22 novembro 2018

Fascistas, golpistas, esgarros, mentiras, censura e cintas de vídeo no Congreso dos Deputados

Menudo balbordo o de onte, 21 de novembro de 2018, no Congreso dos Deputados. Foi nova de portada en todos os medios de “información”; emisoras de radio, televisión, xornais dixitais e, hoxe, xornais impresos fixéronse eco do acontecido cando o deputado de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Gabriel Rufián, contestou con ton despectivo a unha intervención insultante (chamoulle, entre outras lindezas, “golpistas” aos nacionalistas cataláns) do “Riverita”, aplicándolle a este o cualificativo, tamén entre outras lindezas, de “fascista” (permítaseme que denomine así ao presidente e voceiro de Ciudadanos Albert Rivera, ao cal non sei se lle gustará; pero a min dáme o mesmo).
E nisto falou Borrel.
Sen saber por onde andaba, pois parece tal que oíu campás sen saber a que tocaban, saíu o Borrel a pedirlle á Presidenta do Congreso que fixera retirar a verba “racista”, verba que ninguén tiña pronunciado. Parece que Borrel ou ben necesita un sonotone, ou ben estaba alí por estar sen atender moito ao que no hemiciclo se falaba. Rufián, que non cala, e ás veces as súas boas intencións fan que se convirta nun bocas, alporizouse contra o Borrel aplicándolle a el tamén o cualificativo de hooligan, e non sei se tamén o de fascista, por estar moi implicado nesa organización civil de tendencia ultranacionalista española chamada Sociedad Civil Catalana, xunto con toda a caterva fascista, os extremo- dereitistas de C's e do Partido Popular, por unha man chea de xenófobos e por todos aqueles dirixentes sociais ou políticos (incluso peruanos ou franceses de acollida, como Vargas Llosa -fracasado aspirante á presidencia de Perú- ou Manuel Valls -fracasado aspirante á presidencia francesa) que se distinguen por negar o dereito dos pobos a decidir o seu destino e a utilizar e poñer en valor aqueles elementos propios da súa cultura que os fai efectivamente diferentes daqueles outros territorios cos que conxuntamente forman un Estado; e algúns outros personaxes, tamén integrantes e primeiras figuras desa Sociedade Civil Catalana, como o Riverita, a Arrimadas ou o do PP de Cataluña, que se empeñan en negar o acceso a ese Estado de persoas que proveñen doutros continentes ou doutros países e que veñen á España en busca de medios para poder sobrevivir das guerras ou das miserias aos que os someten os chamados países desenvolvidos, entre eles os da Unión Europea que lles rouban as súas materias primas a cambio de nada ou lle venden armas a outros países para que os masacren. Quizás fora iso o que acendeu as alarmas de Borrel cando coidou escoitar a non expresada verba “racista”; non o sei.
E, por malos, ficades censurados (vos e quen pretenda coñecervos no futuro).
Á fin dos rifi-rafes cruzados, dona Ana Pastor, despois de advertir tres veces ao deputado de ERC, expulsouno da sala de sesións e mandou retirar do diario de sesións as verbas “fascista” e “golpista” previa filípica ao conxunto dos deputados aos que ameazou con retirar dos diarios das sesións toda esa caste de verbas; no sei se só as dúas mencionadas ou todas as que estean considerados como de mala educación; nin tampouco se vai ser da agora en diante ou vai ter efectos retroactivos (se é así, vai a haber algún que interviña moito e que vai desaparecer das actas. Ou non, Rafa?).
Vaia desde aquí o meu desacordo coa decisión de Ana Pastor; iso falsifica o ambiente real que se vive en cada momento socio-político no ámbito parlamentario e no conxunto do país; e aínda que os que hoxe vivimos non esperemos nada bo de moitos dos políticos que teñen un escano no Congreso dos Deputados ou do Senado, as futuras xeracións deben poder adiviñar e facerse unha idea o máis obxectiva posible tanto das actitudes coma dos discursos e intervencións varias habidas nas cámaras parlamentarias; así como do ambiente no que se desenvolveron os debates. Imaxinen vostedes que estiveran censuradas as intervencións de Felipe González antes do 1982, de Fernando Sagaseta, de Aznar, ou de Labordeta; imaxinen igualmente que desapareceran todos os insultos (moitos deles gravísimos) recibidos desde as bancadas do Partido