13 xuño 2024

ALTRI NON !!!

 

     O pasado domingo 26 de maio tivo lugar en Palas de Rei unha gran manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva (20.000 persoas, segundo organización e fontes gobernamentais; 10.000 segundo algún xornal intimamente achegado ao Partido Popular). Eu, por motivos persoais, non tiven a sorte de poder participar neste acto reivindicativo contra a instalación dunha macrocelulosa do grupo ALTRI disfrazada dunha pacífica fábrica de fibras vexetais para o téxtil.

        A alta participación de xentes de toda Galiza nesta manifestación lembroume aquela outra histórica manifestación do ano 1977 (en plena transición desde a ditadura franquista ata o que hoxe temos) celebrada en Xove contra a instalación dunha central nuclear. 

        As consecuencias negativas, tanto para a comarca na que pretende ser instalada a celulosa de ALTRI como para o resto da Galiza, poden ser desastrosas, como o era naquel 1977 a pretendida instalación da central nuclear en Xove. Daquela, Galiza gañou; esperemos que desta a vitoria volva sorrir á Nosa Terra. Daquela, as presións dos grupos económicos ligados ao franquismo e do propio goberno español dominado pola dereita franquista eran moi fortes; desta, a presión política e a submisión da Xunta de Galicia e do Partido Popular á intereses económicos e alleos tamén é moi forte, de feito asemella ao funcionamento que daquela tiña o réxime franquista a nivel lexislativo e desinformativo para xustificar o inxustificable. E se a isto sumamos a indefinición do partido de Pepiño Blanco (sinistro personaxe que lidera unha consultora que fai de loby de presión a prol da instalación desta fábrica de miseria, paro e destrución do tecido produtivo da comarca da Ulloa e de todas as comarcas e concellos que se valen do río Ulla para os seis usos domésticos e produtivos) podemos dicir que a presión é, se cadra, aínda máis forte que a do ano 1977 ao proxecto das empresas enerxéticas para Xove. Este proxecto é tan nefasto e velenoso que entre os litros de auga que diariamente consume (máis que Lugo) e a temperatura á que devolve a auga ao río, sen entrar no terreo da calidade da auga que devolve, supón un atentado para a vida do río e para os bancos marisqueiros e a pesca da Ría da Arousa na que desemboca.

        Os postos de traballo que ALTRI pode crear coido que non chegan nin ao 20% dos postos de traballo que pode destruír entre o sector agro-grandeiro e a industria agro-alimentaria das comarcas da Ulloa, Terras de Melide e Arzúa, do sector marisqueiro e o sector pesqueiro da Ría da Arousa e de todos aqueles labores (produtivos e domésticos) que viven do río Ulla ao longo do seu canle. Sectores de actividade, todos eles, que conforman un elevadísimo porcentaxe do PIB da economía galega. E iso sen contar, amais, o baixo valor engadido que ese tipo de industrias xeran, así como as consecuencias negativas que para o medio ambiente xeral, para o sector agro-gandeiro ten a propia actividade e para a economía ligada a un monte san e produtivo.

Os que renegan do país, cómplices da súa destrución

        Aquelas persoas que deberían defender a Galiza e que foron escollidos, suponse, para que iso fagan, se institúen desde hai máis de dez anos en meros cómplices da destrución do territorio. Non só da súa economía, nin da súa natureza; tamén da súa poboación e do seu artellamento territorial. Por iso digo que renegan do país; que aspiran a trepar ao máis alto aínda a costa de destruír á nosa Galiza e ás súas xentes (e deses especies de desalmados xa temos exemplos abondo).

        Eles, coas súas políticas, están acadando un elevadísimo índice de sobre-envellecemento do país, están acadando que o medio rural quede sen persoas xoves e que estas teñan que migrar cara ás cidades ou cara ao exterior da Galiza ou do Estado (os máis estes últimos). Igualmente, as que migran cara a outras cidades galegas atópanse con problemas coma un desmantelamento da industria provocado pola incompetencia de da Xunta de Galiza no exercicio da súa competencia exclusiva e pola súa pasividade (senón servidume) cara a empresariado que está a deslocalizar as súas instalacións cara a outros países onde poida espremerlle máis xugo aos traballadores coa complicidade, normalmente, de réximes corruptos gobernantes. 

        Outra da cousas que conseguen eses renegados do país é o despoboamento do medio rural. Porque practican e favorecen políticas tendentes á supresión de servizos básicos de todo tipo; favorecen que as terras de labor agrícola se empobrezan coa plantación masiva de eucaliptos; permiten e impulsan a explotación de minería contaminante en terras fértiles ou a apertura de canteiras e verteduras de escombros en zonas que deberían estar protexidas; descoidan os montes e facilitan, coas súas "políticas forestais" de descoido e plantación de eucaliptos sen control, que sexan pasto das chamas cando chega o verán ou cando persoas desaprehensivas lle plantan lume, quer pola súa conta quer por conta de terceiros co obxectivo de mercar madeira igual de válida e máis barata ou para procurar un troco na plantación cara ao eucalipto; ou a última febre de encher todos os cumios de Galiza de plantas eólicas xigantes, incluso en zonas de Rede Natura, que van provocar moitísimos efectos negativos no medio ambiente e no habitat das xentes dos lugares nos que eses muíños se instalen. Todo o cal provoca unha fuxida da xente nova cara a lugares onde poidan facerse unha vida que os sucesivos gobernos do Partido Popular lles nega na súa terra, nas terras dos seus pais.

        E agora parece que o mesmo queren facer coas xentes que viven do mar, cos mariscadores e os mariñeiros que practican a pesca tradicional e de baixura. Enuncian unha lei de costa que vai favorecer a depredación do litoral facendo del coto de caza da especulación e da depredación mariña. Impulsan ese foco de contaminación e destrución da natureza e do río Ulla que vai repercutir de forma negativa non só no medio rural por onde discorre, senón que se prevé que arrample con moito dos medios de vida que proporciona o marisqueo e a pesca tradicional na Ría de Arousa. Pero a cousa non remata aí; tamén pretenden (e aquí tamén esta o goberno central do PSOE e SUMAR) colocar plantas eólicas nos caladoiros tradicionais máis produtivos da pesca tradicional. Unha total submisión aos intereses da oligarquía española e internacional.

        Pero aí temos e Alfonso Rueda, Presidente da Xunta de Galiza, e á súa Conselleira de Medio Ambiente e ao seu Conselleiro de Industria facendo de axentes comerciais de ALTRI; trocando o que debería ser o seu labor de defensa do medio rural e do mar por ser numantinos defensores da instalación de industrias contaminantes e da morte económica e física do noso país. Quizá, se a desgracia se confirma e non hai quen lle pare os pes á celulosa, eses "axentes comerciais" de ALTRI reciban a súa recompensa, igual que no seu día a recibiu a ex conselleira de medio ambiente que como premio ás súas políticas puido pasar a ter un alto cargo en Greenalia, unha das empresas que está detrás do proxecto de ALTRI.

        Pero debemos impedirllo, non podemos deixar que unha tropa sen escrúpulos e falta de calquera chisco de empatía co benestar do seu pobo destrúa e empobreza ao noso país; non podemos respaldar a quen obrigue á xente nova a migrar porque unha banda de sen-vergoñas lexisla e favorece a súa expulsión cara a outras zonas xeográficas onde poidan buscar a vida e o futuro que os que dirixen o seu país non lle permiten; e que, de rebote, converta á nosa Galiza nun país de vellos.

 ANEXOS:

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...