18 decembro 2022

A propósito do TC. Daqueles pos, estas lamas

 

(Actualizado o 19-12-2022 ás 12:32)

        Na pasada quinta feira, 15 de outubro de 2022, no Congreso dos Deputados tratouse, para a súa aprobación, unha proposición de lei impulsada por PSOE e Unidas Podemos para a modificación do Código Penal. Ese debate ía incluír as emendas presentadas polos diferentes grupos parlamentarios. Entre elas unhas que, de ser aprobadas, suporían modificacións das leis orgánicas que regulamentan o Poder Xudicial (PX) -Emenda nº 61- e o Tribunal Constitucional (TC) -Emenda 62- e coas declaracións e incrementos do patrimonio dos cargos públicos -Emenda 64-, cousas que para nada teñen co groso do paquete a parlamentar (neste caso, nada que ver co Código Penal), pero que é un mecanismo que con total cinismo e indecencia solen facer con frecuencia tanto PSOE coma Partido Popular desde os gobernos (senón véxanse esas odiosas "leis de acompañamento" que adoitan aparecer xunto cos orzamentos xerais de distintos gobernos) (1).

       Pero o máis notorio do desenvolvemento político do día non veu determinado pola grande importancia do groso do programa da orde do día, que era a modificación do Código Penal, nin as emendas que puideran ser presentadas ás propostas de modificación do mesmo. O groso do debate político veu determinado pola aparición de emendas nas que se pretendían modificar as regulamentacións do PX e do TC pero, por riba de todo, pola insólita axilísima actuación desta última institución a requirimento da extrema e da ultra dereita parlamentaria, VOX e Partido Popular, coa pretensión de "secuestrar" a capacidade do órgano lexislativo de exercer a función para a que está deseñado nas leis o Parlamento e, como parte del, o Congreso dos Deputados.

A extraña e insólita axilidade dun tribunal cuxo Presidente está "caducado".

       E quero subliñar o de "insólita axilísima actuación", porque é ben sabido que os tempos de espera para que o TC se pronuncie arredor da constitucionalidade de normas saídas das distintas instancias parlamentarias e gobernamentais, incluso en lei orgánicas, son tan inapropiados na súa lentitude coma inmensos no tempo que tardan en pronunciarse; e nesta ocasión, parece que o obxectivo non era o de cualificar a constitucionalidade dunha norma, senón de impedir que esa norma puidera ser lexislada incluso antes do inicio do seu debate parlamentario, antes de ser (ou non) aprobada. A todas luces un verdadeiro despropósito.

        Pero non o único despropósito da actuación do TC en relación a este tema, pois -segundo contan os e as cronistas de diferentes xornais- esas pretensións da ultradereita política post-franquista deberían ser tratadas nunha das salas do TC na que teñen maioría aqueles aos que denominan coma "progresistas", e o Presidente do TC fixo valer o seu mando para que fora o Pleno, de maioría "conservadora", quen se pronunciara sobre o asunto (2).

Cal foi o motivo do recurso do Partido Popular e VOX diante do TC que provocou ese despliegue inaudito de axilidade por parte dese tribunal? 

         Eran bastantes os preceptos do Código Penal que a proposición de lei pretendía modificar. Pese a que nesa proposición se incluian modificacións que afectaban gravemente á calidade democrática do Estado, a discusión e contraposición política e mediática maioritaria só se centraba en dous temas: a desaparición do delicto de sedición coa subseguinte modificación das penas e a modificación no tratamento do delicto de malversación. Logo, puidérase pensar que os nazionalistas españois agrupados nos partidos recorrentes estarían molestos por ese motivo e trataran de impedilo por calquera medio, acolléndose ao ser vello e caduco discurso da "unidade nacional", do "separatismo", da alusión aos fantasmas de desaparecida "ETA", a supostos pactos "co terrorismo" e toda unha xeira de cousas propias para dar de xantar a crédulos e imbéciles. Pois non,  o motivo da inquedanza da ultradereita e dos seus monaguillos de Ciudadanos era de distinta natureza: o non seguir poder controlando o poder xudicial e (supoño que para eles o máis importante) o referente á declaracións de bens dos cargos públicos e ao aumento de posibilidades de detección dun enriquecemento ilícito no desempeño de ditos cargos.

Amores que se corresponden.

            Fagamos unha pouquiña de historia. É de sobra coñecido que desde o Partido Popular, desde o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e desde o Tribunal Constitucional (TC) estanse a poñer trabas á renovación destes dous órganos citados conforme ao dictaminado pola Constitución e as leis orgánicas que regulamentan os nomeamentos e o funcionamento de ambos órganos xudiciais. 

            Tamén é de sobra coñecido (aí está a historia para amosalo, por moito que eles o neguen) que cada vez que o Partido Popular perde a maioría parlamentaria e toca renovar eses órganos aquel pon todas as trabas que ten ao seu alcance para evitar que a maioría de maxistrados da súa confianza (non membros do seu partido, que os xuíces non poden estar afiliados a partidos) existente en CXPX e TC poida diluírse e desaparecer e non poder utilizar o lawfare coma método de goberno ilexítimo na sombra; e máis na actualidade, por motivos de sobra coñecidos e que saen un día si e outro tamén nos medios de comunicación que manteñen un certo nivel de obxectividade informativa (moi poucos, por certo). Se se controlan os nomeamentos dos maxistrados que xulgan nunha primeira instancia e, amais, os das instancias de apelación, que mellor para os seus intereses?

            Ata o de agora, agas casos illados coma o do estatuto de autonomía de Catalunya recorrido hai anos, todo isto quedaba na casa e non era tan evidente o recurso a que foran os xuíces os que anularan as normas que eles non puideron tumbar nos parlamentos nos que perderan ou nunca tiveran a maioría. Era unha continua pugna entre Partido Popular e PSOE por garantir a súa influencia dentro dos órganos de goberno dos xuíces e nas altas instancias dos tribunais de xustiza ou de anular as influencias determinantes do outro. O PP bloqueaba, o PSOE se queixaba do bloqueo. Pero nisto aparece a Unión Europea e di que o que está a ocorrer no Estado Español cos órganos xudiciais é inadmisible, que non se pode paralizar a renovación dos mesmos por intereses políticos de parte, que hai que cumprir a lei existente e a posteriori, se é o caso, revisala. Mais o Partido Popular segue coa súa resistencia numantina a perder a maioría "conservadora" nos órganos xudiciais e o PSOE vese obrigado a tomar cartas no asunto desde o goberno para garantir o cumprimento da lei (e, tamén, para impedir que sexan os xuíces os que impidan un normal desenvolvementos dos procesos democráticos e, quero supoñer, para unha aplicación equilibrada da xustiza e non sesgada polo pensamento político ou persoal dos maxistrados que deben que administrala). Incluso desde o PP se negan a que o Goberno nomee para o TC a xente tan pouco ou nada progresista coma o anterior Ministro de Xustiza.

            Parece que aquela afirmación feita polo senador do PP Ignacio Coisidó que falaba do control dos nomeamentos das presidencias das distintas salas do Tribunal Supremo tendo o control do CXPX, sobre todo daquelas que deberían xulgar os diferentes casos de corrupción dos políticos aforados. Se teñen cautivadas esas salas, aínda que lles poidan fallar, sempre lles quedarán as instancias de apelación.

                O certo é que parece que a natureza da ideoloxía "conservadora" da maioría dos xuíces e xuízas (conservadora en extremo, polo que se ve) fai que a legal interpretación das leis que os maxistrados fan na hora de pronunciarse en distintos procesos estean tinguidas dunha rechamante pátina de tendencia favorecedora das clases máis acomodadas e tradicionais. E, no caso de estar a política ou a posta en cuestión daquelas figuras ou institucións anormalmente consideradas coma inamovibles na configuración do Estado Español, a maxistratura adoita aliarse ou se pronunciarse con posicións ultraconservadoras máis propias das concepcións gobernamentais habidas entre os anos 1939 e 1977 que na realidade social que debería imperar na sociedade española actual.

