16 decembro 2020

As cuestións “persoais” dun rei emérito e a súa inviolabilidade

            O que pasa no Estado Español, se non fora polo serio e impresentable, sería para botarse a rir. Mais o deste país de pandeireta, e cheo de persoas que hai tempo que abandonaron ou esqueceron a vergoña en algures, é para botarse a chorar ou facer cousas que non son de recibo ao amparo da violencia persoal ou colectiva, cousa que non é nada desexable nin aconsellable nas persoas civilizadas. E os que pensamos así non somos coma aqueles aos que criticamos, que estes si recorren á violencia sen contemplacións cando ven en perigo os seus privilexios; privilexios que xeran inxustizas sociais e que eles confunden con dereitos. E non falo de catro delincuentes, grandes ou pequenos, que andan por aí e están máis que fichados polos denominados corpos de seguridade do Estado; estou a falar de xentes instaladas nos considerados altos circos sociais, tanto civís coma económicos, políticos ou ex-políticos ou de xentes que ocupan ou ocuparon postos meritorios en altas institucións do Estado de toda natureza (incluso nas máis altas).

                Pero hai un caso que me chama moito a atención. E non tanto polo que fai ou ten feito como pola consideración que moitos "dos que mandan" (non necesariamente gobernantes políticos) teñen cara aos seus actos, tanto os comprobados coma os presuntos. E chámame a atención porque esa persoa é un produto directo dun réxime terrorista criminal e fascista: o réxime ditatorial do xeneral Franco. E digo que é un produto directo porque foi el, Franco, quen o nomeou "Rey de España" coa aclamación das Cortes Franquistas, sendo Ministro de Gobernación o inventor dos 25 Años de Paz, prólogo da lei de sucesión franquista, o insigne fascista don Manuel Fraga Iribarne, pai tamén da Constitución de 1978. Logo, foi a paz os cemiterios a que propiciou o nomeamento de Juan Carlos de Borbón como rei de España.

                Do mesmo xeito que todos os roubos, tropelías e criminalidades do seu antecesor na xefatura do Estado ficaron impunes mentres viviu, tamén as presuntas criminalidades e tropelías de Juan Carlos I de Borbón, por mor da interpretación da constitución de 1978 que se fai desde instancias gobernamentais e xudiciais, quedan impunes debido á súa suposta inviolabilidade. Imaxinade que un bo día semellante suxeito se levantara con apetencias de pegarlle un tiro a alguén sen motivo e sen mediar palabra, simplemente por apetencia, e o fixera; pois nada, o señor non sería xulgado nin condenado. Segundo interpretan altos tribunais, pesoeros, peperos e toda clase de proto-franquistas nun suposto deste tipo (ou de calquera outro de natureza criminal e non ligado ás funcións coma xefe do Estado) o rei é inviolable, polo tanto non se pode someter a xuizo. Viva a democracia e a igualdade diante da lei de toda a cidadanía! A miña avoa falaría da "lei do embude". 

                Pese a todo o fascista que era Fraga Iribarne, ao dereitistas que eran Pérez LLorca e Roca Junyent, Herrero de Miñón ou Gabriel Cisneros cústame moito crer que cando redactaron ese parágrafo da Constitución estiveran considerando que o futuro xefe do Estado era ininputable por calquera acto persoal que poidera atribuírselle. Supoño que estarían pensando nos actos realizados dentro das súas funcións coma tal xefe do Estado. Non se lles pasaría nin pola cabeza que un xefe de Estado decente puidera realizar actos como os que a día de hoxe se lle atribúen ao Rei Emérito (e menos sendo titular da coroa). E xa non digo Pérez Barba ou Solé Turá, dos que estou máis que convencido que concordarían conmigo en que se o xefe de Estado sae chourizo, defraudador fiscal, desviador de fondos ou calquera outra criminalidade habería que xulgalo e metelo na cadea. 

