22 marzo 2023

Lei Mordaza: PSOE, Unidas-Podemos e a continuidade dunha lei fascista

 

            Hai uns poucos días, na Comisión de Interior do Congreso dos Deputados foi rexeitada unha proposta de reforma da popularmente denominada "Lei Mordaza" (o nome oficial e o de Lei Orgánica de Protección da Seguridade Ciudadana; ou algo así, non estou seguro -e coa continuidade da lei nada seguro- mais aquí seguiremos chamándoa pola función para a que foi creada e que segue a ter a día de hoxe, a dunha "Lei Mordaza" da expresión e da manifestación). 

Os antecedentes da "Lei Mordaza".

                 Despois dos dous mandatos do PSOE de Rodríguez Zapatero, o Partido Popular accedeu ao goberno do Estado baixo a dirección de Mariano Rajoy. Nese intre os movementos reivindicativos no Estado Español estaban en pleno auxe e as protestas cidadáns contra os recortes e os despropósitos sociais impulsados polos gobernos do PSOE de Rodríguez Zapatero e, posteriormente, polo de Mariano Rajoy eran continuadas. Era a época do Movemento 15-M e do nacemento das Marchas da Dignidade como expresións asemblearias das reivindicacións cidadáns; foi a época, tamén, do primeiro despropósito policial do goberno de M.Rajoy na gran manifestación impulsada polas citadas marchas, da aparición dos famosos provocadores infiltrados ("compañeiros" dicíalle un deles aos policías que o estaban a mallar) e acusacións falsas de portar armas, todas elas falsidades demostradas con testemuñas e documentación gráfica e videográfica. Tamén coincidían épocas de afluencia de migrantes cara a Europa, procedentes de países asiáticos e africanos expulsados dos seus países pola fame ou por conflitos bélicos ou persecucións políticas.

                E a dereita neofascista e post-franquista que representaba o Partido Popular de M.Rajoy non estaba disposta a consentir que houbera que demostrar con probas e testemuñas reais ese tipo de abusos e acusacións de falsidade cara a quen debería gardar a lei con métodos baseados nas prácticas propias dunha policía democrática, da verdade e co sustento de probas reais que demostraran a veracidade das potenciais acusacións; o Partido Popular primaba a redución pública das reivindicacións, a anulación dos seus dirixentes e a presencia pública dos movementos sociais sobre calquera outra consideración, aínda que iso supuxera faltar á verdade e a impunidade nas actuacións das policías -moitas veces de carácter nitidamente fascistas que a moitos cidadáns nos lembraban as vivencias dos anos da "paz dos cemiterios" franquista anteriores ao ano 1977-  prefería a impunidade.

            Para elo, o Partido Popular, baseándose na súa maioría parlamentaria, fixo cambios de orientación fascista no Código Penal, criminalizando a crítica e a reivindicación social, política e institucional, e impulsou a Lei Mordaza. A citada lei foi aprobada polo goberno español presidido por Mariano Rajoy, presidente á súa vez do Partido Popular. Exercía de Ministro do Interior o señor Jorge Fernández Díaz, ao que se coñece como creador da policía política ao servizo do Partido Popular e que hoxe está imputado xunto con varios dos seus policías corruptos e altos mandos da súa época de ministro por actuacións criminais durante o seu mandato. A Lei Mordaza que foi aprobada no Congreso dos Deputados cos únicos votos do Partido Popular. Aclarar que os partidos que na actualidade forman o goberno estatal votaron en contra desa lei e que ambos, PSOE e Unidas-Podemos, se declararon partidarios de derrogala no caso de chegar ao Goberno. Igualmente, foi rexeitada e criticada amplamente no Estado por todas as organizacións cidadáns de carácter democrático e internacionalmente polas organizacións defensoras dos dereitos humanos.