            Partindo da base de que nos países de economía capitalista as leis están feitas para servir aos intereses das clases economicamente máis podentes e aos sectores sociais máis privilexiados da sociedade (aínda nos sistemas de democracia parlamentaria nos que se presume de separación de poderes) e que os encargados de administrala solen proceder, na súa maioría, de clases privilexiadas, non podemos dicir que a xustiza sexa imparcial. A xustiza será cega, como din por aí. Mais a min paréceme que mira a quen xulga antes de pronunciarse e facer a correspondente interpretación e aplicación das leis.

            Quizá sexa esta actuación da maioría da maxistratura outro dos efectos de non ter realizado unha ruptura co réxime franquista en condicións realmente democráticas e coa conseguinte limpeza dos aparatos do Estado, entre eles a administración de xustiza, nos que durante anos conviviron e administraron xentes de nulas inquedanzas democráticas, apegados fortemente ao réxime ditatorial, e que foron creando adeptos dentro dos corpos xudiciais do Estado. Daqueles pos, estas lamas.

            Práctica do "lawfare"?

            Así vemos cousas como as que se están a dar, onde se condenan a rapeiros por cantar contra corruptos, se xulgan e condenan a internautas polos chíos que publican nos seus espazos, se encarceran titiriteiros por representar obras de teatro, se exculpan a nazis que agreden a persoas diante de lugares de culto incitando ao odio por ser musulmás, se condena a dirixentes sindicais baseándose en informes policiais desmentidos por numerosas testemuñas ou  non admitindo videos que amosan a súa inocencia, se desimputa a xerifaltes da dereita política de casos de corrupción dos que hai indicios máis que suficientes para manter esa imputación mentres se persegue con insistencia a dirixentes da esquerda política polas cousas máis inauditas.

            E agora, o próximo luns, o Plano do TC vaise pronunciar sobre a constitucionalidade ou non dunha intención (de momento non hai disposición lexislativa que anular). Vai tratar de secuestrar a vontade da maioría dos representantes escollidos democraticamente nas urnas polo conxunto da cidadanía, a vontade dos que teñen a capacidade de lexislar porque así o quixo a cidadanía e así o estipula unha Constitución vixente (mala e socialmente  desfasada -como se demostra cada dous por tres- pero que é a que hai) que está por riba do TC, aínda que aos membros do mesmo poida molestarlle.

                Pero non é so o dito no parágrafo anterior. Vai ser un órgano co seu Presidente e outro dos seus membros que teñen o seu mandato caducado (e aliñados con ideas sociais e políticas máis que caducadas) desde hai moito tempo os que vaian dicir se quedan ou se teñen que irse. E todo por dar pávulo a unha dereita política integrista, franquista, e que non concibe que non poidan ter todo atado e ben atado. Unha dereita que se resiste a que se remate cos seus privilexios e os daqueles que os financian e impulsan. Xentalla á que todo lles vale, incluído o lawfare, como xa demostraron os seus correlixionarios noutros países (no Brasil con Lula e Dilma Rousef, en Bolivia con Evo Morales, como pretenderon facer en Venezuela co monicreque Guaidó e como tentaron, tamén, de facer recentemente nos USA cos nomeamentos de xente indecente no seu Tribunal Supremo para limitar os dereitos democráticos da cidadanía).

            Non sei o que fará o luns o TC, pero faga o que faga a súa natureza fica máis que clara.


NOTAS.-

(1)  Dicir que tales "acompañamentos", que nada teñen que ver coa  natureza principal da lei que din acompañar, son estrataxemas indecentes utilizadas con moita frecuencia polos distintos gobernos estatais e autonómicos do Partido Popular e do PSOE para colar pola porta de atrás modificacións de leis que deberían requirir un trámite parlamentario propio e diferenciado (por exemplo, aquí na Galiza os impresentables teñen coado mediante o citado procedemento modificacións de leis como a dos montes en man común, de espazos naturais protexidos, de modificación de tributos, de modificación das leis de instalación de certas industrias, etc., etc., etc.)

(2) A min, esta actuación do TC recórdame cando a sala correspondente do Tribunal Supremo (TS) se pronunciou de forma desfavorable aos bancos no tema da retroactividade non me lembro se das chamadas "cláusulas chan" ou dos gastos ilegais asociados ás hipotecas, o Presidente dese órgano non admitiu ese pronunciamento e convocou un pleno no que si, pola súa composición, íase limitar e limitouse a retroactividade da sentencia dos tribunais europeos.

03 decembro 2022

O debate da sedición, un recurso para recortar liberdades democráticas

            Calquera parecido das novas que se citan de seguido coa realidade futura e con un país concreto pode que sexa unha simple coincidencia. Ou que non.

O TRIBUNAL MÁIS ALTO CONFIRMA E ELEVA AS CONDENAS DOS VECIÑOS DE CAPELA DE MONTES

THE COUNTRY, 18 de xullo de 2024.- Fontes da xustiza informan que o Tribunal Mais Alto (TMA), presidido polo maxistrado Primo Franco y Rivera,  confirma a sentencia do Tribunal Mediano polo que 12 membros da Asociación de Veciños de Capela de Montes foron condenados a 2 anos e seis meses de cadea por pecharse nas dependencias provinciais do Ministerio de Vías para esixir a construción dun vial de circunvalación que evite o paso do numeroso tráfico rodado polo centro da vila que, segundo os condenados, xa leva causado máis de trinta mortes por atropelos nos últimos tres anos. Igualmente, tamén segundo a citada asociación de veciños, o Ministerio de Vías comprometérase, segundo escrito do seu responsable provincial, a ter e realizada a ansiada circunvalación no mes de setembro do pasado ano unha vez expropiados os terreos polos que a citada vía tería que pasar. No mes de decembro, coa circunvalación aínda non empezada, requeridas explicacións por parte dos veciños, o Ministerio confirmou que os terreos necesarios, propiedade de don Pedro de Guzmán, presidente do Banco Riquísimo, non podía ser expropiado "por formar parte dun proxecto de construción dunha nova urbanización de vivendas unifamiliares de luxo a piques de ser aprobada pola comunidade autónoma", o que precipitou o enfado dos veciños e a súa decisión de pecharse nas dependencias ministeriais pola que foron condenados. A alta pena confirmada polo TMA en todos os termos da sentencia do Tribunal Mediano, ven determinada por considerar os citados tribunais coma un "acto deliberado de atentado contra a paz pública executando actos de violencia que supuxeron a rotura dun florero que estaba enriba dunha repisa e atentatoria contra o dereito de propiedade do excelentisimo señor don Pedro Guzmán". Por outra banda, o Tribunal Mais Alto decidiu aumentar en seis meses a pena de prisión para cada un dos acusados por desobediancia á autoridade ao negarse eles a abandonar as dependencias ocupadas a requirimentos dos gardas.

 

 AS PENAS IMPOSTAS AOS ASALTANTES DO XORNAL DO LUGAR MODIFICADAS POLO TRIBUNAL MÁIS ALTO

XORNAL DO DESENCONTRO, 27-09-2024.- 25 membros da coñecida organización nazi-fascista Por la Patria y El Chambóm, foran condenados a principios do pasado mes de agosto polo baixo tribunal provincial de Chatanuga a unha pena de 1 ano e seis meses de prisión por invadir armados con bates de beisbol e pistolas as instalacións do coñecido Xornal do Lugar, causando graves lesións ao garda xurado e a varios periodistas presentes na redacción e provocando destrozos en mesas, cadeiras e equipos informáticos e outros elementos das instalacións do xornal. Cando a policía pretendeu que depuxeran a súa actitude e identificalos para posibles denuncias, os condenados procederon a insultar e agredir con violencia aos gardas, provocando un ferido leve e contusións varias ao resto dos policías e escapando á actuación policial. Posteriormente identificados e detidos, foron postos ao dispor xudicial e máis tarde condeados con arreglo ao artículo 557 do Código Penal. No día de onte, o Tribunal Mais Alto, presidido polo señor don Manuel de Aznar y Fraga, ditou sentencia sobre o recurso presentado pola organización Por la Patria y El Chambón contra a sentencia do baixo tribunal de Chatanuga, rebaixando a condena aos 25 acusados e condenando a todos eles a indemnizar dunha forma solidaria con 150,00 euros a Xornal do Lugar. Considera o máis alto tribunal que os acusados "non pretendían facer uso da violencia, nin causar unha perturbación grave"; e que "coa súa actitude só pretendían defender unha ideas que están totalmente protexidas pola liberdade de expresión contida na Constitución", e que "as lesións sufridas polos axentes foron totalmente fortuítas e parte normal do seu traballo".

