11 xaneiro 2025

UN CRIMINAL NA CASA BRANCA

          O próximo 15 de xaneiro, un criminal fascista tomará posesión do cargo de Presidente dos Estados Unidos de América (EUA). Donald Trump, condenado recentemente como acosador-violador por un tribunal de xustiza do seu país vai ser nomeado máximo dirixente dos EUA.

          Era coñecido que  aínda que fora condenado a penas de cadea el mesmo ía auto-indultarse, como parece tamén que pensa indultar a todas as persoas condenadas pola súa participación de hai catro anos no intento de golpe de Estado co asalto ao Capitolio, inspirado –segundo todos os indicios, pero aínda non xulgado - polo propio Donald Trump, que como se pode supoñer vai decaer; sobre todo tendo en conta que no seu pasado mandato ocupouse de que o Tribunal Supremo dos EUA fora “tomado” por xente racista, ultraconservadora e fascista.

Utilización do público en beneficio propio.

          É ben coñecida a utilización que no pasado mandato Trump fixo dos recursos públicos da Casa Branca para favorecer os seus propios intereses privados e os do seu clan (o mesmo que podemos dicir de Biden ao respecto do seu fillo e os intereses petrolíferos deste na Ucraína). Coma exemplo, Trump, nos seus retiros e vacacións, en vez de ir ao clásico Camp David residencia de vacacións dos presidentes dos EUA con todo o persoal e medidas de seguridade xa instaladas, íase aos seus hoteis de Florida con todo o seu séquito de seguridade e con todo o demais necesario para garantir a estancia no lugar; iso, loxicamente, supoñía non so un gasto extra para o erario público ianqui senón que amais supoñía un inmenso negocio para o propio Donald Trump. E coma este casos e casos durante os catro anos do seu mandato. A mágoa é que fora substituído por outra persoa que, nese aspecto, non era moi diferente del.

          Non podemos esperar que neste mandato que vai comezar a cousa sexa diferente. De feito, por declaracións dun xenro do delincuente, hai indicios que indican xa intentos de intervención na Faixa de Gaza para convertela nun destino turístico, negocio no que son especialistas os Trump, igual que o avó de Donald era un especialista na trata de brancas e un proxeneta.

O equipo de Trump

          O equipo escollido por Trump non é menos que o propio elemento que os escolleu. Un equipo formado por xente ultraconservadora, negacionista do cambio climático e/ou das vacinas; por persoas ligadas aos fondos de investimento e grandes accionistas de empresas de comunicación e xornalísticas; ex-militares fascistas que apoian o xenocidio palestino que está a cometer Israel (liguémolo tamén cos intereses turísticos de Trump en Gaza); xentes sobre as que pesan acusacións de abusos sexuais; xentes creacionistas que negan a evolución e que pretenden impoñer as súas ideas nos establecementos educativos; persoas que negan o dereito de igualdade das persoas por raza, sexo ou orientación afectiva; que negan os dereitos das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e vida; nazis declarados, xentalla que non dubida en matar persoas ou natureza co fin de beneficiarse persoalmente; ... en fin toda unha serie de elementos indesexables en calquera sociedade debe rexeitar e meter na cadea (pulsando a ligazón, podemos coñecer os primeiros membros nomeados directamente e que non necesitan aprobación das cámaras; os restantes que pretenden nomear son iguais ou peores). Outra ligazón dun medio diferente:

https://www.univision.com/especiales/noticias/infografias/2024/gabinete-trump-rubio-musk-kennedy/ .

          Fálase moito de todo o gabinete, pero en especial de Elon Musk; un home que está aí para favorecer os seus negocios. Un racista surafricano sen escrúpulos con residencia nos EUA, un nazi declarado que amosou o seu apoio ao partido herdeiro das ideas de Hitler, Alternativa para Alemaña (AfD), nas próximas eleccións dese país; un suxeito que financia a campaña do fascista e brexista Farage no Reino Unido; un suxeito que necesita elementos materiais para a fabricación das baterías dos seus coches TESLA e que non ten principio algún na forma de conseguilos alí onde estean; un suxeito que está a influír e financiar o partido da fascista Meloni en Italia.

          É evidente que o único que busca este home, o máis rico do mundo, é beneficiarse para o seu lucro persoal da súa pertenza ao gabinete Trump.

