30 xullo 2018

Pablo Casado: migrantes e mentiras

     Non chegaban os e as fascistas clásico-modernos europeos como Le Pen, Salvini, Orban e outra serie de fillos mal paridos que rexentan con políticas antisociais contra as clases máis desfavorecidas dos seus países e políticas xenófobas baseadas en mentiras (véxase o artigo de Sánchez de Ugarte publicado no diario.es de hoxe: https://www.eldiario.es/desalambre/Espana-inmigracion-ventajas_0_783222076.html). 

     Pero non só é que eses despreciábeis personaxes sexan quen de enganar a unha importante parte da poboación dos seus países coa sarta de grandes mentiras acerca da pretendida "invasión" de Europa por cidadáns de países africanos e de latinoamérica,senón que chegan, nalgúns casos, a poñer en cuestión a permanencia en países europeos de persoas naturais do propio continente por razóns de carácter étnico. Isto último está a pasar en Italia e Francia cos membros da etnia romaní, aos que o nazi Salvini e a nazi Le Pen, na actualidade, condenan e que no recente pasado foron perseguidos polo goberno dereitoso de Sarkozy en Francia, sen contar coa persecución de exterminio que o réxime de Hitler emprendeu contra as persoas de etnia xitana (e non esquezamos a secular persecución e criminalización dos xitanos en España, perfectamente descrita no Romancero Gitano de Federico García Lorca).

     A cobertura mediática da xenofobia.
     Pero non podemos restrinxir esa persecución á actuación desde os gobernos deses impresentábeis e sinistros gobernantes e os partidos de carácter xenófobo e fascista que os sustentan en cobertura política. Temos que integrar na cobertura e expansión das mentiras asociadas ás políticas xenófobas a multitude de medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, que, consciente e voluntariamente, dan cobertura por activa ou por pasiva a esa sarta de trolas que os nazi-xenófobos usan para tentar de convencer ao conxunto da poboación das maldades asociadas aos migrantes. Cando dicimos por activa referímonos a que apoian coas súas publicacións e desde elas difunden e afondan nas falsas argumentacións; cando falamos de apoio pasivo, referímonos á falta de desenmascaramento das mentiras e á publicación de novas tinguidas de escándalo sobre a chegada de inmigrantes aos países europeos; novas do estilo de "Otro día más, llegada masiva de emigrantes ilegales a las costas andaluzas" (referencia indirecta que contribúe a espallar esa mentira da "invasión" e do cualificativo de "ilegal" aplicado ás persoas que escapan dos seus países por mor de persecucións, guerras ou por falta de medios de sustento), que se puido escoitar onte nun noticiario dunha cadea privada de televisión que emite en aberto; non a dos bispos, que podería ser. Non se pode ocultar que os medios audiovisuais e os medios escritos de distribución masiva están ligados á grande burguesía de cada país, clase que case maioritariamente está detrás do financiamento dos grupos da ultradereita á que utilizan como bonecos, amais de recibir  -a prensa- fortes subvencións dos gobernos coa publicidade ou subvencións finalistas para garantir a súa difusión, e que eses medios non fan máis que defender os intereses económicos de quen os financia. 
     
     Nunca falan das actuacións dos patróns das grandes multinacionais que xeran miseria e pobreza, apropiándose incluso das escasas fontes de alimentación das poboacións sen recursos e dos seus campos tradicionais de cultivo (ver informes reiterados da Organización da ONU para a Alimentación -FAO-) nos países africanos, nos países latinoamericanos e de Oriente Medio. Tampouco falan de que ninguén se monta nunha balsa de praia para cruzar mares a sabendas de que as posibilidades de chagar a destino son mínimas agás que saiban que na orixe a morte sexa unha probabilidade certa. E menos meterse nunha balsa cunha criatura pequena. Información (desinformación) ao servizo de intereses económicos, non da obxectividade e o coñecemento obxectivo da realidade.

     A cobertura política da xenofobia.
     Pero non só é a cobertura mediática quen da alas aos movementos xenófobos da Europa. Hai que sinalar que os partidos clásicos da dereita europea, tanto a dereita da socialdemocracia como a dereita ultraliberal e a dereita democristián, poñen o mantemento das poltronas ao través dos votos por diante dos dereitos humanos das persoas. Así, os gobernos non persiguen aquelas actuacións que contribúen a xerar malestar entre as capas máis desfavorecidas das poboacións dos seus países e que, combinadas coas manipulacións mediáticas e as actuacións dos grupos fascistas como Hogar Social, Falange Española, Hazte Oir, Vox ou outros do estilo xeran dinámicas e sentimentos anti-migrantes.

