Ano triste este de 2021, continuación do ano triste de 2020. Por moitas cousas, unha máis graves e outras menos graves. Desde marzo do pasado ano esta merda de pandemia, xunto coa merda dos "de xa chegou o verán", dos das "felices navidades" e dos "felices reis magos" (non falo de datas nin de celebracións, senón de malas persoas que só pensan en si mesmas) non damos quitado de enriba esta peste do COVID. Pero ao que imos.
Polos pelos puidemos celebrar o Antroido de 2020. Disfraces, comparsas, furanchos, bares, rúa... sobre todo rúa. Calquera lugar e situación era boa para homenaxear a don Carnal. Disfraces de princesas, de gardas civís de curas e bispos, pallasos e unicornios... Música, carallada, xantares. Lacón con grelos e cocidos. Crítica e reivindicación máis ou menos intelixentes e festivas. E, tamén, excesos. Pero, sobre todo, alegría e bo humor que é o que desde a nosa Galiza hasta a punta gaditana (agás, posiblemente, nos redutos nos que se atrincheran os autodenominados "homes de honor") a península rebosa alegría e ganas de descargar a tensión xerada ao longo dun ano de curro, esforzo e explotación dunha maioría por unha minoría. Toda esta troula e desmadre san que remataba, por regra xeral, co Enterro da Sardiña, Enterro do Momo, coincidente co mércores de cinsa católico; aínda que hai lugares como Xinzo da Limia ou Pontevedra no que o remate do antroido, que pechan máis tarde co Domingo de Piñata ou o velorio e enterro do loro Ravachol.Neste ano 2021, o Antroido debeu ser suspendido. Nin sequera naqueles lugares onde nin o franquismo fascista foi que de poñer fin ao Antroido houbo celebracións públicas da festa. Laza sen peliqueiros, Maceda sen felos, Viana do Bolo e Vilariño sen boteiros, Verín sen cigarróns, Xinzo sen pantallas, o Ulla sen os seus xenerais... Os desfiles de comparsas e caretos das distintas vilas, os percorridos antroideiros do Hío, todo descrito no parágrafo anterior falta. Hoxe é luns de Antroido e máis parece un xoves posterior ao enterro da sardiña. Non hai alegría colectiva nas rúas. Xa non a houbo onte nin antonte e, posiblemente, tampouco a haberá mañá. A pandemia obriga a illarse, a non estar coas amizades... e canto máis a non facer xantares e xoldas colectivas. Porque de xantares e xoldas da "feliz Navidad" consentidas por uns gobernantes filibusteiros e autocompracentes estamos a pagar aínda hoxe as consecuencias.
E o certo é que se puidera ser celebrado este Antroido 2021 podería dar moito de si. Habería moito ridículo que poñer de manifesto, sobre todo na gobernanza política; e máis na gobernanza política da Galiza dun presidente do Partido Popular que se declaraba irresponsable cada dous por tres para endilgarlle o traballo aos concellos. Habería moita materia prima para a coplas das comparsas. Entre os gobernantes inútiles e incompetentes que temos que sufrir, as citas médicas e de enfermaría telefónicas, a falta de espazos nas oficinas e consultorios públicos para facer espera... habería moita canteira que facer; tanto no xeral coma no particular. E moito cabreo que botar fora, tamén; porque a pesar de que todo o retrasaba a "pandemia" seguiron a foder á poboación planeando parques eólicos, tentando destruír ás comunidades de montes, mantendo a lei mordaza e un código penal que fai as delicias de xuíces, xuízas e fiscais fascistas, seguiron metendo pola porta de atrás a posibilidade de instalacións rápidas de minería destrutiva, tentando de privatizar as pensións públicas. Pandemia para todo o necesario; para o demais inexistente a efectos políticos e administrativos. Sen vergoñas.
Un último apunte. Moito individuo "bota pola boca" falaba en plataformas mediáticas de facer o Antroido na casa. Iso non é Antroido nin é nada. O Antroido é unha festa de rúa e grupal, fundamentalmente. Unha cousa é mostrar o apoio a unha festa desde o balcón ou a fiestra da casa e outra que iso sexa Antroido. Certo que houbo quen quixo facer Antroido masivo na casa, incluso parece ser que facendo negocio a conta dos "primos", pero iso non só é unha irresponsabilidade social; é tamén unha estupidez.
En fin e pese a todo: VIVA O ANTROIDO.
No 2022, se chegamos alá, desquitarémonos.
