“Mañana,
cuando yo muera, no me vengais a llorar. Nunca estaré bajo tierra, soy viento
de libertad”
(Ernesto
Che Guevara)
Epitafio
de Juan Paredes Manot (Txiki)
Cambiemos todo para que todo
siga igual
Este ano 2025, o 27 de setembro, cumpriranse os 50 anos dos
últimos asasinatos patrocinados polo conxunto das principais institucións
fascistas de represión do réxime criminal do Xeneral Franco. E digo “polo
conxunto” porque neles estiveron implicados exército, xudicatura, policía,
Garda Civil, ministros do réxime e o propio xeneral asasino. Hai que sinalar,
para quen non o saiba, que o ditador, con bastante antelación á declaración da
súa morte clínica, estaba xa moi enfermo; e que morrería apenas dous meses
despois de cometer os referidos asasinatos, xa podre e cheo de tubos cos que
manter artificialmente o seu corazón latindo; eses asasinatos foron cometidos
en “estado de espera” dos seus herdeiros políticos e dos que realmente
gobernaban o Estado Español para ver que facían para manter o réxime franquista
sen Franco de forma que puidera ser aceptado polas democracias europeas e,
sobre todo, polos países que formaban o que daquela recibía o nome de Mercado
Común Europeo (antecedente da actual Unión Europea). Ese lobby empresarial
franquista estaba formado fundamentalmente por banqueiros e grandes
empresarios, principais beneficiarios do réxime, que se lucraron coa súa
corrupción e que hoxe -baixo outras denominacións comerciais- seguen a liderar
as grandes empresas construtoras, enerxéticas, de servizos diversos e bancos
españois (todas elas presentes no IBEX-35). Para que vos fagades unha idea das
pretensións dos políticos e empresarios franquistas, daquela, facendo
referencia aos desexos dos partidarios do criminal golpista, foi moi usada a
famosa frase de Tomasi de Lampedusa, na súa novela o Gatopardo, cuxo
personaxe principal, un nobre siciliano que ao ver como se derrubaba a súa vida
de abusos e privilexios dicía que “se queremos que todo siga como está, é
preciso que todo cambie”.
Os asasinados
Os cinco antifranquistas asasinados foron Juan Paredes Manot
(Txiki), Ángel Otaeguí, José Humberto Baena, José Luís Sánchez Bravo y Ramón
García Sanz; os dous primeiros pertencentes a ETApolítico-militar (ETAp-m) e os outros tres ao FRAP (FrenteRevolucionario Antifascista y Patriota).
Os que tivestes a sorte de non sufrir aquela época de represión e
asasinatos fascistas, realizados ou impulsados polo propio réxime do xeneral
Franco, cando vexades na Wikipedia (se é que o facedes) o que eran ETA p-m e
FRAP, diranvos que eran organizacións terroristas, analizando baixo o prisma
actual (sería como dicir que o Fronte Sandinista era unha organización
terrorista cando combatía en Nicaragua contra a ditadura de Somoza e o seus
apoios da CIA dos EUA). Non vos asustedes nin vos levedes a engado; para ese réxime franquista case todo o que
a el se opoñía era “terrorista”, como así o plasmou mediante Decreto-Lei do goberno de Arias Navarro e Fraga Iribarne, que entrou en vigor o mes de
agosto de 1975, anterior aos cinco asasinatos, coa finalidade de conter as
esperadas protestas cidadás contra as execucións e reivindicando liberdades
democráticas e o fin da ditadura. E, efectivamente, ambas organizacións preconizaban a loita armada e atentaban con bombas
contra obxectivos vinculados ao réxime, que consideraban como as mellores
formas de facer fronte ao réxime ilexítimo e ditatorial franquista;
consideraban que os aparatos armados do franquismo (exército, Policía Armada
-hoxe Policía Nacional- e Garda Civil) eran institucións que a ditadura
utilizaba contra calquera posibilidade de avance democrático. Certo é que,
tamén, desde o réxime franquista se
consideraba que estaban a manter unha guerra contra todo tipo de organización que se opoñía ao franquismo (de aí que se xulgara en tribunais militares aos opositores
cando mediaban armas de por medio). Estas actividades armadas contra o
réxime de Franco (que duraron ata a legalización dos partidos políticos e a
implantación do actual réxime de liberdades) non eran compartidas pola
maioría das organizacións democráticas e antifascistas (desde posicións de
dereita ou desde posicións de esquerda), que se ben normalmente non as
condenaban, tampouco as aprobaban e as consideraban como nada pertinentes,
por considerar que substituían o que debería ser unha acción de masas
protagonizada pola cidadanía polo terrorismo individual que podía xerar dúbidas
entre unha gran maioría da poboación que demandaba un réxime democrático
baseado na democracia representativa e de liberdades democráticas, onde
ningunha persoa fora perseguida e encarcerada por ter e manifestar as súas
ideas.
