16 xullo 2020

625.182 imbéciles

          Só como imbéciles podemos denominar a aquelas persoas que se recrean mostrando as súas preferencias por quen con cada acto de calquera tipo contribúe a empeorar o seu benestar; e máis imbéciles aínda cando esas actuacións de perxuizo para a xente e o seu benestar son realizadas de forma tan evidente que calquera persoa normal, non necesariamente moi esperta, pode percibilas con claridade.

         Polo tanto o cualificativo menos ferinte que a esas xentes que se decantan polos seus verdugos pódeselles aplicar é o de IMBÉCILES. Segundo a Real Academia Galega imbécil é quen ten ou manifesta pouca intelixencia; tamén podemos denominar a esas persoas con aqueles sinónimos que a RAG cita, entre outros moitos babecas, bobas, cretinas ou  idiotas.

           E na Galiza hai, como mínimo, 625.182 imbéciles maiores de 18 anos e con dereito ao voto, tal e como puidemos saber por fontes oficiais pasadas as 12 da noite o domingo 12 de xullo. A estes imbéciles xa declarados poderemos, posiblemente, xuntarlle outros que están alén das fronteiras do Estado e que tamén teñen máis de 18 anos e dereito ao voto.

            O Partido Popular e Núñez Feijóo estaban esperando por eles coma auga de maio. Levaban desde mediados do mes de marzo enfeitizando neles e nelas utilizando todos os medios ao seu alcance, nomeadamente a TVG, La Voz de Galicia, o Faro de Vigo, El Correo Gallego,... e outros moitos medios que beben as babas da dereita franquista galega e devecen por ter coma Presidente da Xunta de Galicia a un deles ou a unha delas. E aqueles, coma perfectos papahostias, seguiron crendo todas as trolas que día a día transmitíalle desde o seu púlpito permanente da TVG  o propio auto-investido como epidemiólogo maior de Galiza, os feitos e fantasmas que esa mesma emisora presentaba coma reais nos seus informativos e os que contaban os demais medios "da tropa", mais pendentes de divulgar o que tal cual lles contaban desde San Caetano, sen contraste nin crítica, e de ocultar unha parte da realidade e das críticas dirixidas contra a xestión e súas as nefastas consecuencias do ocupante da residencia do Monte Pío, que de contar o que realmente estaba a pasar na Galiza.

                 As que sufriron as listas de espera na sanidade pública, as que viron como derivaban os seus casos a empresas que viven a conta da mala saúde da xente, as que sufriron o baleiramento de médicos, enfermeiras e persoal auxiliar e de servizos dos centros de saúde e dos centros hospitalarios públicos, as que perderon a familiares nos centros residenciais de maiores por unha falta de atención axeitada que foi permitida polo desleixo de quen debería coidar que neles se cumpriran os mínimos que a lei esixe, as que viron como a súa vila ficaba sen pediatra e tiñan que ir coas súas crianzas a outra vila para que puideran ser atendidas, as que sufriron o peche da súa escola e teñen que ver como cada día un autobus se leva pola mañá aos seus meniños para outro lado onde non se sabe moi ben o que lle van dar de xantar nun comedor privatizado para beneficio dunha empresa de catering (e iso cando non teñen que saír da súa casa moi cediño, pola mañá fría, e andar perto dunha hora para chegar á parada onde os recolle o bus; e outro tanto á volta; todo con chuvia e con frío nos meses de inverno, que aquí vai desde outubro a maio como mínimo). Igualmente aquelas as que lles convertiron os seus montes fértis, cheos de vida e diversidade vexetal e animal en piñeirais ou eucaliptais pobres, con vida vexetal e animal limitada ou nula, onde xa non aguantan nin poden xantar os xabaríns ou os lobos, e todo para beneficio de madereiras e papeleiras ou pasteiras que levan un bo beneficio a conta do empobrecemento da vida no rural. Ou as persoas ás que lle montaron industrias mineiras altamente contaminantes, con permiso deses indesexables, que remataron coa riqueza de terras agrícolas e gandeiras noutrora altamente produtivas: Igualmente as persoas que sufriron os abusos das empresas intermediarias do leite co beneplácito tácito daqueles que deberían velar porque iso non se producira e que se cumpriran os acordos sobre prezos acordados. As que se viron privadas do seu traballo por falta dunha política industrial, que levou a astaleiros, automoción, textil, aluminio, etc. ao peche da instalacións, que unhas veces vanse porque os seus donos preferiron deslocalizar os centros de traballo a lugares con man de obra máis barata (iso si, as subvencións quen llas deu deullas, que adoita ser o mesmo que non lles esixe que as devolvan, e quedan con elas) ou as que se van forzados pola propia consellería encargada de dotar de chan industrial para a instalación de empresas que non cumpre coa súa función (curiosamente moitas delas, auxiliares da automoción, se desprazan para o norte de Portugal onde ofrécenlle lugares de instalación e onde a man de obra é máis barata; incluso, en moitas ocasións, lévanse consigo parte da man de obra que tiñan na Galiza pero con salarios máis baixos; eu, ás veces penso que desde as institucións públicas fanno a peto para defender os intereses da gran empresa de automoción instalada na Galiza; pero é que eu son moi malo e desconfiado; así como ás veces o responsable de industria do goberno galego me parece máis un membro do consello de administración de Citroen que un defensor dos intereses da Galiza; neste aspecto, mellor non me fagades moito caso, posiblemente son cousas miñas).

