25 decembro 2023

A S A S I N O S ! !

          O título deste artigo, como non podía ser doutra forma nos tempos que corren, está referido ao goberno, ao exército, á policía e aos diferentes servizos secretos israelís. E sen establecer diferenciacións entre cargos ou xerarquías. Todos os que participan nas labores de xenocidio do pobo palestino, directa ou indirectamente, son xenocidas, sen exclusións; aínda que uns teñan maior responsabilidade que outros.

        Asasinatos de crianzas indefensas, de médicos cando están realizando o seu labor nos hospitais, de doentes (infantes incluídos) e persoal sanitario. Bombardeos de escolas e campos de refuxiados nos que crianzas, mulleres, anciáns e civís non combatentes resultan asasinados por milleiros. Templos relixiosos que deberían servir coma refuxio tampouco son seguros; os criminais do exército de Israel non se paran e tamén os atacan, bombardean e ametrallan a quen está neles. 

        Francotiradores israelís disparan contra nenos e nenas indefensas, contra persoas desarmadas e, incluso, contra os seus propios compatriotas desarmados e nus que foran capturados coma reféns polos membros de Hamas. 


        Ordenan á poboación civil gazatí que se despracen de certos lugares para outros que din van a atacar; mais despois non se cortan un pelo en atacar e bombardear as columnas de civís que se están a desprazar cara a onde os israelís din que deben ir.

         Tamén asasinan xornalistas. Ben, non a todos; aos que son cómplices informativos do seu goberno, do seu exército, da súa policía e, polo tanto, dos seus crimes, mímanos e danlle parabéns.

        Tampouco deixan que entre axuda humanitaria con comida, auga, combustibles e medicamentos, así coma outras cousas de primeira necesidade para a poboación civil.  E isto está a provocar unha das maiores situacións de fame negra da nosa época, así como a extensión de enfermidades que estaban case erradicadas en Palestina. Igualmente moitas desas crianzas e civís, vítimas das actividades dos criminais israelís e que poderían ser salvados con uns recursos médicos mínimos, están a morrer por falta deses medios para coidalos; ou están a ser intervidos ciruxicamente ao vivo, por falla de anestesia. 

 

 A que está a Corte Penal Internacional?

        Son, o exército israelí, os seu goberno e os seus mandos militares ao completo unha banda de criminais de guerra que xa deberían ter unha orde de busca e captura da Corte Penal Internacional (CPI) por crimes de lesa humanidade e coma criminais de guerra. Estes da CPI que tanta presa se deron en ditar unha orde de busca e captura por crimes de lesa humanidade contra Putin polo de Ucraína (con razón), parece que se resisten a facer o mesmo co goberno de Israel e co exército sionista. Din que están a investigar, pero máis ben parece que están buscando xustificacións para exculpar a Netanyahu, ao seu goberno e ao seu exército do craro xenocidio que están a cometer co pobo palestino. Porque xa existen denuncias desde novembro para pedir que o fiscal da citada corte abra o procedemento e desde a CPI din que abriron investigacións en outubro. Indecente, pese ás múltiples denuncias; a última este mesmo mes presentada por Reporteiros Sen Fronteiras.

 O Estado de Israel ten cómplices no seu labor xenocida

         Por desgraza para a poboación palestina hai unha parte importante do mundo (non polo seu número senón polo seu poder) para os que as persoas non importan; a esa parte o único que lles importa son os beneficios da venda de armas, os beneficios das vendas de hidrocarburos, os beneficios que produce as especulación con todo tipo de materias primas. Esa parte do mundo está formada polos membros do Grupo Bilderberg e polos que en Davos conspiran contra os intereses da maioría da poboación, os grandes financeiros e os seus criados nos distintos países que están instalados nos gobernos.

        E non podemos máis que concluír que aqueles monicreques dos distintos gobernos do mundo, que como única frase cando se fala da ilegalidade que está a cometer Israel teñen na súa boca a de "Israel ten dereito a defenderse" desque comezou a ultima fase do xenocidio do terrorismo de estado sionista contra Palestina, son tan asasinos coma os propios sionistas responsables directos dos crimes de lesa humanidade. Os mesmos que nunca levantan unha soa voz contra os crimes de guerra e o xenocidio que o goberno de Netanyahu, o seu exército e os seus servizos secretos están a cometer contra o pobo palestino; e xa non so na Faixa de Gaza, senón que este comportamento xenocida está a xeneralizarse tamén en Cisxordania e Xerusalén Leste; e neste último territorio coa activa colaboración da policía de Israel que ampara todo tipo de actividades dos colonos sionistas, ocupación de propiedades dos palestinos, expulsión dos seus fogares e ataques armados contra cidadáns israelís de orixe palestino. E son os gobernantes civís e militares dos Estados Unidos de América (EUA), así coma moitos dirixentes políticos da Unión Europea que non son máis que monicreques da oligarquía e dos EUA os que teñen esta condición.