     Para mostra da falta de actuación dos gobernos un botón. Unha das argumentacións que usan os gobernos tinguidos de xenofobia e os movementos fascistas para convencer á clase obreira (obxectivamente interesada en políticas que defendan o traballo regular, salarios e condicións de traballo dignas) é a suposta "venta", por baixos salarios e fora de toda regulamentación laboral, da forza de traballo dos migrantes ás empresas. O discurso xenófobo en casos deste tipo susténtase "na competencia desleal" que o migrante presenta fronte ao autóctono, co cal consigue enfrontar aos traballadores e traballadoras (locais) contra os traballadores e traballadoras (migrantes). Non critican a quen financia os movementos xenófobos, é dicir, ao empresariado que contrata, por catro chavos e ao marxe de toda legalidade (sen declarar, facendo horario desmedido, sen cotizar á seguridade social, sen dereitos de calquera tipo) a unha persoa chea de fame que chega a un país descoñecido no que a súa integridade e dignidade persoal están en xogo, que elixe o camiño de deixarse explotar e non o do roubo e a delincuencia. Persoas das que se aproveitan empresarios sen conciencia (quizás chegara con dicir "empresarios", sen máis especificacións). Pero poucas veces podemos ler de actuacións dos gobernos contra ese tipo de contratacións (algunha que outra si) e todo tipo de abusos popularmente coñecidos contra os migrantes (recente caso de violacións e abusos sexuais a migrantes en Andalucía), pero si que vemos de verdadeiras redadas e actuacións continuas contra os denominados dunha forma cabrona como "ilegais".

          E non falemos das políticas da Unión Europea de potenciar a escravitude en Libia, os afogamentos no Mediterráneo ou o exterminio dos migrantes en campos de refuxiados de Turquía (hai que dicilo así de cru, porque é no que consiste realmente esa política, a súa resolución final) financiando a países gobernados por delincuentes ou dictadores. Poñendo todo tipo de trabas a que organizacións humanitarias actúen salvando as "embarcacións" que consiguen salvar ás patrulleras criminais de Libia.

     E moitos destes que falan, ouvean, escusan, dirixen ou son altos executivos do eco mediático xenófobo activo ou pasivo ou, simplemente, non fan nada seguramente teñen como empregadas do fogar, ou coma xardineiros, ou como explotadas sexuais a migrantes aos que non teñen dados de alta na Seguridade Social, aos/ás que lle pagan salarios de miseria, facendo xornadas interminábeis e sen días de descanso semanal.

    Estes "asalariados", políticos ou mass-media, da xenofobia nunca falan da contribución dos migrantes ao crecemento económico dos países nos que teñen unhas condicións de traballo dignas e acordes coas leis. Non falan da súa contribución ás arcas da seguridade social, da súa contribución á Facenda Pública ao través dos impostos, da súa contribución a manter a natalidade e moitos outros beneficios, tanto de carácter económico como social. Incluso aqueles aos que chaman "ilegais" contribúen ás arcas públicas cada vez que mercan nun establecemento, agás que o empresario propietario do mesmo, non declare o IVE ou sexa unha empresa pirata.

     Pablo Casado (y de las Jons).
     Esta fronte fascista e xenófoba viuse incrementada nestes días coas declaracións do novo presidente do Partido Popular, Pablo Casado (y de las Jons), un home que de igual modo que o seu antecesor xa apuntaba maneiras. A diferenza está en que mentres M.Rajoy xeraba políticas directamente xenófobas desde as leis, sen grandes movementos propagandísticos, sen críticas da maior parte dos mass-media nin da suposta oposición psoecialista (agás en período electoral), Casado é moi activo na contribución á causa xenófoba. Xa estaba publicamente moi escorado cara á ultradereita cando era membro da executiva e voceiro do Partido Popular; de aí a "cualidade" dos seus apoios entre os compromisarios peperos. Hai quen atribúe esta actitude á tentativa de desviar a atención pública de todos os chanchullos que parece rodean a titulacións universitarias que di ter, pero eu coido que iso non é así. Penso eu que é porque é un membro cualificado do Partido Popular e este, no seu conxunto e na maioría dos seus membros cualificados, é un partido que practica a xenofobia e que non dubidaría en practicar o fascismo máis clásico para acadar os seus fins e protexer as súas carreiras. Poido estar equivocado, pero os cheiro. E feden.

      "As orixes do fascismo", un vello libro moi actual.
     Por último, aconsellar unha lectura interesante, un libro que xa é vello pero que parece escrito hai uns días. O seu autor é Robert Paris, un historiador francés. A primeira edición do libro é do ano 1968. Eu téñoo en español, nunha edición de 1985, que ten por título "Los orígenes del fascismo". É moi instructivo e, como xa dixen, actual.

14 xullo 2018

Donald Trump: un pallaso fascista solto por Europa.