            Pero (doutores ten a igrexa, din) os nosos actuais togados máis supremos, os políticos de élite e os ex-políticos sen vergoña, pensan máis en que son os modos e maneiras do "reinado" de Franco os que na actualidade deben pervivir sobre os modos e costumes dun Estado que se considere minimamente democrático en relación ao Xefe do Estado. Logo ditaminan que a inviolabilidade do rei abarca a todo tipo de actuacións do monarca. Ou o que é o mesmo: dinamitan a democracia. O cal, e máis tendo en conta a historia da dinastía Borbón, é un perigo para toda a sociedade.

                Din que os actos do Emérito non implican a o actual monarca Felipe VI. Din, tamén, que pese a ser Juan Carlos de Borbón membro da Casa Real o asunto do fraude á facenda de todos e a súa posterior pouco transparente regularización, máis ben opaca,  "é unha cousa persoal", que non compete á monarquía. Non sei de que monarquía falan; á inglesa ou á sueca seguro que non lle compete (se así fora xa estaría procesado xudicialmente e fora da casa real o suxeito implicado). Pero si compete a esta monarquía saída de Lei de Sucesión franquista, por moito que digan que é da Constitución de 1978 (xa se ocuparon Fraga, Surarez, Cisneros, Pérez Llorca, os políticos da transición ligados á CIA... e a dereita do Movimiento Nacional de que se mantivera o rei nomeado por Franco).

                 A elección do xefe do Estado polos cidadáns, en sufraxio universal, é básico en calquera país que se chame democrático. É certo que hai países con democracias reais (Suecia, Inglaterra, Dinamarca, ...), non coma a nosa, nos que o sistema democrático convive coa monarquía. Máis en todos eses países os monarcas practicamente nin pinchan nin cortan. Son democracias máis baseadas na tradición histórica que noutra cousa; e, desde logo, en ningunha delas a persoa que ostenta a titularidade do trono é resultado directo ou indirecto dun nomeamento realizado por un criminal fascista. Están sometidos á mesma lei que os demais cidadáns, agás nos actos que lle atribúen as leis aos seus cargos; non fan papelóns como o feito por Felipe VI o 3 de outubro de 2017 diante das cámaras de TV co gallo das mobilizacións catalás polo referendo, non se meten en política; son os parlamentos directamente os que escollen, segundo os resultados electorais, aos presidentes ou primeiros ministros sen que os candidatos teñan que pasar revisión previa diante de ningún rei ou raíña que o único que fai é referendar a decisión parlamentaria. E sobre todo, neses países a totalidade dos ingresos percibidos pola realeza, así coma todos e cada un dos gastos realizados (desde un bote de escarvadentes ata o último inmoble ou cepillo de dentes) son totalmente públicos, ao alcance do coñecemento de calquera cidadán dese país. Xa quixeramos nós.

            Pese a todo o avanzado nos países antes mencionados, no tema da función monárquica (por desgraza non no noso) hai que dicir que a monarquía, por moi parlamentaria que sexa, é unha institución caduca, que é un torpedo cravado na liña de flotación de calquera democracia da que adoitan botar man de forma "non convencional" suxeitos indesexables  e golpistas coma o ditador Primo de Rivera ou Franco, para servir aos seus intereses persoais e aos da clase á que representan. Porque nunha democracia parlamentaria real todas aquelas persoas que ostentan os máximos cargos representativos dun Estado son elixidos polo sufraxio universal de toda a cidadanía (xefas ou xefes do Estado e membros dos órganos lexislativos) e o resto dos cargos públicos son nomeados polas persoas escollidas pola cidadanía.