        E despois, hai moitos outros gobernos timoratos, que pese a pedir altos ao fogo, de mostrarse contrarios aos ataques contra a poboación civil, de demandar que se deixe pasar axuda humanitaria cara a Gaza e outras moitas cousas que son de xustiza, esquécense de denunciar o que pasa en Cisxordania ou en Xerusalén Leste. E, sobre todo, non son quen de rachar relacións diplomáticas do Estado criminal e nazi de Israel, que sería o que realmente deberían facer. Neste caso está o goberno español, ao que desde aquí pídolle de rache dunha vez coas relación con Israel; e que os ianquis, os nazis  e os fascio-franquistas españois digan o que lles dea a gana.

Israel non é un Estado democrático

        A pesares do que publicamente teño escoitado a moitas contertulias e a moitos contertulios en distintos espazos radiofónicos e televisivos, Israel non é unha democracia. Porque unha democracia non discrimina con disposicións legais a unha parte da súa poboación, nin establece relixións oficiais para o Estado, nin discrimina os seus cidadáns pola cor da súa pel. É mais que coñecido que os palestinos que residen e son cidadáns israelís non teñen os mesmos dereitos que os que non teñen esa orixe; e que quen profesa unha relixión distinta do xudaismo tampouco ten os mesmos dereitos nin o mesmo trato por parte das autoridades israelís. Incluso aqueles xudeos que teñen a pel máis escura debido á súa procedencia xeográfica están discriminados nesa sociedade que ten prácticas profundamente racistas e amparadas (na práctica) polo Estado sionista.


10 decembro 2023

O Partido Popular esnaquiza a sanidade pública

 

        Como xa se puxo de manifesto neste blogue en xaneiro deste ano[1], o esnaquizamento da sanidade pública na Galiza semella seguir a ser unha das prioridades do Partido Popular na Galiza; prioridade intimamente emparellada e simultánea con outra: a privatización dos servizos sanitarios e a relegación da sanidade pública a un servizo de carácter asistencial case de beneficencia. Mais esta característica da sanidade pública que xestiona o Partido Popular na Galiza non é única; é a de xestión do Partido Popular en todo o Estado Español: alí onde goberna destrúe e privatiza os servizos públicos, empezando por aqueles que poden ser máis rendibles para a empresa privada, entre os que se atopan a sanidade e a educación.

Situación básica da atención sanitaria pública na Galiza de hoxe

        Podemos, sen ánimo de ser exhaustivos (quizá non habería disco duro con capacidade suficiente para acoller todo), definir a deficiente situación actual da sanidade pública na Galiza ao través dunha xeira de características básicas que a definen desque a xestión da Xunta de Galiza ficou nas mans do Partido Popular durante as presidencias de Alberto Núñez Feijóo e, posteriormente e ata hoxe, de Alfonso Rueda: listas de espera en todas as especialidades médicas; ocultación de tempos de espera de multitude de doentes (mesmo nas enfermidades que precisan dunha atención temperá por mor da súa gravidade e da rapidez que teñen en agravarse) en espera de cita para a súa atención; redución de persoal sanitario en todas as especialidades e funcións, tanto na medicina especializada e hospitalaria como na atención primaria; repulsión e expulsión práctica deste persoal a base de condicións de contratación leoninas e retribucións totalmente indignas; falta de substitución dos titulares de medicina de familia que deixan a súa praza quer por xubilación quer por enfermidade; peche de consultorios e centros de saúde en localidades e parroquias do medio rural por falta de contratación de persoal necesario, tanto médico como de enfermaría; intentos continuados de obrigar ao persoal de enfermaría e auxiliares a asumir funcións que pola súa titulación ou posto non lles corresponden; descenso consecutivo dos orzamentos reais asignados ao mantemento das estruturas sanitarias de titularidade pública e á contratación de persoal; derivación cara á sanidade privada de intervencións que deberían ser realizadas na rede hospitalaria pública (por regra xeral, intervencións que xeran baixo custo e elevados beneficios ás empresas privadas); etc.; etc.; etc. Todo elo xestionado e administrado por uns mentireiros sen escrúpulos.