Popular por deputados como Labordeta, Alfonso Guerra, Sagaseta, Julio Anguita ou outros moitos. Como permitir que a historia se esqueza daquel “que se jodan” pronunciado por unha deputada do Partido Popular valenciano dirixido a un colectivo social desfavorecido como son os parados? Permitilo sería un secuestro e unha falsificación da información e da historia. Ao mellor, tendo en conta da procedencia da maioría dos insultos que se pronuncian nesa cámara dos deputados (polo menos desde que se constituíron as cortes post-franquistas) proceden das bancadas da extrema dereita, podemos entender a decisión da Presidenta do Congreso pertencente ao Grupo Popular coma un intento de salvar a impresentabilidade daqueles deputados e deputadas dese grupo cuxo único nivel de argumentación e intervención parlamentaria baséase nos insultos, apupos, aplausos e asubiamentos.
Fascistas e golpistas.
Fascistas” e “golpistas” foron as dúas motas de po que logo convertéronse en lodo. Que teñen esas verbas que non teñan outras tanto o máis inapropiadas e insultantes pronunciadas no mesmo foro noutras ocasións?
Sen meterme en connotacións de clase, fascistas é un cualificativo ideolóxico que ten que ver con aquelas persoas ou colectivos que admiran e demandan rexímes políticos de carácter autoritario, liderados por unha persoa que actúa coma ditador, onde os representantes políticos non son escollidos polos cidadáns (que pasan a converterse en súbditos), onde os distintos cargos técnicos  e políticos do Estado non teñen nada que ver co mérito e capacidade das persoas, senón co poder económico, social ou coas amizades que poidan ter as persoas que os desenvolvan. Rexímes baseados na corrupción xeneralizada en favor dos máis podentes, onde os que teñen a tixola polo mango rouban obxectos e propiedades valiosas a quen non comunga con eles ou non ten modo ou azos para facerlle fronte, ás veces incluso roban a aqueles que comungan con eles. Rexímes onde a forza e a existencia de persecucións policiais ás persoas que discrepan co réxime político son pan de todos os días, incluso pasando pola eliminación física ou encarceramento dos que pensan de forma diferente.
Ás veces eses rexímes están tinguidos dunha especie de verniz que pretende darlle un carácter social (como o franquismo, o fascismo musoliniano ou o nazismo alemán) pero no fondo o único que lles importa a quen os impulsa é enriquecerse e, dende o seu servizo aos grandes capitais oligárquicos, aproveitarse do seu poder de coacción policial e económica. Outras veces, hai rexímes fascistas aos que de todo o exposto só lles fallan os transfondos ideolóxicos; nin sequera tratan de disimular o que son e o que queren; serían os casos das múltiples ditaduras latinoamericanas (Pinochet, Videla, Somoza, etc.).
Maiormente, esas ditaduras fascistas instáuranse ao través de golpes de Estado, ben desde movementos militares contrarios aos gobernos existentes (o fascismo franquista ou o de Pinochet, por poñer dous exemplos), ben desde as propias institucións recortando de forma consecutiva as liberdades democráticas, como por exemplo o réxime nazi de Adolfo Hitler.
O cualificativo de “golpista” está referido a aqueles que desexan trocar un réxime político de forma brusca e apoiándose na violencia. A historia demostra, ata o momento, que a violencia deses golpes é unha violencia apoiada nas armas seguidos de múltiples asasinatos e xuízos-farsa; e, normalmente, coa participación dos exércitos regulares dos propios países nos que se teñen dado golpes de Estado. Así ocorreu en todos os ata agora mencionados, onde a participación activa dos exércitos liderados por altos oficias faltantes á súa honra e aos seus xuramentos de lealdade ás leis, deu lugar a réximes fascistas con todas as características sinaladas nos parágrafos anteriores. O Chile de Pinochet, a España de Franco, a Arxentina de Videla, a Nicaragua de Somoza, a Italia de Musolini, a Francia de Petain,...; golpes todos co obxectivo de rematar coas liberdades democráticas e que tiveron coma consecuencia o asasinato de milleiros de persoas e de milleiros de desaparecidos entre aquelas persoas significadas pola defensa das liberdades ou simplemente en desacordo co réxime resultante.

