Vai facer para 10 anos que me xubilei da miña función de ensinante exercente nun centro público de educación secundaria. Desde aquela para agora, e a pesares de que todo parece ter avanzado no tempo, o ensino público na Galiza segue a retroceder na súa función de servizo a pasos axigantados.
Xa daquela se deixaban ver con claridade as intencións dos gobernantes da Xunta de Galiza (dominada polo Partido Popular) de limitar e degradar o servizo público de ensinanza prestado en centros de titularidade pública:
Escaseza de profesorado;
Aumento desmesurado dos rateos de alumnos por aula;
Ausencia de profesorado especialista suficiente para a atención á diversidade e a orientación do alumnado en todos os niveis educativos non universitarios;
- Desmantelamento salvaxe do ensino rural, eliminando centros e unidades de educación infantil e primaria, infradotando os CRAs de medios e profesorado;
Aumento desmesurado das materias "afíns" a impartir polo profesorado non especialista, o que quebra o principio de especialidade que debe existir na impartición de aulas (saían a concurso prazas cun perfil do tipo: "matemáticas, con música e educación física");
Chantaxe ao profesorado con que se se negaban a impartir materias da que non eran especialistas o seu salario lle sería rebaixado;
Exceso de burocratización das tarefas dos docentes e horarios indecentes a partires da LOE;
Falta de dotacións materiais e espazos axeitados para impartir as materias, sobre todo na formación profesional;
Inicio da privatización e perda de cualidade da formación profesional ao través da que -para emular ao sistema alemán- chaman Formación Profesional Dual (que non é nin era a mesma que en Alemaña, onde as empresas si se implican na calidade do aprendizaxe sen usar ao alumnado coma man de obra barata);
Obstáculos, prácticos e legais, para a participación da comunidade educativa no funcionamento e goberno dos centros de ensino público, dotando ás direccións dos mesmos de todas as competencias e rebaixando o labor dos consellos escolares á función de meras comparsas de suposta xestión democrática.
Supresión de prazas públicas e creación simultánea na mesma localidade de prazas concertadas dos mesmos niveis;
Deslocalización das ensinanzas temperás das súas contornas naturais e lingüísticas; e limitacións agresivas do uso do galego nas aulas;
Prohibición de apertura de máis dun ciclo formativo de formación profesional de titularidade pública da mesma denominación nunha mesma localidade (así, por exemplo, en Vigo ou A Coruña só pode haber un ciclo público de Electromecánica, igual que no Carballiño ou Pontedeume, poñamos por caso). Medida favorecedora da privatización.
E outras moitas máis das que, como dicía aquel, "no quiero acordarme" ou prefiro non facelo para evitar o enfado.
É dicir, o Partido Popular desde a Xunta de Galiza xa daquela estaba a desmantelar o ensino público, entregando a formación dos nosos rapaces e das nosas raparigas a institucións e empresas de carácter privado, con idearios e políticas formativas non necesariamente democráticas, con ánimo de lucro e, desde logo, apartadas de todo tipo de control democrático por parte das comunidades educativas. E teriamos que dicir tamén, de ausencia de todo tipo de control por parte dos inspectores e inspectoras educativos da administración (e non necesariamente por vontade deles e delas).
A situación do ensino a día de hoxe
Polo que podo ler en medios de comunicación non domesticados, observar e falar con antigos compañeiros e compañeiras que aínda están en activo e impartindo aulas, a situación do ensino público non só non mellorou nestes case dez anos, senón que empeorou de forma importante. O que parecía case imposible que eses sen vergonzas que xestionaron e xestionan o ensino público de Galiza fixeran, non só o están a facer senón que a degradación do sistema público do ensino na Galiza e continuada e constante. O seu labor de empuxar á cidadanía a buscar alternativas diferentes ás do seu colexio público de proximidade é constante; o seu labor privatizador é intenso e a súa cara, coas mentireiras promesas de progresividade nas dotacións, moi dura.
Nin sequera os acordos entre Consellería de Educación e tres sindicatos (os que sempre acordan, negocian e venden ao profesorado -xa o facían así cando eu estaba en activo- desesperados por apuntarse tantos e méritos que a realidade se encarga de desmentir e aos que a administración educativa sempre lles mete goles por todas partes) serviron para trocar en positivo, aínda que fora mínimo, algunha das eivas que amosa o sistema educativo galego. A Consellería "meteunos abordo" e quen está a pagar o pato da súa ineptitude é o alumnado, as súas familias e o profesorado.
Os sen vergoña non están sos.