             

10 decembro 2020

Xa era hora! Por fin o Pazo de Meirás xa é un ben público

Xa non era sen tempo. O Pazo de Meirás, roubado á cidadanía da provincia da Coruña polos fascistas coa finalidade de que fora regalado ao criminal máis grande da historia da Península Ibérica, foi por fin devolto ao seu lexítimo propietario; e iso pese a todas as dificultades e trabas postas desde a fin da ditadura franquista1 para que esa devolución puidera acontecer. Que a restitución non puidera ter lugar ata o de agora, amosa claramente que as institucións políticas, xudiciais, policiais, militares e de toda caste seguían (e moitas delas seguen, como se desprende das súas actuacións e do que estamos a ler nos xornais de forma cotiá) maioritariamente sendo parte do réxime franquista, tanto nas formas como na propia ideoloxía que desprenden cada vez que abren os seus membros a boca. Pese a todo, persisten as cautelas da forma na que o Estado (daquela unha ditadura terrorista e xenocida) fíxose coa citada propiedade, o que debe ser tido en conta no intre de definir cal vai ser o destino do Pazo de Meirás.

Pero non é ánimo deste artigo o de facer a historia da usurpación nin, tampouco, nomear as xentes que, beneficiadas económica e socialmente polo réxime franquista, practicaron o despoxo da cidadanía de a pe e do funcionariado coa finalidade de, unha vez usurpado o pazo e as propiedades estremeiras, encher de gozo e satisfacción a megalomanía dun ditador asasino e xenocida, dun traidor á súa patria e aos seus xuramentos relixiosos e militares, como a historia demostra que foi o xeneral Franco.

O inventario de bens (moitos roubados ao patrimonio público).

Unha das primeiras cousas que me chamou a atención do pazo recuperado foi o inventario realizado por orde da xudicatura. E non é porque eu non soubera que, coma fascistas que se precen, Franco e os seus correlixionarios civís e militares eran uns ladróns. Dese inventario, publicado literalmente en diferentes xornais e que levaba o logotipo da Xunta de Galicia, atraeron a miña atención a cantidade de bens saqueados polos Franco procedentes do patrimonio do Estado: tapices, cadros, móbeis, porcelanas, obxectos diversos, etc., procedentes do Pazo Real de Madrid e doutros lugares do patrimonio público. Igualmente; a cantidade de esculturas realizadas en pedra, esparexidas polos diferentes espazos exteriores do pazo, con valor histórico certo moitas delas, como poden ser as pilas bautismais desaparecidas da capela de Moraime, no concello de Muxía, que sabía que foran usurpadas polos Franco, e que facían as veces de grandes macetas nos xardíns palacianos2; ou cruceiros de pedra diseminados por diferentes partes dos xardíns. Imaxino que cruceiros, escudos, aras, pilas bautismais, etc. foron tamén pasto do apetito ladrón de membros familia Franco, moitos deles froito das apetencias e caprichos da señora Carme, a Colares, que por onde pasaba, a dicir de moitos coetáneos con bens e negocios, arrasaba.

O das esculturas do Mestre Mateo do Pórtico da Gloria, tamén agachadas no pazo, (pertences ao concello de Santiago por moito que digan o contrario un, dous, tres, catro..., ou cincocentos mil xuíces); xa tiñamos novas desde hai tempo de que poderían estar, ou estaban, no Pazo de Meirás. Eu sigo a dicir que os que ditan que as citadas esculturas son dos Franco (por moita toga e ideoloxía franquista que se gasten) non teñen razón, que foron roubadas polos Franco e que as esculturas de Abraham e Isaac son dos santiagueses, por moito que haxa quen diga que a “tradición oral de adquisición de non me lembro a quen” vale máis que os documentos de propiedade; e non hai quen me saque de aí, sexa ou non ilegal.

