21 novembro 2025

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

 

        Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I, rei da España por decisión de Franco) cando os criminais franquistas que daquela gobernaban o Estado Español deixaron ao pobo saharauí abandonado á súa sorte nas mans doutro sátrapa e ditador, o naquel intre rei de Marrocos Hasan II.

        Estaba eu, aos meus 20 anos, realizando estudos universitarios en Santiago de Compostela, onde a atención maior e a preocupación da cidadanía (tanto da fascista como da demócrata, e por motivos contrapostos) estaba centrada na enfermidade do criminal Franco, que pouco despois, o 20 de novembro, faleceu cheo de tubaxe e, probablemente, de todo tipo de conservantes e colorantes destinados a mantelo co corazón latente mentres os que mandaban e os seus servos franquistas do goberno de Arias Navarro, baixo o mando do ditador en funcións, decidían o “que” e o “como” facer.

        A situación descrita máis arriba non significou que o pobo demócrata do Estado Español se desentendera da traizón do franquismo, liderado por Juan Carlos de Borbón, ao pobo saharauí. Sobre todo, a esquerda democrática condenou e fixo campaña (dentro das posibilidades reais que a represión franquista o permitía) contra o abandono do pobo saharauí, en favor da independencia do Sahara e do recoñecemento da Fronte Polisario  como único representante do seu pobo.

        Onte fixo, tamén, 50 anos da morte do criminal Franco (que non da chegada das liberdades democráticas ao Estado Español). Curiosamente onte tamén coñecemos unha sentencia inxusta, que cheira a franquismo por todas partes, emitida por un Tribunal Supremo español, inzado de maxistrados de ideoloxía dereitista e fascista, contra o Sr. García Ortíz, fiscal xeral do Estado, por dar luz onde outros ansiaban unha total escuridade coa finalidade de protexer os seus privilexios e os seus chanchullos. País! (que diría o grande Forges).

A Marcha Verde

        Nesa tesitura política, segundo amosan os papeis desclasificados polas instancias dos Estados Unidos de América (EUA), a Axencia Central de Intelixencia (CIA) foi preparando conxuntamente co goberno do sátrapa Hassan II, daquela rei de Marrocos, unha comitiva numerosa composta por lumpen, labregos obrigados a participar, voluntarios pensando en facerse ricos coas terras saharauís en base ás promesas dos sicarios do rei sátrapa e, posiblemente, presidiarios aos que se lles prometeu a liberdade pola súa participación. Esa comitiva recibiu por estes pagos o nome de Marcha Verde, que escoltada por militares marroquís invadiu o Sahara, diante da perplexidade dos militares coloniais españois asentados no territorio do Sahara que recibiran ordes de non enfrontarse e non disparar contra esa masa de xente (non eran “rojos” perigosos con cornos, rabo e pezoñas de cabra, senón súbditos do amigo de Juan Carlos e de Franco). A medida que a citada comitiva ía penetrando en terras do Sahara, unha colonia española en África pendente de que o Estado colonizador cumprira as resolucións da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre a forma que ese proceso debería levarse a bo termo, que era precisamente o que Marrocos e os EUA (e tamén Francia) pretendían evitar, a sabendas de que o pobo saharauí ía pronunciarse en referendo pola súa independencia e pola súa soberanía como país, evitando caer nas mans do sátrapa Hassan II ou de permanecer baixo soberanía da ditadura franquista.

        Tanto o monarca marroquí como o gobernos dos EUA e de Francia non querían deixar que foran os propios saharauís quen gobernaran e determinaran o que facer coas súas inmensas riquezas naturais: gas natural, fosfatos, pesca, ouro, petróleo, etc. De aí o seu interese por forzar ao Estado Español a incumprir as resolucións da ONU e a entregar a Marrocos o que era do pobo saharauí. Para elo buscaron un momento no que o réxime franquista estaba moi feble e desconcertado, co seu piar básico tirado nunha cama, podre e cheo de tubos por todas partes, e sen saber por onde tirar diante dunha crecente mobilización popular demandando liberdades democráticas.

Os Acordos Tripartitos de Madrid.

        Finalmente, a CIA, Hassan II, os EUA e Francia saíronse coa súa e o 14 de novembro de 1975 asináronse en Madrid, baixo a ditadura de Juan Carlos de Borbón, os denominados Acordos Tripartitos de Madrid entre España, Marrocos e Mauritania, en virtude dos cales a potencia colonizadora (España)  deixaba a administración do territorio nas mans dos gobernos marroquís e mauritanos, que posteriormente repartíronse o territorio cal piratas repartíndose o botin.