A cinco persoas ás que aquí pretendo homenaxear foron asasinadas
por pensar diferente e actuar en liberdade contra un estado policial que
reprimía as súas ideas; cinco
persoas que guerrearon con armas contra quen lles tiña declarado a guerra
armada e co obxectivo de acadar unha sociedade máis xusta e democrática.
Contra esas persoas arremeteu o réxime fascista con toda a forza,
botándolle enriba todas as institucións xudiciais e policiais represivas das
que dispoñía o franquismo coa finalidade de eliminalos fisicamente a calquera
prezo e, ao mesmo tempo, tentar de
branquear diante do mundo a súa actuación criminal. O seu fin estaba decidido incluso antes de que os pallasos uniformados
empezaran o seu número nas pistas do circo dos consellos de guerra.
A día de hoxe aínda quedan moitas dúbidas sobre a autoría real
dos feitos atribuídos ás persoas xulgadas e condenadas a morte naqueles
procesos farsa, dos que os cinco aquí homenaxeados foron asasinados (moitos
coas únicas probas produto de confesións arrancadas mediante salvaxes torturas nas
comisarías e cuarteis da Garda Civil durante os interrogatorios). Por exemplo,
a irmá de Humberto Baena a día de hoxe mantén que moitos dos feitos que pesaron
na condena do seu irmá non foron realizados por el, que foron inventados ou
fabricados pola propia policía (o cal nada estraño sería).
Xa naquel fatídico ano 1975, tres anos despois dos asasinatos
cometidos pola policía franquista en Ferrol durante a folga dos estaleiros e da
represión emprendida en Vigo contra as traballadoras e traballadores dos
estaleiros, ocorrera o amplo dispositivo represivo contra a UPG e o asasinato,
tamén en Ferrol, de Moncho Reboiras en agosto dese ano. Eran o principio das
últimas rabexadas do réxime sanguinario e criminal do xeneral Franco; rabexadas
que continuaron ata a morte do ditador e ata o ano 1977, onde numerosos
demócratas foron asasinados a mans da policía franquista, da Garda Civil ou de
bandas fascistas que contaban con protección e amparo dos corpos policiais ao servizo
do réxime.
Os aparatos xudiciais e
policiais do réxime franquista
Os asasinatos do 27 de setembro de 1975 foron precedidos de todo
un proceso destinado a sementar un terror aínda máis intenso do que ata aquela
tiña desenvolvido o réxime do criminal Franco, coa finalidade de parar as
crecentes mobilizacións populares en demanda de liberdades democráticas. Este
proceso foi desenvolvido polo conxunto das institucións de represión armadas e
civís franquistas, a saber:
a) Brigada Político Social (BPS): sección da policía
franquista especializada na persecución, tortura e mesmo asasinatos encubertos
das persoas opositoras ao réxime, era policía política do réxime;
b) Policía Armada[i], era a policía do réxime do ditador; era a que , en compañía da
BPS, se encargaba de perseguir nas cidades e grandes núcleos urbanos as
manifestacións públicas contra o réxime nas rúas, sen escatimar en medios para
a detención ou paralización das protestas (incluídos disparos de bala); era a
época na que se dicía que os españois voaban, porque a pesares de haber feridos
ou mortos de bala en moitas das mobilizacións polas liberdades o réxime e a
prensa franquista contaban que a Policía tivera que disparar ao ar para
disolver as mobilizacións.
c) A Garda Civil tiña as mesmas funcións no medio rural que
a Policía Armada nos núcleos urbanos, e amais o seu Servizo de Información
cumpría as mesmas funcións e facía as mesmas barbaridades que a BPS facía nos
núcleos urbanos; eran famosos os seus controis no País Vasco realizados en
curvas de escasa visibilidade para dar o alto e disparar se os coches non
paraban.
d) O Tribunal de Orden Público (TOP)[ii].
