calquera modificación posterior.
De branquear á policía, exercito e xudicatura fascistas ocupóuse a lei de amnistía de 1977; inicialmente pensada para dar liberdade a todas as persoas encarceradas, condenadas ou exiliadas polo seu labor de oposición ao réxime ditatorial, o citada lei converteuse nun coador polo cal se desculpou e impediu o procesamentos de asasinos, torturadores e cómplices dos mesmos sitos dentro das instancias xudiciais, do exército e da policía franquista. Foi unha lei de punto final enmascarada. E, ao mesmo tempo, salvar as institucións sobreviventes do franquismo; entre elas, a monarquía juancarlista.
A modificación, no ano 1977, do Concordato establecido entre o Estado Español e o Vaticano anteriormente, no ano 1963, baixo o réxime de Franco foi outro dos piares nos que se asentaron nos inicios da transición os privilexios concedidos pola burguesía española á sacrosanta Igrexa Católica. Nesta modificación esa institución económico-relixiosa sigue a manter todo tipo de privilexios de financiamento polo Estado, de presencia na educación e innumerábeis privilexios fiscais polos que está exenta de tributar en numerosos supostos, moitos deles tramposos. Todo iso coa venia do Estado da transición e, por desgracia, do actual.
Pero foi a aprobación da Constitución, no ano 1978, cando se deron carta de natureza inamovible a todos os privilexios e intereses da burguesía española e a todas as distorsións democráticas xeradas polo réxime franquista. A monarquía non foi sometida a referendo e se constitúe como unha institución herdeira do franquismo na figura do Juan Carlos de Borbón nomeado por Franco e, por riba, unha monarquía machista na que pervive a lei sálica (pola que o herdeiro ao trono é o primeiro fillo varón no caso de que o haxa, supeditando ás mulleres para o caso de ausencia de herdeiros varóns); é a única constitución europea na que se dita como debe ser o modelo económico no que se desenvolvan as relacións sociais no Estado; unha constitución na que, sen establecerse como Estado confesional, establece a preferencia da Igrexa católica sobre as demais relixións; unha constitución que atribúe a un exército herdeiro do franquismo a misión de velar polo que esa institución estime como “unidade de España”, un poder armado que para facer unha interpretación deste artigo non ten nin sequera que estar ao que diga o poder lexislativo que é o Parlamento. Unha Constitución tan flexible nos aspectos dos dereitos humanos, os dereitos democráticos e os dereitos sociais que permite leis de explotación explícita dos traballadores e traballadoras como as sucesivas reformas laborais promulgadas polos gobernos do PSOE e do Partido Popular, na que leis como a de seguridade cidadán (lei mordaza) ou as últimas reformas do Código Penal fan anacos da liberdade de expresión, manifestación e seguridade xurídica da cidadanía. Unha Constitución que permite que un Tribunal Constitucional declare procedente os despedimentos de traballadores por ausentarse do traballo por enfermidade, ou que causa que todo un Tribunal Supremo teña que ser reprendido por tribunais europeos polo seu favoritismo cos bancos nas súas relacións cos clientes (gastos bancarios, cláusulas chan dos préstamos, etc.) dentro da Constitución Española.
É dicir, unha Constitución que é un verdadeiro timo, feita á medida dos franquistas e tendo como cerne o mantemento dos privilexios da oligarquía e a alta burguesía franquista. Unha Constitución produto dunha reforma integral para manter todo integramente. E o peor, que foi santificada por partidos que nos últimos anos do franquismo amosábanse favorables a unha ruptura democrática co réxime franquista. E que, posteriormente, acomodáronse ás políticas e aos modos das portas xiratorias.
Unha constitución que permite que se violen os máis elementais dereitos humanos e democráticos e que nos mantén prisioneiros da burguesía e dos poderes franquistas que dominan as institucións do Estado.
E así seguiremos ata que se produza unha ruptura real co réxime de Franco, ata que se depuren as institucións e os corpos do Estado de elementos afectos ao franquismo e ás costumes e procedementos antidemocráticos, ata que se derrogue a lei de punto final e se procese aos torturadores franquistas, ata que se eliminen das rúas do Estado todo resto de simboloxía de persoas ligadas ao réxime de Franco, ata que se cumpra coa memoria histórica e se practique a xustiza e a reparación cos miles de persoas desaparecidas durante o réxime franquista.
En fin, esta constitución non ten nada que celebrar.
A Constitución Española de 1931, que foi vítima do golpe de Estado franquista, si que era unha constitución democrática e avanzada incluso para este tempo e neste Estado Español inzado de franquistas. Aínda sendo a súa redacción tan antiga, supera con moito ao texto constitucional post-franquista vixente no Estado español. Que así o desexe pode lela premendo aquí : Constitución Española de 1931. A vixente constitución non fornece de ningún motivo para ser celebrada; mais ben é unha lei agotada, tanto pola realidade do país e do entorno internacional como por manter aspectos totalmente trasnoitados e que máis ben son parte do século XVIII que dos tempos actuais. E, tamén, porque significa un deterioro social e lexislativo respecto da anterior e lexítima constitución do Estado, a de 1931 É necesario outro proceso constituínte. É necesaria outra constitución.

02 decembro 2019

Dan noxo! Hai que botar a eses botarates.

