02 novembro 2020

Os fascistas atentan contra os que eles xa asasinaron

 Leo hoxe no xornal e no Facebook da Asociación Cultural pola Memoria Histórica 28 de agosto que na noite pasada uns vándalos fascistas, que deixaron sinatura da banda fascista VOX (esa que se presenta a si mesma coma un partido político e que ten deputados no Congreso), atentaron contra o monolito erixido na Portela de Cangas do Morrazo na lembranza dos denominados Mártires de Anguieiro, asasinados o 28 de agosto de 1936 por correlixionarios ideolóxicos dos que na actualidade atentaron con pintura verde (as cores de Vox) contra mencionado monolito.

Tiñan que ser eles, os fascistas, os que impunemente atentan contra todo o que lles cheira a liberdade e democracia, os mesmos que impulsan movementos violentos dos negacionistas da existencia dunha pandemia. Eses aos que quen debería deter ou polo menos identificar e poñer ao dispor da xustiza deixa que campen ás súas anchas, por moito que en numerosas ocasións estean asociados e identificados como protagonistas de ataques violentos contra persoas ou movementos que demandan pacificamente as liberdades ou os dereitos que eles queren negar a toda a sociedade; e fanno porque no fondo (e na superficie) son coma eles. Son os mesmos que, en todos os países do mundo, cando discorre unha manifestación legal que é atacada por elementos fascistas diante dos seus ollos non mandan deter e identificar aos atacantes senón que as toman contra os atacados. Son o lixo da sociedade; un lixo que se alía co máis depreciable que pode ter a persoa: negar a liberdade dos que non pensan coma eles.

Os que atentaron en Cangas contra o monolito son evidentemente violentos, como o foron os seus antepasados ideolóxicos que asasinaron impunemente (coa colaboración -cando non participantes activos- de xuices, militares e gardas civís) a milleiros de persoas polo simple feito de defender a legalidade ou expresar libremente ideas contrarias ás dos asasinos. Porque asasinos é o único cualificativo que merecen. Como cualificaría un xuíz a unha persoa que premeditadamente dispara coas súas armas e mata a outra que pacificamente realiza a súa vida ou a quen atraca un establecemento armado e hai mortes? Loxicamente cualificaría de asasina. E os que se levantaron en armas contra a legalidade, así como os seus cómplices, co resultado de milleiros de mortos non poden ser cualificados doutra forma distinta que a de asasinos. E cando eses asasinatos masivos teñen a súa base nas diferenzas nas formas de pensar ou por motivos étnicos reciben o nome de xenocidios

E os que hoxe atentan contra a memoria democrática e quen os ampara non están moi lonxe de ser coma aqueles aos que sen dúbida cualificamos coma xenocidas e asasinos. E esa é a súa potencialidade: ser, coma os seus antepasados ideolóxicos, uns asasinos xenocidas.

Nota.- 

A foto está tomada do facebook da Asociación Cultural da Memoria Histórica 28 de Agosto, de Cangas, e posteriormente tratada.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...