         En fin, así estamos, e o caso é que a moitas das persoas mencionadas no parágrafo anterior escolleron seguir a sufrir os efectos que xa teñen probado. Evidentemente, como xa dicía antes, o menor cualificativo que merecen é o de imbéciles.

             E moitas desas persoas imbéciles, cretinas, babecas, idiotas, papahostias... xa empezan a disfrutar da súa elección. Polo de pronto Feijóo e os seus palmeros da sanidade xa lle pecharon unha planta hospitalaria de pediatría no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Igualmente, as condicións de escolarización nos niveis educativos de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional non van ser as aconselladas polas autoridades epidemiolóxicas serias (inclúo o de serias porque aos que pinchan e cortan aquí e teñen a última palabra neste asunto non os considero acedores de tal cualificativo); todo por non reducir o número de alumnos por aula e por non contratar máis profesorado. Supoño que tanto nun caso coma noutro ten moito que ver coa derivación dos usuarios deses servizos cara ás empresas privadas de ensinanza e de saúde. Igualmente, as citas e a atención nos centros de saúde seguen a ser telefónicas (xa só falta que pretendan que che tomen a tensión ou te quiten un dente por teléfono, pero estes xerifaltes do SERGAS son capaces disto e de máis). E o personal sanitario (nin regalía de 250 euros para copas e hostal, nin nada) segue a queixarse de que son insuficientes para atender a saúde pública, que seguen a recortar persoal e servizos, que seguen contratando de forma ilexítima e con contratos de lixo (que non de luxo). E seguro que moitas desas persoas imbéciles son das que saían todos os días as oito da tarde a aplaudir ás sanitarias. (Ben, tamén falaban marabillas delas -non das imbéciles senón das persoas sanitarias- Feijóo e o Conselleiro de Sanidade e outros membros tamén da tropa dos incomPPetentes pero como podemos ver todo era fachada e propaganda electoral propia de hipócritas indesexables).

              En fin, a min eses 625.182 imbéciles non me dan ningunha pena. Como se sufren as sete pragas de Exipto. Pero, temos que pagar os demais as consecuencias negativas da súa escolla? Porque con Feijóo, ou calquera outra persoa do Partido Popular, xa temos sufrido recortes dabondo. E a partires do luns pasado, se xa empezou así, o que non nos quedará por sufrir, rebotarnos e protestar! TODO POLA VOSA CULPA: PAPAHOSTIAS, IMBÉCILES, IDIOTAS.

