02 outubro 2017

2 de Outubro: Carta aberta a Mariano Rajoy

Na Galiza, a domingo  1º de outubro de 2017
Sr. Presidente do Goberno do Estado:

    Hoxe, como cada domingo que podo, erguinme pasadas as nove da mañá. Prendín a radio coa finalidade de escoitar o que acontecía en Catalunya e, alarmado polas novas que na emisora escollida comentaba algún dos intervintes nunha especie de tertulia fun a ver si nalgunha emisora de TV había imaxes (por suposto que, ao querer algo non propagandístico e que non tivera as novas manipuladas, non escollín TVE, que coido que nada falou do tema durante a mañá).

    E a verdade é que fiquei abraiado cando vin como membros da Policía Nacional ou da Guardia Civil botaban abaixo portas interiores de colexios, ou cando cargaban contra os cidadáns que pacificamente insistían en exercer o seu dereito a decidir. Lembráronme os meus tempos de estudante universitario, cando a policía franquista entraba “a saco” nas facultades, tamén para “defender a legalidade”, e cargaba contra toda persoa que se lle poñía por diante. Dado que os tempos e a Universidade na que eu estudei era a mesma que a súa, lembrarase vostede tamén de semellantes barbaridades e atropelos contra aquelas persoas que o único que pedían era poder votar e escoller aos seus gobernantes. Certo que vostede e eu non estabamos no mesmo bando; vostede estaba, admiraba e defendía ao bando do xeneral Franco (ese golpista, militar e asasino, que provocou e induciu milleiros de mortos -en accións de guerra e asasinados na retagarda- e desaparecidos  neste país- ) mentres eu estaba e sigo estando no bando que esixe liberdades democráticas. E dígollo con coñecemento de causa porque eu tamén nacín e vivín na provincia de Pontevedra, na que vostede era un significado membro discípulo dun dos maiores ideólogos do movemento fascista español (Movimiento Nacional, dicíanlle), Gonzalo Fernández de la Mora, home que votou (posiblemente coma vostede) contra a aprobación da vixente Constitución Española.

     Acabo de decidir deixalo por hoxe. Estou moi quente como para seguir. Vou esperar a mañá e ver como discorre o día, amais de coñecer máis detalles ao traveso das televisións que informen e os diarios españois e estranxeiros que fagan o propio. Ata mañá.


Na Galiza, a luns 2 de outubro de 2017

     Ola, bo día Sr. Rajoy. Teño que dicirlle que sigo a estar moi enfadado polo que ten pasado onte en Catalunya e polas reaccións que vostede e o seu goberno tiveron diante dos graves feitos acaecidos nesa comunidade autónoma. Non se pode negar a brutalidade policial exercida por Guardia Civil e Policía Nacional na xornada de onte, e tampouco tirar balóns fora e botarlle a culpa de tales feitos e comportamentos aos dirixentes políticos autonómicos do país catalá (salvando as evidentes distancias, esas desculpas lémbranme aos que culpan ás vítimas que morren por estar onde eles poñen as bombas ou onde bombardean). A culpa é súa e do seu goberno como máximo responsable das actuacións policiais; e, tamén, dos mandos que induciron ou non evitaron a desmesura por parte de numerosos membros das forzas ás súas ordes. Para mostra, dous botóns da desmesura policial cuxo enlaces ao portal de You Tube  lle remito:

https://www.youtube.com/watch?v=4zBwNifMxYg  (arrastrando a unha moza polas escaleiras; ¿Rompéndolle os dedos?)

https://www.youtube.com/watch?v=dI6k-HQgmmU (energúmeno collendo impulso nas escaleiras para patear más forte a quen xa está no chan)

      Só vostedes son responsábeis, por moito que o seu coro mediático trate de desviar as miras cara outra parte. E para facer de testemuñas están aí os diferentes xornais europeos, que non son parte directamente implicada no asunto catalá: “Hundreds hurt as Catalonian poll descends into violence” (The Guardian); “Catalogne. Le Coup de Force” (Liberation); “Spain’s day of shame” (The National); ”Brute Force. Hundreds injured Spanish riot police try to stop catalan ‘referendum’ “ (Free Metro);”EU crisis over Catalan poll violence” (The Daily Telegraph); ... e así sucesivamente. Amais das numerosas críticas de parlamentarios e políticos demócratas europeos, moitas delas silenciadas polos medios españoles.

