(Actualizado o 19-12-2022 ás 12:32)
Na pasada quinta feira, 15 de outubro de 2022, no Congreso dos Deputados tratouse, para a súa aprobación, unha proposición de lei impulsada por PSOE e Unidas Podemos para a modificación do Código Penal. Ese debate ía incluír as emendas presentadas polos diferentes grupos parlamentarios. Entre elas unhas que, de ser aprobadas, suporían modificacións das leis orgánicas que regulamentan o Poder Xudicial (PX) -Emenda nº 61- e o Tribunal
Constitucional (TC) -Emenda 62- e coas declaracións e incrementos do patrimonio dos cargos
públicos -Emenda 64-, cousas que para nada teñen co groso do paquete a parlamentar (neste caso, nada que ver co Código Penal), pero que é un mecanismo que con total cinismo e indecencia solen facer con frecuencia tanto PSOE coma Partido Popular desde os gobernos (senón véxanse esas odiosas "leis de acompañamento" que adoitan aparecer xunto cos orzamentos xerais de distintos gobernos) (1).
Pero o máis notorio do desenvolvemento político do día non veu determinado pola grande importancia do groso do programa da orde do día, que era a modificación do Código Penal, nin as emendas que puideran ser presentadas ás propostas de modificación do mesmo. O groso do debate político veu determinado pola aparición de emendas nas que se pretendían modificar as regulamentacións do PX e do TC pero, por riba de todo, pola insólita axilísima actuación desta última institución a requirimento da extrema e da ultra dereita parlamentaria, VOX e Partido Popular, coa pretensión de "secuestrar" a capacidade do órgano lexislativo de exercer a función para a que está deseñado nas leis o Parlamento e, como parte del, o Congreso dos Deputados.
A extraña e insólita axilidade dun tribunal cuxo Presidente está "caducado".
E quero subliñar o de "insólita axilísima actuación", porque é ben sabido que os tempos de espera para que o TC se pronuncie arredor da constitucionalidade de normas saídas das distintas instancias parlamentarias e gobernamentais, incluso en lei orgánicas, son tan inapropiados na súa lentitude coma inmensos no tempo que tardan en pronunciarse; e nesta ocasión, parece que o obxectivo non era o de cualificar a constitucionalidade dunha norma, senón de impedir que esa norma puidera ser lexislada incluso antes do inicio do seu debate parlamentario, antes de ser (ou non) aprobada. A todas luces un verdadeiro despropósito.
Pero non o único despropósito da actuación do TC en relación a este tema, pois -segundo contan os e as cronistas de diferentes xornais- esas pretensións da ultradereita política post-franquista deberían ser tratadas nunha das salas do TC na que teñen maioría aqueles aos que denominan coma "progresistas", e o Presidente do TC fixo valer o seu mando para que fora o Pleno, de maioría "conservadora", quen se pronunciara sobre o asunto (2).
Cal foi o motivo do recurso do Partido Popular e VOX diante do TC que provocou ese despliegue inaudito de axilidade por parte dese tribunal?
Eran bastantes os preceptos do Código Penal que a proposición de lei pretendía modificar. Pese a que nesa proposición se incluian modificacións que afectaban gravemente á calidade democrática do Estado, a discusión e contraposición política e mediática maioritaria só se centraba en dous temas: a desaparición do delicto de sedición coa subseguinte modificación das penas e a modificación no tratamento do delicto de malversación. Logo, puidérase pensar que os nazionalistas españois agrupados nos partidos recorrentes estarían molestos por ese motivo e trataran de impedilo por calquera medio, acolléndose ao ser vello e caduco discurso da "unidade nacional", do "separatismo", da alusión aos fantasmas de desaparecida "ETA", a supostos pactos "co terrorismo" e toda unha xeira de cousas propias para dar de xantar a crédulos e imbéciles. Pois non, o
motivo da inquedanza da ultradereita e dos seus monaguillos de Ciudadanos
era de distinta natureza: o non seguir poder controlando o poder
xudicial e (supoño que para eles o máis importante) o referente á declaracións de bens dos cargos públicos e ao aumento de posibilidades de detección dun enriquecemento ilícito no desempeño de ditos cargos.
