Quen debe lexislar nun país democrático, o Poder
Lexislativo (Parlamento) ou o Poder Xudicial (Tribunal Supremo, Audiencia
Nacional, Audiencias Provinciais, Fiscalías,...).?
O Estado Español constitucionalmente
se autodenomina coma unha Monarquía
parlamentaria, é dicir, a aprobación da lexislación corresponde ás cámaras
parlamentarias. Pero xa desde a propia
transición parece que cando á dereita non lle van ben as leis aprobadas por
quen debe facelo (o Poder Lexislativo), están os xuíces e xuízas do Tribunal
Supremo, de determinadas salas de audiencias provinciais e de determinados
xulgados non para aplicalas, senón para modificalas por vía de resolucións,
de sentencias ou da "liberdade de
interpretación", prescindindo, se así é preciso, das exposición de
motivos nas que se fundamentan todas as leis.
Curiosamente esta liberdade de interpretación e soberanía
xudicial da interpretación das leis vai sempre no beneficio electoral ou
político da dereita, da ultradereita fascista e/ou dos poderes económicos ou
daqueles que negan a existencia da violencia de xénero e da igualdade da muller. E se non chega a sala
correspondente do Tribunal Supremo (TS) para obter o desexado, recórrese á
convocar un pleno como xa ten ocorrido coa sala do económico en relación á
aplicación das resolucións dos tribunais da Unión Europea sobre a legalidade de
certos cobros bancarios asociados ás hipotecas e á determinación do ámbito temporal
da súa devolución aos afectados que a Sala do Económico do TS tiña determinado
que fora desde sempre. Como era o desexo “mal menor” das entidades bancarias o
tempo fixado foi menor.
Non é que eses xuíces ou
maxistrados incumpran a lei, senón que (polo xeral aínda que con excepcións[i]) fan unha interpretación moi
peculiar da mesma. O que parece dar toda a credibilidade a aquelas verbas
expresadas no ano 2018 polo senador do Partido Popular, Ignacio Cosidó, de que “controlaremos la Sala
Segunda del Supremo desde atrás”; palabras expresadas no contexto do acordo
entre o seu partido e o PSOE para os nomeamentos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), cuxa composición segue a
manterse coas mesmas persoas na actualidade (agás unha que renunciou hai uns
meses) ao negarse o Partido Popular, baixo numerosas escusas, cada cal máis
peregrina, a proceder á súa renovación (quizá pola conta que lle ten por mor
dos innumerábeis casos que corrupción que teñen abertos, ou susceptibles de
abrirse, cargos públicos da súa formación).
Pero aínda máis. En numerosas ocasións ao TS non lle queda
máis remedio que intervir nas actuacións dalgúns xuíces ou xuízas para
indicarlles que o procedemento que están a seguir non é o adecuado. Pasa,
por exemplo, cando un maxistrado instrúe un caso de forma prospectiva para
imputar a alguén; é dicir, a partires dun suposto inexistente pero que manteñen
“que pode existir” no que ten incorrido a persoa investigada (sen probas nin
indicios certos de que iso teña ocorrido; ás veces, incluso, sustentados en
trolas comprobadas como tales e publicadas en certos xornais). É dicir, “se a profecía non se cumpre, poremos todos
os medios para facer que se cumpra ou que pareza que é así”.
Ataque á
liberdade de expresión e procedementos prospectivos ou baseados en fuck-news.
Durante o goberno de Mariano Rajoy as altas instancias xudiciais
ditaron numerosas sentencias condenatorias, moitas con anos de cadea, contra
numerosas persoas opostas publicamente ou moi críticas co labor do goberno do
Partido Popular en
relación cos perentorios problemas da vivenda, salariais, alimentarios, etc. que
asolaban á pequena burguesía e, sobre todo, ás clases populares do Estado; e tamén se viron afectadas persoas críticas
coa monarquía borbónica. Sindicalistas, rapeiros, teatreiros, twiteiros,
xornalistas,... foron vítimas de resolucións
ou sentencias xudiciais que atacaban
a liña de flotación dun dos compoñentes básicos dun réxime democrático: a
liberdade de expresión. Afortunadamente, os tribunais europeos –nada sospeitosos
de esquerdismo ou progresía- puxéronlle coto aos xuíces e xuízas españolas
declarando ilegais a maioría das súas sentencias deste tipo.