     Non se pode actuar así contra uns cidadáns que pacificamente amosan a súa resistencia civil, xa que estas actitudes cidadáns (igual que os escraches) son propias dunha democracia, cousa vostedes esquecen e do que parece que con vostede e os seus non é posible. Parece que cando ve que moitas persoas se xuntan pacificamente para reclamar na rúa aquilo que consideran que é xusto e que un goberno debe darlle, vostede esquécese da política e a única resposta que coñece é a de “ordeno e mando” (esa que con tanta facilidade vostedes colócanlle con frecuencia aos mandatarios venezolanos) . Menos mal que desta vez non apareceu ningún “compañeiro” disfrazado de antisistema, con pulseriña de bandeira española e provocando para xustificar cargas como xa pasara nas protestas que houbera en Madrid un 22 de marzo de 2014, día no que tamén se “luciron”.

    Tampouco nada positivo se pode tirar da declaración institucional feita por vostede na noite de onte, que non foi máis que renovadas racións do seu erre que erre. Nin tampouco das declaracións realizadas na mañá de hoxe polo seu Ministro portavoz nas mañáns da Cadena SER. Amais, mellor esquecer as declaracións realizadas pola señora Vicepresidenta no mediodía de onte ou polo señor Ministro do Interior nese mesmo día.

     Ninguén dubida de que as instancias xudiciais correspondentes declararon ilegal o referendo, nin que diante desa tesitura o seu goberno tiña que actuar. Outra cousa e o como. Porque os xuíces, que eu saiba, non lle din aos corpos de seguridade que dean hostias a troche e moche a todo o que se resista pacificamente; os que din iso son outros. E estes últimos non teñen cabida dentro das institucións dun sistema democrático.

    Non vou facer balance histórico do problema catalán, porque iso excedería amplamente os obxectivos de protesta literal e pacífica. Pero si que vou dicirlle que unha parte importante da culpa tena o partido que vostede preside, o Partido Popular, por recorrer diante do Tribunal Constitucional un estatuto aprobado pola inmensa maioría dos representantes políticos dos cataláns e referendado máis que amplamente por esa cidadanía. Un estatuto que contiña artigos que outros estatutos de autonomía tamén conteñen e que non están declarados inconstiucionais nin tampouco foron recorridos. A outra parte de culpa é súa e dos seus gobernos por non afrontar desde a súa chegada dunha forma política e dialogada o denominado “problema catalán”, que todo o país sabía da súa existencia, e deixando que as cuestións políticas apodreceran para, diante da súa incapacidade, traspasarlle posteriormente o “marrón” aos tribunais de xustiza. Impresentable.

     Mire, señor Rajoy, Catalunya afortunadamente ten unha cidadanía que nada ten que ver coa de Galiza. Unha cidadanía consciente dos seus dereitos, unha cidadanía organizada e asociada, cunha cultura social que para nós quixeramos moitos pobos do mundo. Unha cidadanía que sabe expresar pacificamente as súas arelas, e que tamén sabe resistirse pacificamente diante do que considera inxustizas; aínda que iso lle custe ter o corpo mazado, a cabeza aberta ou os dedos rotos. Cunha policía que ten mostrado (a verdade que me sorprendeu positivamente) o seu saber facer, que sen desobedecer as ordes xudiciais, e sabendo que desde a toma dos sistemas informáticos o referendo estaba máis que rematado, soubo cumprilas con mesura e sen violencia. Cun respecto inmenso pola resistencia pacífica realizada por unha importante e numerosa parte dos cataláns.