Igualmente, foron golpistas os que en febreiro de 1981 alzáronse en armas, tomando o Congreso dos Deputados, as rúas de Valencia con tanques; e non se sabe cantas barbaridades máis e cantos personaxes máis houbo implicados, ocultos baixo aquel famoso "pacto do capó" que privou á sociedade dun obxectivo coñecemento do que pasara. É evidente que iso foi rebelión, sedición e golpismo; e que Pardo Zancada, Tejero, Muñecas e Milans del Bosch, os seus protagonistas máis coñecidos, son sediciosos, rebeldes e golpistas.
Golpe de Estado foi, tamén, o movemento dos militares portugueses do 25 de abril de 1974. Pero a diferencia dos golpes militares antes referidos, liderados pola extrema dereita e apoiados polos partidos da dereita, o golpe portugués foi un golpe incruento e destinado a restituír as liberdades democráticas no veciño país. Os únicos perseguidos como consecuencia dese movemento das forzas armadas de Portugal foron aqueles policías políticos da PIDE que tiñan no seu haber crimes perpetrados contra cidadáns polo simple feito de disentir do réxime salazarista.
Evidentemente, toda a comedia xerada arredor do denominado “proçés” catalá pola dereita e a esquerda nacionalistas lexitimamente partidarias da independencia de Cataluña non foi un golpe de Estado. Non houbo violencia, non houbo armas, non houbo corpos armados que a apoiaran. En suma, non houbo nada que suxira a existencia nin dun golpe de Estado nin dun conato de tal. O único que houbo foi un desexo, expresado de forma institucional, de que ese país se independizara dos Estado Español; todo elo á vista de que quen dirixe o Estado non permite que o pobo catalá poida expresar libremente e nas urnas a súa opinión sobre o particular. Nin golpe de Estado, nin rebelión, nin sedición por moito que o digan maxistrados do tribunal supremo español, fiscais do Estado, avogados do Estado, avogados de Vox, Riberita e Arrimadas de C's ou o Pablo Casado e o campeón de lanzamento de sos de aceitunas do Partido Popular.
Máis arriba telo falado dos golpes militares cruentos que trouxeran consigo a corrupción e os milleiros de asasinatos de opositores; todos eles tiveron o apoio das organizacións políticas dereitistas, agás poucas excepcións, dos respectivos Estados. A historia nolo conta así; os partidos democrata-cristianos ou liberais maioritariamente apoiaron os golpes de Estado da Italia de Musolini, do Chile de Pinochet ou da Arxentina de Videla, por poñer os máis coñecidos; a CEDA de Gil Robles apoiou o golpe de Estado de Franco contra a Segunda República, ao igual que a Falange Española que amais prestou a súa ideoloxía para o réxime franquista nos primeiros anos da súa existencia.
Non cabe dúbida de que aqueles, persoas ou organizacións, que son partidarios ou non condenan eses golpes de Estado que rematan en rexímes autoritarios poden ser tildados sen lugar a equívocos como fascistas. E isto é curioso, porque os que se negan a condenar publicamente as atrocidades e o golpismo de Franco son os mesmos que cualifican de golpistas aos membros de ERC e do partido da dereita nacionalista de Cataluña. Igualmente, moitos dos que hoxe tachan de "golpistas" aos independentistas cataláns, son os mesmos que tratan con reverencia aos golpistas do 23-F, cualificándoos de "teniente coronel", "general", "coronel", ... minusvalorando a gravidade da súa actuación pasada, devolvéndolle un rango militar que xa non teñen e tratándoos cun respecto que non merecen. Logo, realmente, no panorama político actual do Estado Español quen son os golpistas ou que alentan aos golpistas?
O galapo contra Borrel.
Outro dos escándalos acontecidos no pleno do Congreso que deu lugar a esta entrada no blogue foi o suposto esgarro propinado por un deputado de ERC contra Borrel.
Conta Borrel que, cando os deputados e deputadas de ERC abandonaron o hemiciclo en protesta pola expulsión do seu compañeiro Gabriel Rufián, un deles ao pasar pola súa fronte esgarrou contra el. O acusado e os seus compañeiros négano.
Onte pola tarde, no programa de debate da Sexta Mais Vale Tarde, puxeron de forma repetida, a distintas velocidades e con imaxes tomadas desde distintos ángulos do momento no que se deu a suposta agresión. E a verdade que non se aprecia que tivera lugar o feito relatado polo Ministro de Asuntos Exteriores; todo indica que Borrel mentiu, que neste caso se comportou coma un perfecto mentireiro, que contou un conto.
Pero é máis. Cales pensades que serían as reaccións dunha persoa no momento de recibir un esgarrazo no propio corpo? Eu lémbrome de cando era pequeno, de cando algún compañeiro xogando ou no recreo das escola me galapaba; lembro que o primeiro que facía era poñer cara de asco e levarme a manga do que tivera posto ao sitio onde me impactara a guarrada para limparme; e, se non tiña manga, un pano. E o mesmo outros compañeiros. Eran reaccións instintivas. Reaccións que a Borrel non se lle viron en ningún momento.
Pero non só é apreciación miña, senón xeneralizada segundo o escoitado hoxe en diferentes emisoras de radio.