               

06 xullo 2020

Feijóo, o irresponsábel permanente

          Despois de todas as mostras dadas ao non considerarse responsable de nada, Núñez Feijóo, candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta de Galicia, outra vez máis deriva as que deberían ser responsabilidades súas cara a outros sen capacidade nin medios para exercelas. Non se considerou responsábel da desfeita da sanidade pública, nin da diminución de prazas hospitalarias públicas, nin da falla de médicos en atención primaria e hospitalaria, nin da falta de profesionais de enfermaría, celador@s, da mala xestión das residencias de maiores e centros de persoas dependentes que sofriron os ataques da pandemia, tampouco se responsabilizou da falla de equipamentos de protección individual diante de contaxios nos centros hospitalarios e residencias públicas, etc., etc., etc. É dicir, non se considerou responsábel de nada do que ten as competencias plenas exclusivas para a súa xestión; simplemente porque se demostrou que os seus recortes matan. "A culpa? É do goberno central" roalla sen rubor.

          Esta vez, o que debería ser autoridade sanitaria na anormal "nova normalidade" resulta que diante da extensión da pandemia na Mariña luguesa, bota pelotas fora e endílgalle aos alcaldes dos concellos afectados a responsabilidade de controlar a pandemia nos seus concellos. Incríbel se nos atemos ao que debería ser un comportamento político normal; normal se temos en conta que a Galicia está gobernada por unha colección bastante completa de trileros da política, o que non debería ser normal.

          A este modo sen vergoña de actuación política por parte da Presidencia da Xunta de Galicia únese o do tempo de confinamento territorial da comarca. O confinamento foi dictaminado polo Conselleiro de Sanidade, coñecido polas súas excelentes relacións económico-políticas coas empresas de sanidade privada e polos salvaxes recortes de todo tipo que practicou durante todo o seu mandato na sanidade pública galega, tanto en persoal e medios de atención como en atención aos doentes (con dicir que aínda hoxe, co estado de alarma rematado, se queres unha consulta co teu médico de cabeceira o único que che van ofrecer é unha consulta telefónica está casi todo dito). 

         Pois ben, digo eu que este brazo de mar que é o mencionado conselleiro debeu investigar pola súa conta e acordar no seu foro interno que o tempo de manifestación do contaxio de COVID-19 é de cinco días, desmentindo e botando por terra todas as teorías de todos os epidemiólogos españois e estranxeiros, así como da OMS sobre o tempo de incubación e contaxio do bicho; digo eu que sería así porque ese é o tempo que decretou para o confinamento da Mariña. Mais iso non parece ser todo todo; tamén debeu descobrir que ese proceso pódese facer por tempos e con prórroga como se fora no futbol, porque manifesta que eses cinco días pódense prorrogar en caso de necesidade. Ou ao mellor isto foi cousa do señor Núñez Feijóo que días atrás, cando pedía insistentemente ao goberno central que deixara aos galegos e ás galegas moverse interprovincialmente, parecía ser un experto epidemiólogo máis que un simple picapleitos amigo do narcotraficante Marcial Dorado. De que é un verdadeiro incompetente e un irresponsable non cabe dúbida. Hai un artigo moi ilustrativo aparecido nestes días no eldiario.es asinado por Antón Baamonde que ten por título "Pero, ¿que ha hecho exactamente Feijóo?" que merece a pena ler. Non abarca a totalidade dos aspectos, mais si os fundamentais (se se puxera a describir toda a incompetencia de Núñez Feijóo, non habería disco duro ou papel que lle chagara, por moitos megas ou toneladas coas que contara).

          En fin; e estes son os que parece que nos van gobernar aos galegos e ás galegas durante outros catro anos. Apaga e ímonos, porque con xentes machacadas, vilipendiadas, explotadas, enganadas, expulsadas á emigración ou ao abandono e a incomunicación que seguen a confiar a xestión do país aos malnacidos sen vergoña que lles fixeron todo iso non se pode ir a ningures.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...