      Se eu residira en Catalunya, onte e despois das 10:00 horas da mañá, houbera decidido a ir a votar. Non para darlle a razón aos convocantes do “referendo”, senón para quitárllela a vostede e ás actuacións que motivaron este longo escrito. E, efectivamente, como non é difícil pensar, eu son partidario do dereito a decidir, tanto dos catalás como de todos os pobos que así o demanden con maiorías parlamentarias. E penso que só eles deben decidir o seu futuro e con garantías que deben de proporcionarlle os Estados dos que forman parte. Asemade, dicirlle que non me gustan as fronteiras, que me considero cidadán do mundo e non me gusta que ninguén me poña dificultades para moverme polo planeta adiante, e que xa hai fronteiras dabondo como para poñer aínda máis.

       Por último, pedirlle formalmente que dimita. Que dimita vostede e o conxunto do seu goberno e secretarios de Estado; porque supoño que se ninguén ten dimitido despois do de onte é que concordan coas formas e os modos de actuar que se viron onte en Catalunya. Estimo que son vostedes incapaces e incompetentes para exercer a gobernanza dun país moderno e que quere vivir en democracia, que son incapaces de aprender do positivo doutros e incorporalo ás súas actuacións (aí temos aos veciños portugueses que saen da crise sen reprimir aos seus cidadáns nin recortarlle os seus dereitos sociais e económicos). En definitiva: non serven. Váianse.

     Sen máis, reciba atentos saúdos de

        Xesús X. Fernández Iglesias.

P.D./ Informarlle que, posiblemente, este escrito será publicado en forma de carta aberta no meu blogue. Aínda non o teño decidido.



31 agosto 2017

Terror no nome dun deus calquera



O pasado xoves 17 de agosto na cidade de Barcelona tivo lugar un feito que levou por diante vidas, que produciu numerosas persoas feridas. E que, queiramos ou non, vai deixar pegada psicolóxica nas mentes doutras moitas; tanto se estaban presentes nas Ramblas no intre no que a furgoneta entrou a matar, como senón; incluso naquelas persoas que non teñen fixada a súa residencia na preciosa e moderna cidade catalá cuxos veciños foron vítimas non só de terroristas, senón que o son, tamén, de especuladores inmobiliarios sen escrúpulos. Pero isto último é outro cantar; así que imos ao que imos.


Segundo contan os diferentes corpos de policía que entenden do caso, o mesmo grupo de individuos foron os que ese mesmo día pola noite quebraron a tranquilidade de Ripoll, vila de Catalunya na que os desalmados tiñan a súa residencia,  as súas familias e moitas das súas amizades. Como se pode chegar a ese nivel de dexeneración da persoa? Pois parece ser que no nome dun deus, no nome de Alá, un fato de mozos novos, irreflexivos e coa mente deformada por un imán musulmán (que ven sendo o equivalente musulmán do “cura” católico, o “pastor” protestante ou o “rabino” xudeu) que ao que parece consideraba a todo aquel que non profesara a súa relixión como alguén “infiel” condenable, incluso  a morrer a mans dos convencidos. Todo elo no nome de Alá. Un pouco como a Santa Inquisición católica dos séculos XV a XVII, martelo executante e castigador de herexes. 


Aclarar que non é a miña intención identificar o feito de profesar a relixión musulmá con practicar a violencia ou dedicarse a liquidar a toda canta persoa non comulgue coas mesmas crenzas; nin que as persoas de crenzas musulmáns non poidan ser obxectivo dun grupo de desalmados integristas relixiosos; de feito a maioría dos mortos ou secuestrados no nome de Alá o foron en países onde a inmensa maioría ou unha parte importante da poboación é crente e practicante da relixión do Islam (Nixeria, Sudán, Siria, Paquistán, Iraq, ... por poñer algún exemplo).


O exercicio da barbarie no nome dun deus.