Medicina de familia, P.A.C.s e urxencias hospitalarias

        Mesmo na Atención Primaria os tempos de espera para recibir atención médica superan, por termo medio, os dez días. O que fai que as urxencias (as dos centros de saúde e as hospitalarias) e os Puntos de Atención Continuada (PAC) estean desbordados; e máis aínda se consideramos que moitos deles están faltos de persoal; que onde hai que ter dous ou máis equipos para a atención aos casos urxentes en numerosísimas ocasións están atendidos por un só equipo, que ás veces (no caso de ter que saír a unha urxencia) teñen que deixar ese PAC ou esas urxencias sen atención ningunha. A isto hai que sumarlle que con demasiada frecuencia acadar unha ambulancia para desprazar a un doente cara ás urxencias hospitalarias desde os centros de saúde ou desde os PAC é pouco menos que un labor imposible, ou que tarda moito en chegar por falla de asignación de unidades de ambulancia ás comarcas ou centros de saúde. Esta última situación xa ten causado na Galiza máis dunha morte ou un agravamento dun doente grave, cousa evitable se a Consellería de Sanidade organizara o funcionamento do transporte sanitario con criterios de servizo e non con criterios de rendibilidade cara ás empresas privadas ás que a Xunta de Galicia ten concedido o servizo. Ou, mellor aínda, se fora de titularidade pública.

        Esta falla de interese da actual Xunta de Galicia, nas mans do Partido Popular, pola calidade tanto asistencial coma preventiva da sanidade pública chega a tal extremo que na práctica, por falla de atención médica suficiente nos centros de saúde e nos PAC, as urxencias hospitalarias (que supostamente están para atender ás doentes en casos que exceden as capacidades de atención dos centros de atención primaria) se enchen de simples gripes ou outras doenzas de doada resolución nunha atención primaria dotada de medios e persoal suficientes.

A miseria xerada polo Partido Popular na sanidade pública segue.

        Eu son unha desas moitísimas persoas afectadas pola falla de substitución do seu médico de atención primaria de baixa médica ou en vacacións; ou por falla de cobertura dunha praza vacante. O mesmo pásalle a outras moitas cidadáns que deberían ter médico fixo no meu centro de saúde pero que, por falla de contratación de médicos substitutos, tampouco teñen ao seu ou a súa médico de familia. E non é no meu centro de saúde no que iso está a pasar, senón que é un problema xeralizado a toda Galiza.

        Non sei que pensarán os demais pacientes que están no mesmo problema ca min; mais eu síntome como unha pelota de ping-pong nun partido de dobres: un día aténdeme un doutor, ao outro día unha doutora que me pauta análise, análise cuxos resultados van ser valorados por outro médico diferente, que me mandará novas probas cuxos resultados van ser valorados posiblemente por outro doutor ou doutora á que vou ver por primeira vez na miña vida; e así de forma sucesiva.

        En fin, unha verdadeira barbaridade o que está a ocorrer na sanidade pública da Galiza, situación da que os únicos culpables son o Presidente da Xunta de Galicia, o seu Conselleiro de Sanidade, os resto dos conselleiros da Xunta (todos eles do Partido Popular ou próximos a el), os xerentes das distintas áreas de saúde e os responsables da atención primaria de cada área. E amais non teñen unha soa pizca de vergoña en negar a situación ou buscar escusas -cada cal máis inverosímil- para negar a súa responsabilidade e as súas verdadeiras intencións.

        Hai xa moito tempo a min presentábaseme a dúbida de se eran uns incompetentes, ou uns inútis para exercer a función que tiñan encomendada, que escondían o seu afán de trepar con escusas e mentiras. Pero ese tempo xa pasou; estou convencido que cumpren perfectamente coa función que teñen encomendada: esnaquizar e desprestixiar a sanidade pública en beneficio das empresas da sanidade privada, das compañías aseguradoras de saúde e das grandes multinacionais farmacéuticas. E, amais, fano recorrendo a posicións hipócritas, a mentiras e á súa propia propaganda pagada (ou gratuíta moitas veces -e en forma de entrevista ou reportaxe- penso eu) en distintos medios afíns. Outra forma é a desinformación practicada por eses medios ocultando novas desfavorables ao Partido Popular no ámbito sanitario das distintas comarcas e localidades da Galiza; práctica común nos medios máis subvencionados  e que máis fondos públicos perciben da Xunta de Galicia (tanto prensa escrita como emisoras radiofónicas), e outros medios menores[2], en relación ás reivindicacións de base popular. E xa non digamos o activismo propagandístico en favor do Partido Popular, que utiliza a televisión e radio públicas de Galiza, RG e TVG, que máis que medios públicos e independentes parecen un instrumento privado de propaganda do Partido Popular.