Outra das cousas que me chamaron a atención no inventario de bens feito público pola Xunta de Galicia foi a inexistencia de mención algunha á cualificación de Ben de Interese Cultural (BIC) en ningún dos bens catalogados no citado inventario, que os hai, o cal impediría a súa saída do Pazo aínda que algún xuíz ou xuíza os declarara coma propiedade da indesexable familia (o cal, tendo en conta a adscrición ideolóxica da meirande parte da xudicatura deste país e a capacidade que teñen xuíces e xuízas para facer interpretacións da lei segundo o seu pensamento persoal, puidera ocorrer). Nin sequera as torres e os xardíns se mencionan no inventario como tales BIC, xa non digamos os elementos que poden ser obxecto de traslado. Esta omisión fíxose involuntariamente ou baixo instrucións da Consellería de Cultura e/ou da Presidencia da Xunta de Galicia? Permítanme ter as miñas dúbidas sobre a involuntariedade de tal omisión. Dúbida baseada, loxicamente, na traxetoria respecto á recuperación do Pazo de Meirás seguida por Feijóo e os seus correlixionarios ata hai ben pouco.

Outra das cousas que xa coñeciamos era a existencia da Biblioteca de dona Emilia Pardo Bazán como parte do Pazo de Meirás. Ou polo menos de parte da mesma, xa que non se sabe cantos dos seus exemplares puideron ter sido apropiados ou vendidos por membros da familia usurpadora da propiedade e dos seus contidos. Sabemos que moitas das cartas de dona Emilia foron queimadas, ou polo menos moitas delas, ou destruídas pola señora Carmen Polo parece ser que debido ao seu contido “pecaminoso”, sen considerar o seu valor histórico e mesmo literario das mesmas. (O que ten a incultura!. E máis cando vai mesturada con extremismo relixioso; así pasa que con frecuencia asistimos á barbarie que, no nome de principios relixiosos, sofren ou teñen sufrido as diferentes partes do mundo entre elas a barbarie do franquismo).

Afortunadamente púidose salvar o segundo espolio de bens publicos, moitos deles do patrimonio artístico. Houbo quen denunciou a intención de que un número importante de camións (non sei se 15 ou 25) de transporte contratados pola familia Franco ían estar en Meirás para trasladar os bens para outro lugar. Os denunciantes sei que non foron nin a Guardia Civil, nin a Policía, nin os servizos de información do Estado, nin que se saiba tampouco outra instancia oficial. Parece que foi algunha organización civil ou política (quizás o BNG ?) ou algún particular. Menos mal, porque así foi posible demandar a intervención xudicial que deu lugar ao nomeamento do Estado como depositario temporal dos bens que están no pazo. Doutra forma, bens roubados que son patrimonio público, moitos deles de alto valor artístico e histórico, ou bens que son susceptibles de ser recuperados polos seus lexítimos propietarios vaiamos saber a onde poderían ir a ser vendidos polos descendentes do xeneral. Desaparecerían e moitos para beneficio dos posuedores ilexítimos, coma aconteceu co cadro roubado por Franco e os seus para regalarlle a Adolfo Hitler (seica o xeneral golpista, na súa infinita ignorancia, confundiu un símbolo celta cunha cruz gamada); aínda que despois non se fixo tal agasallo, o cadro que apareceu nos EE.UU. e o Estado Español tivo que recompralo para reincorporalo á colección de arte do Estado.

Hipocrisía, mentira e complicidade neofranquista.

Poñer de manifesto as hipocrisías e as mentiras encol ao proceso de recuperación do Pazo de Meirás, así como as complicidades actuais que certas “autoridades” teñen co franquismo, pese a ser persoas relativamente xoves, con formación e con pasado reivindicativo algunha delas. E os que son peores: os lambecús desas “autoridades”, con cargo ou aspiracións, que permanentemente danlle corda aos primeiros defendendo o indefendible e facendo o ridículo polas emisoras de radio e televisión tentando de defender aquilo que nin eles mesmos cren.