Mais a violencia exercida no nome do deus “Alá” non é exclusiva dos integristas islámicos. A historia da humanidade ensínanos que a inmensa maioría das barbaridades cometidas polas distintas civilizacións utilizaron como bandeira a relixión, o sometemento dos infieis, os herexes ou calquera outra denominación aplicada a aquelas sociedades ou persoas que non profesaban as mesmas crenzas (non necesariamente relixiosas) que quen promovía as accións violentas. Esa violencia “relixiosa” case sempre foi utilizada no nome de relixións monoteístas e as máis das veces con ánimo de obter beneficios de carácter económico; e, amais, no nome de relixións que teñen entre os seus principios básicos declaracións contra a violencia, contra o matar e, en xeral, contra o maltrato a outras persoas, que deben ser consideradas coma semellantes, coma irmás.


Imos citar unhas poucas desas barbaridades cometidas no nome dalgunha relixión. Aí temos as Cruzadas, cunha guerra de rapina da nobreza europea contra os países musulmás xustificada no nome do deus cristián; podemos citar, tamén, a conquista por motivos comerciais e de enriquecemento da Península Ibérica e territorios situados no mar Mediterráneo polos árabes, xustificada no nome de Alá; igualmente, a invasión e conquista de América polos reinos europeos despois de 1492, invasións animadas pola necesidade de fondos das monarquías absolutistas española, portuguesa e italiana e que foron realizadas poñendo por diante o nome do deus cristián. Realizáronse, tamén utilizando a relixión coma parte da escusa, barbaridades de tal calibre como o golpe de Estado de Franco contra a Segunda República Española e os asasinatos que seguiron ao citado golpe; asasinatos en cuxa planificación e realización participou un elevadísimo número de imáns católicos e que foron bendicidos pola xerarquía eclesiástica con total frialdade e naturalidade, como se formaran parte da relixión que dicían representar. A liquidación da democracia e dos dereitos democráticos no nome de Alá en Iran, Arabia Saudí e Catar ou, recentemente, en Turquía. O ataque ás torres xemelgas e outros obxectivos situados nos Estados Unidos; igualmente, o ataque terrorista múltiple realizado en Madrid o 11-M ou os realizados en distintas cidades europeas, de Iraq, de Afganistán ou de Sudán no nome de Alá. Ou a introdución de seitas evanxélicas, financiadas pola CIA, con alto poder económico para a súa expansión, en América Latina na época de auxe dos relixiosos católicos con inquedanzas sociais.


En todas elas, dende a Idade Media ata hoxe, os motivos reais desas accións perpetradas no nome dun deus e que xeraron morte, miseria, pobreza de moitos e enriquecemento duns poucos, que practicadas por asasinos sen escrúpulos (nobres cruzados, xeques ou caudillos do Islam, asasinos e mercenarios contratados polos promotores, falanxistas, gardas cívicos, xoves sen formación ou procedentes da marxinalidade social e, mesmo, curas), non tiveron como motivo real a imposición ou a defensa dunha determinada relixión, senón que as motivacións foron económicas ou políticas, como xa teño dito anteriormente.


Como sinalei antes, as relixións non predican tales cousas; normalmente, as bases nas que se asentan as diferentes relixións son pacíficas e integradoras. Logo, pregúntome eu: son as crenzas relixiosas as que xeran a violencia ou son as organizacións relixiosas as que alentan e facilitan que se produzan episodios violentos no nome das relixións que din representar coa finalidade de servir aos seus propios intereses ou como cómplices e colaboradores cos intereses de terceiros? É evidente que a intervención das organizacións relixiosas non adoita a mesma forma ao longo dos séculos. Así como tampouco as motivacións aducidas para cometer barbaridades no seu nome contra a humanidade foron as mesmas. Tampouco o número de participantes relixiosos e alentadores nas distintas accións criminais foi sempre o da totalidade da xerarquía da organización relixiosa comprometida.