     A actualidade de hoxe, 13 de xullo de 2018,  esta chea de asuntos que suscitan o meu interese. Un relacionado coas virtudes do Tribunal Supremo español, o outro coas habilidades para a gobernanza da dinastía Borbón e a terceira a visita e as presións que Donald Trump, actual presidente dos EE.UU., realizou na súa xira europea contra os países do vello continente que forman parte da Unión Europea e da OTAN.

     O primeiro ten como base é a sentencia do tribunal alemán sobre o asunto Puigdemont, cuxo contido deixa unha vez máis ao Tribunal Supremo español nunha situación de extremo ridículo. Todo iso despois da retirada da orde cursada a Bélxica (da que xa se sabía cal ía ser a resposta dos tribunais dese país antes de que se pronunciara). E sen que aínda non tiveran ocasión de pronunciarse os tribunais escoceses nin, posiblemente, o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Isto dará para moito cabrearse e moito rir, e "rirse de" no futuro.

    Outra son as declaracións desa tal Corina sobre as "aventuras" financeiras do "rei emérito" en concepto de comisións, ocultación e blanqueo de cartos ao través de Suiza, con testaferros e expertos de Gürtel nos temas de blanqueo; comportamento do emérito que non é de extrañar botando un ollo á historia da realeza española e sabendo que pertence á dinastía dos Borbón cuxos membros non teñen un pasado moi transparente no seu trato cos diñeiros.  Parece que o exemplo de Fernando VII cunde moito e sigue a ser bandeira da saga na actualidade. Segundo contan, xa dicía don Ramón Mª del Valle Inclán: "La República Española de 1931 echó a Alfonso XIII no por rey, sinó por ladrón". Pois sigue.

      O terceiro asunto é a rolda de ameazas realizada polo presidente dos EE.UU.AA. en distintos escenarios europeos: hai uns días no cumio da OTAN, lugar no que amais de ameazar ao conxunto dos estados que a conforman, tivo un rifi-rafe bastante desafortunado, propio de prepotentes maleducados e mandóns, coa canciller alemá Angela Merkel á que insultou gravemente ao tentar de marcar a política que debe seguir Alemaña no tema militar. Outra das súas lindezas ocorreu en Inglaterra, onde foi recibido como se merece por unha parte importante dos cidadáns ingleses, onde pretendeu indicarlle á xefa goberno inglés como tiña que plantexarse as súas relacións coa Unión Europea; coma se o Reino Unido non tivera Parlamento ou Goberno que soberanamente tome decisións, sen ter en conta a opinión dun pallaso fascista como é Donald Trump, presidente dos Estados Unidos.

     Este último é o que me chama máis a atención e sobre o que vou poñer unhas liñas.

    Antes de nada, pedir perdón ao colectivo de pallasos polo feito de calificar de tal a semellante especimen humano que é Donald Trump. Agora vos explico. A miña cabeciña cando pensa no actual Presidente dos EE.UU. imaxina unha persoa sinistra, cruel, cobarde, sumanente protexida por matóns a soldo sen os cales non é ninguén; unha persoa sádica, machista e xenófoba e cun enorme complexo de inferioridade; que non ten os mínimos escrúpulos e que vai permanentemente vestido de pallaso de cara branca e nariz vermella, con dous mechóns tesos de cabelo roxo saíndolle por riba das orellas e un enorme peluquín (tamén roxo) a modo de tupé; Un home que tenta de facer rir pero só consigue facer desgraciados a quen ten que sufrir as súas gracias, acadando destrución, morte e desolación alí por onde el ou  os seus macacos a soldo pasan. En definitiva, un pallaso fascista e indesexable con moito poder.

Cumio da OTAN: previos e posteriores.
     Como xa adiantei antes, o actual Presidente dos EE.UU. de América empezou días atras unha xira por Europa coa finalidade de esixir aos países que forman parte da OTAN un aumento nas súas contribucións ao gasto desa indesexable organización militar. Traducindo: que tiñan que gastar máis en armamento facilitado polo complexo militar-industrial dos USA, que el tiña que ter contentos aos fabricantes, vendedores e traficantes de armamento do seu país; que os países que forman parte da NATO tiñan que facerse dependentes da tecnoloxía estadounidense nos equipamentos dos seus exércitos.

     Pero nada de expoñer argumentos nin convencer. Non que iso é para febles e pusilánimes e que iso non vai con el. El ordena e manda, que para iso ten protección de organizacións de asasinos a cargo do estado. E amais non todos son ianquis, que unha delas é unha organizaCión Internacional de Asasinos (CIA) composta por persoas de moitas nacionalidades, rangos, profesións e situacións sociais. Á parte dos matóns privados e os da NSA que teñen ollos, escoitas e visións en todas partes; que lerán este "post" e che controlarán o teléfono, o "e-mail" e todo tipo de comunicacións que fagas, aleatoriamente ou por sistema (como xa teñen denunciado multitude de organizacións de defensa dos dereitos civís). Pero o inimigo é Rusia e non os USA presididos por el.

