Fica claro que o título refírese ao candidato á Presidencia da Xunta de Galicia que onte presentou a súa candidatura no Parlamento de Galicia no que hoxe vai facer valer a maioría absoluta do partido que el mesmo preside na Galiza, o filofranquista Partido Popular.
Non escoitei toda a presentación do seu discurso de investidura máis si me informei por medios de comunicación fiables do que o señor Núñez Feijóo tivo a ben comunicar ao conxunto dos parlamentarios e das parlamentarias presentes na cámara galega (prescindo, coma sempre, de TVG, RG, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región, El Progreso e cousas polo estilo, que como xa teño dito máis dunha vez non gozan da miña confianza como medios para recibir información fiable).
Polo lido ou escoitado nos diferentes medios aos que dou fiabilidade, cos que non necesariamente comparto a súa liña editorial pero que diferencian entre información e propaganda, Feijóo unha vez máis seguíu na súa liña de ofrecer fumo, cargar a outros cos seus propios males, volver ofrecer aquilo que leva dez anos ofrecendo e nunca fixo e renunciar a exercer as competencias que a Constitución Española vixente e o Estatuto de Galicia lle confiren coma exclusivas.
En primeiro lugar imos destacar o que xa o Partido Popular estatal e el mesmo levan facendo desde tempos inmemoriais. O primeiro que fai é cargar contra o goberno central por non centralizar medidas para combater a pandemia do coronavirus. Erre que erre. Que si as políticas do ensino eran diferentes segundo que comunidade autónoma, que si o Mº de Educación non exercía dirección común, que si... Hai que dicir que Núñez Feijóo, como político é un verdadeiro sen vergoña; e que como presidente dunha comunidade autónoma é un verdadeiro inutil e incompetente.
Por que é un sen vergoña? Porque mentres o goberno central exercía mellor ou peor, durante o estado de alarma e o confinamento, a dirección centralizada da loita contra o COVID-19 baixo un mando único para todo o Estado, Núñez Feijóo e o resto dos presidentes autonómicos do Partido Popular botaban chispas queixándose de que lles secuestraban as súas competencias. Na desescalada Núñez Feijóo e os demais filofranquistas territoriais solicitaban que se lles devolveran canto antes as competencias (cos resultados que xa todos estamos a ver na actualidade). Cando desde Madrid, a petición de don Alberto "el epidemiólogo mayor" como lle chama algún xornalista galego , puxeron a Galiza en posesión de todas as súas competencias, o daquela Presidente de Galiza e agora Presidente en funcións, á primeira que apareceu algunha dificultade botou a responsabilidade de controlar a mesma sobre os alcaldes, renunciando a dirixir desde a Xunta de Galicia a loita contra os problemas xurdidos na Mariña luguesa, seguindo el alegremente coa súa campaña electoral xa comezada no mes de marzo de 2020 e botándo os seus propios piollos sobre as costas duns rexedores locais sen orzamentos nin medios para controlar calquera medida real que puideran tomar. E a unha persoa que bota as cargas da súa responsabilidade sobre as demais só cabe cualificala, como mínimo, de sen vergoña.
Por que é un inutil e un incompetente? Cando a pandemia volve a facerse forte na Galiza, coincidindo co inicio do curso escolar, o señor renuncia de facto ás súas competencias exclusivas e pretende facer culpable da súa ineficiencia e incompetencia para dirixir a Galiza a o goberno central. Aí temos unha consellería, a de educación, totalmente ineficiente; que pasa de cumprir os acordos que a súa propia titular asinara en xuño co goberno central e a maioría das comunidades autónomas do Estado, á que o da distancia de metro e medio mínimo entre alumnos na aulas e á que reducir os rateos alumnos-profesor non lle vai, unha persoa que di publicamente que non hai aulas para cumprir o que en xuño asinou... e todo porque non quer contratar máis profesorado nin dotar de medios tecnolíoxicos a docentes e a discentes ou implementar aulas prefabricadas alí onde efectivamente non é posible ter máis espazos que converter en aula. Mira ti que tivo tempo desde xuño a hoxe! Ou máis, porque calquera persoa por moi pouco avezada que sexa tiña que ter craro que no curso 2020-21 habería que tomar medidas que se distanciaran das que ata marzo pasado eran normalidade. Todo isto coa aquiescencia, o coa orde, de Núñez Feijóo ao que parece que a súa competencia exclusiva sobre educación quéimalle nas mans, que é incapáz de exercela e asumir as súas reponsabilidades. O mesmo pasa coa sanidade. Conclusión: é un incompetente e un inutil para dirixir Galiza (e coido que para exercer calquera cargo de responsabilidade de caracter público) Porque a unha persoa que é incapáz de facerse responsable do que dela depende os mínimos cualificativos que se lle poden atribuír son os de inútil e incompetente.
Parece que no discurso de investidura de onte, o aspirante á titularidade da Presidencia da Xunta de Galicia, a dicir dun xornal ao que considero fiable, ao parecer fixo 20 promesas das que imos destacar algunha delas, porque teñen moita miga; non tanto polo que nelas se propón senón polo que falta ou polo peculiar das mesmas.