É máis, hai máis que fundadas sospeitas de que moita da violencia exercida nos últimos tempos por elementos que actúan no nome do Islam foi ou é impulsada por axencias de información occidentais (fundamentalmente esa banda de asasinos internacionais baixo a dirección dos EE.UU. que é a CIA) para acadar obxectivos políticos. Artigos aparecidos nos diarios dixitais Público, La Marea ou Sermos Galiza, asinados cadanseus por Nazanin Armanian, Antonio Maestre e Xabier P. Igrexas, respectivamente, apuntan nesa dirección (poremos os títulos e as ligazóns ao remate deste artigo). Tamén parece máis que probado que a maior parte das persoas recrutadas para formar parte desa especie de milicias fanáticas basean as súas accións e actuacións criminais convencidos “por motivos relixiosos” impulsados por clérigos extremistas, posiblemente moitos deles a soldo de quen financia as operacións de terror.


É o fanatismo relixioso actual patrimonio exclusivo da relixión islámica?

Contra o que parece querer que se entenda, e tal como a historia nos demostra, o fanatismo baseado na relixión non é exclusivo dunha soa relixión.  Nas grandes organizacións relixiosas monoteístas, tanto cristiás coma musulmás, existen correntes extremistas perfectamente organizadas cuxos membros en calquera momento poden ser utilizados por intereses alleos ao propio sentimento relixioso para realizar actos de carácter violento.


Non é descoñecido que dentro relixión xudaica existen fanáticos ultraortodoxos perfectamente organizados e que conviven dentro desa organización confesional. E que son tolerados pola xerarquía da igrexa xudía como parte integrante da mesma. Estes integristas son a punta de lanza que o estado israelí utiliza coa finalidade de ocupar e colonizar terras palestinas, recoñecidas como tales polas leis internacionais, incluso matando ou calquera outra barbaridade que xustifican no nome da “recuperación da terra prometida”; cousa que, evidentemente, nada ten que ver con relixión algunha, aínda que sexa aderezada con roupas que non se corresponden con ela.


O mesmo pasa dentro da confesión católica, na que existen correntes extremistas e fanáticas perfectamente organizadas e con poder económico; correntes que captan a nenos e nenas dende moi xoves e que os adestran ideoloxicamente en comportamentos que nada teñen que ver coa doutrina da fe cristiá que din profesar (incitar ao xaxún, ofrecer dor a Xesús, ser soldados de Xesús, etc., como teñen afirmado algúns pais afectados e que tiveron o valor de denuncialo publicamente e diante das xerarquías da confesión). Non é moi difícil supoñer que as persoas formadas nese ambiente e “principios” acaban sendo moi submisas, nada críticas e obedientes; e que son pasto fácil para quen os queira lanzar por vías que nada teñen que ver coas relixións, facendo de forza de choque do extremismo bárbaro baixo a escusa de defensa de calquera escuro interese. Nos anos oitenta potenciouse polo Estado un organismo para o estudo das seitas, coa finalidade de determinar as que tiñan carácter destrutivo; unha destas correntes, o Opus Dei, que se sitúa dentro da Igrexa Católica, con moito poder e financiamento por parte de persoas ligadas  ao gran capital,  estivo a piques de ser considerada coma unha seita destrutiva, mais precisamente ese gran poder que moitos dos seus membros ou protectores teñen impediron que recibira tal cualificación. Podemos mencionar, tamén, aos chamados Legionarios de Cristo ou aos denominados Quicos, por falar doutras seitas con grande actividade e influencia. Pero, do mesmo xeito que a xerarquía xudía fai cos ultra-ortodoxos xudeus, tamén son tolerados e protexidos pola xerarquía da Igrexa Católica xunto con outras correntes extremistas católicas, pese ás bonitas palabras que pronuncia con frecuencia o seu actual xefe, o Papa Francisco, e que nada teñen que ver coa realidade práctica da confesión que lidera.


