No pasado 29 de xaneiro escribín neste espazo un artigo titulado "Ucraína: Rusia, os Estados Unidos e a OTAN"; nese artigo eu tiña feita a seguinte reflexión: "Logo,
non nos creamos todo o que nos contan sobre o que está a acontecer
en Ucraína. A maioría son mentiras, sobre todo o que se refire á
potencial invasión do país por Rusia". É máis que evidente que, á vista dos feitos, estaba moi equivocado. No día de onte Rusia ten invadido territorio ucraíno. Amais, esta intervención ilegal utiliza as xa coñecidas escusas dos imperialismos de "defensa da poboación", "defensa da liberdade fronte ao nazismo" ou calquera outra que xa nos soa de cando os Estados Unidos invadiron ou interviron noutros países para mudar os gobernos e poñelos á súa conveniencia. O mesmo que no pasado tamén facía a extinta URSS, a partires de Nikita Jrushchov, coa invasión da antiga Checoslovaquia e as ameazas a Hungría e outros países "da súa área de influencia" que quixeran imitar a chamada Primavera de Praga.
Certo que o da miña equivocación, tal e como se fora unha aplicación da fábula de Pedro e o lobo, veu determinada pola experiencia de ter que soportar mentiras e propaganda falsa e sesgada de forma continuada por parte das instancias norteamericanas e os seus altofalantes mediáticos; todas elas creadas pola intelixencia e a Secretaría de Estado dos USA e espalladas polo mundo ao través das "súas" axencias internacionais de novas e polos propios xornais dos distintos países que se aliñan dunha forma incondicional e acrítica coas posicións de Wall Street e o goberno ianqui.
Non me vou estender no tema das intervencións militares ilegais en terceiros países para defender intereses económicos das empresas transnacionais; pero fago unha pregunta: ninguén se lembra dos famosos silos nucleares iraquís que deron lugar á Guerra de Iraq, iniciada mediante bombardeos indiscriminados de Bagdag o 20 de marzo de 2003, e que resultaron ser unha trola? Si, unha trola creada polos criminais de guerra que presidían, gobernaban e mandaban militarmente nos Estados Unidos e espallada, como se unha verdade incontestable se tratara, polas axencias internacionais de novas, a prensa acrítica e algúns gobernos monicreques, como o español e os doutros países da OTAN (lixo militar cun historial cumprido de intervencións inxustificadas e ilegais ao servizo da oligarquía internacional e inzada de militares fascistas -e nazis- nas súas liñas de mando). Unha trola que custou milleiros de mortos tanto en Irak como nos USA e outros países, que supuxo unha flagrante violación da legalidade internacional. Xa describín, no artigo ao que me refería ao principio, toda unha serie de intervencións ilexítimas e ilegais encabezadas polos USA e secundadas de algunha forma pola OTAN, polo que non me vou repetir.
Onte Rusia, seguindo os exemplos sementados polos Estados Unidos no mundo, invadiu Ucraína e bombardeou cidades causando baixas persoais entre civís e destrución nos medios materiais que eses cidadáns ucraínos tiñan para satisfacer as súas xustas necesidades e aspiracións vitais. Criminais da presidencia, do goberno e do exército ruso deron orde de atacar un país soberano. E chámolle criminais porque o son; como tamén o eran os presidentes, gobernantes e militares que ordenaron bombardear e invadir Iraq.
Teño lido crónicas que desculpan ata certo punto a intervención rusa baseándose no cerco militar ao que a OTAN está a someter a Rusia e ao incumprimento de certo tratado por parte de USA e a OTAN. Eu non dubido de que esa situación poida estar a darse, que ianquis e otánicos incumpran tratados que asinaron; como tampouco dubido de que os rusos tentan de afianzar polos medios que sexan a súa influencia en enclaves estratéxicos. Pero iso non xustifica a masacre dunha poboación, por moi pequena que sexa, nin a invasión militar dun país soberano. Non é para nada xustificado o ataque e invasión de Ucraína. E tamén aquí, como alí, aparecen as axencias e os medios que terxiversan, sesgan e falsifican a realidade para xustificar a actuación de Rusia en Ucraína; as axencias que difunden "novas" fabricadas polos diferentes servizos de intelixencia e os gobernantes rusos. Unha das principais é Russia Today (RT). Evidentemente que teñen a mesma credibilidade que Reuters ou Associated Press.
É máis, non se xustifica que eses criminais belicosos teñan que inmiscuírse sen preguntar na soberanía de países que viven pacificamente sen o previo consentimento destes, que os inclúan nos seus tratados de guerra sen o seu consentemento, que tenten de dispor do seu futuro coma se foran pastillas de plastilina. Que tenten de poñer e quitar gobernos para moldealos e adptalos ás súas necesidades e non ás necesidades dos cidadáns que residen neses países. Pero claro, iso é o que fan os criminais: tratar de acadar o que queren aínda que sexa asasinando. Iso é o que fan os presidentes, os gobernantes e os militares de alta graduación dos USA, de Rusia e da OTAN.
Unha das consecuencias contrastadas nestas "aventuras" militares dos estados e dos organismos militares poderosos é que a principal damnificada e prexudicada das actuacións belicosas dos exércitos é a poboación civil. E dentro desta, as que máis sofren son as mulleres. Os militares de baixa graduación tamén teñen baixas (son a carne de canón que utilizan os estrelados), pero xeneralotes de calquera nivel, coroneis, presidentes, gobernantes, etc., é dicir, os que deciden os ataques (pero tamén os dos mesmos rangos que os reciben) raramente son prexudicados nestas lides; máis ben saen sen despeitear. E moitas veces, enriquécense a costa de que morran os seus soldados rasos e milleiros de persoas da poboación civil. E se non o cren, fíxense no caso do vicepresidente Cheney e os seus negocietes en Iraq.
Os que adoitan saír con mal, aparte da poboación civil e os soldados rasos, son os que contan as barbaridades que nesas intervencións militares se realizan e os métodos que exércitos e gobernos utilizan para acadar os seus fins. E senón pregúntenlle á soldado Maining ou a Julian Assange. Por non falar do operador que denunciou os métodos de espionaxe xeneralizado a toda a poboación utilizados polos servizos secretos dos Estados Unidos á marxe da legalidade.
En fin, coido que a mellor defensa da poboación mundial pasa por disolver os exércitos, destruír as armas de guerra e dedicar as fábricas de armamentos a elaborar artefactos e produtos útiles. Estou seguro de que todos e todas estariamos máis seguros e máis felices. Amais, os cartos improdutivos que xeran militares e exércitos (que normalmente supoñen un moi alto porcentaxe dos orzamentos dos países) poderían dedicarse a educación, investigación, medicina,... gasto social produtivo, en definitiva. Amais iso crearía multitude de postos de traballo para absorver aos soldados, suboficiais e oficiais de baixa graduación. Os demais, que se busquen a vida.
NON Á GUERRA! OTAN NON!