        Anos máis tarde, baixo a presión da loita armada do goberno saharauí no exilio exercida ao través da Fronte Polisario (FPolisario), o goberno de Mauritania renunciou á parte do botín acordado con Marrocos. E este último país mantivo unha permanente guerra armada contra a FPolisario, obrigando ás súas tropas a repregarse e a construír un muro e sementar parte do deserto con minas antipersoas (prohibidas polas leis internacionais, pero facilitadas polos EUA) para conter os ataques do exército saharauí.

        Esta invasión do Sahara por Marrocos, coa pasividade (ou aquiescencia) do Estado Español franquista, significou o exilio forzoso de milleiros de persoas saharauís cara a campos de refuxiados situados no deserto alxeriano e a ocupación de bens e vivendas dos habitantes do Sahara por parte das forzas (militares e civís) invasoras. Igualmente, aos saharauís residentes na colonia española (españois de nacionalidade segundo aquela cantarela franquista de “las provincias españolas de El Sahara y Río de Oro, Ceuta y Melilla”), con DNI español, fóronlle negadas a nacionalidade e a posibilidade de renovación do seu carné de identidade; e foron considerados pola potencia colonialista como marroquís, agás casos illados residentes na península. Outra mostra máis do abandono e deixación de responsabilidades da que aínda hoxe segue a ser considerada pola ONU coma potencia colonizadora.

        No ano 1976, no mes de febreiro, sendo Presidente do Goberno español Arias Navarro, Ministro de Gobernación Fraga Iribarne e rei-ditador Juan Carlos I de Borbón, o exército español recibiu ordes de abandonar o Sahara, deixando ao pobo saharauí nas mans e a mercede do rei sátrapa marroquí, que se veu coas mans libres para manter unha forte campaña represiva contra a totalidade da poboación saharauí, sobre todo daquela que se negaba a pertencer a Marrocos. A súa intención era encher o Sahara de persoas de nacionalidade marroquí, diminuír a poboación autóctona ata que esta ficara en minoría e proceder a realizar un referendo amañado de antemán. Loxicamente, o FPolisario reclamou diante da ONU que o referendo debería ser realizado cos censos existentes no momento da cesión da administración do Sahara a Marrocos e Mauritania por parte do goberno franquista de España, cousa á que as Nacións Unidas non puideron negarse.

        Evidentemente, hoxe moita da poboación censada daquela no Sahara xa non está entre nós; e os territorios saharauís están poboados por xentes procedentes de Marrocos e os seus descendentes. E a pesares de que a resistencia interior saharauí segue existindo e maniféstase frecuentemente nas cidades do Sahara estando sometidos a unha cruel represión (pese a que aquí a maioría dos mass media -pro e anti gobernamentais- nin o goberno español non o dean a coñecer).

Un novo revés para o pobo saharauí.

        Houbo un tempo no que o Fronte Polisario fixo unha tregua na súa loita armada contra Marrocos; foi o tempo no que puxo as súas esperanzas en que a potencia colonizadora, despois da vitoria electoral de Felipe González e o seu PSOE no ano 1982, pensando en que todas as promesas feitas por estes nos sucesivos anos desde 1975, ían ser cumpridas. Craso erro; parafraseando ao gran Javier Crahe:  “o gran xefe encantador de serpes non estaba disposto a fumar a pipa da paz”. Hassan II e o seu sucesor Mohamed VI aproveitaron a ocasión e a tregua para consolidar as súas posicións internacionais a cambio de cesións.

        Pero non foi este o único revés. Desde 1975 ata hoxe os desplantes e traizóns efectuados polos distintos gobernos españois ao pobo saharauí foron continuados; en todos eles a escusa principal foi a do “control da inmigración ilegal” desde Ceuta ou Melilla (lembrar que só unha mínima parte das persoas sen papeis que entran no Estado Español non acceden ilegalmente ao territorio hispano). Gobernara o dereitista Partido Popular ou o liberal-demócrata PSOE.

        Pero a maior traición veu dada polo goberno de Pedro Sánchez no ano 2022, iniciada coa súa carta a Mohamed VI, e seguida despois polo apoio decidido, expresado polo Ministro Albares, ás posicións de Marrocos para converter ao Sahara nunha provincia marroquí. Pero claro, do PSOE como partido de ideoloxía liberal-demócrata, defensor a morte do sistema económico capitalista liberal e como adulador dos EUA (incluso con Trump coma presidente) non se pode esperar outra cousa por moito que nas súas siglas sigan a aparecer as verbas “socialista” e “obreiro”.

___________________________________ 

Nota final.- Para un magnífico resume da evolución da venda do pobo saharauí por parte do Estado Español a Marrocos, desde a Marcha Verde ata o 31 de outubro de 2020, podes consultar aseguinte ligazón da publicación "No te olvides del Sahara Occidental.org" : 

https://noteolvidesdelsaharaoccidental.org/%E2%AD%95-efemerides-45-anos-de-una-ocupacion-la-marcha-verde-que-ocurrio-exactamente-en-el-sahara-occidental/


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...