25 abril 2024

25 DE ABRIL: SEMPRE!!

 

No céu cinzento sob o astro mudo
Batendo as asas pela noite calada
Vêm em bandos com pés veludo
Chupar o sangue fresco da manada

Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada

                   (Jose Afonso – Vampiros, 1958)

Os caraveis e os fusís

        Hoxe cúmprense medio século da “Revoluçao dos Cravos” (Revolución dos Caraveis), 50 anos desque os militares demócratas portugueses, agrupados no Movimento das Forças Armadas (MFA), puxéronse do lado da maioría da poboación, formando un movemento cívico-militar, e decidiron rematar coa ditadura de Marcelo Caetano, sucesor de Antonio de Oliveira Salazar, impulsor da citada ditadura baixo o apelativo de Estado Novo. A diferenza dos clásicos golpes de Estado militares, o alzamento antiditatorial da MFA non foi cruento, nin dirixido a un simple troco de persoas no poder. Foi un golpe dirixido a establecer as liberdades democráticas en Portugal e a procurar que o poder real residira na cidadanía, así como a depurar o aparato do Estado portugués (policía, xudicatura, exército, administración, etc.) de todos aqueles elementos cómplices activos ou pasivos da ditadura salazarista.

Non cabe dúbida de que nos seus primeiros momentos, o salazarismo opuxo resistencia a ser despoxado dos seus privilexios; non foi unha oposición violenta, pero si unha forte resistencia que foi anulada pola forza que dentro do exército (que fora, xunto coa policía política, PIDE, o principal sostén da ditadura) do MFA. Agora mesmo lémbrome dun xeneral que a última hora e cando o triunfo do movemento cívico-militar xa estaba máis que cantado, un tal Antonio de Spinola, oposto a iniciar unha depuración do aparello do Estado, partidario de trocar todo para que nada trocara, foi apartado e destituído das súas responsabilidades.

Avances sociais traizoados

Certo que desde aquel feliz 25 de abril Portugal deu moitas voltas; e que moitas das conquistas acadadas nos primeiros anos da revolución foron esmorecendo ou fóronse perdendo por mor da alianza entre o dereitista Partido Socialdemocrata (PSD) e o Partido Socialista (PS) portugués; que as medidas tendentes a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria presente nos primeiros pasos da revolución dos cravos foron esmorecendo ou foron soterradas polos distintos gobernos da dereita e pseudo-socialistas que encamiñaron Portugal cara a unha sociedade gobernada polas leis do mercado e da especulación, xerando as bolsas de pobreza e desigualdade inmensas que caracterizan a sociedade portuguesa ao día de hoxe. O camiño cara á sociedade igualitaria, no que nos anos iniciais do triunfo cívico-militar se deron con relativo éxito pese á pobreza e á desigualdade na que o réxime salazarista tiña sumido á sociedade portuguesa, foron desandados xa na segunda lexislatura de Mario Soares (que coincidencia; a segunda lexislatura, igual que o acelerón neoliberal do segundo goberno de Felipe González co PSOE).

Un aparello de Estado libre de fascistas.

Iso si, a persistencia e a forza do movemento popular portugués nacido do 25 de abril tivo como un gran logro que todas as instancias da administración e os órganos do Estado foran depurados de case todos os elementos que dalgún xeito estaban identificados polo seu apoio ao ditadores ou pola súa participación en procesos ou actividades de persecución daqueles cidadáns, de múltiples condicións e profesións, que se opoñían á ditadura e reclamaban o seu dereito a vivir en liberdade. O aparello xudicial quedou libre de xuíces fascistas, así como a milicia e a policía. Os membros da PIDE, policía política salazarista, foron perseguidos e xulgados polos seus crimes contra a humanidade; igualmente os empregados públicos significados por abusos contra a poboación foron expulsados e suspendidos das súas funcións. Academias militares e de policía foron rexidas por profesorado e direccións que impartiron a cultura da democracia e o respecto ás liberdades. O mesmo pasou nas universidades, nos centros de ensino básico e nos liceus onde non se ocultaron as barbaridades e crimes cometidos durante a ditadura salazarista, ensinando a historia real de Portugal e non a que a ditadura de Salazar criou a peto para xustificarse a si mesma. E nos xulgados se procedía en base a probas contrastadas e non en base a rumores de prensa, falsas novas e ideoloxía dos xuíces; e os casos de lawfare son case inexistentes.