Pola boca morre o peixe.

        Fixéronme rir (por non chorar) as declaración dun suxeito xerifalte da atención primaria na área de xestión sanitaria de Vigo e comarca cando nun medio radiofónico vigués (no que abundan "entrevistas" e reportaxes a membros da Xunta de Galiza e directivos de servizos públicos da administración galega en desmantelamento e privatización) afirmaba que se notaba un descenso no número de consultas na Atención Primaria. Achacaba, ese espelido personaxe, este descenso a que desde a pandemia o número de consultas telefónicas descendera. Claro que o xornalista responsable da "entrevista" estivo calado coma un peto e pareceu conformarse coa resposta pese ás evidencias que mostra a situación sanitaria en todo o sur. Vigo incluído, da provincia de Pontevedra.

        Non podemos descartar que esa "entrevista" estivera destinada a contrarrestar o potencial éxito dunha manifestación que ía ter lugar en Moaña no domingo seguinte ao día da entrevista para reclamar solucións para a situación da sanidade pública nese concello. O certo é que hai moita xente que ten subscrito un seguro médico privado que lle permite acudir a consultas básicas na sanidade privada. Pólizas de seguro as máis das veces de moi baixa calidade que, na práctica, só cubren servizos a atencións sanitarias moi básicas; e que, por suposto, non cubre o gasto farmacéutico. É unha forma máis de negarlle á cidadanía a atención médica pública e de dirixir a esas persoas e á sociedade cara a unha sanidade privatizada. E, amais, uns seguros que non todo o mundo está en situación de poder contratar, por moi baixo que sexa o seu custo e polo esforzo que pode supoñer ter que pagar a medicación prescripta. Un elemento máis, a privatización da sanidade, que contribúe ao aumento das diferencias sociais e dos dereitos básicos na sociedade, xunto coa privatización da atención ás persoas dependentes e da privatización do ensino.

As cousas do noso flamante e demagogo Conselleiro de Sanidade

        O Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galiza nunhas declaracións cheas de demagoxia e inexactitudes feitas nunha entrevista realizada o pasado domingo 3 de decembro en Radio Galicia di que “a falla de profesionais da medicina que estamos a sufrir os cidadáns de Galiza é culpa do Goberno Central”. Mais por moito que tente de sacudirse a caspa que o invade, esta segue a estar pegada ao seu corpo. É un retrógrado social afecto ás políticas máis casposas do Partido Popular na Galiza; e iso non se pode disimular. Como tampouco pode disimular que as políticas que desde a Xunta de Galicia, e da consellería da que é titular, os maiores e prioritarios beneficiarios que ten son as empresas de sanidade privada, as aseguradoras de saúde e as grandes compañías farmacéuticas; e que os grandes prexudicados son a inmensa maioría da cidadanía da Galiza, sobre todo as persoas que teñen menor capacidade económica.

        En todo caso, algún voceiro de SOS-Sanidade Pública fixo unhas declaracións (radiadas na mesma emisora que se realizou a entrevista con Comesaña) na que categoricamente e coa lexislación na man desmentía as declaracións de culpabilidade atribuídas polo ese señor Conselleiro de Sanidade ao Goberno Central sobre a situación sanitaria da Galiza. SOS-Sanidade Pública declaraba: “Médicos hai; porque se presentaron 350 [en referencia ás prazas que recentemente convocou a Xunta]; médicos hai só que as condicións laborais, os salarios que se pagan, a inestabilidade que se produce e a ineptitude por parte da administración en organizar os profesionais que ten, levan a que ninguén quera unha prazas que son cun salario moi baixo. [···] É unha falacia dicir que 'Madrid, Madrid, Madrid,...' cando é falso. Primeiro porque [as prazas de médico] se poden convocar desde aquí; as transferencias están todas en sanidade, inluso as de convocar persoal. Segundo, porque Madrid non é responsable de nada porque as prazas que manda son as prazas que solicitan as comunidades autónomas.” E como di a pancarta da foto que encabeza este artigo "COA NOSA SAÚDE NON SE XOGA". Mais o Partido Popular ten claro que quer privatizar o sistema sanitario público; xa levan anos facéndoo na Galiza (e tamén no resto do Estado).