A primeira que me chama a atención é a seguinte: reformular o Xacobeo 2021 para que sexa unha "ferramenta económica" na que a Comunidade poida "apoiarse". De entre todas as 20 promesas é a única que fai referencia á economía. Nun país con grandes problemas no sector naval, no que empresas do sector da automoción deslocalízanse ao norte de Portugal por falla de chan industrial para establecerse ou para abaratar o custo da man de obra (moitas veces empresas rendibles que teñen recibido moreas de cartos en subvencións públicas e ás que non se lle piden contas), cun problema moi grande na Mariña luguesa e nos lugares nos que Alcoa ten instalacións, con grandes problemas para o sector pesqueiro tanto de altura como de baixura, cun sector cultural que está a sufrir un descalabro monumental derivado das medidas tomadas pola propia Xunta (que se ven están sendo ineficaces) de cara a combater a pandemia,... e así poderiamos seguir ata o infinito. E a el, ao señor Feijóo, o único que lle interesa da economía é o Xacobeo. Manda carallo!
Hai outra que da medo, por non dicir pánico: finalizar a "renovación integral" do Servizo Galego de Saúde como "absoluta prioridade" do mandato. E digo que da medo porque se é totalmente intolerable a situación á que os distintos gobernos de Núñez Feijóo levaron a sanidade pública, tanto na atención primaria como na atención especializada e hospitalaria. Que é o que van finalizar? Acaso van poñer nas mans de empresas que viven a conta da mala saúde dos cidadáns toda a estrutura sanitaria pública galega? Supoño que si, que ese é o obxectivo prioritario de Núñez Feijóo no eido da sanidade. Como diría un crente: que Deus nos colla confesados.
Como ten que contentar á parroquia no tema do coronavirus, e como tanto el como a súa administración sanitaria estanse a mostrar incapaces e incompetentes para facer fronte á pandemia por fan outra "promesa": Implantar un novo sistema de test masivos a partir de mostras de saliva. Que polo que din moitos entendidos no tema ese tipo de test aínda son menos fiabeis que os serolóxicos, son test que teñen un alto índice tanto de falsos negativos coo de falsos positivos. A min lémbranme aqueles test masivos que "en paralelo" ao realizado no mes de xuño pasado polo Mº de Sanidade fixeron desde a Xunta de Galicia en plena campaña electoral, uns test masivos que os entendidos no tema cualificaron como pouco serios e coma inservibles. Non estamos en campaña electoral, só campaña de acoso e derribo do goberno central, así que xa nos esqueceremos desa boutade salivar coa que nos quer amenizar Feijóo a pandemia.
Tamén me chama a atención, tanto polo enunciado como pola súa pouca concrección a seguinte: desenvolver o "maior" Plan de Saúde Mental da "historia" da autonomía. Tendo en conta o mal tratamento que ata o de agora os distintos gobernos do Partido Popular na Galiza teñen realizado coa saúde mental só se me ocorre unha pregunta: quereramos Feijóo volver tolas a todas as persoas que vivimos na Galiza? A que dan medo?
Un protocolo de relación entre as residencias de maiores e a rede sanitaria pública; e nova normativa que regule as condicións de apertura e actividade dos xeriátricos di que vai facer. Lémbranse agora! Cando as residencias privadas privilexiadas polas políticas e os políticos do Partido Popular na Galiza volven a ser morredeiros de maiores. Nada fixeron desde o fin da desescalada ata agora, por máis que familiares de usuarios dos citados establecementos e sindicatos de traballadoras esixiron a toma de medidas por parte da Consellería de Política Social. Volven a ser focos residencias xestionadas por Domus Vi e pola fundación do cura Moure. Seguen a aparecer problemas de COVID-19 nos establecementos residencias privados ou xestionados por empresas privadas. Impresentable. E ese señor que di ser e querer ser Presidente da Xunta de Galicia, que ten as competencias exclusivas sobre a xestión da dependencia e das políticas residenciais para maiores ao mesmo tempo que renuncia a exercelas e carga contra o goberno central ven dicindo que vai establecer unha nova normativa. A que andamos? Iso é, simplemente, incompetencia, inutilidade e oportunismo. E ao mesmo tempo di que, coa axuda que espera de Amancio Ortega, Galiza "contará coas sete mellores residencias de Europa" ; estará esperando, acaso, a que o presidente de Inditex lle quite as castañas do lume, como parece que xa fixo cos equipamentos hostpitalarios de diagnóstico do cancro? (e digo "parece" porque non teño confirmado que eses equipamentos estean xa nos hospitais públicos). E, supoñendo que se fan esas sete residencias "nas cidades máis importantes de Galicia", vainas xestionar directamente a administración pública dotandoas de medios e persoal suficiente ou vai pasar como está a ocorrir na actualidade cos equipos de diagnóstico axial computerizado que están a ser xestionados por fundacións de dubidosa utilidade? Poran nas mas do cura Moure ou de Domus Vi , ou doutras empresas da mesma ética e caste as supostas novas residencias?
En fin, demostrado. Coma político podemos dicir que é un sen vergoña, un incompetente e un inútil o aspirante a presidir a Xunta de Galicia nos próximos catro anos.