Amores que se corresponden.
Fagamos unha pouquiña de historia. É de sobra coñecido que desde o Partido Popular, desde o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e desde o Tribunal Constitucional (TC) estanse a poñer trabas á renovación destes dous órganos citados conforme ao dictaminado pola Constitución e as leis orgánicas que regulamentan os nomeamentos e o funcionamento de ambos órganos xudiciais.
Tamén é de sobra coñecido (aí está a historia para amosalo, por moito que eles o neguen) que cada vez que o Partido Popular perde a maioría parlamentaria e toca renovar eses órganos aquel pon todas as trabas que ten ao seu alcance para evitar que a maioría de maxistrados da súa confianza (non membros do seu partido, que os xuíces non poden estar afiliados a partidos) existente en CXPX e TC poida diluírse e desaparecer e non poder utilizar o lawfare coma método de goberno ilexítimo na sombra; e máis na actualidade, por motivos de sobra coñecidos e que saen un día si e outro tamén nos medios de comunicación que manteñen un certo nivel de obxectividade informativa (moi poucos, por certo). Se se controlan os nomeamentos dos maxistrados que xulgan nunha primeira instancia e, amais, os das instancias de apelación, que mellor para os seus intereses?
Ata o de agora, agas casos illados coma o do estatuto de autonomía de Catalunya recorrido hai anos, todo isto quedaba na casa e non era tan evidente o recurso a que foran os xuíces os que anularan as normas que eles non puideron tumbar nos parlamentos nos que perderan ou nunca tiveran a maioría. Era unha continua pugna entre Partido Popular e PSOE por garantir a súa influencia dentro dos órganos de goberno dos xuíces e nas altas instancias dos tribunais de xustiza ou de anular as influencias determinantes do outro. O PP bloqueaba, o PSOE se queixaba do bloqueo. Pero nisto aparece a Unión Europea e di que o que está a ocorrer no Estado Español cos órganos xudiciais é inadmisible, que non se pode paralizar a renovación dos mesmos por intereses políticos de parte, que hai que cumprir a lei existente e a posteriori, se é o caso, revisala. Mais o Partido Popular segue coa súa resistencia numantina a perder a maioría "conservadora" nos órganos xudiciais e o PSOE vese obrigado a tomar cartas no asunto desde o goberno para garantir o cumprimento da lei (e, tamén, para impedir que sexan os xuíces os que impidan un normal desenvolvementos dos procesos democráticos e, quero supoñer, para unha aplicación equilibrada da xustiza e non sesgada polo pensamento político ou persoal dos maxistrados que deben que administrala). Incluso desde o PP se negan a que o Goberno nomee para o TC a xente tan pouco ou nada progresista coma o anterior Ministro de Xustiza.
Parece que aquela afirmación feita polo senador do PP Ignacio Coisidó que falaba do control dos nomeamentos das presidencias das distintas salas do Tribunal Supremo tendo o control do CXPX, sobre todo daquelas que deberían xulgar os diferentes casos de corrupción dos políticos aforados. Se teñen cautivadas esas salas, aínda que lles poidan fallar, sempre lles quedarán as instancias de apelación.
O certo é que parece que a natureza da ideoloxía "conservadora" da maioría dos xuíces e xuízas (conservadora en extremo, polo que se ve) fai que a legal interpretación das leis que os maxistrados fan na hora de pronunciarse en distintos procesos estean tinguidas dunha rechamante pátina de tendencia favorecedora das clases máis acomodadas e tradicionais. E, no caso de estar a política ou a posta en cuestión daquelas figuras ou institucións anormalmente consideradas coma inamovibles na configuración do Estado Español, a maxistratura adoita aliarse ou se pronunciarse con posicións ultraconservadoras máis propias das concepcións gobernamentais habidas entre os anos 1939 e 1977 que na realidade social que debería imperar na sociedade española actual.
Partindo da base de que nos países de economía capitalista as leis están feitas para servir aos intereses das clases economicamente máis podentes e aos sectores sociais máis privilexiados da sociedade (aínda nos sistemas de democracia parlamentaria nos que se presume de separación de poderes) e que os encargados de administrala solen proceder, na súa maioría, de clases privilexiadas, non podemos dicir que a xustiza sexa imparcial. A xustiza será cega, como din por aí. Mais a min paréceme que mira a quen xulga antes de pronunciarse e facer a correspondente interpretación e aplicación das leis.