     Incluso permítese o luxo de chamar a unha presidenta de goberno, a do goberno de Alemaña, aliada de Putin e dicirlle o que debe ou non facer no seu país. O mesmo que á señora May no Reino Unido. Como se neses países non houbera dirixentes e parlamentos escollidos polos seus cidadáns que son os que teñen que decidir o que deben facer os seus gobernantes. Pero quen carallo se cre que é ese puto imbécil!? Amais ten o cuallo de ameazar á primeira ministra inglesa con rachar os tratados comerciais de EE.UU. con o Reino Unido se aquela non propicia un brexit duro. Non é que a min me guste o brexit, nin o duro nin o blandengue, pero iso que ten que decidilo son os ingleses.

Reunión de reprimenda e ameaza: cumio da OTAN.
     Antes de ir a repartir ameazas por Inglaterra e despois de acusar a Merkel de estar cautiva de Rusia, reuníuse cos países da OTAN para esixirlle que tiñan que aumentar o seu gasto militar, sobre todo a aqueles que non chegaban ao que tiñan comprometido (caso do Estado Español ao que M.Rajoy comprometeu -como non podía ser doutra forma tendo en conta os intereses que defendía- a chegar ao 2% do PIB no ano 2024). Evidentemente non se reuniu para falar do tema, senon para amenazar con aliarse e apoiarse militarmente con Polonia, Hungría, Chequia, Eslovaquia, ... é dicir, o máis rancio, fascista, xenófobo e antidemocrático dos países do continente europeo e asiático para facer unha fronte militar substituta da OTAN. Os que son coma el no pensamento e, amais, son os países provedores de delincuentes traficantes e persoas cautivas para o tráfico de seres humanos, como era o proxeneta explotador de mulleres do que descende Donald Trump. Igualico, igualico que el tonto de su agüelico, que diría o personaxe daquel comic cuxo nome non me lembra editado nos anos 60 do pasado século.

     Dos titulares dos xornais do día seguinte  se desprende que os dirixentes pasaron polo aro de converterse en militar dependentes dos USA, Pedro Sánchez incluído (nada extraño, simplemente máis PSOE). En ser cautivos dos EE.UU. en tecnoloxía de defensa militar, de estar ao albur de que calquera día un suxeito como Donald Trump, por calquera arrouto ou capricho, decida cortar o grifo dos repostos aos seus cautivoaliados e decida declaralos inimigos e acordar con outro coma Putin o reparto do mundo polas boas ou polas malas.

Para que queremos nós tantas armas e tan sofisticadas? 
    Para defendernos de Marrocos? De Portugal? De Francia? Vamos oh! Iso non o cre ninguén que teña un pouquiño de cabeza. Uns son países civilizados, con gobernos civilizados e con exércitos supostamente civilizados; outros non teñen a capacidade militar mínima que lle permita aventuras raras. Quen si ten capacidade para iniciar un ataque devastador contra calquera punto do planeta por moi lonxe que este estea son os USA e, posiblemente, Rusia. E iso non se pode evitar tendo moitas e moi modernas armas se algún dirixente tolo, algún pallaso fascista, así o decide. E no referente ao noso Estado Español, incluso o ataque pode ter a súa orixe dentro das nosas fronteiras, nas bases militares estranxeiras instaladas aquí. Incluso por ese motivo poderíamos ser obxectivo militar dos contrarios (eu estou convencido de que o somos).

       Así que mellor non gastar en armas, salirse da OTAN e botar aos militares estranxeiros fora do territorio español

Epílogo
     Poderiamos preguntarnos se son civilizados os militares dos países civilizados; pero iso xa é outra historia. En fin, algún día falaremos dese tema.

03 xuño 2018

Rajoy, kaput. ...E a dereita está que morde

Que entendo eu por “dereita política”?
Antes de seguir para adiante véxome na obriga de clarexar a que me refiro con “dereita”. Na miña acepción, “dereita política” non só é aquilo que está clasificado como tal polos “bibliotecarios da política”; é dicir, xornalistas e tertulian@s, sexan dos convencionais, dos bota por fora ou dos que poidan escibir ou falar a sueldo dunha determinada vontade política ou económica. Tampouco me refiro ás persoas que están encadradas nunha ou outra forza política polo mero feito de estar aí. 

Resumindo: para min, a “dereita política” non só está formada polas persoas encadradas no Partido Popular, en Ciudadanos ou á súa dereita partidaria (supoñendo que poida haber algo máis extremo na dereita política). 