       
        Na Galiza, a carreira pola privatización empezou co duro ataque á sanidade pública baixo a presidencia de Núñez Feijóo, que coma primeira actuación tivo a  privatización do Hospital Público Álvaro Cunqueiro (daquela en construción) que trouxo coma consecuencia un endebedamento do erario público de Galiza coa empresa que xestiona o inmoble para moitos anos, diminuíndo o número de prazas previstas no primeiro proxecto público, diminuíndo, tamén, as prazas hospitalarias dispoñibles na área de saúde de Vigo, e reforzando o convenio coa empresa privada de saúde POVISA para a atención a numerosos afiliados do SERGAS (empresa propiedade hoxe dunha multinacional da saúde francesa –que como tal o obxectivo primordial e ao que se supedita todo o demais é a obtención do máximo beneficio-  á que foi traspasada por Ribera Salud, empresa que, previamente, adquiriu POVISA a os seus primeiros propietarios). E a partir de aí a cousa seguíu desmantelendo e esnaquizando ata acadar a situación que hoxe temos na sanidade galega. E non van parar se os cidadáns e as cidadáns non llo impedimos. Porque xa o fixeron en Madrid, onde teñen a sanidade pública esnaquizada e onde non disimulan para nada o seu tratamento de favor para con os negocios da sanidade privada; tamén o fixeron en Valencia cando gobernaron e vano seguir a facer agora que volven a gobernar en alianza cun partido aínda máis ultra ca eles; igualmente empezan a facelo de forma descarada en Andalucía, onde (como denuncia unha chirigota gaditana cuxo video poño de seguido) o desmantelamento da sanidade pública e a utilización dos medios de información de titularidade pública para ocultar ou desinformar á poboación é constante; igual que na Galiza. E como fan alí onde poñen as súas porcas garras.


O futuro da nosa saúde e dunha atención médica en condicións está en xogo

        E non podemos deixarlles que rematen o traballo de esnaquizar a nosa sanidade. Non basta con ter médico (como eses tentan que creamos); debemos ter un médico e unha atención médica que non estea supeditada a uns obxectivos de beneficios dunha compañía privada de saúde, nin dos dunha compañía aseguradora nin dos dunha multinacional farmacéutica. Debemos esixir ter unha atención médica supeditada a unha boa prestación do servizo, supeditada á mellorar a saúde dos doentes e a prevención das doenzas; e a minorizar ao traveso deste servizo un menor gasto en medicamentos para as administracións e para os doentes, así como evitar que a cidadanía teña que costear un seguro privado placebo para sentirse segura.

        Parece que teremos en febreiro unha ocasión inmellorable para procurar un goberno galego que remate coa situación que actualmente padece a nosa sanidade. Todo da a entender que será nese mes cando teñamos novas eleccións autonómicas que nos permitan mudar as maioría de goberno na Galiza, que nos permitan botar fora do goberno galego ao Partido Popular.

        Non é que todas as propostas alternativas teñan a sanidade 100% pública como unha das súas metas, pero tampouco son ás estafas á cidadanía que o Partido Popular practica ao respecto da sanidade.

        Ser conscientes de que, se somos quen de botalos, refacer e mellorar toda a desfeita na sanidade pública que eses servidores activos dos empresarios xeraron ao longo de todos estes anos nos que gobernaron para uns poucos ricos, vai levar máis de catro anos. É moito o que hai que facer: primeiro reconstruír, e despois mellorar, equipar, modernizar e dotar de persoal. E iso leva tempo. Amais haberá que esperar que moitos dos actuais beneficiarios da política sanitaria do Partido Popular non se van resignar e van recorrer aos tribunais para tentar de anular o que maioritariamente a cidadanía demande. Sabemos dos intentos de empresas de utilización dos tribunais para anular disposicións realizadas por administracións conforme ao que os cidadáns demandaron nas urnas (véxanse os multiples casos de Ada Colau acusada por fondos voitre diante da xudicatura e todas arquivadas posteriormente, que é un intento de lawfare, aínda que a algúns -normalmente a quen o practica ou o consinte- non lles guste a súa mención).

        E mentres as eleccións non chegan, non esquecer seguir a mobilizarse, difundir amplamente e como poidamos, e participar nas actividades convocadas polas distintas plataformas territoriais de defensa da sanidade pública. E nas convocadas a nivel galego pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Non van saír na maioría da prensa, nin a súa convocatoria nin a súa realización (como moito nas edicións locais de alí onde se producen), pero iso non ter que desanimarnos.

        Defendamos unha sanidade pública e de calidade.

 




 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...