Supoño que a
moitos e a moitas iso de “de entrada non” soaravos; e soaravos da
posición mantida polo PSOE baixo a dirección de Felipe González e defendida con
ardor (guerreiro?) por Javier Solana para meter, posteriormente, de cabeza ao
Estado Español na OTAN[i].
Máis este é o eterno cantar do PSOE: dicir que
vai facer algo durante as súas campañas electorais e despois non facelo, ou facer
todo o contrario. Tamén o fixo Rodríguez Zapatero en moitos aspectos do seu último
mandato e está a facelo Pedro Sánchez na actualidade con importantes temas que a
día de hoxe afectan negativamente á sociedade do Estado Español en múltiples
áreas a saber: liberdades democráticas; relacións laborais, pensións públicas, redistribución
das rendas, vivenda, sistema fiscal realmente progresivo, educación, sanidade, presencia
en altos cargos das forzas e corpos de seguridade do Estado e da xudicatura de
persoas pouco acordes cos valores dun sistema democrático, temas relacionados
coa a problemática da Xefatura do Estado..., e moitos outros que por non
alongar a lista abstéñome de mencionar.
Dalgúns destes
temas o PSOE fixo bandeira da súa derrogación, tanto na presentación da súa moción
de censura contra Mariano Rajoy como na campaña das recentes eleccións xerais
de maio de 2019, pero durante a breve presidencia de Sánchez xurdida da moción
de censura nada fixo por cumprir coa súa promesa, pese a ter apoios máis que
suficientes para acadar algunhas delas; ben é certo que outras foron bloqueadas
por unha maioría da mesa do Congreso que PSOE contribuíu activamente á que a
houbera na súa constitución. E neste impass entre eleccións e constitución
do Goberno do Estado parece que está a retractarse de moitas das súas palabras/promesas,
buscando cómplices na dereita franquista e, sobre todo, na “nova” dereita
representada por Ciudadanos, procurando a súa abstención na sesión de
investidura co obxectivo de non ter que pasar por asinar un compromiso de
medidas socialdemócratas que contraveña a súa orientación liberal-keynesiana (que
non de esquerdas) con Podemos ou outras forzas da mesma orientación que o
partido de Irene Montero.
Como diría unha
das miñas avoas “as palabras lévaas o vento”. E no caso do PSOE (como o
de todos os partidos socialdemócratas europeos) este tipo de comportamentos se
reproduce ao longo de case a totalidade da súa historia. Desde Indalecio Prieto
e Julián Besteiro até Felipe González e Rodríguez Zapatero e, na actualidade, Pedro
Sánchez o PSOE parece darlle continuidade a este tipo de comportamentos. Iso
si, é precisa unha clarificación: os tres últimos dos nomeados perderon
calquera trazo socialdemócrata e teñen/tiveron os seus comportamentos
mediatizados e supeditados aos intereses oligarquía financeira e a gran
burguesía; e isto sitúa ao PSOE nun lugar contrario aos intereses da maioría da
poboación española, composta por uns asalariados e unha pequena burguesía cada
vez máis empobrecidos. As súas prácticas de goberno da economía son máis propia
dun partido liberal burgués con lixeiros toques de keynesianismo que dun
partido sequera socialdemócrata. Nisto seguen os exemplos dos seus
correlixionarios gregos, alemás, franceses, etc., que remataron por desaparecer
do panorama político polas súas políticas contrarias aos intereses da clase
obreira e por favorecer a penetración do
fascismo nos seus respectivos países.
Seguiremos noutra entrada analizando diferentes e importantes aspectos que unha política simplemente socialdemócrata debería contemplar, aspectos prometidos e incumpridos que favoreceron a saída para adiante da moción de censura que permitiu a Pedro Sánchez asumir a presidencia do goberno do estado e, posteriormente, unha maioría do PSOE nas eleccións xerais de maio de 2019.
[i]
Hai que sinalar que antes do seu XXXº Congreso o partido de Felipe González manifestábase
contrario á entrada do Estado Español nese órgano militar dirixido polos EE.UU.
e dedicado, na práctica, a defender os intereses das grandes multinacionais, incluso
utilizando a violencia militar. Ese cambio custoulle a “Isidoro” a dimisión do
seu Ministro de Asuntos Exteriores Fernando Morán (persoa cunhas conviccións e
comportamentos éticos inmensamente superiores ás do seu Secretario Xeral e,
daquela, Presidente do Goberno Felipe González). De aí, o PSOE pasou ao do “OTAN de entrada non”, da súa
campaña que precedeu ao referendo OTAN, a pedir o voto afirmativo para a
entrada nese indesexable organismo militar nun referendo de pregunta sesgada e
confusa. Nesa consulta, que estivo precedido dunha forte campaña institucional
en favor da entrada e dunha forte campaña mediática para lograr unha resposta acorde
cos intereses da oligarquía mundial no citado referendo, pouco máis da metade
dos votantes (o 55,6%) se decantaron polo “si” solicitado polo goberno do PSOE.
Ao longo da súa historia quedan exemplos moi claros do que realmente
é a OTAN. Aí temos a recente intervención da OTAN en Libia para derribar o
réxime do sátrapa Gadafi, pero cuxo transfundo era o de permitir, como se forzas
corsarias se trataran, que as grandes
multinacionais petroleiras puideran apropiarse da riqueza petrolífera que
pertence ao pobo de Libia; deixando tras da súa intervención militar un réxime
tanto ou máis sátrapa que o de Gadafi. Outro dos lucimentos desta organización
militar foi a súa intervención na antiga Iugoslavia, na teoría para parar o
xenocidio que alí acontecía; na práctica para servir aos intereses das
multinacionais francesas, alemás e norteamericanas, amais dos intereses xeo-estratéxicos
do mundo capitalista occidental diante da crecente puxanza de Rusia, acadando
coa súa intervención a incorporación á OTAN de numerosos estados nacidos da
descomposición da antiga Iugoslavia; nesta última intervención tampouco lles
importou causar gran cantidade de vítimas entre a poboación civil iugoslava cos
seus bombardeos indiscriminados.