As intencións iniciais de Trump

          Polo seu anterior mandato, sabemos que Donald Trump é un incondicional defensor do exterminio palestino a mans dos nazi-sionistas israelís. Un aliado firme do Estado de Israel que non dubidaría nunha intervención directa no Oriente Medio para favorecer dúas cousas: primeiro, os seus propios negocios nesa área; e segundo: os intereses estratéxicos dos EUA na zona (tamén ligados ao éxito dos seus negocios).

          O tema de Ucraína é preocupante. Di Trump que vai rematar coa guerra entre Rusia e Ucraína; como o vai facer non se sabe, pero co animal que é e cos personaxes cos que se rodeou é capáz de facer calquera barbaridade. E a Unión Europea nin “mú”. Fala da OTAN, fala de gastar máis en armamento por parte de Europa (evidentemente para favorecer á industria armamentística), como se non nos pasaramos xa gastando e descoidando outras necesidades para mercar xoguetiños de morte. E o holandés errante, calado coma un peto; “sí, bwana!” (pero en inglés).

          Agora fala tamén de apropiarse de Groenlandia, polas boas ou polas malas, e de Canadá. E de trocar as denominacións xeográficas ao seu gusto.

          Pulsando nesta ligazón, podemos ver un breve resumo das intencións xa declaradas do criminal Donald Trump.

Mass media, redes sociais e Trump.

          Os “paladíns da liberdade e veracidade da información”, así coma os que desde os seus negocios cinematográficos empezaban a considerar a sociedade coma algo plural, formada por persoas con ideas, comportamentos e orientacións diferentes e maiormente respectables (agás as fascistas, xenófobas e machistas) están a “adaptarse” aos novos tempos, poñendo o negocio por diante dos dereitos humanos e capitulando ante o trumpismo fascista.

          Así temos ás redes de Mark Zuckerberg  (Facebook e Instagram) que elimina o control de publicacións de desinformación das súas redes para favorecer as publicacións fascistas e ultraconservadoras que se valen de mentiras e da desinformación para favorecer os seus intereses.

          A rede X (antes Twitter) propiedade de Elon Musk, unha das principais difusoras de propaganda nazí, sioninista e fascista. Rede na que se censura e se suprimen contas que critiquen ao seu propietario ou aos seus protexidos (ou simplemente se bloquea a publicación dos seus posts para que non saian máis aló da propia conta).

          O WashingtonPost, o xornal máis grande e antigo de Washington, na actualidade é propiedade dun holding de empresas propiedade de Jeff Bezzos (propietario, tamén, de Amazon) con intereses na exploración de viaxes inter-espaciais para millonarios. Durante a campaña presidencial americana prohibiu aos responsables do xornal pronunciarse contra Trump, a sabendas de que o Washington Post sempre foi un xornal de tradición demócrata e antifascista.

          Outra das empresas que se rendeu diante da barbarie é Disney. De entrada xa suspendeu e censurou unha serie animada, WinLose, na que se amosaba a tolerancia transxénero; e suprimiu un capítulo da serie Marvel Moon Girl y Dinosaurio Diabólico. Aparte, de facer millonarias doazóns a fundacións ligadas a Donald Trump; supoñemos que para non perder ou lograr favores da nova administración ultradereitista dos EUA.

          ... E o que che rondarei, morena.

O que nos ven enriba.

          Co panorama de armas mortíferas en poder desa banda de xentalla indesexable; cos seus ánimos agresivos, guerreiros, e expansionistas; con cartos para mercar a todo canto civil e militar corrupto anda polo mundo; etc. nada bo podemos esperar para a humanidade, nin desde o punto de vista climático nin desde o punto de vista do respecto da paz e dos dereitos humanos. Mais se temos en conta que hai un duelo expansionista entre o fascismo de orixe norteamericano, liderado por Trump, e o fascismo procedente de Rusia, liderado por Putin, e ambos servindo aos intereses propios e das súas oligarquías, a cousa aínda desmellora.

E China (un país que noutros tempos foi colectivista e promotor da igualdade social e agora unha ditadura capitalista ao servizo dunha casta burocrática) observándoo todo e esperando sacar tallada.

E a Unión Europea? Pois nada, aquí na “vella Europa” a maioría dos dirixentes políticos da dereita cada vez máis próximos ás filosofías e aos movementos nazi-fascistas, dándolle máis cancha a eses criminais en potencia e supeditando as liberdades democráticas e os dereitos humanos aos intereses que realmente representan. E os socialdemócratas no seu papel cotiá: dicir pero non facer, adaptarse e tentar sobrevivir (ata que vaian por eles, coma fixo Hitler nos anos 30). E ambos, cun claro perfil de supeditacións aos intereses dos EUA na rexión e no mundo.