Cando os movementos ligados á recuperación da memoria histórica empezaron a demandar a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios a dereita española e a súa representación na Galicia, o Partido Popular, non se daba por informada desa reivindicación popular nin nada quería saber dela; incluso había dentro dese partido quen negaba que o pazo fora a parar á familia Franco dun xeito ilexítimo e defendía a capa e espada tanto aos fascistas protagonistas e impulsores do evento usurpador como a suposta voluntariedade dos traballadores e traballadoras de achegar fondos das súas escasas nóminas para regalar un pazo ao ditador. Incluso algunhas xentes (poucas, hai que dicir) significadas do PSOE ou da súa contorna aliñábanse con estas teses; non sei se por convencemento, por descoñecemento voluntario da historia ou por non menealla, que tamén pode ser tendo en conta o percal ao que me refiro.

E chegaron os tempos no que a capacidade das forzas parlamentarias democráticas medrou; os tempos nos que a reivindicación da devolución do Pazo de Meirás creceu e estendeuse popularmente por toda Galiza. Os tempos nos que a maior parte da poboación galega puido ter información fidedigna do acontecido co agasallo fascista ao xeneral Franco e a forma de acadalo mediante ameazas, coacción, usurpación e roubo aos cidadáns coruñeses.

Mais houbo un grupo irredutible de neofranquistas que nun ca viron con bos ollos a reivindicación da devolución do Pazo de Meirás; nin aínda cando Carlos Babío e Manuel Pérez, no ano 2017, editaron o seu libro “Meirás (un pazo / un caudillo / un espolio)3 onde documentalmente se demostraba toda a trama do roubo urdido por Barrié de la Maza e perpetrado polo ditador co apoio de toda a troupe fascista coruñesa, incluídos medios de suposta información como La Voz de Galicia, tamén daquela ao servizo dos intereses da dereita. Ese grupo irredutible era o Partido Popular presidido por Alberto Núñez Feijóo, á súa vez Presidente da Xunta de Galicia. (Ata certo punto ten lóxica que un partido que ten as súas raíces no franquismo mais reaccionario a implantar un sistema democrático, do que formaron parte os seus fundadores baixo as siglas de Alianza Popular4, que posteriormente reconverteuse en Partido Popular). Non hai que esquecer que no mes de maio de 2017 o Partido Popular impuxo no Parlamento de Galiza a súa maioría absoluta para impedir que este demandara do Congreso dos Deputados a recuperación para o público do Pazo de Meirás. E, no mes de setembro do mesmo ano Feijóo fixo súas as teorías da familia Franco ao declarar que "expropiar" o pazo sería utilizar un mecanismo ditatorial ("un mecanismo franquista", dicía el) e que o citado pazo fora"doado", como esgrimía a familia do ditador, polos galegos.

No ano 2017 constitúese a Xunta Pro Devolución do Pazo, unha plataforma cidadá impulsada pola Deputación de A Coruña, o concellos de Sada e da Coruña, a Universidade da Coruña e asociacións a prol da recuperación da memoria histórica coa finalidade de manter na actualidade social e política a reivindicación da devolución do pazo. É esta asociación cidadá a que impulsa, desde a deputación coruñesa un estudo xurídico sobre a situación do Pazo de Meirás e as vías para a súa posible recuperación para a cidadanía. As conclusións deste estudo son categóricas: o pazo foi adquirido polo Estado aos descendentes de Pardo Bazán con de métodos de intimidación e coacción á cidadanía e aos propietarios de parte das terras das que hoxe forman parte do conxunto; e posteriormente, ao traveso de artimañas de tipo documental e xurídico, roubado por Franco e os seus cómplices ao Estado. É nese intre no que se inicia a vía xurídica para a recuperación do Pazo.

No momento no que o estudo mencionado sinala inequivocamente que a vía xudicial sería claramente favorable, iniciase a mesma por parte da Xunta Pro Devolución e o Goberno do Estado (como é doado supoñer este último xa non estaba presidido por Mariano Rajoy nin inzado de franquistas). Dadas as evidencias e a documentada demostración categórica de que foi un roubo, a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público era cousa de tempos xudiciais. Foi neste intre cando o Partido Popular empezou a ver que xa non había remedio, que a sorte dos Franco estaba rematada, e que podería ter negativas consecuencias políticas para ese partido seguir mantendo a oposición á recuperación do Pazo de Meirás. (Eu estou convencido que polo gusto dos seus dirixentes, incluído o seu presidente, o Partido Popular seguiría a defender a propiedade da familia do ditador).