Envexa (san) pola depuración do aparello de Estado.

Que envexa! Quen nos dera a nós!. Porque daqueles pos amasados  e sementados entre o lixo procedente do franquismo, o PSOE de Felipe González e o PCE de Santiago Carrillo, que permitiron a persistencia de elementos criminais e fascistas en todos os eidos do aparato do Estado,  temos estes lodos fascistas que hoxe invaden ao conxunto da poboación do Estado Español. O caso máis recente relacionado coa falta de depuración do estado franquista saltou no día de hoxe á opinión pública e afecta, nada máis e nada menos, que ao Presidente do Goberno do Estado.

À toda a parte chegam os vampiros
Poisam nos prédios poisam nas calçadas
Trazem no ventre despojos antigos
Mas nada os prende às vidas acabadas

Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada

                                                 (José Afonso-Vampiros, 1958)

 

14 abril 2024

Un ano máis, VIVA A REPÚBLICA!!

Un día coma hoxe, o 14 de abril de 1931, unhas eleccións municipais celebradas no Estado Español deron lugar ao nacemento da IIª República Española. Unhas eleccións que reflexaron os resultados no que os votantes amosaron o seu cansazo e a súa fartura da corrupta monarquía borbónica e das miserias ás que os gobernos por ela amparados inflixiron ás clases populares coa finalidade de favorecer as insaciables arcas da burguesía, dos membros da familia real borbónica e da Iglesia Católica. Borbons que desde os tempos do rei felón, Fernando VII de Borbón,  pasando por todos os demais membros da súa dinastía, non fixeron máis que roubar ás arcas públicas no seu favor propio e os dos seus amiguetes e protexidos (sónavos algo disto conectando coa actualidade?), aínda que iso supuxera para á maioría da cidadanía unha acumulación galopante de miseria, explotación, fame e falta de instrución educativa; e en moitos casos, a morte física por fame ou por non poder curar unha enfermidade.

Foron moitísimos os avances sociais que a II República trouxo ás clases populares. Pese a non ser a esquerda política a que tiña a maioría do goberno, e pese a ter episodios condenables (como os asasinatos de Casas Viejas, protagonizados por unhas forzas da orde ao servizo da dereita republicana, baixo un goberno de Manuel Azaña), o curto período que as dereitas fascistas da Falange Española de las JONS e as ultradereitas da CEDA permitiron respirar á FrontePopular, o sistema político nacido o 14 de abril de 1931 foi moi produtivo e canto a actividades, logros e avances nos eidos laborais, educativos, feministas, etc.

Na Segunda República acadouse a educación pública xeneralizada ao traveso tanto da extensión da instrución educativa aos recunchos máis apartados da poboación como das numerosas iniciativas educativas puntuais levadas a cabo por universitarios voluntarios durante os períodos de feiras (quizá o máis coñecido é o grupo teatral LaBarraca, dirixido por García Lorca), acadouse o dereito ao voto das mulleres e o dereito ao divorcio, se estableceron leis que minimizaran a explotación dos traballadores e traballadoras nas empresas e no medio agrario do Estado Español (tanto no eido da xornada coma no eido dos salarios e dos dereitos dos traballadores). E moitos outros logros contribuíntes a diminuír as diferencias sociais entre as persoas e entre os pobos que conforman o Estado Español. Non temos máis que lembrar que foi neste período no que se aprobaron os estatutos de autonomía de Catalunya, Euzkadi e Galiza; e que recoñecidos nacionalistas das diferentes partes do Estado (entre eles Castelao) apoiaron de forma crítica pero decidida o mantemento da República e formaron parte da Fronte Popular, coalición preferida por ampla maioría da poboación nas eleccións de febreiro de 1936.

