13 febreiro 2023

Manifestación pola Sanidade Pública do 12/02/2023 na prensa en papel do día seguinte

        Despois da monumental manifestación de onte, 12 de febreiro de 2023, en Defensa da Sanidade Pública, que encheu as rúas de Santiago de Compostela e que rematou ateigando a Praza do Obradoiro da mesma localidade, non podemos resistirnos a destacar neste blogue a importancia do citado evento. Despois das grandes manifestacións derivadas da neglixencia, incapacidade e incompetencia amosadas no pasado polo Partido Popular e os seus gobernos coa crise do Prestige, podemos afirmar sen temor a equivocarnos que a de onte foi a maior manifestación reivindicativa protagonizada polo pobo da Galiza; e, desde logo, a máis grande das convocadas na capital do noso país en defensa da sanidade pública.

Tentativas fallidas da Xunta de Galicia e dos xornais da súa corda para parar á cidadanía.

        De nada lles valeu a esa colección de incompetentes que ostentan a titularidade das distintas consellerías e a Presidencia da Xunta de Galicia encher as súas contas de Twitter co hastag #SanchezTieneLaCura, porque iso xa non cola; a cidadanía xa se decatou de que as competencias plenas en materia sanitaria ténas a Xunta de Galicia, e que foi o Partido Popular, con Mariano Rajoy como titular do Goberno Central, quen limitou ao 10% a posibilidade das Administracións Públicas de contratar persoal para renovar as vacantes que por diferentes motivos puideranse producir na sanidade ou en calquera outro organismo público (así nos vai). Tampouco podemos esquecer que unha das maís perniciosas medidas da Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular (non me lembro se no ano 202 ou 2013), sendo Conselleiro de Sanidade o terceiro da era Feijóo na liña de desmantelamento da sanidade pública, o señor Almuiña, que obrigou de facto a moitos médicos e médicas -sobre todo no ámbito hospitalario- a xubilarse aos 65 anos cando empezaba a notarse xa a falta de especialistas e estaba limitada a renovación pola norma, antes citada, imposta polo goberno central de Mariano Rajoy.

        Tampouco valeulles de nada o cuasi silencio informativo encol da manifestación mantido pola principais cabeceiras xornalísticas editadas en papel na Galiza. E tampouco o "machaque" en lugares destacados das distintas edicións que esas mesmas cabeceiras da propaganda emitida pola Presidencia da Xunta e a Consellería de Sanidade tentando que galegos e galegas mercáramos fume e ficaramos na casa en lugar de ir a reivindicar unha sanidade pública ben estruturada e financiada, con suficientes prazas e persoal médico e auxiliar para prestar unha atención de calidade.

Fiabilidade e/ou manipulación informativa.

            E vai hoxe este artigo da fiabilidade informativa. E para elo imos facer un repaso das portadas de distintos xornais en papel editados na Galiza. Ante todo teñamos en conta que a manipulación informativa non só ven determinada por mentir descaradamente ou sesgar a nova; tamén a ocultación ou non dar relevancia a un suceso importante ou a unha reivindicación cidadán masiva é parte desa manipulación informativa. E desa sabemos moito os que lemos de forma cotiá os xornais que se publican (non quer dicir que os merquemos todos, xa que nalgún caso sería como darlle cartos a un ladrón); e sobor de todo os que vivimos os tempos da longa noite de pedra da que con tanto acerto falou Celso Emilio Ferreiro.

Os xornais a exame o día despois

       Os xornais dos que imos falar son os seguintes: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Región, El Progreso, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra, Atlántico e La Opinión de Coruña. E non imos facer referencia á información contida no interior (que xa poderedes imaxinar o que pode ser partindo da súa portada). O que si temos que dicir é que só hai un que, en termos de portada, aprobe en transparencia informativa. O da manipulación... déixo para que vos a definades de acordo coas vosas propias esixencias informativas.

        Empezaremos polos que máis se len en cada unha das provincias galegas:

        La Voz de Galicia. É con moito o xornal en papel máis lido na Galiza, e polo tanto debería ser un puntal de integridade, independencia e transparencia informativa.         Ao respecto do tema que nos trae hoxe aquí, dicir que La Voz de Galicia leva toda unha semana menosprezando informativamente as novas que desde a Plataforma SOS Sanidade Pública, as distintas plataformas territoriais, organizacións cidadáns e sindicais se ían producindo coas chamadas á participación na manifestación, e magnificando o fume fabricado en San Caetano coa finalidade de contrarrestar asistencia á manifestación. Hoxe, La Voz de Galicia, sorprende a moitas persoas (entre elas a min) dedicándolle á mobilización de onte unha foto de portada significativa a catro columnas e un titular cunha letra decente; non a foto máis reveladora da Praza do Obradoiro petada de xente, pero dado quen a publica... . Sorprende tendo en conta a deriva dereitista do mencionado xornal nos últimos dez anos, así como cos artigos, de orientación máis propia de extrema dereita, cos que de vez en cando nos “obsequia” o seu editor e os frecuentes da mesma orientación dalgún dos seus columnistas.
 