    O bombo e plato que arrodea á reforma do delicto de "sedición" para axeitalo á "realidade do noso entorno" non é máis que unha excusa para limitar as liberdades democráticas pola porta de atrás que conten a proposta de reforma do Código Penal

            Na actualidade o Parlamento Español está a proceder a unha reforma do Código Penal (pódese ver o texto completo da proposta pulsando AQUI ou AQUI-texto dos propoñentes). A proposición de lei orgánica parte dos grupos parlamentarios do PSOE e Unidas-Podemos. 

            Nun principio, a mediateca está a tratar o tema baixo os titulares de reformar o delicto de sedición; pero na práctica esa reforma vai moito máis alá e con ese pretexto vanse introducir na mesma contidos que poden ter graves consecuencias para o exercicio das liberdades democráticas no Estado Español, sobre todo para o exercicio da protesta colectiva e pacífica utilizada multitude de veces por colectivos como a PAH, colectivos veciñais, Comités de Empresa, colectivos profesionais e de afectados polas preferentes, etc. que normalmente, nas súas mobilizacións pacíficas utilizan métodos que esa reforma pretende criminalizar e penalizar penalmente. Aplicación da lei que vai ficar en mans duns informes policiais e duns tribunais que van facer a súa labor de interpretación persoal das leis que aplican, cousa que lles permite a lei.

            E xa sabemos que hai membros dos corpos policiais, da fiscalía e da xudicatura que non son precisamente admiradores de sociedades progresistas, senón máis ben xentes ancladas no pasado ideolóxico máis penoso deste país, raiando moitos deles en admiradores dos métodos e procedementos levados a cabo durante os rexímenes autoritarios que asolaron Europa nos anos 30 do século pasado e cuxas dinámicas seguen presentes na actualidade en numerosos países. E non son nin un, nin dous, nin tres.

            Nese contexto, poderían darse situacións como as que se amosan nas novas ficticias que se citaron antes, ocorridas nun país ficticio entre os anos 2023 e 2024.
 
 Cal é o meollo da proposición de modificación?
 
         As propostas de modificación fundamentais é que, efectivamente, desaparece o delicto de sedición tal e como está contemplado no actual Código Penal pero se introduce o que era o seu contido, modificando as penas, no Capítulo III do Título XXII baixo o epígrafe "Dos desordes públicos".
 
    O perigo para a democracia e as liberdades de expresión da cidadanía están, sobor de todo, nos apartados "Quince" e "Dezaseis" da referida proposición de lei nos aspectos que se citan de seguido:

Quince. Modifícase o artigo 557, que queda redactado como segue:
“1. Serán castigados coa pena de prisión de seis meses a tres anos os que, actuando en grupo e  co fin de atentar contra a paz pública, executen actos de violencia ou intimidación:
(a) sobre as persoas ou as cousas; ou
(b) obstaculizando as vías públicas ocasionando un perigo para a vida ou saúde das persoas; ou
(c) invadindo instalacións ou edificios.
2. Os feitos descritos no apartado anterior serán castigados coa pena de prisión de tres a cinco  anos e inhabilitación especial para emprego ou cargo público polo mesmo tempo cando se cometan  por unha multitude cuxo número, organización e propósito sexan idóneos para afectar gravemente a orde pública. En caso de acharse os autores constituídos en autoridade, a pena de inhabilitación será absoluta por tempo de seis a oito anos.

 Dezaseis. Modifícase o artigo 557 bis, que queda redactado como segue:
Os que, sen facer uso de violencia ou intimidación e sen estar comprendidos no artigo anterior,  actuando en grupo invadan ou ocupen, contra a vontade do seu titular, o domicilio dunha persoa  xurídica pública ou privada, un despacho, oficina, establecemento ou local, aínda que se atope  aberto ao público, e causen con iso unha perturbación relevante da paz pública e da súa actividade  normal, serán castigados cunha pena de prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce  meses, salvo que os feitos xa estivesen castigados cunha pena máis grave noutro precepto deste Código."

           Neles, considéranse delictos penais cousas como a ocupación de vías públicas ou a invasión de instalación ou edificios. Iso si, coa condición de que "atenten contra a paz pública, execútense actos de violencia ou intimidación". Mais, tamén, sen que haxa violencia ou intimidación. Quen determina que a ocupación dunha rúa por un grupo de veciños ou os traballadores dun sector para esixir algunha mellora é ou non violenta ou intimidatoria? Os corpos policiais ou os xuíces, evidentemente. Vai ocorrer o mesmo que está a pasar coa Lei Mordaza na actualidade? Van ser denunciados por desórdes públicos xentes que esixan na rúa dereitos? Van ser denunciadas persoas que non teñen estado presentes como xa ten ocorrido nalgunha ocasión? Ou aquelas persoas que foron multadas por unha delegada do goberno por esixir pacificamente o uso do idioma galego sen ocupar rúas? Sabemos que, por moitas testemuñas que o desmentan, a palabra dun policía que pode ser a trola máis grande do mundo (como xa se ten demostrado nalgunha ocasión) ten presunción de veracidade. E os xuíces e fiscais? Vai pasar como cos famosos titiriteiros de Madrid? 

            E as penas de cadea? Vai ocorrer o mesmo que pasou a dous sindicalistas pontevedreses do transporte que foron condenados por defender pacificamente os dereitos dos seus representados? Ou o que está a ocorrer cun cargo da CIG no Ferrol que está condeado a penas de cadea por actos normais e razonables acaecidos na loita sindical? Porque en ambos casos non se tiveron en conta as numerosas testemuñas que confirmaban as versións dos condenados contra as versións minoritarias dos que alegaron contra eles? 

            Vai ir á cadea xente coma Pablo Hasel por cantar un rap que fala mal dunha persoa da que se comprobou que efectivamente non era honrada mentres esa persoa ou personaxes coma a antiga secretaria do Partido Popular son librados de todo mal?

O Partido Popular abre a veda, o PSOE e (incriblemente) Unidas Podemos a continúan

           Foi o Partido Popular quen abriu a veda coa Lei Mordaza contra os dirixentes sociais e sindicais; unha lei que pese ás promesas electorais dos gobernantes do PSOE e Unidas Podemos segue a estar vixente; unha lei que non cumpre cos mínimos esixibles nun país de calidade democrática media pero que no Estado Español segue vixente. Unha lei que, sobre todo o PSOE, non queren derrogar e que os Subdelegados do Goberno -do PSOE ou achegados- nas provincias seguen aplicando. Unha lei que din que van derrogar pero da que o PSOE quer manter os aspectos máis antidemocráticos e fascistas da mesma, sobre todo os relacionados coa carta branca proporcionada aos corpos de seguridade e as sancións sen paso polo xuíz.

                Imaxino que no intre no que os aspectos máis fascistas da proposición de lei que da lugar a esta entrada estean aprobados, entón si que procederan a modificar alguns dos aspectos da Lei Mordaza por estar xa contemplados con agravantes penais na súa proposición. Mentres tanto a teñen na reserva para poder reprimir, non con tanta contundencia como pretenden, aos movementos sociais que usan a mobilización para amosar publicamente na rúa ou con ocupacións pacíficas de edificios, oficinas bancarias, oficinas públicas ou calquera outro tipo de mobilización que un xuíz, un fiscal, un policía ou un garda civil poida considerar coma un desorde público grave por moi pacífico que sexa.

               Por iso non podemos descartar que no futuro e no Estado Español poidan ocorrer cousas como as relatadas polos xornais The Country e o Xornal do Desencontro aos que facían referencia as novas futuras que abren o presente artigo.

            Vivimos nun país plagado de xentes que son herdeiras ideolóxicas do ditador Franco e que ocupan altos postos en institucións claves do Estado, como o demostran día a día as novas que podemos ler ou escoitar nuns poucos medios xornalísticos, radiofónicos ou televisivos. Por desgraza, en poucos. A maioría son cómplices desa xente despreciable.