Esencia e aplicación da Lei Mordaza

            En esencia, a Lei Mordaza permitía que as forzas  chamadas "da orde" puideran actuar á marxe da xudicatura na represión dos movementos sociais e dos seus líderes, impoñendo sancións "por desobediencia e resistencia" ou "por falta de respecto á autoridade", o que deixa a porta aberta á total arbitrariedade dos policías para interpretar ou afirmar o que en cada momento lles veña en gana aínda que diverxa claramente da realidade (como xa ten pasado en numerosas ocasións). Todo elo á marxe da intervención da xudicatura. Incluso tentando prohibir a toma de imaxes que amosaran o flagrante incumprimento das leis por parte de membros das policías ou que puideran demostar que acusacións realizadas por algúns do seus membros puideran ser falsas. E, como acontecía na ditadura franquista á que tan apegados están os membros do Partido Popular, dando presunción total de veracidade aos informes policiais por moitas testemuñas e probas que houbera para desmentir eses informes. Outra das lindezas que esa lei totalmente fascista permite é a devolución en quente  daqueles seres humanos que entren "sen papeis" polas fronteiras, aínda que o seu motivo sexa escapar dunha persecución política, dunha crise humanitaria, dunha guerra ou calquera outro motivo que unha persoa ou grupo de persoas considere que debe saír das fronteiras do seu país de pertenza aínda a costa de arriscar a súa vida.

            Hai que sinalar que a aplicación Lei Mordaza non se diferencia para nada dos tempos nos que gobernaba o Partido Popular aos de agora. Os delegados e subdelegados do Goberno nomeados pola coalición PSOE-Unidas Podemos seguen a sancionar con base nesa lei fascista, primando as versións policiais sobre a realidade amosada por numerosas testemuñas e por multitude de probas videográficas e de son. Hai xulgados que admiten a trámite os recursos contras as sancións gobernativas e, con posterioridade e despois de analizar os feitos, fallan contra a versión policial dando a razón aos recorrentes. Aínda así, e por mor de ter que pagar a totalidade das cuantiosas sancións que a Mordaza prevé, non hai moitas persoas que recorran acusacións e sancións inxustas por medo a que o xuíz ou xuíza de quenda falle contra elas e amais da totalidade da multa teñas que pagar as costas do xuízo; prefiren pagar a multa con rebaixa do 50% cando esta élle comunicada. O que segue sen saberse é o que pasa coas persoas que presentaron acusacións indemostrables cando un xulgado determina que son inxustas; ou si. 

            O que si podemos afirmar é que o PSOE non dubida en utilizar leis fascistas se esas leis lles permiten manter as súas políticas, que (agás lixeiros aspectos) no Ministerio de Interior non se diferencian moito das aplicadas polos ministros do Partido Popular. E, no que se refire á Lei Mordaza, o caso da impunidade policial e das devolucións en quente dos migrantes fica máis que clara, así como a presunción de veracidade das acusacións policiais e as sancións impostas por delegados/as e subdelegados/as do Goberno.

            Un caso recente, exemplo do que sinalabamos máis atras, é o acontecido coas persoas que ao chamamento da Mesa pola Normalización Lingüística do Galego se manifestaron na Illa de Toxa no ano 2021 contra a deturpación do topónimo legal da illa, con motivo dun acto impulsado por un hostaleiro amigo do Partido Popular no que participaban persoeiros de alto rango da vida política e económica española. Persoas participantes no acto de protesta foron acusadas en base a Lei Mordaza e sancionadas pola Subdelegada do Goberno en Pontevedra. Recorridas as sancións nos tribunais, estes anularon as citadas multas por considerar que os feitos denunciados non se correspondían coa realidade. A día de hoxe, a Subdelegada do Goberno en Pontevedra segue a ser a mesma persoa; e do que pasa ou pasou cos membros das "forzas da orde" que asinaron a denuncia nada se sabe.

A "derrogación" covértese en "reforma" ...Tachánnn!