Quizá sexa esta actuación da maioría da maxistratura outro dos efectos de non ter realizado unha ruptura co réxime franquista en condicións realmente democráticas e coa conseguinte limpeza dos aparatos do Estado, entre eles a administración de xustiza, nos que durante anos conviviron e administraron xentes de nulas inquedanzas democráticas, apegados fortemente ao réxime ditatorial, e que foron creando adeptos dentro dos corpos xudiciais do Estado. Daqueles pos, estas lamas.
Práctica do "lawfare"?
Así vemos cousas como as que se están a dar, onde se condenan a rapeiros por cantar contra corruptos, se xulgan e condenan a internautas polos chíos que publican nos seus espazos, se encarceran titiriteiros por representar obras de teatro, se exculpan a nazis que agreden a persoas diante de lugares de culto incitando ao odio por ser musulmás, se condena a dirixentes sindicais baseándose en informes policiais desmentidos por numerosas testemuñas ou non admitindo videos que amosan a súa inocencia, se desimputa a xerifaltes da dereita política de casos de corrupción dos que hai indicios máis que suficientes para manter esa imputación mentres se persegue con insistencia a dirixentes da esquerda política polas cousas máis inauditas.
E agora, o próximo luns, o Plano do TC vaise pronunciar sobre a constitucionalidade ou non dunha intención (de momento non hai disposición lexislativa que anular). Vai tratar de secuestrar a vontade da maioría dos representantes escollidos democraticamente nas urnas polo conxunto da cidadanía, a vontade dos que teñen a capacidade de lexislar porque así o quixo a cidadanía e así o estipula unha Constitución vixente (mala e socialmente desfasada -como se demostra cada dous por tres- pero que é a que hai) que está por riba do TC, aínda que aos membros do mesmo poida molestarlle.
Pero non é so o dito no parágrafo anterior. Vai ser un órgano co seu Presidente e outro dos seus membros que teñen o seu mandato caducado (e aliñados con ideas sociais e políticas máis que caducadas) desde hai moito tempo os que vaian dicir se quedan ou se teñen que irse. E todo por dar pávulo a unha dereita política integrista, franquista, e que non concibe que non poidan ter todo atado e ben atado. Unha dereita que se resiste a que se remate cos seus privilexios e os daqueles que os financian e impulsan. Xentalla á que todo lles vale, incluído o lawfare, como xa demostraron os seus correlixionarios noutros países (no Brasil con Lula e Dilma Rousef, en Bolivia con Evo Morales, como pretenderon facer en Venezuela co monicreque Guaidó e como tentaron, tamén, de facer recentemente nos USA cos nomeamentos de xente indecente no seu Tribunal Supremo para limitar os dereitos democráticos da cidadanía).
Non sei o que fará o luns o TC, pero faga o que faga a súa natureza fica máis que clara.
NOTAS.-
(1) Dicir que tales "acompañamentos", que nada teñen que ver coa natureza principal da lei que din acompañar, son estrataxemas indecentes utilizadas con moita frecuencia polos distintos gobernos estatais e autonómicos do Partido Popular e do PSOE para colar pola porta de atrás modificacións de leis que deberían requirir un trámite parlamentario propio e diferenciado (por exemplo, aquí na Galiza os impresentables teñen coado mediante o citado procedemento modificacións de leis como a dos montes en man común, de espazos naturais protexidos, de modificación de tributos, de modificación das leis de instalación de certas industrias, etc., etc., etc.)
(2) A
min, esta actuación do TC recórdame cando a sala correspondente do
Tribunal Supremo (TS) se pronunciou de forma desfavorable aos bancos no
tema da retroactividade non me lembro se das chamadas "cláusulas chan"
ou dos gastos ilegais asociados ás hipotecas, o Presidente dese órgano
non admitiu ese pronunciamento e convocou un pleno no que si, pola súa
composición, íase limitar e limitouse a retroactividade da sentencia dos
tribunais europeos.