        Faro de Vigo: o máis lido na provincia de Pontevedra. Inserta a súa cabeceira de cinco columnas nunha foto que se supón da manifestación do 12 de febreiro en Compostela, onde apenas se poden intuír os textos das faixas que nela aparecen, e cuns mini-titulares apenas lexibles e uns titulares de segunda xa case invisibles. Iso si, xusto por baixo, en grandes titulares e a dúas columnas dunha nova pretendidamente favorable ao Partido Popular de mans dunha Consellería de Política Social que privatiza, recorta e deixa en mans privadas de dubidosa competencia as vidas das persoas maiores, como xa se ten demostrado durante a pandemia. Na súa liña cotiá: non tivo máis remedio que dar a nova da importante mobilización, pero sen que se note moito.
 
        La Región: o máis lido na provincia de Ourense. Este xornal recolle un pequeno titular a dúas columnas na parte esquerda da páxina, xuntando no subtitular as manifestacións de Madrid e Compostela nunha columna e á súa beira unha foto dun neno cun letreiro reivindicativo. Portada e relevancia totalmente desvinculada da importancia e magnitude da mobilización en defensa da sanidade Pública. Máis propia dun nadar e gardar a roupa (e as subvencións e publicidade institucional) dun xornal significado politicamente na dereita provincial.   Esta información fica case anulada na súa importancia por un titular en letras grandes por riba dela e aludindo ás “vontades” da Deputación pepera de Ourense.
 

            El Progreso (de Lugo): foto parcial no centro da páxina con titular a tres columnas en letra de tamaño apreciable. Non é a mellor foto para dar unha idea do tamaño da mobilización, pero tampouco é enganosa. A diferencia dos anteriores non acompaña á súa beira ou na súa parte superior unha nova con maior destaque.

         Vistos os xornais máis significativos en cada provincia, imos pasar aos que podemos considerar máis de cidade ou mesmo comarcais. Serán La Opinión-Coruña, El Correo Gallego (de Santiago), Atlántico (de Vigo) e o Diario de Pontevedra os que examinaremos de seguido.

         La Opinión – A Coruña: é o único xornal galego impreso en papel que fai da mobilización a súa principal nova de portada. Foto a catro columnas dunha panorámica da manifestación ao seu paso por unha das rúas santiaguesas; suficientemente significativa da importancia de participación cidadá na mesma. Titular en letra grande que fai honra á reivindicación principal e subtitular no que, en letra máis pequena, da cifras propias “más de 22.000 personas”, que non coincide con ningunha das aportadas por policías ou organizadores.  Quizás o único xornal que reflectiu a importancia da mobilización na súa portada.

 

             Atlántico: pequena foto a dúas columnas dunha panorámica da Praza do Obradoiro, un titular en letra pequena, unha cifra de asistentes (a da Policía Municipal) e mención dos personaxes secundarios asistentes á manifestación organizada e protagonizada principalmente pola cidadanía.

             El Correo Gallego: Foto do Obradoiro a tres columnas precedida dun titular referido á manifestación seguido dun subtitular referido a Rueda dicindo o que toda a semana levan dicindo el e o seu Conselleiro de Sanidade e saíndo nos distintos xornais; entre eles, neste.

             Diario de Pontevedra: foto a dúas columnas da manifestación na Praza do Obradoiro; debeixo da foto,na parte inferior da portada, titular a letra media.








 


 

 

07 febreiro 2023

Só SI é SI (aínda que non lles guste)

        A actualidade política do Estado nestas últimas semanas estase a centrar sobre a lei de liberdade sexual aprobada recentemente polo Goberno do Estado máis coñecida como “Lei do Si é Si) e a reforma que nestes días está a propoñer o PSOE da mesma. Proxecto de lei de reforma que o partido que dirixe Pedro Sánchez presentou no día de onte no Congreso dos Deputados.