Para min tamén son dereita política moitas das persoas que militan no PSOE, bastantes delas con relevancia, das que estou máis que seguro que non están nada contentas con que Sánchez, por moi morniño e moi integrado no sistema que estea, teña presentado e sacado para adiante esa moción de censura. Falo da vella xerontocracia do PSOE (Felipe González, Guerra, Mr “Patada na Porta”, Solana, ...), moitos dos cales representan na actualidade os intereses da dereita máis podre das multinacionais e dos bancos españois.

Pero tamén son “dereita política” algúns dos membros do aparato pesoero que se consideran derrotados polos partidarios de Sánchez no derradeiro congreso do seu partido, é dicir, os Lamban, a Susana Díaz, os García Page,... A estes últimos podemos xuntarlle aqueles que cando hai conflito no PSOE están caladiños e, para pronunciarse publicamente, están á espera de quen consideran que se posiciona mellor na loita interna; e que finalmente acaban facendo loas ao vencedor, aínda este non sexa a persoa á quen estiveron lambéndolle o cu publicamente; aquí podemos situar os extremos, tanto no Levante coma no Poñente da península; é dicir, os clásicos vira-chaquetas.

Buf! Mira que me costou definir “dereita política” segundo a miña persoa.

E que vai facer Pedro Sánchez?

Pois, sinceramente, non son quen de adiviñar que é o que o novo presidente vai facer. Coido que é moi difícil sabelo; sobre todo se temos en conta que ata o de agora, na súa vida política pública, andou “as veletadas”. A grosso modo podemos dar uns trazos da súa traxectoria. Primeiro que se coalición preferente coas forzas da súa esquerda; despois, baixo a presión da xerontocracia pesoera e dos aliados e aliadas destes, mellor con Ciudadanos. Posteriormente decátase de que iso non lle vale de nada diante da organizada dereita interna e ten que presentar a súa renuncia á secretaría do PSOE; e, tamén, da súa acta de deputado. Posteriormente gaña o pulso interno e volve á secretaría do PSOE. Despois unha época gris ata o conflito catalán. 

No conflito catalán, despois de resistirse brevemente e de forma moi feble á aplicación do 155, pasou a situarse de facto na banda da extrema dereita, a dos do “a por ellos”, aceptando incluso que puidera haber xente encarcerada por manterse nas súas ideas, e non criticando con dureza a desmadrada actuación das policías no 1º de outubro; estando moitos dos seus dirixentes en Catalunya aliados cos movementos da extrema dereita de Arrimadas, García Albiol, Arcadi Espada e cos esperpentos creadores desa cousa virtual á que denominan “Tabarnia” contra o dereito a decidir e o respecto ás decisións maioritarias da cidadanía de Catalunya. Cando falo de esperpentos non pretendo darlle a categoría creadora de Valle-Inclán senón comparalos cos representativos personaxes sociais que don Ramón María describía na súa obra.

A moción de censura e o futuro.
Pero, ao que iamos: que vai facer P. Sánchez? Eu non espero moito, pero tendo en conta que é un goberno de transición tampouco voulle pedir imposibles. El dixo na sesión de censura que ía respectar as leis e mandamentos da maioría parlamentaria, tanto as bloqueadas polo goberno de Rajoy, como as aprobadas coa conivencia do Partido Popular e Ciudadanos, incluso as que contaron co seu voto en contra. Non me parece mal. Foi un proceso de acumulación de forzas; había que atraer ao PNV para as filas do “si”. Outra cousa é que quen votou afirmativamente a citada moción teña que tragar e calarse, por exemplo, diante duns orzamentos do Estado para o ano 2018 tan antisociais como os acordados por Partido Popular, Ciudadanos e PNV.

Sánchez sabía que a esquerda, aínda que non conforme coas súas posicións, ía valorar máis botar á extrema dereita do Goberno do Estado que o estar de acordo totalmente con quen presentaba a moción de censura (cuestión de ética política e principios). A dúbida estaba na dereita, PDeCat e PNV. A extrema dereita, C’s e PP estaba claramente na contra. E hai que admitir que realizou unha doada xogada falando de que ía tirar para adiante cos orzamentos previamente aprobados polo Congreso, a falta do trámite do Senado e de volta á cámara baixa (que é máis alta, de maior categoría e representativa da cidadanía do que é ese resíduo juancarlista[1] á que tamén chaman cámara alta).

Que vai a acontecer? Por parte de PSOE xa quedou claro que vai utilizar o goberno para levar adiante algunhas medidas xa anunciadas na sesión da censura: levar adiante as proposicións de lei aprobadas pola maioría do Congreso e vetada polo goberno pepero e, tamén, os orzamentos aprobados pola maioría de dereitas. Algunhas delas son, dependendo de como se enfoquen, moi importantes para a sociedade do Estado: derrogación da lei mordaza, paralización da LOMCE, derrogación do imposto ao sol, derrogación da lei de pensións do ano 2013, derrogación da reforma laboral do PP e da reforma do Código Penal. O que non parece tan claro e que os Orzamentos que propiciaron o voto afirmativo do PNV teñan que manterse tal e como foron acordados polos representantes da grande burguesía vasca e os dous partidos de extrema dereita con representación no Congreso.