Do Islam xa non nos estendemos, pero aí están o wahabismo e o salafismo, protexidos e utilizados polos réximes saudís e catarís, amais de polos servizos secretos dos USA. E os chiitas de Irán, comprometidos coa causa contra a liberdades democráticas e a liberdade de crenzas, con brigadas relixiosas armadas para impoñer pola forza as súas crenzas e con grande poder. 
------------------------------------------------------------

Ligazóns aos artigos citados no texto:


08 agosto 2017

O “paseo” do avó José

O meu avó, José Fernández Miniño


   O 16 de agosto do presente ano 2017 cumprirase o 81 aniversario da que figura como data do pasamento do meu avó José, de apelidos Fernández Miniño, zoqueiro-zapateiro e almacenista de curtidos no Porriño, marido de Consolación Pereiro Trelles (avoa Son)  e pai de catro fillos e unha filla dun abano de idade comprendido entre os tres e os dezasete anos. Eu, que daquela nin en proxecto estaba (miña nai e o meu pai tiñan, respectivamente, dez e nove anos), non puiden coñecelo, aínda que si gustaríame telo feito porque  pese ao pouco que del falábase na miña casa debía ser, o avó, unha persoa sen estudos pero moi formada, culta e interesante.
    Oficialmente o meu avó José morreu en enfrontamento co exército franquista. “En un encuentro con las tropas del Ejército”, di o seu certificado de defunción. Un eufemismo frecuentemente utilizado polos asasinos franquistas e os xuíces do réxime dos asasinos para enmascarar as súas atrocidades coa poboación civil na retagarda, moito máis salvaxes que as realizadas polos seus xenerais e, sobre todo, polas tropas mouras nas frontes da guerra.
    Como dixen previamente, na miña casa pouco ou nada se falaba dos temas do golpe de Estado franquista, da represión do réxime dos asasinos e, tampouco, das vicisitudes familiares acontecidas naquel verán de 1936. Esta era unha forma que moitas familias dos represaliados e asasinados por pensar de forma diferente tiñan de protexer aos seus seres queridos, sobre todo aos máis novos, da represión do réxime de Franco. Se non coñecían a historia era difícil que involuntariamente se foran da boca e sufriran as represalias do réxime ditatorial.
    Mais co paso dos anos, con máis de trece,  foron chegando a min as versións do que daquela pasara e de cal foi a triste realidade do asasinato do meu avó. Pese a que o meu pai era unha persoa interesada nos procesos sociais e firme opositor ao réxime dos asasinos, non foi por quen me informei do realmente acontecido. Nunca quixo papá falarme claro das circunstancias que con nove anos deixárono orfo de pai, nin sequera unha vez chegada e aparentemente consolidada a democracia da denominada transición. Aínda que si faloume de quen o meu avó era politicamente, das súas inquedanzas e do seu espírito pacífico e pacifista.  Foi, curiosamente, por boca de mamá por quen souben parcialmente o que realmente acontecera co meu avó Xosé.  Non os detalles de fondo, mais si o esencial. A ela contárallo a miña avoa Son nunha desas conversas vespertinas mantidas na cociña da súa casa. E iso é o que vou transmitir aquí. 