            Pedro Sánchez, no seu discurso de investidura unha vez triunfante a súa moción de censura contra M.Rajoy prometeu "derrogar a Lei Mordaza"; e o mesmo fixo na súa investidura coma Presidente do Goberno despois das eleccións que deron lugar a un goberno de coalición entre PSOE e Unidas-Podemos. Nesa sesión de investidura, voceiros do PSOE e de Unidas-Podemos, reafirmáronse na promesa de "derrogación" desa lei.

            E o programa de goberno entre Unidas-Podemos e PSOE, datado no día 13 de novembro de 2019, afirmaba textualmente, e respectando o seu idioma, o seguinte no seu punto 5.6 relacionado cos dereitos civís:

''5.6: Derechos civiles. Aprobaremos una nueva Ley de seguridad ciudadana,que sustituya a la «Ley mordaza» para garantizar el ejercicio del derecho a la libertad de expresión y reunión pacífica. Esta nueva legislación, que verá la luz a la mayor brevedad, estará basada en una concepción progresista de la seguridad ciudadana y priorizará la garantía de derechos y la protección de la ciudadanía, y en particular regulará, entre otros, el Derecho de reunión, la identificación y registro corporal, la identificación de los agentes, y la derogación del artículo 315.3 del Código Penal.''

             O certo é que a día de hoxe todo iso da concepción progresista da seguridade cidadán e da garantía dos dereitos e a protección da cidadanía ficou en auga de borrallas. Primeiro, coa recente modificación do Código Penal introducida a iniciativa parlamentaria do Grupo Socialista do Congreso-PSOE no que, baixo a escusa de modificar os delitos de sedición e malversación, introducíronse artigos para a criminalización das actividades dos movementos sociais e sindicais; mostra de que a política de interior do PSOE non é moi diferente á do Partido Popular (se así fora, Marlaska non só non sería nomeado coma ministro do interior no seu momento, senón que xa estaría máis que destituído despois dos múltiples episodios acontecidos durante o seu mandato no valado de Melilla).

            En relación á Lei Mordaza, todos os actores gobernamentais que antes falaban de "derrogación" aboáronse á verba "reforma". E o resultado desa "reforma" acordada por Unidas Podemos e PSOE non pode ser máis decepcionante desde o punto de vista da defensa do dereitos e liberdades democráticas edos dereitos humanos das persoas migrantes

            Mantense a devolución en quente dos inmigrantes, contraria totalmente á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e criticada ampliamente por todas as organizacións humanitarias e polas organizacións civis de defensa da democracia. Aínda que con rebaixa das sancións, a impunidade policial seguía a estar presente no articulado da proposta de reforma presentada por PSOE e Unidas-Podemos.

            O acontecido coa Lei Mordaza e unha mostra, unha vez máis, de que o PSOE non é un partido do que se poida unha persoa fiar, coma xa se ten expresado máis dunha vez desde este espazo virtual. E, polo que parece, Unidas-Podemos está a primar algo que non se sabe moi ben o que é pero que desvirtúa en ocasións coma esta o que con vehemencia dicían defender no momento da súa constitución coma coalición. Os galegos e as galegas, coñecendo os actores e actrices que teñen parte activa no conto, podemos facernos una idea aproximada do que está a pasar; e senón que llo pregunten a Yolanda Díaz; pero iso é conto doutro cantar

Fracaso da reforma da lei.

            Pese ao apoio do PNV, a reforma proposta polo goberno na Comisión de Interior non saíu adiante. As conviccións democráticas de ERC e Bildu pesaron máis que o intento de lavar a cara de PSOE e Unidas-Podemos

            No concreto, e segundo podemos ler nos xornais que deron as novas de forma literal e non retorcida dos motivos que levaron a ERC e Bildu a rexeitar a reforma foron os que seguen: a continuidade no uso de pelotas de goma para disolver manifestacións (art. 23); o mantemento da redaccións sobre a "desobediencia e resistencia" á autoridade (art. 36.6); as "faltas de respecto á autoridade" (art. 37.4); e o mantemento das "devolucións en quente" (disposición adicional). É dicir, os artigos máis penosos para as liberdades democráticas.