01 outubro 2018

Toni Cantó, de cando @s borreg@s sentíronse ameazad@s polas vacas e outras lerias

          Esta entrada ven a conto dunha proposición realizada no Congreso dos Deputados polo parlamentario valenciano Toni Cantó, pertencente ao partido político Ciudadanos. Esa proposición facía referencia a retirar á esixencia, para o funcionariado das administracións públicas, de coñecer as linguas das comunidades autónomas que teñen linguas propias ás que puideran ser destinados ou ás que puideran acceder por concurso ou oposición. É dicir, que as empregadás públicas e empregados públicos destinados neses territorios non tiveran a esixencia de poder entender ás persoas que na súa terra queren facer a vida na súa lingua nai (cousa á que teñen dereito e que na actualidade en moitos casos se lles nega -polo menos en Galicia-, moitas veces con malos modos e quebrando a lei, en numerosos organismos públicos); ou entender a outras persoas que teñen dificultades para expresarse en castelán (pola idade, polo baixo nivel académico,...) pero que dominan a linguaxe oral da súa terra que falaron desde que eran pequenas, e que moitas veces no afán de falar en español trocan completamente o significado do que queren dicir ou fan inentilixible aquelo que falan, co conseguinte prexuicio que iso pode xerarlles [1]. Todo isto plantexábanno desde Ciudadanos, ao través de Toni Cantó, como forma de garantir unha suposta igualdade nos procesos selectivos. Como se a función pública fora un dereito só atribuible a quen a desempeña e non un dereito, sobre todo, da cidadanía que recibe atención de quen exerce esa función pública.

Mentiras como parte da propaganda.