Antonte en Verín os veciños e veciñas da comarca de Monterrei, acompañados por outros moitos cidadáns de doutras comarcas afectadas por procesos de recortes sanitarios, manifestáronse contra o peche do servizo de paritorio e pediatría no Hospital de Verín.
En realidade o peche dos servizos mencionados foi a gota que colmou o vaso. Porque non foi máis que un paso máis, dos moitos dados pola Xunta de Galicia que preside o incríbel (incriblemente inutil, claro) Alberto Núñez Feijóo amparado polo partido franquista Partido Popular, en aras a desmantelar o sistema sanitario público na Galicia.
Supresión de servizos e camas no Hospital Comarcal Valdeorras; supresión do número de camas públicas hospitalarias, supresión de médicos de familia, de pediatría, persoal auxiliar e de enfermería no conxunto dos centros de saúde e hospitais públicos da comarca viguesa; intentos de vender como ampliacións de servizos a apertura de novos centros presuntamente avanzados que na realidade non supoñen nin o aumento de servizos de saúde esenciais, nin de especialidades que supoñan un aumento sobre o que xa hai nos centros de saúde, como está a ocorrer en Cangas do Morrazo, no que se ofrece un CIS novo con peche do centro de saúde actual no que a única innovación vai ser a apertura de servizo de radiografía de tarde (nen sequera pola noite en urxencias). O mesmo pasa na provincia da Coruña, xa pasou en Lugo e segue a pasar na capital ourensá.
Mentres, a desviación de servizos cara aos servizos privados de saúde segue a ser continuada. En Vigo un moi importante número de beneficiarios de servizo de saúde teñen as súas consultas de especializada e os servizos hospitalarios nas mans dun hospital privado, POVISA. Dadas as importantes listas de espera que hai na sanidade pública por falta de profesionais (non porque non os haxa, senón porque simplemente non os contratan ou non os contratan en condicións) moitas das intervencións cirúrxicas son enviadas a clínicas privadas, procedendo dese modo, e de facto, á privatización dun servizo de atención sanitaria que debería ser de carácter público. Outra das forma que ten a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade de potenciar o uso dos sistemas sanitarios privados é cultivando o desprestixio da sanidade pública; isto é consecuencia de toda a política de recortes, tanto de servizos como de persoal, que teñen como consecuencia que unha gran parte da poboación desconfíe das bondades da sanidade pública por falta de atención ou por tardanza en facilitar esa atención. Isto maniféstase no aumento progresivo das afiliacións a compañías de seguros médicos privados e que en moitos casos os e as doentes acoden a especialistas privados debido á tardanza na que no sistema público (mal xestionado polos incompetentes do Partido Popular) lle conceden as citas, incluso as declaradas preferentes ou urxentes. Así danse casos de consultas de enfermidades graves cuxa espera supera os dous meses ou máis. E tamén o crecemento de numerosas clínicas privadas en vilas de tamaño grande.
As protestas súmanse unhas tras das outras. Non só son os e as verineses, os valdeorreses e valdeorresas, os cidadáns da Mariña lucense e todas as persoas do medio rural que ven como continuamente e de seguido se recortan os seus servizos sanitarios públicos. Tamén son os vigueses e supoño que os cidadáns do resto do territorio de Galicia.
E cando digo que supoño é porque a información sobre os conflitos xerados pola mala xestión dos servizos públicos que dependen da Xunta de Galicia apenas aflora nos xornais galegos e, por suposto, tampouco nese mecanismo de propaganda ao servizo do Partido Popular no que teñen convertido á televisión pública galega. Ao mellor informan nas páxinas locais dalgún xornal, ou de xornais de carácter provincial, do que xa alí todo o mundo coñece e que non poden silenciar. Outras veces nin iso. E no resto das edicións doutras comarcas ou provincias distintas daquelas na que discorre a protesta, nin mentala.
Os xornais de Galicia, agás coa excepción dos que unicamente se publican unicamente en edición dixital, non informan de forma obxectiva do que ocorre no noso país. Os dous xornais publicados en papel con maior difusión de Galicia perecen servir aos intereses partidistas do Partido Popular e non aos intereses informativos do conxunto dos cidadán. Mesmo a algún destes medios en papel se lle pode confundir coma se fora o voceiro oficial do citado partido político, tanto polas súas ocultacións como polo seu contido en temas que poden resultar conflitivos para as aspiracións políticas do Partido Popular. Ocultación de mobilizacións cidadáns de carácter diverso, impedimento de acceso ás páxinas de opinión de organizacións políticas e de carácter cidadán (plataformas sanitarias, asociacións de veciños, sindicatos,...) que poidan contradicir ou denunciar as posicións oficias da Xunta de Galicia e do Partido Popular. Parecen máis un medio de desinformación e manipulativo que medios de información do que realmente ocorre no país e do que pensa a sociedade que o vertebra.
O mesmo pasa nas emisoras radiofónicas de carácter local: moito folklore e pouca información e diversidade de opinións sobre temas que poidan desgustar ao partido que goberna a Xunta de Galicia. Ás veces, e nalgunha e illada cadea de emisoras, podemos escoitar diversidade de opinións e información sobre o que ocorre no país; iso si, nos boletíns de carácter estatal e, ao mellor, nos de algunha emisora local que depende da central desa cadea de emisoras. No resto, mellor chapar; e xa non digamos nada da cadea pública galega... porque iso é de traca.
En fin, apodrecen todo o público por onde pasan. E non digo que o fagan mal, que non é iso. Estou seguro de que o que fan, o desmantelar o servizo público de saúde e o resto dos servizos públicos, o realizan coa eficiencia por eles buscada. O que pasa é que non queren que os servizos públicos sexan de calidade; o que queren é beneficiar ás empresas privadas de saúde, de ensino e de coidados. Por iso hai que botalos. E canto antes, mellor.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...