E non están sos; teñen cómplices. As denuncias por parte de profesorado, ANPAS e estudantes son constantes e abarcan a toda a xeografía galega, pero os medios, os masmedia, que terían a obriga moral que informarnos con detalle e obxectividade desas protestas e denuncias da comunidade educativa non o fan; son medios de desinformación que actúan como distribuidores da propaganda da Consellería de Educación e non como transmisores de información sobre a realidade; os mesmos que realizan o mesmo labor de cómplices noutros eidos nos que o Partido Popular, desde a Xunta de Galiza, está recortar e privatizar os servizos públicos. Son eses medios públicos manipulados e os privados que subsisten polas campañas que lles ceden desde o Partido Popular e da Xunta e/ou polas grandes subvencións que reciben do erario público. Eses medios dirixidos por editores e propietarios indecentes e sen escrúpulos, que confunden de forma premeditada información con propaganda. E neste país son poucos os medios de información que desta categoría se escapan.
Manifestación en Compostela o día 26 de outubro de 2024
Convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, conformada por sindicatos de ensinantes e de estudantes e polas ANPAS Galegas, discurreu polas rúas santiaguesas unha grande manifestación baixo o lema de "Nin recortes, nin propaganda. Ensino público con futuro".
Nela participaron miles de persoas reclamando profesorado, reclamando rebaixa dos rateos, reclamando a cobertura das prazas de profesores e profesoras vacantes, reclamando profesorado especialista en atención ao alumnado con necesidades especiais e toda unha serie de reivindicacións de medios, materiais e profesorado necesario para fortalecer un ensino público que a Xunta de Galiza, da man do seu peor conselleiro de educación de todos os tempos, o Sr. Román Rodríguez, está a desmantelar de forma cruel e ruín (incluso peor conselleiro que aquel catedrático de Latín de cuxo nome non me lembro ou que o seu antecesor Xesús Vázquez. E mira que estes foron nefastos!).
Un Conselleiro de Educación, unha Xunta de Galiza, un Partido Popular que trocan dotación de medios materiais e humanos en beneficio da calidade educativa por propaganda chea de mentiras regadas con publicidade pagada e subvencións a medios que agochan tanto o desmantelamento e privatización do ensino público como as demandas que en toda Galiza están a reivindicar as comunidades educativas de distintas vilas, barrios e cidades.
Unha consellería, a de educación, que incluso da instrucións aos directores e directoras dos centros educativos para que lles neguen información sobre profesorado, rateos e outros temas aos país, nais e representantes do profesorado. Pleno fascismo en pleno século XXI practicado por un goberno, a Xunta de Galiza, que di respectar os principios básicos da democracia. De aí que unha das primeiras reivindicacións que se pedía no manifesto lido pola Plataforma ao remate da manifestación do día 26 fora a de "transparencia e a eliminación da censura por parte da Consellaría no traslado de información por parte dos centros á representación de calquera colectivo da comunidade educativa do centro".
Os e as manifestantes do 26 de outubro non pedían nada do outro mundo. Amais da xa nomeada de transparencia, máis profesorado, menores rateos, atención á diversidade, dedicación dos orzamentos que a Unión Europea fornece aos fins para os que están pensados, diminución do horario lectivo do profesorado. Todas estas demandas aparecen reflectidas no manifesto ao que antes fixen referencia, un "MANIFESTO POR UN ENSINO PÚBLICO GALEGO CON FUTURO, SEN RECORTES NIN PROPAGANDA" que podedes ler completo na ligazón.
Unha poucas imaxes darannos idea da magnitude e transversalidade da mobilización. O normal é que houberades podido velas noutras publicacións dixitais ou en papel; e que a información desta importante mobilización tivera un espazo principal nas portadas dos xornais galegos editados en papel no domingo día 27. Por desgraza non é así; nin sequera no xornal editado na cidade na que se celebrou a manifestación. Pero os empresarios da información que temos son os que son (que cada quen lle poña o cualificativo que desexe). Pero nin sequera nos seus dixitais do propio día apareceu en portada; e no máis importante da Galiza só na edición dixital de Santiago unha pequena reseña (non sei sei en papel díxose algo, mais o dubido). O de importante non é pola calidade da información que subministra aos seus lectores e lectoras, senón pola tirada e pola cuantía das subvencións que recibe da Xunta de Galicia.
As fotos están tomadas da publicación dixital da CIG-Ensino (que ten un amplo reportaxe fotográfico por se alguén quer ver máis)





.jpg)
.jpg)