En xullo de 2018, o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a iniciar accións legais para a recuperación do Pazo. Esta iniciativa é froito dun refrito de tres proposicións distintas para a recuperación do Pazo , presentadas por PPdeG, BNG e En Marea. Non coñezo os contidos das mesmas, mais podo supoñer que a presentada polo PPdeG sería un conxunto de imbecilidades propias dese partido e do seu presidente destinadas a non ficar fora de xogo e a non molestar aos seus amados Franco. Seguro que nesta proposición do Partido Popular ata serían capaces de tentar que o Estado pagara un rescate por recuperar o roubado, é dicir, que se mercara unha propiedade pública roubada pagándolle por ela aos descendentes dos ladróns.

Despois de moitas voltas e mobilizacións populares a prol da devolución do pazo, incluso detencións dos denominados 19 de Meirás por entrar pacificamente no Pazo e mostrar unha pancarta reivindicativa da devolución, por fin o Pazo xa é do pobo.

Iso si, os hipócritas que se xuntaron a última hora á demanda xudicial de devolución, cando estaba máis que claro que a iniciativa ía saír adiante, queren colgarse agora as medallas. Non hai máis que escoitar, ou ler, as declaracións de Núñez Feijóo ou de destacados membros do Partido Popular cando se fixo firme o fallo xudicial da devolución para decatarse que eses neofranquistas, comandados polo seu presidente de partido, son unha panda de hipócritas impresentables, que o único que pretenden é branquear a un réxime criminal e á persoa do Xeneral Franco.

Os futuros usos do Pazo.

Pero non contentos con atribuírse méritos que non lle corresponden, tentan de baleirar de significado o que é o Pazo de Meirás, un lugar no que se mostra moito do malo ditadura franquista e dos seus cómplices: o espolio do patrimonio público, o abuso sobre as xentes, o roubo con violencia para uso do ditador, a mentira e o latrocinio no nome dun ideal que nunca o foi e que serviu de coartada para enriquecer a aqueles que o apoiaron, o servilismo interesado de moitos membros da camarilla, a podremia de moitos dos membros da denominada alta sociedade coruñesa e galega que non deixan de ser máis que uns miserables. O que eles queren, como neofranquistas que son, como descendentes ideolóxicos dos que cometeron as atrocidades que xeraron o espolio do Pazo e de moitos dos bens contidos nel, é que as futuras xeracións descoñezan a historia pasada, e que non saiban que eles, os que hoxe gobernan a Xunta de Galicia, foron cómplices moi activos durante moitos anos dos que para nada querían que o Pazo de Meirás fora devolto aos seus lexítimos propietarios. Pero, amais e polo que lles toca, tamén queren ser os que pinchen e corten o bacallau nesa deturpación da historia e no branqueamento da ditadura franquista; facer o que eles estimen co Pazo. En principio falan de dedicarllo ao coñecemento de dona Emilia Pardo Bazán prioritariamente. E cando estes sen vergoña falan de “prioritariamente” están a falar de que do resto se esquecen.