E que van facer os demais grupos do Congreso?
Imaxino que desde Podemos, á vista da intervención dos seus lideres estatais despois de aprobada a moción de censura, vai demandar que se informe e consensúen os proxectos a aprobar, e unhas cousas poderán ir para adiante con consenso e outras (coma a lei de orzamentos para 2018) imaxinamos que non; aínda que do partido de Iglesias e Errejón calquera cousa é esperable. O que si parece certo é que as decisións deste colectivo vanse tomar de forma centralizada. Porque o das confluencias da toda a impresión de que é para disimular unha suposta soberanía dos deputados de En Comú e de En Marea respecto ao centralista partido que da nome ao grupo parlamentario, polo cal non parece que vaian ter unha política diferente da que lle marque o grupo central (cousa que aínda parece máis clara desde o recente pacto entre EU, Podemos e Equo de cara ás eleccións municipais e desde a intervención de Pablo Iglesias no plenario da censura na que ninguneou claramente, ao falar como únicas nacións conformantes do Estado a Catalunya e a Euzkadi, a política que unha parte dos membros galegos do seu grupo confluinte teñen sobre a cuestión territorial na Galiza: considerala coma nación).

Desde Compromís imaxino que terán unha actitude moi parecida a dos anteriores; mais esta actitude estará mediatizada polo pacto que manteñen no País Valençiá co PSV-PSOE, polo que serán máis proclives a chegar a acordos con Sánchez. O que si xa teñen anunciado son emendas aos orzamentos no Senado. Polo cal aquí tampouco todo vai ser Jauja.

Aos grupos de Catalunya, Esquerra Republicana e PDeCat, o que máis lles pesará nas súas decisións será a actitude do goberno do PSOE sobre as cuestións que agora lles preocupan: o tema dos presos políticos, o tema dos fuxidos e exiliados e o resto das cuestións relacionadas co autogoberno do seu país. No resto, ER actuará coma o grupo de esquerda errática que é. E PDeCat farao como grupo de dereita que aspira a representar os intereses da burguesía catalá, que é o que realmente é como xa demostrou na votación para a composición dos cargos do Congreso e grazas ao que O Partido Popular ostenta a presidencia da cámara.

Os grupos da extrema dereita (Partido Popular e Ciudadanos) e os seus apéndices territoriais (Foro Asturias e UPN) buscarán un ambiente de enfrontamento permanente co goberno de Sánchez, recorrendo ás políticas máis porcas e oportunistas que poidan. Por parte do PP xa teñen anunciado que non descartan poñer en solfa, incluso, os orzamentos por eles negociados e consensuados co PNV e C’s. Non fai falta moita imaxinación para pensar que unha das súas áreas de batalla vai ser o tema territorial, tentando de polarizar os enfrontamentos entre os diferentes pobos do Estado como xa ten feito no pasado o Partido Popular e recentemente Ciudadanos co tema catalán. Son capaces, tamén, de reactivar o tema dun terrorismo inexistente; xa o intentaron. ao través das súas camarillas mediáticas e asociativas afíns, de facelo co tema da pelexa de bar de Alsásua, polo cal non é dificil pensar que pode ser un arma a utilizar. Mentres utilicen só a palabra e non pasen a facer simulacións, aínda que indesexable e artero,  a cousa non pasa de ser simplemente grave. 

Pero a este chasco levado polo Partido Popular na moción de censura temos que lle engadir a posición dun partido, Ciudadanos, para comerlle terreo electoral a aquel. O que vai contribuír aínda máis a que tanto partidos da extrema dereita coma o seu lixo mediático subvencionado ou ideolóxico polaricen máis e máis a situación. E no ámbito da información teñen maioría abundante. Sen esquecer os movementos internos do PP, tanto para a sucesión ou golpe de partido a Rajoy como para emigrar a terras ciudadanas e coller alí unha boa colocación.