        A teórica razón da presentación desta modificación de lei ven supostamente determinada pola “masiva rebaixa” de penas a persoas condenadas por exercer a violencia contra as mulleres derivadas da aplicación da chamada “Lei do Si é Si” que, dito sexa de paso e vistas as cifras achegadas por algún medio de comunicación, non é cantidade tan grande como a que a dereita política e a selva mediática apegada a ela pretenden facer ver.

Que foi o que motivou a cascada de rebaixas nas penas aos criminais machistas?.

        Evidentemente é triste que persoas condenadas pola violencia exercida contra as mulleres vexan rebaixadas as súas penas pola aplicación dunha lei que está claramente orientada a combater a violencia machista sexa cal sexa o ámbito no que esta se produza. A meirande parte das solicitudes de redución de pena por aplicación da “Lei do Si é Si” foron rexeitadas polos maxistrados e maxistradas que decidiron sobre a súa aplicación e hai territorios onde non foi reducida ningunha das penas impostas ao abeiro da antiga lei. Xa que logo, preguntámonos: Cales foron as motivacións que provocaron as rebaixas no trinta e pico por centro das condenas por crimes machistas? Puideron ser moitas e de diversa índole e non imos aquí a pronunciarnos sobor dunha ou doutra causa; polo menos, de momento.

        A día 3 de febreiro dos presentes podemos ver os datos das “masivas” reducións de condena e territorios nos que se producirón, segundo o publicado no programa Hoy por hoy da Cadena SER, PREMENDO AQUÍ (ou escoitar un resume en audio premendo esta LIGAZÓN).

As reducións das penas.

        A min resultoume curioso que as primeiras resolucións de redución de penas coñecidas e aireadas na prensa producíranse en instancias xudiciais da Comunidade de Madrid. Pero máis curioso me resultou que case simultaneamente, cando aínda case non era de dominio público a existencia de ditas resolucións, saltaran á palestra mediática recoñecidos personaxes da ultradereita do Partido Popular e coñecidos propagandistas xornalísticos da dereita e ultradereita cargando contra a “Lei do Si é Si” e, por suposto e coma non podía ser doutro xeito, contra a parte máis progresista do goberno central.

        De seguido, toda a dereita en tromba sae ao escenario afondando nunhas críticas á citada lei baseadas soamente na redución de penas, esquecendo todo o demais que de positivo contén a citada disposición. Desde Núñez Feijóo ate Abascal, pasando por García-Page e Lambán, toda a dereita e extrema dereita, todo o machismo central e periférico político e xornalístico (incluso aquelas que se parapetan na súa condición de muller para negar o seu real machismo), sae furibunda a criticar unha lei na que nunca creron e que sempre combateron.

        É o mesmo machismo, a mesma orientación política e os mesmos personaxes que se opoñen, claman e arman grandes escándalos acusando de pretensión de adoutrinamento cando desde instancias educativas oficiais ou nos propios centros educativos se pretenden introducir nos curriculos educativos dirixidos ás ensinanzas básicas e medias asuntos relativos á convivencia, á igualdade ou á educación sexual. Os mesmos suxeitos que non se opoñen, ou apoian, a segregación por sexo nas escolas ou o adoutrinamento relixioso nas escolas financiadas con fondos públicos.

        Do mesmo modo que a dereita antes citada, tamén comezan a saír en tromba, e comezan a coñecerse, resolucións de reducións de condena favorecedoras para criminais machistas pronunciadas por distintos xulgados en distintos territorios do Estado.

Que hai detrás do cuestionamento da “Lei do Sí é Sí”?

        Se deixamos de lado o cuestionamento derivado das posicións político-ideolóxicas e nos limitamos aos aspectos xurídicos da mesma, debemos fixarnos en dúas cousas: o número de condenas rebaixadas en relación ás penas impostas con amparo na antiga lei, así como nos territorios nos que esas condenas sufriron rebaixas, e nas posicións de xuristas de recoñecido prestixio sobre os efectos indesexados da lei.

        En relación co primeiro aspecto, deixo a elección da persoa lectora o traballo de facelo ou non (en base aos datos fornecidos máis arriba ou os que ela poida acadar de fontes solventes).

        En relación co segundo, dicir que numerosos xuristas de recoñecido prestixio no ámbito español e internacional (a modo de exemplo cito aos señores Martín-Pallín e Pérez Royo) manteñen que unha correcta aplicación da "Lei do Si é Si" non necesariamente ten que traducirse nunha redución de condena; é máis, suxiren que non tería por que producirse redución algunha. E teño que confesar, tamén, que entre xuristas de recoñecido prestixio non teño a ben considerar á actual Ministra de Xustiza; sobre todo despois de ter escoitado a entrevista que hoxe fíxolle Ángels Barceló no programa Hoy por Hoy da Cadena SER (cuxo audio podes escoitar nesta LIGAZÓN-1) onde ao meu modo de ver se mostra a pouca consistencia e as continuadas contradicións que a Ministra amosa -para desesperacións dos tertulianos posteriores, que non sabían por onde saír para salvala, dito sexa de paso-.