            Que vai ocorrer no debate parlamentario desta lei?

            Eu espero que os grupos que realmente defenden as liberdades democráticas emenden eses aspectos tan fascistas e criminais desa proposición de lei; e espero, tamén, que haxa deputados e senadores do PSOE e de Unidas Podemos que se poñan de fronte e se neguen a votar afirmativamente eses aspectos que criminalizan a protesta social e que deixan nas mans de quen non deberan a cualificación da gravidade das mobilizacións. Nada espero dos partidos da dereita extrema coma VOX, o Partido Popular e os seus satélites navarros e asturianos ou Ciudadanos; e tampouco das dereitas PNV e Junts per Catalunya. Espero que os demais (incluído a Esquerra Republicana de Catalunya cuxos dirixentes poden saír beneficiados por unha reducción das penas dunha condena inxusta ditada polo Tribunal Supremo) non deixen que eses aspectos vaian adiante. Se así o fan, perderán todo o meu respecto.

07 novembro 2022

BCE, Christine e os banqueiros

        Unha vez máis, o Banco Central Europeo (BCE) volveu dar mostras de que as súas funcións reais non son que se ensinan en todos os libros de texto de Economía do ensino medio. O BCE amosa doutra volta que en lugar de ser un organismo público que defende os intereses do conxunto da poboación da Unión Europea é un organismo amparado e financiado pola Unión Europea que se dedica fundamentalmente a defender os intereses da oligarquía bancaria europea, a maior parte das veces en contra dos intereses da maioría da poboación.

        Desta vez os esforzos protectores do BCE centráronse na defensa da banca española anatemizando o futuro imposto temporal que sobre os beneficios extraordinarios do sector bancario prevé establecer o goberno estatal español. Defensa dunha banca que todas as persoas que vivimos no Estado Español sabemos do seu funcionamento e dos seus abusos; e que sabemos, tamén, que para nada merece ningún trato de favor ou especial por parte de ninguén; e menos de calquera goberno que se diga representante da maioría da poboación. Máis ben,  despois de toda a súa política cara aos seus clientes e aos seus propios empregados, a banca española merece casi todo o malo que a calquera persoa se lle poida ocorrer. E iso sen entrar no uso que poidan facer dos fondos que nela teñen depositados polos seus clientes.

        O BCE fixo público un informe que vai asinado directamente pola súa presidenta, Christine Lagarde, señora ultraliberal, seguidora das tristemente célebres teorías monetarias da Escola de Chicago, ex-ministra francesa á que se lle atribúe un papel fundamental no desmantelamento dos servizos públicos galos e na entrada a saco dos monopolios na economía francesa en prexuízo dos pequenos e medianos agricultores e dos pequenos e medianos empresarios; foi directora-xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), organismo internacional dedicado a promocionar o saqueo dos países do terceiro mundo e dos países en vías de desenvolvemento. Durante o seu mandato neste último chiringuito da oligarquía internacional, e enmarcado no debate das pensións públicas, atribúese a señora Lagarde a expresión:Os vellos viven demasiado e iso é un risco para a economía global. Temos que facerlle algo. E xa!(1) e, tamén, unha defensora da ligazón entre pensións públicas e esperanza da vida, o que xa de por si suporía unha importante diminución no importe das citadas prestacións. En fin, para darlle de comer aparte.

        Que é o máis significativo do informe?

        O citado documento fala de que a aprobación dese imposto extraordinario sobre os beneficios da banca "suporía riscos potenciais para o sector" bancario. Segundo o lido en distintos xornais eses riscos nin se describen nin se concretan. Fala, ademais, da necesidade de realizar unha "análise exhaustiva" sobre as consecuencias que vai ter sobre o sector bancario. Pediralle o BCE ao sector bancario que faga un estudo do mesmo tipo para ver os efectos que na economía dun país e dos seus cidadáns teñen as súas decisións sobre alza comisións, peches de sucursais e despidos do persoal ?.

        Outra das barbaridades do citado documento é a sentencia cagada sobre que "non sería desexable os ingresos procedentes dese imposto se usen con fins orzamentarios xerais". É a primeira vez que escoito falar que os ingresos previstos dun Estado non figuren coma ingresos nos seus orzamentos xerais, así como a súa partida de gastos que cadren ese orzamento. É unha nova doutrina orzamentaria ou acaso está defendendo a ínclita señora que o Estado participe na economía mergullada ou que leve os seus fondos recadados de forma clandestina a paraísos fiscais?

        Tamén dí que "o citado imposto limitará a capacidade das entidades de conceder crédito aos seus clientes". As propias declaracións de beneficios realizadas polas entidades bancarias manteñen que están diante dun dos mellores anos da súa vida, con beneficios que superan en moito os das súas mellores épocas anteriores. Ou sexa, que medios teñen para poder facilitar crédito; outra cousa é que en lugar de poñer os seus fondos en favorecer a economía real prefiran poñelos na economía financeira, que tantos sustos e desgustos ten dado ao conxunto da cidadanía e que para nada contribúen ao desenvolvemento e crecemento dun país. Porque as escandalosas comisións, os seguros cuasi obrigados, a falta de remuneración dos aforros dos seus clientes, a redución continuada de persoal e o peche de sucursais, a cada vez maior utilización dos cartos de plástico para facer pagamentos, e a deriva dos fondos dos seus clientes cara á financiarización da economía tiveron que poveer moitos cartos e rendibilidade ao sector bancario; cartos que, en lugar de revertir na mellora das condicións de vida, no desenvolvemento técnolóxico, industrial e social do país, contribuíron a aumentar as diferenzas e a agrandar a brecha social, facendo aos ricos máis ricos e aos pobres máis pobres. Polo que non hai razóns para supoñer que un imposto máis gordo teña que limitar a súa capacidade para financiar a economía real. Cousas e sen razóns de Christine Lagarde.

        O establecemento deste imposto, segundo o BCE, "pode chegar a ser un freo para a demanda de crédito ou un aumento do custo por un aumento dos impagamentos". É de Economía de bacharelato que o aumento dos tipos de xuro son o maior freo para a solicitude de préstamos ou créditos; igualmente, que o risco de impagamento por ese aumento nos xuros aumenta nos préstamos contratados a tipos de xuro variables cando hai persoas que non poder facer fronte a eles. E iso depende do BCE, que utiliza o aumento dos tipos de xuro para facer fronte a un aumento dos prezos que ven determinado fundamentalmente pola especulación (das multinacionais da enerxía, dos intermediarios da distribución alimentaria -amparados filosoficamente na guerra da Ucraína- e dos mercados mundiais de futuros agrícolas, a escaseza de componentes electrónicos, etc.). Pero que non está provocada por un exceso de liquidez nun territorio onde á maioría das familias cústalles chegar ao fin de mes e onde os comedores sociais teñen problemas para encher os seus estantes debido ao elevado e crecente número de usuarios dos mesmos. 

        Ou sexa, que non nos veñan con contos cun instrumento, os tipos de xuro, que desde o BCE están a usar de forma premeditada co propósito de concentrar cada vez máis o mercado en menos mans, en favor das multinacionais da alimentación e da manufactura. E claro, a un prazo máis ou menos longo os tiros vanlle saír pola culata tanto aos beneficiadores coma aos beneficiados; porque somos moitas as persoas europeas que estamos ata o mismísimo cocote destes "texemanexes".

        Outro dos aspectos salientables deste indigno informe é o referente repercusión do importe dese imposto extraordinario aos clientes. E o é por varios aspectos: a) pola falsa consideración dese imposto coma un custe; b) pola filosofía de fondo contida no informe que anima ás entidades bancarias a repercutir ese imposto aos seus clientes; e c) pola intencionalidade que se manifesta de quebrar o que está previsto que dispoña a legalidade de prohibición absoluta de repercutir o imposto aos usuarios.

            En referencia ao apartado a) do parágrafo anterior, de considerar o imposto coma un custe, sinalar que calquera contable (por moi básico que sexa) sabe que coma custes só se poden considerar aqueles que inflúen directamente da elaboración do produto ou do servizo que se vai prestar; igualmente, ese contable sabe que un imposto se establece sobre o produto xa valorado ou sobre os resultados xerados por unha unidade económica. E iso a señora Lagarde ten que sabelo. Polo cal podemos dicir moi pouco da súa integridade ou da validez económica das súa afirmacións.