Non imos describir aquí todas e cada unha das medidas da Segunda República que significaron avances sociais, económicos e culturais; non é o obxecto deste espazo. Hai outros traballos escritos por prestixiosos historiadores e historiadoras tanto da Península Ibérica como de fora dela que teñen magnificas obras nas que se poden consultar a evolución e historia da Segunda República de xeito detallado (non falo dos revisionistas pseudo-franquistas, nin dos conversos que teñen publicado verdadeiras falsificacións da historia, superando incluso ao coñecido e nada prestixioso (a pesares de que pretenderon cualificalo coma tal) historiador franquista Ricardo de la Cierva.

A revolución dos mineiros asturianos en 1934.

Era máis que evidente que a burguesía e as forzas reaccionarias da dereita e da extrema dereita fascista, defensoras dos privilexios dos máis podentes economicamente e da corrupción do Estado non ían deixar que a Fronte Popular seguira a converter ao Estado Español nun espazo de liberdade, laico e cun sistema político dirixido por e ao servizo da maioría social.

Había un precedente que non podían asumir: durante o goberno da CEDA, no ano 1934, os mineiros asturianos tentaron impedir que ese goberno da dereita devolvera aos patróns mineiros os privilexios que estes tiñan antes da proclamación da República e que as condicións de traballo, os salarios de miseria e os abusos constantes contra a clase obreira volveran á situación precedente. Para elo, non atoparon outra solución que a de iniciar unha revolución social que rematara dunha vez por todas coa explotación e os abusos dos patróns. Pero o resto do país non era Asturias, nin a conciencia dos mineiros era comparable á dos campesiños ou do traballadores doutras industrias e do comercio. Pese ao apoio “moral” que as clases populares prestaron ao levantamento mineiro asturiano, a mobilización do exército polas forzas da dereita, con consignas de rematar de forma salvaxe e sen miramentos coa revolución, deron ao traste co levantamento mineiro. E para asegurar a bestialidade, o sadismo criminal, e a falta de escrúpulos dos militares, a CEDA de Gil Robles puxo ao mando das tropas a un coñecido criminal de guerra polas súas accións en Marrocos e nas guerras do Rif: ao xeneral Franco Bahamonde.

O golpe de Estado e a Guerra Civil.

Despois da intervención militar na Asturias de 1934 e despois das eleccións de febreiro de 1936, gañadas nas urnas pola Fronte Popular, sucedéronse varios intentos de golpes militares por parte da burguesía utilizando ao exército como arma contra a democracia e as conquistas sociais da República.

E no mes de xullo de 1936, civís, gardas civís e militares ao mando de Francisco Franco Bahamonde levantáronse en armas contra a República, asasinando a toda aquela persoas que non comungara coas súas ideas ou puxera en dúbida as súas intencións. As famosas brigadas do amencer (formadas por membros da Garda Civil, falanxistas e militares) que sacaban aos presos das cárceres para torturalos, asasinalos impunemente e tiralos en calquera cuneta ou enterralos en lugares nos que aínda hoxe non se sabe onde están; os bombardeos de columnas de civís que fuxían dos seus fogares, escapando da represión dos criminais, a incautación e roubo dos bens daquelas persoas que non pensaban coma eles; encarceramento, asasinato ou escarnio público dos familiares de perseguidos por pensar de forma diferente ou de estar da parte da legalidade institucional, sen distinguir rango de idades. É dicir, as accións que caracterizan a calquera asasino e xenocida.