        Eu, persoalmente, teño que dicir que as rebaixas das penas primitivamente impostas foron realizadas conforme ás leis vixentes no Estado; que cada maxistrado, maxistrada, xuíza ou xuíz que estimou que reos de crimes machistas deberían ser beneficiarios de redución de penas actuou dentro da flexibilidade de interpretación que a lei lles permite na hora da súa aplicación, cos seus propios criterios e cos seus propios obxectivos, non necesariamente de apoio ás posicións da dereita fascista e da extrema dereita, nin no afán de actuar en clave de ideoloxía machista. Isto aínda que obxectivamente produciran ese efecto. Certo é, tamén, que a maioría das peticións de redución de condena foron rexeitadas e as penas non sufriron modificación algunha (como mantiñan os prestixiosos xuristas antes mencionados) e, polo tanto tampouco foron obxecto de publicidade pola ultradereita mediática nin pola utradereita dereita e o fascismo políticos (Partido Popular, Vox, Ciudadanos e personaxes vindos a menos que se resisten a desaparecer do panorama político).

Eleccións á vista.

        No día de onte o PSOE presentou no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modificar a denominada “Lei do Si é Si”. Fundamentalmente, segundo din os propoñentes, a súa base está no aumento das penas dos criminais machistas. Mais a realidade parece ser outra: que o seu contido vai desvirtuar o tema do consentimento para volver á lei anterior e que supoñía un verdadeiro abuso xudicial ás vítimas de violencia de xénero nos seus diversos aspectos, como que ficou patente no xuízo da tristemente famosa manda do San Fermín e noutros outros moitos xuízos onde en lugar de xulgar aos agresores parecía que as xulgadas eran as vítimas.

        É significativa a fronte común formada polo PSOE co Partido Popular nestes aspectos contra o outro socio de goberno, e o anunciado apoio do segundo á modificación da “Lei do Si é Si”; e aínda máis significativa se temos en conta a proximidade de numerosos procesos electorais que dalgunha forma poden crebar a actual tendencia ao bipartidismo desexado polos mencionados partidos.

        Significativo tamén que moitos dos grupos e partidos políticos que serven de apoio ao actual goberno central se teñan manifestado xa contra a reforma que pretende o PSOE de modificar o consentimento matizando o mesmo e deixando aberta á interpretación xudicial a existencia ou non de violencia no abuso.

        No intre de escribir estas liñas descoñezo o texto literal da proposición de lei; só as palabras da Ministra de Xustiza, as de Patxi López, as da Ministra Portavoz e as críticas que desde Podemos, Esquerra Republicana e Bildu se refiren á proposición pesoera.

        Á parte da parte da precampaña electoral, eu non sei se amais o alimento desta polémica ven determinada pola necesidade de esconder as continuadas últimas “cagadas” do PSOE e do Goberno como son a baixada de pantalóns diante do réxime do sátrapa marroquino, a nova puñalada trapeira ao pobo sahariano e o incremento da supeditación dos intereses do Estado Español á soberanía dos USA e da OTAN no que respecta a inxusta e cruel guerra de Ucraína, a impresentable posición do PSOE diante da lei trans e, tamén, a súa posición ultraliberal cara á regulación da vivenda.

        Xa veremos, no caso de que a modificación de lei sexa aprobada, se volvemos a ver xuízas impresentables que pregunten á vítima de abusos sexuais se “pecharon ben as pernas” ou a xuíces que culpabilicen ás vítimas por saír á rúa pola noite ou levar "vestimenta provocativa” e cousas polo estilo ou que, incluso, manteñan que se notaba no video que a vítima de agresión disfrutaba.

        O que si é seguro é que a aprobación da mesma non vai supoñer que non poidan seguir dándose rebaixas de penas, porque os xa condenados con sentenza firme poden ser beneficiados por maxistrados, maxistradas, xuízas e xuíces que rebaixen as súas penas por crimes machistas en aplicación da “Lei do Si é Si” segundo a súa interpretación.

        E que só os condenados pola nova lei, se é que sae adiante, van ser condenados ou absoltos con base ás circunstancias, a interpretación da lei que fagan os xulgadores e as penas que nela se contemplen.


 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...