            Nós sabemos, e Christine Lagarde tamén, que non se pode animar a ninguén -de forma directa ou indirecta- a incumprir as leis. Tamén sabemos que non é infrecuente que os banqueiros (e, en xeral os grandes empresarios) bordeen ou incumpran cos preceptos legais. Aí están as sentencias de distintos tribunais declarando ilegais numerosas prácticas bancarias (cláusulas chan, xuros indebidos, cobros de gastos non correspondentes, anulación de obrigas de contratar seguros coas compañías que os bancos prefiren, obrigas de contratar certo tipo de seguros se desexas produtos concretos, etc.). A maioría por tribunais da Unión Europea despois de pasar sen pena nin gloria polas intancias xudiciais españolas e outras modificadas na súa aplicación temporal polo Tribunal Supremo en Pleno para modificar as resolucións das salas competentes que eran desfavorables á banca. 

            Otra das lindezas do informe é o de afirmar que "a aplicación do gravamen unicamente a determinadas entidades de crédito españolas podería falsear a competencia no mercado e prexudicar a igualdade de condicións tanto dentro do país como en toda a unión bancaria", en referencia a que o imposto temporal só será aplicable a aquelas entidades que teñan uns ingresos superiores aos 800 millóns de euros. Está claro que, por unha parte, á señora asinante do citado informe parece non gustarlle nada a progresividade dos tributos; e, por outra, que parece coma se non soubera que o sector bancario español e do resto da europa é un sector altamente monopolizado e que actúa con políticas propias dos oligopolios máis desvergonzados. E un sector ao que non lle gusta nada a existencia de medianas entidades bancarias ou cooperativas de crédito que poidan ofrecer os mesmos produtos bancarios nunhas condicións menos leoninas aos seus clientes. Xa se fixeron coas caixas de aforro, coa complicidade activa do Partido Popular, e non lles gusta nada esa pedra no zapato das caixas rurais e das pequenas entidades bancarias, algunha delas caixa de aforros, que puideran resistirse aos seus insaciables apetitos.

        Como podemos ver, en canto a xustiza social e goberno para as maiorías sociais (traballadores asalariados e pequenos e medianos empresarios) nada bo se pode esperar dun organismo público como o BCE que ten coma vicepresidente a Luís de Guindos, cabaleiro de triste lembranza baixo cuxo mandato no Ministerio de Economía español permitíronse os maiores atropelos protagonizados pola banca (emisión de títulos lixo, establecemento das cláusulas chan, desafiuzamentos e incautación das vivendas dos máis débiles, asunción polo Estado -ao través do chamado "banco malo"- dos custos xerados polas propiedades bancarias embargadas, pertenza a un goberno que permitiu que os bancos non pagaran nas comunidades de propietarios os gastos correspondentes ás propiedades embargadas,... e un longo etcétera). 
 
        A todos os atropelos sinalados anteriormente, protagonizadas pola banca española en combinación cos dirixentes do Partido Popular, están os máis de 50.000 millóns de euros que desde o Goberno español se destinaron a rescatar aos bancos e dos que ata o de agora non teñen devolto máis que 6.000 millóns, e do resto parece que ninguén vai reclamar que os devolvan. Se chegan a ser eles, os banqueiros, xa estarían a pedir embargos e cabezas; pero precisamente por iso, por ser banqueiros, a dereita do Partido Popular, Vox, Ciudadanos, Junts per Cat e restos dereitosos xunto co PSOE non queren reclamar o cobro da débeda. Están demasiado endebedados e supeditados ao financiamento bancario.

             Conclusión (recorrente)

         O BCE, desde o Tratado de Lisboa, configurouse máis como un lobby defensor dos intereses corporativos dos banqueiros (ou da mafia bancaria, como din algúns de forma non moi desacertada) que coma un banco público ao servizo dos intereses da cidadanía da Unión Europea. Teno demostrado na anterior crise iniciada no 2008, aferrándose aos principios máis ultraliberais e falsos da economía, e segue a demostralo na actualidade en prexuizo dos economicamente máis febles do sistema e en favor dunha cada vez maior concentración dos capitais en menos mans. Son os seus vasalos.

NOTAS:

(1) As empresas informativas contrastadoras da veracidade da información que están ligadas ou controladas pola oligarquía financeira (empresas como Maldita.es ou Newtral) , din que esta afirmación non é certa. Eu, persoalmente quédome con que no seu día publicaron a meirande parte dos xornais, incluídos moitos dos controlados pola oligarquía financeira.

13 outubro 2022

Patriotas

        

    No día de onte, 12 de outubro, houbo unha profusión asfixiante das palabras "patriota" (en singular ou en plural) e "patria". Debo recoñecer que cada vez que escoito esas verbas síntome moi incómodo; e a razón non é outra que a íntima ligazón que para min teñen esas verbas con guerra, violencia, intransixencia para as persoas e as ideas diferentes, o sectarismo, a negación da liberdade sexual, o golpismo militar... e outras moitas cousas negativas que de poñelas aquí non remataría xamais de confeccionar a listaxe.

         Patriotas denominábanse a si mesmos os criminais autores do golpe de Estado de xullo de 1936 que provocaron unha guerra civil no Estado Español. Patriotas autodenominábanse todas aspersoas implicadas no intento criminal de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1982. Tamén os da famosa Operación Galaxia acontecida durante a denominada transición española do franquismo á democracia. Igualmente, cualifícanse a se mesmos coma patriotas esa banda de ex-militares que no seu grupo de whatsapp falaban de que habería que fusilar a non sei cantos millóns de persoas e os que asinan manifestos reivindicando o papel e o réxime do criminal Franco. Iso facíano "todo por la patria", como reza o lema dalgunha institución nacida para defender os intereses da burguesía rural española e cun longo historial de falta de respecto aos períodos democráticos e que foi clave na persecución e no asasinato de milleiros de persoas durante e despois do golpe de Estado franquista. Patriotas denominábanse tamén os torturadores da policía política franquista, e os condenados polo mal trato e torturas infrinxidos aos detidos no tristemente famoso cuartel de Intxaorrondo.

        Tamén se cualificaban a se mesmas como patriotas os numerosos membros do Partido Popular ou ligados a el que roubaron a mans cheas mentres ocuparon cargos institucionais que e posteriormente foron imputados e/ou condenados por corrupción en distintos territorios españois. Declárase coma patriota o rei emérito Juan Carlos Iº

        Tamén se declara coma patriota José María Aznar, o que desde a presidencia do goberno do Estado meteu a España nunha guerra creada con mentiras para servir os intereses da oligarquía mundial e da industria armamentista americana. O mesmo personaxe que desde o seu goberno mentiu descaradamente a toda a cidadanía sobre a autoría dos criminais atentados do 11-M en Madrid, nos que moitos ven unha resposta do islamismo criminal á participación española na invasón de Iraq. O mesmo señor que liberalizou o chan e deu un pistoletazo de saída á especulación salvaxe e á carestía da vivenda; o mesmo que puxo as bases para que os fondos voitre se fixeran amos das promocións públicas de vivendas costeadas previamente polo Estado e inicialmente destinadas ás persoas cunha menor capacidade económica.

        Presumían, tamén, de patriotas Mariano Rajoy e os membros dos seus gobernos, personaxes baixo cuxa presidencia se ditaron leis (como a denominada Lei Mordaza ou a reforma fascista do Código Penal) que constitúen verdadeiros atentados á democracia e que fixeron da española unha democracia de última división, comparable á que preside o turco Erdogan. Baixo cuxa presidencia se recreou a policía política para poñela ao servizo dos intereses da burguesía española e do Partido Popular. Un Mariano Rajoy baixo cuxa presidencia se lesionaron gravemente os dereitos das persoas pensionistas e se lexislaron reformas do mercado de traballo coa finalidade de favorecer exclusivamente os beneficios do capital e que tiveron coma consecuencia o empobrecemento da clase traballadora e da pequena burguesía empresarial. Un suxeito que rescatou aos bancos regalándolle o diñeiro de todos e que facilitou, coa súa policía, as súas leis e o seu control sobre o poder xudicial, que numerosas familias quedáranse sen o seu fogar. Un impresentable, xunto cos seus ministros e ministras, en toda regra.