 

21 decembro 2024

ÁS VOLTAS CON ALTRI

 

         Doutra volta ALTRI, ou Greenfiber, se quen le o prefire. Por que doutra volta? Pois moi sinxelo: porque doutra volta numerosos galegos e numerosas galegas acudiron a Compostela para manifestar na rúa o seu rexeitamento á instalación da macrocelulosa ALTRI en Palas de Rei. Xa me pronunciei desde estás páxinas no pasado 13 de xuño baixo o título de ALTRI NON! E non me queda outra, por amor ao país, que volver facelo.

          Xa foran miles as persoas que no pasado 30 de xuño, acudiran a Santiago para arrodear San Caetano e amosar a súa oposición ao proxecto que con tanto ardor e insistencia defenden o Partido Popular e a Xunta de Galiza. Alguén dixo que Alfonso Rueda, Presidente da Xunta, e as súas conselleiras de medio ambiente e de industria parecían máis comerciais de ALTRI que defensores da economía e dos intereses dos galegos e galegas. A verdade é que parece como se se lles fora a vida nelo; actitude que da que pensar. E non é que vaia afirmar aquí que todos eses e todas esas que con tanto ardor guerreiro defenden a instalación da macrocelulosa van tirar lucro persoal da instalación de ALTRI; non se me ocorre, non teño probas que apoien tal cousa nin quero pensalo. Mais non podo evitar que me veñan á cabeza os numerosos casos de membros do Partido Popular de Madrid e da Rexión de Valencia, moitos deles e delas altos cargos dos gobernos autonómicos e/ou municipais, condenados por corrupción.

          E tampouco me resulta fácil de dixerir que cando os recursos e alegacións das veciñanzas contra a instalación de proxectos industriais que lles prexudican se presentan nos prazos marcados polas leis, a Xunta de Galiza, do Partido Popular, facendo un uso filibusteiro da súa maioría parlamentaria, recorta ao mínimo os prazos para presentalas ou se inventa figuras como as contempladas na chamada “lei de depredación” ou a de “industrias estratéxicas” para quebrar a vontade dos opositores. E isto é o que Alfonso Rueda, os seus conselleiros e os parlamentarios do Partido Popular no Parlamento de Galicia están a facer.  

         

15 de decembro de 2024: 100.000 persoas contra a instalación de ALTRI.

          Pois preto de 100.000 galegos e galegas, ou máis, encargáronse de reiterarlle este pasado domingo 15 de decembro, tanto aos responsables da pasteira como aos que desde a Xunta e outras estancias políticas defenden os intereses de ALTRI, que os galegos e as galegas non queremos que nos instalen na nosa terra un monstro que remate con miles de postos de traballo directos e miles de postos de traballo indirectos, unha empresa que contribúa a empobrecer o parque forestal da Galiza potenciando e invadindo con eucalipto o pouco monte galego que deica agora, nas provincias de Lugo e Ourense, estábase a salvar de ser invadido por eucalipto ou piñeiro (un bosque, o galego, xa de por si empobrecido pola orientación que Partido Popular e empresas coma ENCE e FINSA teñen implantado nos montes galegos). E tampouco queremos que se envelene o noso ar nin o río Ulla, que non só ten numerosas utilidades sociais alí por onde flúe (entre outros, manter unha flora e unha fauna diversas, usos agrarios para o regadío, usos de fornecemento de auga para o consumo doméstico, etc.), utilidades que segundo diversos estudos  artigos presentados por biólogos de recoñecido prestixio sobre os efectos que ALTRI tería sobre o río Ulla serían moi prexudiciais non só para o conxunto da poboación por onde pasa o curso do río, senón que amais tería un impacto negativo para o marisqueo e a pesca artesanal da Ría de Arousa, onde o Ulla ten a súa desembocadura.

Quen non quer ALTRI no seu país?

          O primeiro que temos que contestar é quen non quere que ALTRI se instale nas súas terras. E a primeira contestación a esta pregunta que se me ocorre é dicir que as autoridades portuguesas non a queren no seu país, nin como pasteira, nin como “fabricante de fibras téxtiles”. Tanto pola contaminación e empobrecemento que produciría como polo exterminio da biodiversidade dos bosques portugueses que suporía incrementar a masa forestal con especies pirófitas coma o eucalipto; bosques xa de si depauperados e empobrecidos polo tipo de arboredo (eucaliptos e piñeiro, fundamentalmente) que demandan a propia ALTRI portuguesa, Navigator, CELBI e outras menores.  