Nos últimos tempos, e desde
o inicio da era dos gobernos de coalición, primeiro o de PSOE con
Unidas-Podemos e agora a coalición PSOE-Sumar, está de moda abrir procedementos xudiciais baseados en denuncias
formuladas por coñecidas organizacións nazis ou fascistas (Manos Limpias, os Hazte Oir de El Yunque, Abogados Cristianos e outras polo
estilo) fundamentadas en base a fuck-news (novas comprobadas como
falsas) que implican sen fundamento nin probas a persoas dos gobernos ou achegadas a persoas
con cargos públicos gobernamentais. E hai xuíces, xuízas ou fiscais que abren
procedementos contra as persoas mencionadas nesas fuck-news contrastadas coma falsas. E hai algún aínda van máis alá
e que, comprobada e demostrada reiterativamente a falsidade dos fundamentos da
acusación, manteñen procedementos abertos “por se acaso aparece algo...”.
De actuacións xudiciais como as mencionadas máis arriba temos
numerosos exemplos no Estado Español. A persecución de Pablo Iglesias e Irene Montero (os de
Podemos) por un xulgado de Madrid; o caso de Mónica Oltra por delitos cometidos
pola súa ex-parella; agora aparece o caso da esposa (non me lembro do seu nome)
de Pedro Sánchez; están as condenas impostas a moitos dos procesados polo caso
dos ERE de Andalucía que foron anuladas ou rebaixadas polo Tribunal
Constitucional; temos, tamén, a apertura de dilixenciaspenais contra un concelleiro de Esquerda Unida en Sevilla que foi absolto despoisde oito anos e que ten causadonumerosos prexuízos ao acusado (curiosamente, xa é casualidade, estes dous
últimos iniciados pola mesma xuíza). Recentemente, onte, coñeceuse a resolución
da Audiencia Nacional declarando ilícito e arquivando o procedemento que
mantiña aberto o xuíz García Castellón por terrorismo contra persoas do process catalá polo caso Sunami Democrático de Catalunya, que
afectaba a persoas que poderían ser beneficiarias da lei de amnistía
recentemente aprobada polo Parlamento do Estado... E os que non coñeceremos
porque as persoas afectadas por resolucións ou sentencias xudiciais inxustas
non son coñecidas do gran público e, polo tanto, os seus casos non aparecen nos
xornais ao non ser considerados de interese informativo!
En case todos os casos,
as persoas imputadas deixaron os seus cargos políticos mentres non se probara a
súa inocencia; e polo tanto os proxectos que tiñan en perspectiva para mellorar
a vida da xente menos favorecida socialmente deixaron de realizarse, cos
prexuízos derivados tanto para os encausados como para os potenciais
beneficiarios das súas actividades públicas.
Outras actuacións xudiciais
destacan por todo o contrario. Recentemente vemos de coñecer a absolución do
elemento fascista que estivo acosando constantemente, diante do seu fogar, e
atentando contra a privacidade de Irene Montero e Pablo Iglesias, con insultos
constantes e ameazas durante moitísimo tempo, mentres os acosados desenvolvían
tarefas públicas de responsabilidade. Igualmente é coñecida a recente
absolución do señor homófobo que no metro de Barcelona, diante dun vixiante de
seguridade en posición estatua de sal, insultou gravemente e ameazou (tal e
como se pode observar nun vídeo feito público) a unha persoa transexual
simplemente por ser como era, sen respecto algún e cunha actitude totalmente
discriminatoria e de odio cara ás persoas transexuais. E posiblemente moitos
máis que agora mesmo non me lembro pero que claramente se inscriben na
ideoloxía de ultradereita.
E o órgano do Estado que debería manter a raia aos xuíces,
xuízas e fiscais que se sobrepasan coas súas actuacións ou que claramente rozan
ou incorren na prevaricación con actuacións como as descritas máis arriba non
actúa. Incluso nos
casos de membros do poder xudicial que desobedecen ordes ou instruccións do
Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional.