        Dinse patriotas, tamén, os membros de Vox; un partido xenófobo, que pretende negar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e a liberdade de elección na orientación sexual das persoas; uns suxeitos que defenden aos criminais que tanto sufrimento provocaron á poboación da España desde o seu réxime franquista-fascista. Son, tamén, patriotas os que aínda na actualidade falan do "Día de la Raza".

        Tamén se definían patriotas (cataláns) Jordi Pujol e toda a súa tropa da dereita nacionalista catalá.

        Tamén, segundo eles, "son patriotas" os que na invasión de América a partires de Colón só ven virtudes. Que se negan a recoñecer que o único fin desas accións foi o espolio e o roubo. Que negan o exterminio da poboación autóctona e a imposición de ideas, crenzas e formas de vida alleas aos americanos; que confunden a escravización dos indios americanos e a transmisión de  numerosas enfermidades coa impartición de cultura. Que aínda a día de hoxe, con todas as investigacións contrastadas e coñecemento científico da época, néganse a recoñecer que tanto nas intervencións dos españois, como a dos anglosaxóns, como as portuguesas a práctica xeral foron uns verdadeiros xenocidios da poboación autóctona; que no nome da civilización se fixeron verdadeiras salvaxadas; e que os salvaxes non eran os autóctonos americanos, senón os europeos. E isto aínda hoxe é motivo de celebración. Da verdadeiro noxo. (Déixovos, de seguido, unha ligazón a unha interesante reflexión encol dos patriotas do 12 de outubro, que leva por título "Los novios de la muerte celebran los 530 años del descubrimiento de América",   https://rebelion.org/los-novios-de-la-muerte-celebran-los-530-anos-del-descubrimiento-de-america/).

        Outra cousa que teñen as persoas que se denominan coma patriotas é o seu apego a manter ou a establecer fronteiras, o cal leva aparellado poñerse fronte á libre circulación das persoas polo mundo (de aí as posicións xenófobas mantidas por numerosas persoas "patriotas"). Pero tamén, e non esquezamos que as fronteiras tal como as coñecemos na actualidade son produto do capitalismo, esas fronteiras facilitan a deslocalización das producións aos lugares nos que a man de obra é máis barata e máis dócil; facilita, tamén, o manter gobernos monicreques e corruptos ao servizo dos grandes capitais nos países menos desenvolvidos.

        Visto o descrito máis arriba podedes perfectamente intuír que eu non quero ser patriota. Non son, nin quero ser, coma eles. Prefiro denominarme coma cidadán do mundo.

26 setembro 2022

Barbarie di nuovo in Italia. Ritorna il fascismo.

 

        Título en italiano, que traducido ao galego di que "A barbarie de novo en Italia. Volve o fascismo". Non facía falla traducilo pero si quero insistir na cualificación dos aliados que van formar goberno en Italia despois das eleccións de onte.

        Hoxe espertamos cunha mala nova: Giorgia Meloni, lider do partido fascista Fratelli dall'Italia (FdI), que vai formar goberno xunto con Berlusconi (o home da cara dura e de plástico) lider de Forza Italia o xemelgo italiano do Partido Popular de España, e con outro ilustre fascista, da Liga Norte italiana, Mateo Salvini, que xa estivo no goberno facendo políticas de corte fascista e xenófobo.

        As primeiras palabras da nazi-fascista Meloni foron para recalcar que "eles gobernarán para todos os Italianos". O que non sabemos se, os da Meloni só consideran italianos a aquelas persoas que se alinean coas súas posicións, como é tradicional nos partidos fascistas que historicamente gobernaron países europeos. 

        Hitler, que tamén ía gobernar para todos os alemáns, se cargou a toda aquela persoa que amosaba a diferencia con el e os seus, amais de establecer políticas criminais de xenofobia étnica e relixiosa. Igualmente Mussolini en Italia e Franco en España. Os primeiros chegaron aos gobernos polas urnas e grazas ás actuacións nos seus respectivos países da socialdemocracia, que practicou políticas máis liberais que políticas de caracter social (vos soa?). Franco chegou grazas a un criminal golpe de Estado, pero mantivo a súa criminalidade cara ás diferencias ata a súa morte.

        O trío fascista italiano non sabemos a ciencia certa o que vai facer, como tampouco o sabemos dos fascistas suecos. Mais si sabemos o que están a facer en Polonia e Hungría gobernos que se achegan ideoloxicamente a Meloni e aos suecos fascistas. Sabemos que están a facer políticas represivas tanto no social como no polítco, que están establecendo políticas discriminatorias e racistas, que están atentando un día si e outro tamén contra os dereitos das mulleres,... Facendo todo aquilo que está reñido cos dereitos humanos e coas liberdades democráticas.

        En fin. Que os socialdemócratas revisen as políticas que están a facer; que os Lambán, Sánchez, e toda a compañía liberaloide que pulula polo PSOE tomen nota. Xentes coma eles conseguiron facer quedar en nada aos partidos socialistas de media Europa (Francia, Italia, Grecia, ...) e en caseque nada na outra media. Que tomen nota tamén os socialdemócratas de verdade que están en Podemos e en Esquerda Unida, porque coa súa compañía están xustificando as políticas do PSOE.

        E están acadando, entre todos eles, que o fascismo ultraNAZIonalista español se apropie das consignas clásicas da esquerda para, cando chegan aos gobernos, baleiralas de contidos. Esas consignas que anunciaban cambios nas políticas económicas en favor das maiorías. Esas consignas que, unha vez nos gobernos, os partidos que se dicían de esquerdas non traduciron en feitos e adoitaron medidas propias do capital. Esas consignas que ditas por PSOE, PCE, Esquerda Unida,... xa ninguén cre e provocan a deserción das urnas de milleiros de xóvenes. Esas consignas que no campo da falta e a manipulación da información, do escaso nivel de cultura proporcionado desde as institucións e o sistema educativo  polos diversos partidos -sen excepción- que tiveron nas súas mans os gobernos do Estado consiguen que os destinatarios das mesmas, que obxectivamente deberían votar esquerda, acaben votando ao fascismo ou á dereita neofranquista (aí temos o exemplo de Madrid).

        En fin.  Éche o que hai. E hai que trocalo. É inadmisible que desde o punto das liberdades democráticas esteamos hoxe aínda peor que entre os anos 1977 e 1990. É incrible que gobernos presididos por Adolfo Suárez tiveran feito políticas con maior contido social, ou polo menos con contido similar, que gobernos presididos por Gónzález, Rodriguez ou Sánchez.

          Quiza o que fai falta é unha boa revolución. E non estou chamando á violencia, por suposto, que é delicto.

07 agosto 2022

O lume que queima os nosos montes ten beneficiarios

         Nestes últimos tempos o lume está a asolar os montes da Galiza. Grandes incendios esténdese por toda a xeografía galega animados pola falta de mantemento que os nosos montes están a sufrir da man do Partido Popular que goberna hoxe na Galiza.

            A Asociación a Volta Grande do Courel fixo público un escrito, que a min chegoume vía Whatsapp, e que vou transcribir literalmente aquí porque penso que hai que darlle publicidade as cousas ben feitas e que defenden á nosa Galiza daqueles que desde as súas poltronas non fan máis de denigrala e poñela ao servizo do gran capital. Xa rematado de transcribir decátome de que foi publicado, tamén, no xornal Galicia Confidencial co que vos ligo.


CRONICA DO INCENDIO DA ASOCIACIÓN VOLTA GRANDE DO COUREL

20 de xullo de 2022. Mércores.

1. A Seara
        Desde o miradoiro da Seara vari@s activistas levan desde as 9 h observando cos prismáticos como diferentes puntos de lume se desprazan e medran en intensidade aba abaixo da lagoa da Lucenza, descendendo e avanzando polo val da Seara.

     Non se observan medios traballando, non se senten helicópteros, son as 10.30 o lume avívase, hai que subir!

2.Campa da Lucenza.

    Arredor das 11.00h. Chegam dous 4X4 con 10 activistas e veciñxs da Asociación A Volta Grande do Courel. Somos voluntariado contra o lume que subimos a observar a situación. Tamén levamos batelumes e algún material máis: pas, sachos...