                Isto supón que a Lei Mordaza vaise manter tal cal a redactou o equipo fascista de M.Rajoy, que as faltas de respecto aos dereitos humanos das persoas migrantes vai seguir a ser unha constante na política do goberno español (consecuentemente coa nefasta e xenófoba política migratoria da Unión Europea), que as actuacións arbitrarias de membros dos corpos policiais van poder seguir dándose (non é casual que o sindicato policial máis fascista das policías sexa o que máis barullo ten montado de oposición á derrogación da Lei Mordaza). E parece que foi por medo a estes últimos a razón de que, simplemente, non se derrogara a lei e se pretendera un lavado de cara que mantivera a arbitrariedade como principio de actuación.

             O secretario de organización de Podemos, saíu á palestra tentando escusar dalgún xeito á súa organización dunha responsabilidade que si ten, porque o seu grupo parlamentario participou nas negociacións que levaron á presentación da reforma rexeitada. En concreto, foi Enrique Santiago, secretario xeral do PCE, quen levou as negociacións no nome de Unidas-Podemos e o que transixiu no nome de ambas formacións a permanencia deses artigos fascistas no proxecto de reforma.

         As propostas de reforma dos partidos da coalición de goberno non foron para adiante porque os votos das forzas políticas, das que manteñen a maioría parlamentaria, que votaron afirmativamente non chegaron (todos os das dereitas, agás PNV, votaron por manter a Lei Mordaza tal que como estaba). E tampouco ficaron satisfeitos os parlamentarios progresistas que mantiveron os seus principios democráticos sobre a súa conveniencia política, polo cal xa está n ciernes unha proposición de lei para derrogar de verdade unha Lei Mordaza impresentable, fascista, xenófoba e totalmente incompatible cun Estado que se pretenda democrático. Un Estado de liberdades non pode deixar cabos soltos nas súas leis que permitan as arbitrariedades de calquera caste por parte de ningunha institución do mesmo.

            Por iso, como reza a consigna de Amnistía Internacional: NIN LEI MORDAZA, NIN MORDAZA MAQUILLADA.

04 marzo 2023

"En cuanto sepa algo te lo indico Paco! Enorme abrazo"


 Ao longo desta semana que remata hoxe houbo toda unha xeira de novas que me teñen chamado a atención. Foron varias:  

    - As relacionadas coa guerra de Ucraína e as diferentes interaccións propagandísticas patrocinadas polos organismos da Unión Europea baixo o auspicio e as instrucións de Washington e da OTAN. 

    - As acusacións das organizacións de pescadores de conivencia entre o Comisario de Pesca Europeo e as industrias enerxéticas de cara a favorecer a instalación progresiva de produción de enerxía eléctrica e de extracción de gas e petróleo nas augas territoriais dos países europeos. 

    - As queixas e acusacións dos armadores galegos e das organizacións ecoloxistas da Galiza pola instalación de parques de enerxía eólica en augas territoriais do noso país, nomeadamente frontes ás costas de Baiona e nas costas do Ortegal, en caladoiros tradicionais de pesca da flota de baixura e media altura galaica e que ameaza con levar ao traste a supervivencia de mariñeiros, pequenos e medianos armadores e de multitude de especies que teñen o seu hábitat no medio mariño; todo iso por mor dos efectos provocados polos "muíños de vento" que só van beneficiar ás multinacionais da enerxía e á gran burguesía española e internacional, que como se sabe non reinviste o excedente nin no país nin no Estado, senón en paraísos fiscais onde van ter un tratamento fiscal beneficioso. 

    - E todo isto dos eólicos mariños adobado coa repentina conversión de Alfonso Rueda ao ecoloxismo e a defensa do medio mariño; todo iso despois de estar defendendo a permanencia de ENCE cheirando e contaminando na ría de Pontevedra. 