Ese órgano mantense na
súa matraca de supostas agresións de
caracter político ao poder xudicial por parte de quen critica ou discrepa publicamente
das actuacións. Ese órgano non é nin máis nin menos que o CXPX, órgano máis que
caducado constitucionalmente, que hai anos que debería estar renovado e que
parece estar formado na súa maioría por persoas de ideas caducas, propias da
longa noite de pedra, e de clara ideoloxía dereitosa e/ou de extrema dereita.
Un órgano que de facto, ao non
pronunciarse sobre delas, apoiou as concentracións de togas e puñetas, de clara
intencionalidade política anti-gobernamental, acontecidas no pasado mes de
novembro diante das audiencias provinciais contra unha presunta lei de amnistía
da cal aínda non se coñecía nin o anteproxecto.
A elección
dos órganos de control da xudicatura.
O malo é que estas
actitudes do poder xudicial fan boas as opinións que manteñen que as actuacións
e interpretacións das leis pola xudicatura están condicionados pola súa
ideoloxía política (non necesariamente a súa afiliación) e a súa procedencia
maioritaria das clases máis acomodadas e dominantes, da burguesía e da
oligarquía. Así o demostra a inmensa maioría que as asociacións “conservadoras”
de xuíces teñen entre os membros carreira xudicial españois.
Igualmente son as
actuacións como as descritas máis arriba as que tamén dan a razón aos que defendemos que os xuíces non deben ser os que
escollan aos membros que conforman o CXPX, pois farían deste órgano
constitucional un órgano ao servizo dos intereses políticos da dereita e dos intereses
económicos da oligarquía e da burguesía aos que esa dereita representa.
Os órganos de control dun Estado, e o Consello Xeral do Poder
Xudicial o é, deben representar ás arelas da maioría da poboación; e a maioría da poboación (ou gran
parte dela) exprésase nas urnas. Os
órganos do Estado non son órganos corporativos como parece que algúns
políticos e moitos xuíces e maxistrados parecen pretender que sexa o CXPX.
A elección
dos órganos de control xudicial na Unión Europea.
Nos países da Europa non
é infrecuente que xuíces, xuízas, maxistrados e altos cargos dos sistemas
xudiciais procedan de clases da alta burguesía ou de clases acomodadas, igual
que sucede no Estado Español. E, loxicamente, tamén terán a súa ideoloxía e
intereses de clase. Pero polo que parece non están tan achegados a posicións
políticas, non tan vencellados, como parecen estalo na xudicatura española.
E tampouco parece que no
resto da Europa a investigación profunda dos posibles casos de corrupción por
parte dun xuíz ou dunha xuíza poida condicionar o seu ascenso na carreira xudicial,
cousa que si parece ocorrer no Estado Español. E estou a lembrarme o xuíz Ruz, substituto de
Garzón na Audiencia Nacional, a “esperanza branca” do Partido Popular no caso
Gurtel, que non cumpríu coas espectativas e ficou estancado e enviado ao
xulgado de Móstoles.
Tampouco no resto de Europa son os xuíces os que escollen aos
membros dos órganos de control xudicial. Nas democracias todos os órganos deben representar á
maioría do sentir popular; e isto cúmprese ao pe da letra nos países
democráticos europeos.
Confianza no
Poder Xudicial español?
Xa que logo, como
pretenden os xuíces españois que as persoas de a pe confiemos neles? Eu, persoalmente, non teño nin un ápice de
confianza no aparato xudicial español. Non confío en que se algún día teño
un problema por expresar as miñas opinións publicamente de forma pacífica teña
máis peso a testemuña de dous membros policiais que de outras corenta
testemuñas, ou que me poida pasar como aos traballadorese traballadoras de La Suíza condenados por defender o seu traballo, ou que por expresar publicamente opinións como
as que aquí se expresan poidan procesarme e ditar sentencias condenatorias, ou
que me poida pasar como a esa nai que por defender aos seus fillos dun
maltratador teña que actuar personalmente por mor dunha inactuación do aparato
xudicial e ser acusada por este de secuestro, ou sentencias como a da audiencia
de Pamplona no caso da manda violadora... Confiar neles? Eu, dende logo que non.
[i] Véxase o caso do xuíz Alba
no proceso aberto contra a xuíza Victoria Rosell, que foi cargo público por
conta de Podemos.