Era a sección da xudicatura encargada de xulgar aos detidos políticos; era un
niño de xuíces e fiscais fascistas, e o paso dos detidos políticos polas súas
salas era un mero trámite para envialos a cadea con condenas de cárcere. Alí
non se admitía practicamente ningún tipo de proba exculpatoria contra as
persoas xulgadas (nin evidencias de tortura para arrancar confesións, nin
testemuñas favorables, nin calquera outra evidencia favorable ao reo) agás que a
persoa procesara fora o “garavanzo negro” procedente de poderosas familias
pertencentes ao réxime, que algunha había. O que dicía a policía ía a misa fora
ou non fora certo, coma hoxe coa lei mordaza na maioría dos xulgados, e as
condenas estaban decididas antes de comezar as farsas dos xuízos.
e) Os tribunais militares amais de xulgar os seus propios
asuntos internos (que traían consigo os arrestos e penas a soldados, pedras,
piscinas ou fiestras) e, tamén, reprimir aos militares da Unión
Militar Democrática (UMD) que preconizaban a necesidade de que o
exército se pronunciara en favor da democracia. Nos tribunais militares eran
xulgados, tamén, os civís acusados de terrorismo; isto é, a toda persoa que se manifestara
en contra do réxime (que era, invariablemente, acusada de comunista, o fora ou
non) por mor do Decreto-Ley 10/1975, de 26 de agosto, sobre prevención del
terrorismo, antes citado. Polo tanto “merecedores” dun consello de
guerra, isto é: de ser sometidos a farsas teatrais onde os militares
fascistas que os conformaban gozaban repartindo condenas e penas de morte
contra as persoas demócratas. No caso que nos ocupa, as penas foron a morrer
fusilados diante dun pelotón de execución.
As execucións. Os voluntarios
Unha vez
pasados polos distintos números do triste e cruel circo de represión franquista, despois de sufrir innumerábeis vexacións e sádicas torturas,
despois das humillacións que tiveron que sufrir as súas familias por parte das
distintas instancias de represión do franquismo, Txiki, Otaegui, Baena, Sánchez Bravo e García Sanz foron executados por
fusilamento; uns en Burgos, outros en Barcelona e outros en Madrid.
A pesares das multitudinarias mobilizacións que houbo en toda Europa e no Estado Español contra o
perfeccionamento dos crimes do 27 de setembro e contra o réxime fascista; a
pesares de que todo o proceso que desembocou nos asasinatos foi cualificado, e
demostrado, de fora unha farsa sen garantía algunha para os procesados; a
pesares, incluso, da petición do Papa católico de suspender as execucións, aos
dirixentes franquistas e ao criminal Franco non lles tremeu a man, e este
último asinou as súas derradeiras penas de morte, os seus últimos crimes contra
a humanidade.
Os asasinatos, levados a cabo en instalacións militares, foron realizados por
distintos pelotóns de fusilamento formados por gardas civís, militares e
policías. Todos eles voluntarios para cometer perfeccionar os últimos
asasinatos do réxime cometidos baixo o mandato do criminal Franco, todos
eles amosáronse como dignos servidores do fascismo e igual de criminais que os
xefes das súas respectivas cuadrillas e dos manda-máis do réxime.
A Lei de Amnistía do 1977
Todas as persoas integrantes dos diferentes aparatos de represión
e morte franquistas (civís e militares) non só non foron xulgados por todos os
crimes cometidos ou inducidos por eles, senón que pasaron a formar parte dos
distintos corpos militares, xudiciais e policiais despois da chamada reforma
política e da aprobación da Constitución de 1978. Todo cambiou para que todo
seguira igual; o franquismo ocupouse, antes das primeiras eleccións a Cortes
Constituíntes, de promulgar unha Lei de Amnistía que exoneraba de toda culpa a
todas esas persoas do réxime que cometeron crimes contra a humanidade, ben fora
desde a xudicatura, a policía, o exército ou a Garda Civil.
Certo que tamén se beneficiaron da amnistía aquelas persoas que
estaban encarceradas por reclamar publicamente liberdades democráticas, pero
que nas súas filas non tiñan ningún asasino nin torturador, senón que estaban
encarceradas polo mero feito de pedir liberdades de expresión, de
manifestación, de asociación, de sindicación, legalización dos partidos
políticos, dereito ao voto libre, etc. É dicir, o que na rúa ou nas casas
pedían as mobilizacións populares e a cidadanía demócrata do Estado Español,
non a amnistía asinada por Adolfo Suárez
e don Juan Carlos de Borbón que foi feita, fundamentalmente, para salvar de ser
procesada e condenada toda esa porcallada fascista; e para seguir contando
con eles nos distintos aparatos do Estado xurdidos ou mantidos cos reforma
política.