    - Igualmente, e falando de paraísos fiscais e alta burguesía española, outra nova foi a do traslado de domicilio de Ferrovial para os Paises Baixos; segundo o seu presidente, un deses abundantes "patriotas" de España (e gran beneficiado pola concesión de obra pública española, onde o Estado se comprometía a cargar cos seus fracasos empresariais facéndose cargo e recompensándoo economicamente as súas expectativas erradas) "por falta de seguridade xurídica", cousa que se cre el e os seus canciños que apañan as migallas que el bota baixo da mesa.

A nova da semana.

            Pero para min, a nova máis destacable da semana hai que atribuíla ao Tribunal de Orde Público franquista, o famoso TOP... Perdón! Non sei en que estaría eu pensando. O tribunal ao que me quería referir é, tamén, un tribunal de excepción como os que se solen crear nos estados ditatoriais para castigar a liberdade de expresión e as máis elementais liberdades democráticas. Pero non é o TOP, é a Audiencia Nacional, tribunal sucesor do TOP franquista e único tribunal de excepción que pervive, con outro nome, no Estado Español e que forma parte das peculiares formas que a nosa moi imperfecta e matizada democracia exhibe nas súas leis e na súa gobernanza.

                Esta nova, destacada o pasado día 1 de marzo pola Cadena SER, principalmente, e outros noticiarios en papel ou audiovisuais en lugares destacados das súas edicións (agás por aqueles que forman parte do lixo mediático que asola á meirande parte das empresas xornalísticas do Estado Español) estaba referida ao conchabeo entre o Presidente da Audiencia Nacional e o que foi número 2 do Ministerio de Interior, dirixido por Fernández, baixo o goberno presidido por Mariano Rajoy do Partido Popular. Coa particularidade de que ese número dous está procesado, xunto co que foi seu xefe inmediato, por corrupción no caso do intento de roubo dos papeis de Luís Bárcenas e non sei cantas cousas máis. E para el pídense non sei cantos anos de cadea.

                Outra das cousas que me chamou a atención foi o silencio das diferentes organizacións de xuíces diante de semellante caso. O que é notoriamente diferente de cando un xornalista accede a contar casos e denunciar procesos presuntamente irregulares levados a cabo por diferentes membros da maxistratura (por exemplo, o inexplicable non procesamento coma investigada de dona María Dolores de Cospedal no mesmo caso polo que se piden penas de cadea para Fernández e o seu número dous). Nin sequera Xuíces para a Democracia dixo ren. E por suposto xa nin falamos do Consello Xeral do Poder Xudicial, ao que se supón que debería proceder a investigar o fondo do asunto e adoitar as medidas disciplinarias contra o presidente da Audiencia Nacional ás que houbera lugar. Pero claro, tampouco se pode esperar moito dun organismo que conta cun alto número de membros "caducados", que incumpren a lei de prazos de anovamento dos cargos que ilegal e ilexitimamente seguen a ocupar.

            Obsérvase tamén que se cumpre a "profecía" que Coisidó, senador do Partido Popular, dixo hai algún tempo sobre o control do poder xudicial por parte dese partido. Fican máis que claros, unha vez máis, o favorecemento que os membros dos altos tribunais fan nas súas apreciacións cara ao partido sucesor do franquismo.

                Como tamén ficou clara a conivencia dos altos cargos de Interior e policiais coas políticas franquistas practicadas polo Partido Popular, chegando a constituír incluso unha especie de policía política con métodos moi achegados aos practicados pola indesexable policía política franquista.

            En fin: país! Se non fora porque os prexuizos poden ser maiores que os beneficios, destruílo e volver a construílo de novo dun xeito máis xusto, igualitario, democrático e sen estamentos mimados valería a pena. Ou non, vai ti a saber.

            

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...