    Vemos arder a zona da Campa da Lucenza desde o alto até a beira mesma da Lagoa da Lucenza. Esta campa é a entrada a un dos roteiros á Devesa da Rogueira e o lume baixa polo Val da Seara. Ao fondo sitúase a aldea da Seara. Máis ou menos próximas están as aldeas de Vieiros e de Soldón. 

    Aquí só hai dous bulldozers que anchearon algunhas zonas da pista de cumios mais iso é insuficiente porque o lume avanza para o Val da Seara e está destruíndo a lagoa, franqueada por piñeirais  que nunca deberon estar aí. Da invasión do Courel polos cultivos de pirófitas coníferas falaremos noutro momento.

    Non hai nada, NADA, que evite que o lume avance. Tamén periga a Devesa da Rogueira, que comeza a poucos metros.

    Atención, inciso: o día anterior, unhas 15 horas antes,  4 activistas estaban perto de aquí, soas, e viron como o lume cruzaba a pista diante delas. Non había medios para evitalo. Deron aviso da situación mais a chamada de alerta non foi atendida. Cunha carroceta nese momento nese lugar o lume non tería entrado na zona da Lucenza-Val da Seara. Para as 4 voluntarias era tarefa imposíbel parar ese fronte sen auga. Unha carroceta con auga nese momento tería salvado a Lucenza e non estaría en perigo esta zona do Courel, eepecialmente a Seara e Vieiros. 

    Así que agora que o lume se adentrou pola noite na zona da Lucenza, horas despois, desde a Campa da Lucenza vemos o lume arder libremente.

    Preguntámoslle ao persoal da maquinaria e indican que eles non teñen  información de que estean achegándose outros medios… Eles tiñan orde de ensanchar a pista de cumios e niso están…

    Tiramos fotos do incendio e enviámolas ás redes sociais. Atención! Está a arder a Lucenza! O xornal dixital Galicia Confidencial publica umha foto importante: o sinal do roteiro da Devesa da Rogueira que comeza aquí co lume perto. O titular: Arde a Lagoa da Lucenza e corre perigo a Devesa da Rogueira.

    A lagoa e a devesa som dous símbolos do Courel, que leva ardendo 5 dias sen control. Son dous símbolos do país, a Lucenza e a Rogueira. Deixouse arder Vilar, as aldeas resisten grazas á veciñanza…Vaise deixar arder tamén estes dous tesouros naturais?

    A indignación pola incompetencia e o abandono ante o lume crece nas RRSS. Alguén con traxe e responsabilidade política decide nalgún lugar enviar a ese ponto, á Campa da Lucenza, a artillaría. En menos de 2 horas chegan entre seis e oito veículos 4X4 da Xunta con técnicos e mandos, aterran 3 helicópteros, descarregan brigadas helitransportadas que se meten no incendio, chegan motobombas e moita xente... Os helicópteros comezan a botar auga no lume. 

    Neste momento as voluntarias e axentes e técnicos que dirixen o operativo compartimos espazo.

    - Moito escribides nos teléfonos, dilles ás ativistas unha daquelas persoas que acaban de chegar cun 4X4, canoso, duns sesenta e tantos. Máis tarde, vai tirar unha cabicha ao chan, apágaa coa sola do zapato…e déixaa ficar aí, na terra.

Queremos destacar a seguinte situación

    Á Campa da Lucenza chegaron moitos medios pero ninguén con plano topográfico da zona. Só tiñan un pequeno A3 cunha ortofoto (nunha escala inservíbel a nível práctico dada a gran extensión do lume) na que aparecía o perímetro queimado acadado o día anterior e apenas saía representada a zona actual de intervención. 

    Ninguén conseguiu visualizar o relevo do territorio polo que avanzaba o lume nunha tablet "visible" (reflectía luz do sol, a tablet tiña protectores opacos e raiados, non sabían onde descargar un plano, etc). 
 
    O persoal chegado non era da zona polo que sen un plano topográfico faise imposíbel comprender a natureza do lugar (a ortofoto pouca info achega de desniveis...) e poder planificar unha intervención con xeito.

    Era urxente facer umha devasa para fechar o camiño ao lume na zona da Lucenza. O palista da bulldozer indicara ter chegado o día anterior a un punto na parte baixa da Lucenza mais parecíalle imposíbel continuar coa devasa... Alguén o comprobara? Nós vimos posteriormente que podía ter seguido bastantes metros máis. Intentamos explicar por onde se atopan os pechados camiños vellos, que tivesen sido a mellor opción para o bulldozer se o que pretendían eran deter o avance do lume cara ao Leste da Serra na zona da Lucenza.

    Achegamos un plano topográfico que traiamos nós no 4x4 a escala 1:25000 para axudar a comprender o espazo de intervención. 

    Pouco despois dous ativistas deseñamos un plano cos dedos no chan de terra explicando por onde van as pistas a unha das persoas do operativo, unha das persoas máis comunicativas e que saben escoitar con atención as suxestións de quen coñece o terreo, as pistas, os caborcos, o tipo de vexetación, etc. Sacamos un par de fotos do momento (Fotos 1 e 2). A veciñanza é fundamental: Coñece o terreo! 

    Entre as conversas que escoitamos destacamos a de quen di, falando por teléfono: 
    - Se cae a Devesa da Rogueira cae a cabeza do conselleiro.

    Noutro momento, un axente comenta que a súa brigada leva todo o día sen comer. 

    O que máis nos sorprende é a falta de decisión entre as persoas que, parece, están ao mando. O seu comportamento é errático e desorientado. Temos a impresión de que ninguén quere responsabilizarse de tomar decisións. De feito, por moito que observamos e escoitamos, non conseguimos saber quen está realmente ao mando. O tempo pasa e o lume avanza.

    Nun momento, o home de cabelo cano ofrece un anaco de empanada. Como ninguén quere guíndaa ao monte e di: "Para o raposo. O raposo é o único animal que nunca morre nos incendios. Sempre consegue escapar." 

    Horas despois cansos de agardar, e sabedores da axuda que precisaban moitos outros lugares do Courel, un dos grupos de activistas baixa a Ferreirós e outro grupo baixa á Seara.

3. A Seara. Tardiña.

    Na Seara encontramos dous dos técnicos cos que falaramos antes, pertencen a unha unidade técnica encargada de planificar anticipadamente as intervencións máis complexas. Están na entrada do roteiro que leva á Lagoa da Lucenza, na curva do río da Seara. Estiveron percorrendo a estrada  entre Soldón e A Seara observando se sería axeitada para preparar un contralume. Este contralume ten como obxectivo queimar o monte para frear o frente que vén de Vilarbacú. A súa intención é facer o contralume desde a estrada da Seara. 

    Un deles mirando para a Seara di algo así como "Esta aldea é difícil que arda". É dicir, queren facer un contralume que arrincaría da estrada da Seara -suponhemos que na zona dos prados- para frear o lume que vén de Vilarbacú. 

    Quen coñece o lugar do que estamos a falar sabe que a extensión do monte sacrificado sería inmensa, ademais do perigo en que se poñería a propia aldea, a espensas dunha mudanza na dirección do vento. Semella moi arriscado e un sacrificio difícilmente xustificábel… habendo outras opcións.

    Os voluntarios pídenlle aos dous técnicos que os acompañen ao miradoiro xeolóxico da Seara, na Golada. Vamos ao mirador. Alí explicámoslles que hai unha pista que vai da Golada até a zona alta da Serra pola zona de Porto Murelos e que igual sería mellor anchear esa pista con bulldozers para ancorar o contralume nela e tentar deter o lume alí, no alto, antes de sentenciar a morte o val da Seara.

    - Hai unha pista por aí? Exclama un deles, asombrado. Inmediatamente chama e muda o plano do contralume. Horas despois sentimos o son e por fín vemos as luzes dun bulldozer traballando no alto da serra. 

    Esa noite cara á 1.00 da madrugada, seguimos no miradoiro xeolóxico da Seara.  Vemos baixar varios vehículos e detense o 4X4 cos dous técnicos cos que falaramos previamente. Explícannos a decisión que tomaran, anchear a pista cun bulldozer para deter aí arriba o lume. A continuación agradécennos a información porque eles estaban alí sen información, descoñecedores do lugar.