Moitos xuíces e fiscais
pasaron a formar parte da Audiencia Nacional e dos altos tribunais do Estado.
Moitos deles, xoves naquel entón, foron ascendendo na xerarquía e ocupando
importantes cargos no Tribunal Supremo, Consello do Poder Xudicial, Fiscalía do
Estado, o que tivo como resultado o
aparato xudicial do que hoxe goza a rancia dereita española. O seu apego e
defensa do fascismo quedou demostrado cando o xuíz Baltasar Garzón quixo
investigar os crimes do franquismo e os seus autores e cómplices, que tivo como
consecuencia unha condena e inhabilitación do xuíz, utilizando como escusa para
a condena outro caso do seu xulgado, unha investigación do terrorismo
utilizando escoitas aos avogados dos procesados (algo que era ilegal pero que,
ao parecer, non era o único que o facía e, amais, a súa xeneralizada existencia
era vox populi nos ámbitos da xudicatura).
Dos militares
podemos dicir outro tanto. Moitos mantiveron a súa alta xerarquía ou foron
ascendendo na xerarquía militar ata chegar a altos postos de mando; de aí a implicación de unha moi importante cantidade de altos
mandos nos distintos intentos de golpe de Estado. Outros foron colocándose en
organismos internacionais como a OTAN, pero sen renunciar ás súas sinais de
identidade fascistas. Os daquela máis novos, entre os que posiblemente están os
criminais voluntarios para fusilar dos que antes falamos, irían situándose na
escala impulsados pola alta xerarquía do exército franquista.
Da policía e
Garda Civil ben claro quedou coas investigacións das tramas das cloacas do Estado a
implicación de antigos membros da Brigada Político Social e dos Servizos de
Información. Xentes culpables de crimes contra
a humanidade, como Billy el Niño ou o famoso comisario Villarejo, ascenderon e
ocuparon postos chave no aparato da Policía Nacional. Posiblemente non foron os
únicos; tamén foron beneficiarios de bo trato por parte da xerarquía policial
de ambos corpos outros membros da BPS ou do servizo de información da Garda
Civil franquista culpables de prácticas de tortura. Igualmente, non é
improbable que moitos dos asasinos voluntarios do 27 de setembro foran
beneficiados e impulsados a ascender dentro dos seus respectivos corpos represivos.
Final
Foron moitas as persoas asasinadas e reprimidas salvaxemente
durante o franquismo. E foron moitos os asasinos e represores que despois da
chamada “transición” permaneceron impunes e, incluso, ocuparon postos de
responsabilidade no Estado post-franquista. Tamén ministros de Franco con responsabilidades
directa ou indirecta sobre asasinatos ou membros do aparato do chamado
Movimiento Nacional franquista.
Por que foi iso posible? Pois moi simple: porque a transición
desde o franquismo ao réxime actual non foi unha transición democrática, foi un
lavado de cara para que os privilexiados de entón seguiran a manter o seu poder
e privilexios. Lavado de cara que contou coa colaboración de dirixentes
políticos que traizoaron as arelas democráticas dun pobo, negándose a
mobilizalo e pactando co fascismo a cambio dunhas migallas de beneficio
persoal. Todas as persoas que vivimos aquel momento sabemos de quen estou a
falar.
[i] Hoxe recibe o nome
de Policía Nacional.
[ii]
O
órgano que sucede ao TOP no sistema xudicial español é a Audiencia Nacional
(AN). Como o TOP, a AN é un tribunal de excepción que xulga, dentro das súas
competencias, diversas actividades, desprazando as causas xudiciais dos
xulgados naturais que corresponderían ás persoas xulgadas, como ocorren en
calquera democracia contrastada. Coma facía o seu antecesor TOP, instrúe causas
como as do procés catalá para aquelas persoas acusadas e que non están
aforadas; tamén os chamados “delitos contra a Coroa” (por exemplo, cando
xulgaban a un twitero/a ou a un/ha usuario/a de facebook de publicar ou
compartir un post que non gustaba aos monárquicos era a AN que os xulgaba,
negando á persoa encausada o dereito ao seu/súa xuíz/xuiza natural), crime
organizado,etc. Eu, a idea que teño é que é un tribunal fundamentalmente
político, aínda que pretendan lavarlle a cara.