É mais que merecido que dona Emilia Pardo Bazán teña un lugar destacado na vida futura do Pazo; unha insigne escritora e unha muller que no seu tempo loitou porque non por ser muller se desprezara a valía das persoas. Que remou contra corrente nun mundo machista, apuntando ideas socialmente avanzadas par a súa época e vilipendiada por elo. Merece, desde logo, un lugar destacado no pazo que foi a súa residencia familiar e onde está -pese a todo- unha parte importante da súa biblioteca. Pero non porque o digan os que ata agora nunca se lembraron dela; e tampouco para ser usada de ariete contra a memoria democrática e antifranquista, que é o que parecen querer Núñez Feijóo, o seu Conselleiro de Cultura e Educación e o resto da tropa neofranquista do Partido Popular. (Para coñecer ben por onde respira o citado conselleiro e facerse unha idea do que é, e de cal é a súa función real no goberno galego, non hai máis que escoitar a entrevista que a semana pasada fixéronlle na Cadena SER de Galicia, sobre todo nas súas declaracións arredor do uso do galego e a desaparición do castelán na Galiza; iso si, blíndense contra a vergoña allea).

O Pazo é un ben público e no patrimonio público debe permanecer. Pertence ao pobo e, como tal, debe ser xestionado por un organismo autónomo popular no que estean presentes, coma mínimo, representantes do Concello de Sada, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e das Asociacións para a Recuperación da Memoria Histórica; e estar dedicado, por unha banda e prioritariamente, a dar a coñecer a barbarie do fascismo e do franquismo e, por outra, a dar a coñecer a obra política e literaria de dona Emilia Pardo Bazán. Esa é a miña opción; porque deixala nas mans dunha soa institución podería dar lugar a un uso partidista e nada democrática do Pazo de Meirás, como acontece na actualidade xa coa Illa de San Simón en Redondela, na que a xestión practicada pola Xunta de Galicia que preside Núñez Feijóo no nome do Partido Popular está a virar o contido e a tentar que a sociedade se esqueza de que ese paraxe foi unha cruel prisión contra os demócratas, nas que actuaron impunemente os represores militares e falanxistas contra os que defendían a legalidade escollida pola maioría da poboación, alí encarcerados nos anos 1936 e seguintes. Queren convertelo nunha sala de concertos ao ar libre e de excursións marítimas para turistas.

Se imaxinan vostedes que Núñez Feijóo ou calquera outro dos neofranquistas do seu partido puideran facer e desfacer ao seu antollo no Pazo de Meirás? 

Notas.-

1     Eu, persoalmente, sitúo a fin da ditadura franquista non na data da morte de Franco, senón na data na que a cidadanía do Estado Español puido escoller ás persoas (nas eleccións de xuño de 1977) que a representaran ao Parlamento que posteriormente aprobou a vixente constitución de 1978.

2       Cando a ignorancia dos usuarios de certos bens valiosos e moi grande, ocorren cousas coma esta; pero claro, iso son as consecuencias de vivir toda a vida do conto, na ignorancia cultural e nas aparencias , como parece que ten feito a inmensa maioría da funesta familia.

3      BABÍO URKIDI, Carlos e PÉREZ LORENZO, Manuel: Meirás (un pazo /un caudillo / un espolio). Edición: Fundación Galiza Sempre, 2017.

4     Os fundadores de Alianza Popular (base do actual Partido Popular) foron varios franquistas significados, implicados ata as trancas nos gobernos e na ideoloxía do réxime de criminais ao servizo dunha oligarquía creada cos despoxos da guerra civil española; os máis destacados destes elementos foron: Fraga Iribarne (ex ministro de Franco, ideólogo da transición desde o franquismo e fascista contumáz), José María de Areilza (monárquico tradicionalista e franquista), López Rodó (tecnócrata do Opus Dei, fascista e ex-ministro de Franco), Federico Silva Muñóz (membro de Acción Católica de Propagandistas -unha das cotas nacionalcatolicas do franquismo- ex-ministro de Franco e ultradereitista declarado), e Gonzalo Fernández de la Mora (un dos principais ideólogos dos últimos tempos do falangismo, autor dun opúsculo fascista que leva por título “El crepúsculo de las ideologías” e outras numerosas obras de carácter fascista e confesional; a súa ideoloxía extremo ultra dereitista levouno a abandoar AP, xunto con Silva Muñóz, cando este partido apoiou a Constitución de 1978)

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...