A súa detención polos fascistas.
    Tiña José Fernández Miniño 43 anos cando tres membros do exército dos asasinos encadrados no partido nazi-fascista Falange Española de las JONS foron buscalo á súa casa nun día -non sei precisar cal- do mes de agosto de 1936. Eses tres personaxes foron un tal Nicanor Miranda, cuxa profesión nunca souben,  un zoqueiro chamado Alejandro e outro de nome Antero cuxa profesión tampouco coñezo pero do cal a miña nai dicía que era un “matachín”. El sabía que ía ser así porque alguén dixérallo no día ou días anteriores. A súa dona pedíalle que se escondera, que marchara na casa porque os insurrectos contra a legalidade constituída pola IIª República (que no concello de O Porriño estaban dirixidos por un tal José Carrera, farmacéutico e, se non entendín mal, aparentemente amigo do meu avó -aínda que de pensamento totalmente contraposto- que era o que determinaba a por quen os fascistas tiñan que ir e o que con eles debían facer, como se demostrou máis adiante)  eran moi perigosos, como xa se tiña demostrado cos asasinatos e barbaridades practicadas por eles nos días seguintes ao 18 de xullo e unha vez que os militares golpistas tiñan controlada a case totalidade da Galicia. Non só se contentaban con asasinar sistematicamente a homes e mulleres que se sabía non eran da súa corda ou afiliados a sociedades culturais e sindicatos obreiros e agrarios, senón que eran sometidos a atroces malos tratos, torturas e vexacións públicas os seus achegados e socialmente menos significados.
    A pesar dos rogos da avoa Son, incluso no intre no que os asasinos foron á súa casa a buscalo, o avó José dicía que el non fixera nada malo, polo que nada tiña que esconder, que nada malo era pensar como pensaba e apoiar a un goberno do Frente Popular ou ser membro activo de sociedades de pensamento, que xa se aclararía todo e que seguro non pasaba nada. O que non remato por entender é a razón que, tendo grandes coñecementos da historia e unha capacidade de raciocinio moi elevada precisamente debido aos continuados debates de carácter ideolóxico moi frecuentes nos círculos culturais que frecuentaba. Eu especulo que quizá pensaba que, como cando se proclamou a IIª República os incidentes contra os monárquicos non foron nin moi numerosos nin de entidade, a xente era máis civilizada do que realmente era; ou que o ilustre farmacéutico non era tan animal como posteriormente resultou ser. Realmente é algo que non entendo e ao que ninguén soubo darme unha explicación que me resultara satisfactoria. Porque os fascistas levan o asasinato e a mentira marcados na súa ideoloxía; e iso era, xa daquela, de dominio público.

O seu asasinato.
    En fin, despois de pasar non se sabe cantas, do Porriño foi trasladado á cárcere de Tui, onde permaneceu ata o día anterior ao do seu xuízo. A véspera deste, un grupo de asasinos cuxa composición nominal descoñezo (aínda que, polos costumes da época, seguramente serían grupos nazi-fascistas de carácter mixto formados por falanxistas do Porriño e doutras vilas,  gardas civís e militares) sacárono da cadea, trasladárono á “Curva da Moure” e alí os criminais asasinárono.
    Teño que dicir que a miña avoa Son, no tempo que foi desde que os falanxistas levárono  ata que soubo da seu pasamento, moveu Roma con Santiago para evitar o que posteriormente confirmouse. Consolación, muller de forte carácter, con contactos en numerosas altas instancias da xudicatura (e segundo contoume a miña nai) estaba convencida de que, se ben non ía librar de penas de cadea, o meu avó José libraría de ser vilmente asasinado polos sublevados. Por desgraza equivocouse, as ordes do xefe local dos asasinos circularon máis rápido que a maquinaria xudicial e adiantáronse nun día a que esta puidera pronunciarse.
    Como soubo, no cemiterio de Tui, a miña avoa Son de que o seu home fora paseado non me quedou moi claro cando a miña nai relatoume o feito, polo cal non vou transcribilo. Pero o que si teño que dicir é que me quedou a impresión de que foi unha muller moi rexa e forte, con moita determinación e coraxe, como así o demostra o que fora quen de sacar adiante catro fillos (o quinto foise para a Arxentina exiliado a pouco de morrer o seu pai), un negocio que non se deixou arrebatar polos ladróns do réxime fascista,  e facer fronte ás constantes afrontas da Fiscalía de Tasas e da  Guardia Civil.

Epílogo.
    Algún día transcribirei algunha outra historia das que a miña nai contoume, referente á odisea da marcha para a Arxentina do meu tío Antonio, fillo maior de Xosé, e doutras persoas integradas en profesións civís defensoras da legalidade republicana ou no corpo dos carabineiros, que a diferenza do acontecido coa Guardia Civil, mantivéronse maioritariamente respectuosos coa lei.
    Vaia isto na memoria do meu avó José, “paseado” polos fascistas e, tamén, da miña avoa Son. Porque ambos o merecen.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...