          E se o goberno portugués non a quer, de quen botaron man os dirixentes de ALTRI? De que ía ser? Do Partido Popular na Galiza, entre coñecida polo seu amor ás empresas altamente contaminantes como pasteiras e mineiras que envelenan o chan ou as rías e os ríos da nosa terra. Aí están ENCE, Atalaya Mining, Cobre San Rafael, a mina de Lousame,... todas elas con forte oposición veciñal e con consecuencias destrutivas para o medio ambiente e as economías agrarias, pesqueiras e/ou marisqueiras. Pero aí está o capitán Rueda, e as súas escuderas-conselleiras de Medio Ambiente e de Economía, co respaldo da Consellería de Facenda e a Lei de Acompañamento aos Orzamentos Xerais de Galiza para 2025 (que reforma leis á carta e pola porta de atrás) para oporse ás veciñanzas. E, tamén, coa colaboración cacicotes locais de cada vila onde queren instalar o seu veleno; cacicotes que non dubidan en enganar e/ou intimidar e ameazar aos seus veciños para manter os favores e prebendas que cren ter ou que lles ofrecen e dan.

          Quen rexeita ALTRI na Galiza?

            Rematariamos antes, quizá, se dicimos se quen se ten posicionado en favor de ALTRI ata agora é o Partido Popular, o alcalde de Palas de Rei (do Partido Popular), a Xunta de Galiza (do PP), grandes empresarios de Galicia (do PP), os técnicos contratados pola propia pasteira (empregados ou externos) e unha soa das persoas que participaron no estudo do Consello Galego da Cultura sobre o proxecto de ALTRI.

          A oposición á macrocelulosa está encabezada pola Plataforma Ulloa Viva, numerosas asociacións e organizacións cidadás, partidos políticos e sindicatos progresistas, organizacións e colectivos ecoloxistas de todo o país e estatais.

          E a práctica totalidade dos estudos realizados por economistas, biólogos, técnicos de turismo, enxeñeiros, etc. teñen ditaminado que ese monstro que pretenden instalar en Palas de Rei é unha bomba destrutiva (non con esas verbas, pero si). Incluso todas as Facultades de Bioloxía do Sistema Universitario de Galiza pronunciouse en contra da instalación desa macrocelulosa na Galiza.

          Pero a Xunta di, por boca do seu presidente e da súa Conselleira de (destrución do ?) Medio Ambiente, que os estudos que eles manexan son favorables. Non sabemos cales son. Supoño que os dos empregados da pasteira ou dos contratados por ela; e, posiblemente, daqueles cargos técnicos “de confianza” contratados a dedo en distintas consellerías da Xunta que están amarrados á poltrona con metacrilato e que din “si bwana” a todo o que lle poñan por diante.

          A inmensa maioría da cidadanía máis activa desta Galiza, a que ten criterio propio e o defende, incluso diante das presións dos cargos da administración e dos caciques, a que realmente lle vale e quer ao seu país, xa se pronunciou saíndo á rúa en Santiago o pasado 15 de decembro ou aplaudindo desde a súa casa diante da imposibilidade de acudir a Compostela.

          A Xunta segue erre que erre. Coma sempre dándolle as costas á cidadanía para servir aos poderosos. Mercando espazos publicitarios gratuítos nos xornais, emisoras de radio de TV aos que rega con miles de euros para que desinformen e manipulen a realidade.

          Por fin, onte a Unión Europea admitiu as alegacións que a Plataforma Ulloa Viva e esta vai ser escoitada en Bruxelas. A razón está do seu lado, pero da actual Unión Europea non nos podemos fiar; non sería a primeira vez que incumpre coa súa propia normativa coa finalidade de favorecer a quen máis ten.

          En todo caso, non nos podemos calar. Non podemos permitir que coa promesa difusa dunha miseria de postos de traballo (que nin cumprirán) poñan en perigo milleiros de postos de traballo directos e indirectos no sector agrícola, gandeiro, da pesca e do marisqueo. Nin que nos enchan o país de eucaliptos e contaminación, amais de destruír o río Ulla que da vida á poboación que se asenta ao longo do seu curso.

          Se hai que saír á rúa de novo, sáese. E máis, tamén.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...