Coidaron que o levantamento ía ser un paseo militar. Mais o pobo organizouse e defendeuse, o que provocou unha guerra de tres anos con máis dun millón de mortos segundo algunhas estimacións (José María Gironella escribiu unha novela titulada “Un millón de muertos”, dentro da súa triloxía da Guerra Civil, en referencia aos mortos nela; os historiadores din que se quedou curto). Mortos sen xustificación, do que son responsábeis aqueles que se levantaron en armas contra a legalidade republicana  que a vontade popular, expresada nas urnas, dotou ao Estado Español.

O golpe franquista foi unha quebra da lei premeditada, con armas e con resultado de mortos; é dicir, o que en termos xurídicos se denomina asasinato. E se a esa ansia premeditada de matar engadímoslle que estaba dirixida aos colectivos de persoas que pensaban de forma diferentes, podemos falar de asasinos xenocidas.

Aquí residiu, no tema militar, un dos principais fallos da República, non tanto por acción coma por inacción: o non ter depurado aos elementos fascistas dun exército inzado de criminais con postos de alta responsabilidade entre a oficialidade, como máis adiante se demostraría polas súas cobardes e xenocidas accións contra a poboación civil (Francisco Franco, Queipo de Llano, Millán Astray, Mola, Cabanelas, Fanjul, Capitan Carreró, etc.).

Esta dinámica de eliminación física do distinto emprendida polos fascistas nos territorios por eles controlados a partir de xullo de 1936 (no que Galiza ocupa un lugar destacado dentro do número de asasinados a mans dos facinorosos), seguiu durante as décadas que durou o réxime franquista, ata o ano 1977, ano ata o que o Estado Español estivo dirixido por ditadores que se dedicaron a asasinar ou encarcerar a todo aquel que denunciaba a represión e demandaba liberdades democráticas (primeiro Francisco Franco e, á morte deste no ano 1975, Juan Carlos de Borbón).

O renacer dos fascistas na actualidade.

Todas estas barbaridades acontecidas durante o golpe de estado e o réxime franquista, inicialmente dirixido por Franco e, nos seus dous últimos anos, por Juan Carlos de Borbón, pretenden ser ocultadas polo movemento fascista do Partido Popular e de Vox, impulsando naqueles lugares onde gobernan leis que equiparen un réxime nacido da vontade popular expresada nas urnas cun réxime nacido do crime, o roubo, e o asasinato; un réxime, o franquista, no que a corrupción e o uso do público para favorecer aos amigos ou para enriquecerse de forma irregular era moeda de cambio cotiá.

Non é estraño, xa que quen está detrás desas medidas son os membros do Partido Popular (fundado, entre outros ex altos cargos da ditadura franquista, polo máximo responsable dos asasinatos de seis obreiros en Vitoria no ano 1976, da voadura do diario Madrid no ano 1973, da Lei de Prensa que amordazaba a información real, secuestraba publicacións e pechaba xornais e doutras moitas barbaridades realizadas do réxime franquista, entre elas o apoio ás penas de morte ditadas polos criminais militares e civis contra demócratas e bendicidas polo ditador criminal) e os membros de VOX. Tamén están os que non teñen o mínimo pudor e defenden publicamente aos asasinos franquistas e ao seu réxime de terror, sexan dun ou doutro partido.

Supoño que todos eles, ou a súa maioría, terían persoas achegadas antepasadas que participaron coma militares, policías, gardas civís ou coma civís falanxistas na represión e nos asasinatos do franquismo. E que, a diferenza de outros moitos (e eu coñezo a algún) que saben recoñecer a participación dos seus antepasados nas accións criminais do réxime de Franco, estes que aproban estas disposicións pseudo-históricas e contrarias ás leis de memoria ben están desexando outra situación similar á acontecida no pasado ou bewn están a lavar a súa conciencia familiar falsificando a historia. Tamén estarán algúns dos que pensan que Carrapuchiña Vermella existiu ou os que aínda cren nos Reis Magos. E, tamén, aqueles que teñen instintos criminais.

En fin, persoas valencianas, castelan-leonesas e aragonesas cobardes, miserables, mentireiras e indesexables; que non merecen nin a auga que beben nin a ostentación de ningún cargo público.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...