Por unha parte está o partido de extrema dereita que representa a falanxe do noso tempo, dirixido tamén por un Rivera, que representa aos grandes capitais, pero que troca a cor azúl pola laranxa. Un partido, no fondo, tan perigoso coma o foi a Falange Española de las JONS nos anos da pre e da post guerra. Un partido cuxo lider adoita frases e pensamentos casi literais aos expresados por Mussolini e José Antonio Primo de Rivera nunha época histórica anterior; un partido, como se ten demostrado no conflito catalán, que arrastra coas súas proclamas a grupiños e subgrupiños da extrema dereita violenta, os do “a por ellos”. Un partido que empezou indo de “dereita civilizada” pero ao que agora se lle están empezando a ver cales son as súas verdadeiras intencións. Amais, parece que conta con financiamento sobrado (e non falo do que lle corresponde polos seus resultados electorais) xa desde a primeira vez que se presentou a unhas eleccións xerais cuxos resultados non foron os que pensaban en ningún dos dous procesos consecutivos se nota que manexa fondos. E despois o campañón de Catalunya. Non é dificil imaxinar, aínda que non con certeza, de onde poden quitar os cartos; sobre todo se consideramos o pasado laboral do riverita e o éxito do seu primeiro experimento político catalán.

Da outra parte está a extrema dereita franquista, representada principalmente polo Partido Popular, que non quer deixar que os da laranxa lle quiten e disputen os seus dominios. Polo que tentarán de polarizar ao máximo as súas políticas de dereitas coa finalidade de manter a súa influencia sobre o electorado de pensamento fascista (violentos e non violentos); tentaran, amais, de manter á caverna mediática da súa parte coma ata o de agora así como os favores do empresariado que poida estar pensando en cambiar de bando. Así como manter a presión caciquil no medio rural e socialmente atrasado de cara a manter resultados electorais (aquí vai ter a dificultade dos caciques que estimen mellor posicionados aos de Ciudadanos). E tamén de manter o favor dos que “non queren saber nada de política” e rematan sempre por votar a opción da extrema dereita pepera.

É dicir, Sánchez non o vai ter doado. Mais a min no me da pena algunha.

E eu, e moit@s coma min, que quero para esta etapa de transición ata as próximas eleccións xerais?
Nós, os que non pasamos da política porque sabemos que a política non pasa de nós, pero que non estamos encadrados en ningún partido político ou coalición electoral, tampouco imos telo fácil. Realmente moitos de nós conformámonos con pouco para este tempo que falla para as próximas xerais: 

  •  Que se respecte a liberdade de expresión, e polo tanto se derrogue a Lei Mordaza e a reforma pepero-fascista do código penal; que deixen en paz e en liberdade a aqueles perseguidos e condenados polas leis fascistas;
  • Que derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, que non haxa pensións inferiores ao salario mínimo e que se garanta o poder adquisitivo d@s pensionistas;
  • Que os nosos fillos, fillas e net@s poidan ter un traballo en condicións estábeis de contratación, con salarios dignos e con dereitos laborais conforme á Declaración Universal dos Dereitos Humanos;
  •  Que se depure a Administración de Xustiza de forma que non sexa unha extensión da política. E que se separe dela a aqueles xuíces e xuízas que poidan ditar sentencias, agravalas ou minimizalas, en función da súa ideoloxía e non dunha aplicación mesurada da lei acorde coas circunstancias sociais dos procesados e da sociedade;
  •  Que se derrogue a LOMCE e se volva a situación precedente mentres non se lexisle unha nova lei na que a relixión fique fora da escola e na que non se subvencione ao ensino privado máis alá do que sirva transitoriamente para garantir unha educación universal;
  •  Que se estableza unha política de bolsas suficientes para o estudantado que non teña posibles;
  • Que se inicie a reversión ao público da totalidade do sistema sanitario e se garanta a sanidade universal como dereito para todo o mundo;
  •  Que se respecten os dereitos humanos para as persoas inmigrantes;
  •  Que se traslade a competencia sobre a AP-9 a Galiza e que se obrigue á empresa a levantar a barreira das peaxes cando non haxa fluidez no tráfico;

Como se pode ver, aínda que posiblemente me esqueza de algo urxente, non é moito o que se desexa para un ano ou dous, máximo se temos en conta que moitas desas medidas xa foron aprobadas por unha maioría parlamentaria e bloqueadas polo goberno saínte do Partido Popular.

Pero do partido dos bandazos, o PSOE, non se pode esperar moito.


[1] Eu son da opinión de que esa Cámara foi constituída nas primeiras eleccións postfranquistas coa finalidade facer fronte (xunto coa sobrerepresentación no Congreso das provincias socialmente máis atrasadas) ao través dos “senadores por designación real” á posibilidade de que a esquerda puidera obter maioría nas Cortes Constituíntes. E despois mantivérona para colocar nela aos dinosauros de cada partido. De aí o de “resíduo juancarlista”, con todo o que iso significa en relación á ligazón do réxime co franquismo e a negación da democracia co réxime político actual do Estado.