    É dicir, se aquel grupo de veciños non chega a pasar por alí naquel momento, o val da Seara podería ter mudado a cinsa simplemente por descoñecemento…

    Imos durmir, ficando toda a noite en tensión ollando de cando en vez polas xanelas e ventando o aire…

3.  Xoves. 21 de xullo.

    Espertamos cunha entrevista nun xornal a Manuel Rodríguez Vázquez, Director Xeral de Defensa do Monte. Asombrados ao ver a foto descubrimos que é o señor que tirou o cigarro no chan e o pisou coa bota, ao que lle parecía molestar que tirásemos fotos co teléfono,  o que dixo que o único animal que consegue escapar dos incendios é o raposo. O raposo.

    Ese día, nun momento moi delicado e de incertidume no que o lume ameaza entrar na Devesa da Rogueira, Manuel Rodríguez Vázquez, Director Xeral de Defensa do Monte, chega a dicir: "Eu voume para o posto de mando avanzado de Brollón... que sea lo que Dios quiera."

    Non depende de Deus que moitas brigadas non estean operativas a finais do mes de Xullo.

    Non depende de Deus que brigadas que acudiron aos lumes estivesen compostas por un número ridículo e inoperativo de compoñentes.

    Non depende de Deus que a motobomba de Folgoso do Courel non teña peón condutor.

    Non depende de Deus que pistas forestais e estradas non se atopen limpas de maleza e en condicións seguras en pleno verán.

    Non depende de Deus ter un operativo falto de recursos e con eivas moi evidentes e persistentes.

    Non depende de Deus permitir e potenciar plantacións de especies pirófitas.

    Non depende de Deus basear todo na extinción e nada na prevención ao longo do ano…

    Non depende de Deus, depende de ter vontade política de afrontar os problemas e buscar solucións reais e non titulares de xornal. 

    É por isto que exiximos cesamentos ou demisións:

    Pedimos o cesamento ou demision de Manuel Rodriguez Vázquez, Director Xeral Defensa do Monte pola súa absoluta incompetencia, a súa falta de preparación para xestionar incendios e a súa nula capacidade para coordenar a defensa do monte. 

    Pedimos o cesamento ou demisión -a cabeza, metaforicamente falando- do Conselleiro de Medio Rural, José Gonzalez Vázquez, por ser o responsável político do caos organizativo, do abandono da poboación e dos bens patrimoniais do noso rural. 

    Como presidente do goberno e máximo irresponsábel da política de prevención  -practicamente inexistente- e dos servizos de extinción, así como da política de abandono e despoboamento do rural no noso país, berramos como berramos cando unha TVG manipuladora veu retransmitir o directo á aldea da Seara: Rueda demisión.

    A nivel local tamém exiximos responsabilidades e pedimos a demisión da alcaldesa de Folgoso do Courel pola suma de incompetencias antes, durante e despois do incendio:

    En primeiro lugar, a alcaldesa rexeitou unha solicitude en pleno para a dotación dunha brigada permanente no concello meses antes do verán. Parécenos gravísimo que se negase tan sequera a pedila. 

    En segundo lugar, por non ter contratadas as brigadas a finais de xullo. Lembremos que vari@s brigadistas sairon ao monte contra o incendio como voluntariado, sen ter ainda contrato municipal. 

    En terceiro lugar, pola súa total falta de respecto á veciñanza ao servir como comparsa dos políticos que viñeron facer campaña de imaxe ao Courel, durante e despois dos incendios. O que ela mesma criticaba nunha entrevista de cara á galería -que non veñan políticos- aconteceu -e seguramente seguirá sucedendo- continuamente.

    Tamén pedimos a demisión do alcalde de Quiroga por desprezo á xente da montaña. A práctica desaparicion do alcalde durante os incendios -apareceu unicamente nas redes sociais para dar unha resposta surrealista e delirante a unha demanda da oposición e nunha mención no facebook do día 21 - manifesta unha omisión de responsabilidade insultante.

    É moi grave o abandono por parte do seu alcalde da veciñanza de Vilarbacú, Outeiro, Fisteus, a Seara, Penarrubias, Leixazós, etc. ante o perigo, o medo e a ameaza do lume máis grande da historia de Galiza.

    Non pode ser desculpa excusarse en que delegou as súas competencias en concelleiros do goberno que si estiveron a pé de lume. Non. O abandono da poboación da xente da montaña por parte do alcalde do Concello de Quiroga vén de vello. E nesta ocasión sumamos á falta de políticas de prevención e mantemento de infraestruturas, un comportamento profesional e persoal indigno dun alcalde cos seus veciños e veciñas.

    Por outro lado, a lagoa da Lucenza ardeu. Manifestou algo ao respecto o alcalde ou o Concello de Quiroga? Non. Un dos máis importantes  simbolos naturais do noso país arde e nin o concello nin o seu máximo representante teñen nada que dicir?

    É máis, o único comunicado do Concello de Quiroga que coñecemos sobre a Lucenza é do dia 21 de xullo, no facebook,  e dá a entender que a Lucenza non estaba afectada polo lume cando o incendio xa entrara o día 20 e a zona estaba calcinada e destrozada. Unha de dúas, ou o concello non estaba informado da situación ou estaba a mentir e manipular. Os dous comportamentos son gravísimos. 

    Desde a Asociación Volta Grande do Courel consideramos que, como sociedade civil, non podemos calar e baixar a cabeza. Por iso describimos o que vivimos e denunciamos. Por xustiza social e defensa dos dereitos da xente do rural e protección do noso patrimonio natural, económico e cultural.

             Coido que esta crónica dános unha idea ben clara da colección de incompetentes e inútiles (como mínimo, sen entrar nos intereses económicos e na corrupción coa que tan ben se leva o Partido Popular) que na actualidade ten ao seu cargo o goberno da Galiza. Incompetentes e inútiles aos que hai que desaloxar da Xunta de Galiza con urxencia antes de que vendan o país ao completo e nos condenen de novo a emigrar, como fixeron os seus antepasados.

         Valdeorras, O Courel, O Invernadoiro, os montes de Boiro e Ribeira coa Curota,... todos eles en cotas altas onde queren instalar parques eólicos salvaxes que teñen forte oposición da veciñanza e que de facerse contribuirían a esnaquizar o territorio e a despoboalo aínda máis. Son tamén, algúns deles, paraxes con unha parte importante de foresta autóctona, onde o piñeiro e, sobre todo, o eucalipto son especies raras; amais de formar parte, moitos destes paraxes, da escasa (por falla de vontade política dos túzaros que gobernan o noso país) Rede Natura existente na Galiza. 

            Por último, dicir que a Xunta de Galiza do Partido Popular arrogouse por lei a capacidade para trocar a orientación forestal destes montes, de poñelos ao servizo de empresas sen escrúpulos coma ENCE, Iberdrola ou calquera outra empresa madeireira, eólica ou de minería contaminante susceptible querer acadar grandes beneficios a costa de esnaquizar, desertizar e despoboar o noso medio rural. 

        Os feitos permiten afirmar, tamén, que a vontade dos actuais reitores da Xunta de Galicia de servir con prioridade a esa xente falta de escrúpulos está máis que demostrada: oposición ao cumprimento das sentencias xudiciais relacionadas con ENCE, manobras tendentes a integrar o territorio ENCE no porto de Marín para esquivar as sentencias, modificacións nas leis que regulamentan os montes comunais coa clara finalidade de poder forzar a aquelas comunidades que se negan a poñer os seus montes ao servizo das pasteiras ou do oligopolio enerxético, impulso de industria baseada no eucalipto coa escusa da creación de postos de traballo cando en conxunto destrúen máis dos que en realidade crean, modificación pola porta de atrás dos períodos de alegacións aos proxectos eólicos e mineiros salvaxes coa clara finalidade de que ás comunidades e veciños afectados non lles dea tempo de recorrer a súa instalación,... e como isto moitas outras cousas que prexudican gravemente tanto ao medio rural como, de forma indirecta, ao medio urbano. Pero disto xa falaremos noutro momento.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...