Ultimamente estamos asistindo a un peche en cadea de sucursais bancarias en toda a xeografía da Galicia. E supoño que non será menos no resto do Estado, sobre todo en rexións cunha poboación dispersa en pequenos núcleos de poboación e con orografías complicadas (Asturias, Cantabria,...). Eu centrareime no caso galego, que é o que coñezo máis de cerca.
Na Galiza, un país no que nas cidades e vilas medianas estaban instaladas sucursais da maioría das entidades bancarias existentes na España, desde hai uns anos para aquí houbo un progresivo peche de sucursais por parte de todos os bancos, peche que se acentuou desde o ano 2011 para aquí e que se acentuou na época pandémica do COVID-19 (a río revolto, ganancia de pescadores). Pódese dicir que ata hai moi pouco tempo a única entidade que se mantiña en case todos os núcleos de poboación onde sempre estiveron as súas orixes era ABANCA; o resto fóronse desfacendo de establecementos, despedindo persoal (eles chámanlle regulación de emprego ou "axuste de efectivos") e deixando sen servizo a aqueles clientes das vilas nas que pecharon, que tiñan que desprazarse cara a outras poboacións para poder realizar directamente as diversas xestións bancarias; as máis das veces facendo quilómetros e quilómetros para poder facelo e, por suposto, usando transporte individual. A isto, hai que xuntar que hai xestións que por mor de "normas" acordadas polo oligopolio bancario español só se poden realizar directamente antes das 11:00 horas da mañá. Impresentable por parte deses indesexables que forman os consellos de administración bancarios que permiten que iso se faga, tamén do goberno central e do Banco Central Europeo e á súa sección española, o Banco de España. E máis se temos en conta que a maioría deles foron rescatados na crise do 2008 con inxentes cantidades de diñeiro público, un diñeiro que aínda non devolveron nin hai trazas de que ningún goberno do PSOE ou do PP (o mesmo é) esíxalles a súa devolución. Xa que logo, podemos concluír que este peche de sucursais bancarias causa graves prexuízos ao conxunto poboación, pero aínda maiores no medio rural galego no que estes prexuízos son extremos.
Pero esa presencia "abundante" de ABANCA no rural rematouse. Dun tempo a esta parte, os do banco "chévere" decidiron pechar sucursais que daban servizo a núcleos de poboación (incluso dunha entidade media) aos que antes as caixas de aforro galegas daban servizo. Unhas caixas de aforro que no seu conxunto (e despois dunhas fusións pouco claras que xeraron condenas penais a moitos dos seus xestores) foron vendidas a prezo de saldo, e sen condicións de ningún tipo, ao grupo venezolano BANESCO por unha Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijóo, do Partido Popular. Unha adxudicación que aínda a día de hoxe ten moitos puntos escuros e que por mor da maioría neofranquista do Parlamento de Galicia e o escurantismo da Xunta de Galicia, tamén integramente pepera, é imposible de esclarecer e profundidade. (Imaxino que cando isto se poida facer, os posibles delitos que puidera haber estarán máis que prescritos e, tamén posiblemente, máis dun político participante no proceso "irase de balde"). Un regalo por obra e gracia de Núñez Feijóo e o Partido Popular, vamos.
Este peche de sucursais por parte de ABANCA, aparte dos numerosos despedimentos de traballadores que supón, deixa sen servizo a unha gran parte da poboación rural da Galiza. Unha poboación rural cun elevadísimo índice de sobre-envellecemento, cunha formación cibernética e un acceso á informática practicamente inexistente ou case imposible, dependente do transporte público para poder acceder ás vilas nas que van seguir a subsistir sucursais dalgunha entidade bancaria (e a realidade demostra que as liñas do transporte colectivo público na Galiza está pensado e concedido en función dos intereses económicos das empresas concesionarias e non dos intereses de servizo dos cidadáns). A isto xúntaselle que as posibilidades de chegar antes das 11:00 da mañá ás escasas sucursais para pegar recibos, sacar efectivo ou calquera outra xestión que de forma cotiá facíase de forma presencial na sucursal do pobo é tarefa imposible. Nin sequera indo no caro taxi (que non está ao alcance das economías da maioría da poboación) sería factible poder acceder á ventaniña antes desa hora que o oligopolio bancario fixou como límite para as xestións de caixa.
Mais con todo iso, o señor Núñez Feijóo non só non protesta e trata de modificar esa situación, sobre todo no que respecta a ABANCA; senón que subvenciona a posta de caixeiros automáticos ao dispor da xente alí onde pechara a sucursal bancaria; iso si, cun período "de formación"(?) e coa forzosa colaboración dos concellos se é que queren caixeiro, facendo a estes últimos cómplices forzosos da barbaridade.
E que significa isto? Pois no fondo significa que Núñez Feijóo e o Partido Popular están a premiar aos bancos por diminuír servizos esenciais á poboación e a financiar o peche de sucursais e o despedimento do persoal que as atendía. Intolerable; véxase por onde se vexa. Pero, claro, iso é o Partido Popular.
O dos caixeiros parece ser que saíu a un concurso, e ABANCA foi a entidade afortunada. Esta di que o tema non lle é rendible, que perden cartos, que os collen por manter o servizo á poboación. Pódese aturar tanta desvergonzaría? E máis presentando unha conta de resultados cuns beneficios máis que sobrados, que nuns poucos anos triplicaron ou máis o valor do agasallo que lles fixo o señor Núñez Feijóo! O banco "chevere" vemos que ten derivado no banco cuxos xestores cunha cara máis dura que o cemento e a complicidade do Partido Popular.
Pero claro, como imos pedir a esa entidade que se modere cando quen goberna este país, en lugar de aproveitar a oportunidade da crise das caixas de aforro galegas para crear un banco público que fixera competencia diante das agresións da banca á poboación, "regala" a BANESCO unha estrutura e rede bancaria máis que consolidada no país?
En fin, a ver se ABANCA non destrúe o patrimonio cultural que, a través das caixas de aforros, creou o pobo galego e que agora está nas súas mans. Xa sería o que nos faltaría por aturar dos "chévere".