16 abril 2018

Transversalidade ou uniformidade? A transversalidade dos movementos sociais


Nos últimos tempos está moi de moda, sobre todo en certos ámbitos relacionados cos movementos sociais, falar da transversalidade. Mais, que é iso? Significa transversalidade o mesmo que apoliticismo? Ao mellor enténdese que transversalidade é a arte de ocultar voluntariamente o pensamento propio e a propia personalidade cando se actúa dentro dun grupo ou colectivo? Ou tranversalidade é impedir a diversidade de pensamento sobre un mesmo tema? En definitiva, é transversalidade o mesmo que uniformidade? Eu, particularmente, penso que non.
Estas cuestións viñeron á miña cabeza despois de escoitar unha intervención de Victoria Portas, voceira da Coordinadora Estatal en Defensa del Sistema Público de Pensiones, sobre a simboloxía nas manifestacións convocadas por esa organización e a súa transversalidade. Intervención publicada nun arquivo de son (pulsar esta ligazón para escoitalo) pola organización sevillana partícipe na citada coordinadora. 

Cando se fala de transversalidade dun movemento estamos a falar dun movemento no que en base a uns obxectivos básicos como pode ser a defensa das pensións públicas, a defensa dun sistema público de saúde ou da defensa dunha sociedade non sexista, entendo eu que estamos a falar de que neles poidan convivir distintas formas de ver a forma acadar os obxectivos comúns buscados e, loxicamente, poden expoñelo en liberdade porque son respectadas desde todas as posicións.

As prácticas amosadas no senso da transversalidade polo movemento feminista e o respecto á expresión das diferentes ideas existentes no seu seo, así como as practicadas nese mesmo senso por SOS-Saúde Pública parécenme todo un exemplo no ámbito da diversidade de ideas expresada en aras de acadar algo que todos e todas as participantes neses movementos desexan. Arredor da reivindicación principal agrúpanse unha diversidade de ideas e pensamentos que son expresados libremente e sen obstáculos por parte da organización.

Na recente manifestación nacional convocada en Vigo pola coordinadora feminista galega no pasado domingo 4 de marzo dos presentes, podiamos ver que baixo o lema común e principal de apoio á folga feminista convocada para o Día Internacional da Muller, había tamén multitude de achegas procedentes de numerosos colectivos feministas ou de mulleres que individualmente poñían cantos ou consignas propias e que arroupaban á que era a motivación central da marcha. Igualmente, sindicatos e partidos políticos poñían as súas cores, as súas bandeiras e mesmo as súas propias consignas para indicar o seu apoio á motivación principal da marcha. O único que pedían a todo o mundo, sen ameazas nin tons autoritarios (disto dou fe persoal por estar no lugar onde ocorreu un feito destas características), as organizadoras da marcha era “en primeiro lugar as organizacións e colectivos feministas, os e as demais para atrás”. Por suposto que o respecto das e dos “demais” (algunhas delas presentes como secretarías da muller de centrais sindicais) ao solicitado polas organizadoras da marcha foi inmediatamente cumprido, sen ánimo de capitalización por parte de ninguén. Bandeiras do PSOE, de Esquerda Unida, do BNG, bandeiras republicanas, bandeiras estreladas, pancartas e bandeiras de sindicatos e das súas secretarías da muller conviviron en perfecta harmonía coas bandeiras dos distintos colectivos feministas e da coordinadora feminista galega; todas e todos co mesmo obxectivo: divulgar e convocar a folga das mulleres para o seguinte 8 de marzo. Todo un exemplo de real transversalidade. Todo un exemplo de respecto á exposición e á expresión das ideas propias e alleas, así como de respecto ao obxectivo proposto polas organizadoras.

Algo similar ocorre coas mobilizacións organizadas por SOS-Saúde Pública ou pola Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública, mobilizacións nas que están presentes toda caste de cores, pancartas, bandeiras e persoeiros de distintas organizacións e pensamentos que se agrupan arredor da motivación principal que sostén a citada mobilización.

Puxen estes dous exemplos, feminismo e sanidade pública, por ser das máis recentes e numerosas mobilizacións; e que, ademais, das de maior concorrencia en cuanto a diversidade de pensamentos que nelas participan. Pensamentos que se mostran libremente e que non son amordazados polas organizadoras das mesmas. E non por ser diversas e realmente transversais diminúe a afluencia de persoas ás mesmas. Iso si, todos e todas as participantes van coa cara descuberta amosando quen son e como pensan. 

Alí onde hai caras descubertas e transversalidade non hai caldo de cultivo propicio para salvadores de nada, nin para políticos de culler, nin para negociantes sen escrúpulos. Cada quen móstrase como o que é; e cada quen é respectado polos demais participantes. Todas e todos ao mesmo obxectivo. Como dicía parte da letra desa bonita canción, que tivo moito éxito e foi perseguida na República del Salvador nos anos 70 do pasado século: “de cores, de cores vístese o campo pola primavera”.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...