           Pero ese intento de impedir que a cidadanía non puidera ser atendida na súa lingua nai sempre que así o demandara non foi o máis grave da intervención do mal político e peor actor que é Toni Cantó. O peor foron as mentiras dese señorito sobre a suposta desaparición do idioma español nas comunidades con lingua propia, entre elas Galicia, e a imposibilidade dos español-falantes de comunicarse neses territorios “por ter desaparecido neles o español”.
    Esa eterna mentira que os partidos e grupos dominados pola extrema dereita como Ciudadanos, Vox ou o Partido Popular están espallando na súa propaganda cara ao resto do Estado sobre o que supostamente está a pasar coa lingua castelá en Cataluña, no País Vasco ou Galiza, pero cuxo parecido coa realidade é pura coincidencia.
    Quen viaxa polo mundo adiante sabe perfectamente que cando vai a Cataluña e fala castelán non ten ningunha dificultade para facer a súa vida nese idioma; sabe que cando chega a un establecemento e quen o atende diríxese a ela en catalán basta con indicar con educación e corrección que non entende esa lingua para que con exquisita corrección sexa atendida en español. E o mesmo no resto do Reino de España. O problema xurde cando nos reciben no seu idioma natural e nós damos unha mala contestación por nos falar en catalán, euskara ou galego. Porque hai moita persoa maleducada ou facha que fai iso; que vai a Portugal e pretende que lle falen en español ou que vai a Inglaterra e non se explica como se dirixen a ela nesa idioma. Iso sí, como posiblemente fai Toni Cantó, Ines Arrimadas, Riverita ou outros fascio-cuentistas da lingua, non dubidan en introducir na linguaxe cotiá falada na súa España de palabros como “sponsor”, “cooking”, “ir de shoping”, ... ou outras do estilo que parece que visten moito pero con frecuencia amosan o apaletamento idiomático de quen as usa.
        Pero se grave é facer unha afirmación gratuíta dese tipo, afirmación que só lles sirve para pescar votos no mundo facha, dicilo da Galiza sobrepasa con moito calquera nivel de realidade. Galiza, onde a extrema dereita do Partido Popular de Galicia desde o goberno galego, coa ferviente e interesada colaboración de xornais escritos como La Voz de Galicia ou o Faro de Vigo, ten reducido o uso da lingua galega case a un nivel marxinal nos medios urbanos e falada cada vez menos no medio rural. Os gobernos de Núñez Feijóo teñen procurado, desde a chegada deste personaxe á Presidencia da Xunta de Galicia, de que o uso do galego fora diminuíndo en todos os campos e administracións [2], sobre todo no ensino onde a utilización da língua redúcese a un número ínfimo de materias, impídese en moitas ou poténciase a súa non utilización en outras nas que si pódese ou debería ser usada (con dicir que son numerosos os colexios autodenominados trilingües nos que imparten a materia de “Coñecemento do Medio” en inglés...); e, polo que me contan antigos colegas, nas poucas nas que si é obrigado o uso da lingua galega, parece como si a inspección non actuara para controlar a súa non utilización, sobre todo en colexios privados. Con estas políticas activas de socavamento da lingua propia estase mesmo a quebrar, ao meu entender, a Lei de Normalización Lingüística aprobada coa maioría parlamentaria durante un período de goberno de Fraga Iribarne; e, por suposto, québrase ampliamente a Carta Europea das Linguas Minorizadas. Ata tal punto que hai conselleiros da Xunta de Galicia que teñen a pouca vergoña de facer, incluso na Galiza, as súas intervencións oficiais en castelán.
Partido Popular: en Galicia unha cousa, no Congreso  dos Deputados a contraria.
         Ben sabemos, por ser numerosos os exemplos (a bote pronto lémbrome do rescate e da carestía das peaxes da AP-9, das obras do AVE, da peaxe de Redondela, da organización sanitariada Galiza, etc.), que os membros do Partido Popular din unha cousa en Galicia e no seu Parlamento e logo a contraria no Congreso dos Deputados ou trocan a música dependendo de quen goberne.
         Isto tamén aconteceu coa proposición de lei de Ciudadanos defendida por Toni Cantó, na que todos os deputados do Partido Popular polas catro provincias galegas votaron favorablemente (xunto aos demais deputados da extrema dereita) á citada proposta, é dicir, a que a cidadanía de Galicia non tivera garantido o dereito a ser atendida na súa lingua propia en calquera organismo público sito na súa comunidade. Eses deputados e deputadas foron: Marta González, Juan Juncal, Miguel Lorenzo, Tristana Moraleja, Joaquín García Díez, Jaime de Olano, Celso Delgado, Ana Belén Vázquez, Miguel Viso, Tomás Fole, Pilar Rojo e Ana Pastor, esta última Presidenta da cámara baixa.
      Parece que o deputado Cantante (perdón) ...Cantó días máis tarde, despois de ter coñecemento das numerosas críticas e máis que se lle fixeron pediu desculpas aos galegos pola súa metedura de pata. O que non sei é se fixo o mesmo cos cataláns e cos vascos, aínda que penso que non, que non llo permitiría o Riverita e a Arrimadas aínda que quixera. En todo caso, tiña que pensalo antes de facer esas impresentábeis afirmacións.

              De borreg@s e de vacas.

        A min esta campaña mintireira de Ciudadanos lémbrame aquela, outra tamén baseada nas mesmas fantasmadas, emprendida por un clube de amigotes liderados por unha señora e chamado Galicia Bilingüe (que non sei se sigue existindo) e que tivo o seu culmen no mes de febreiro do ano 2009 nunha manifestación celebrada en Compostela na que estaban, amais dos organizadores, un amplo abanico representativo da extrema dereita e da extrema dereita lingüística. Así podiamos ver nela á Ana Pastor, actual Presidenta do Congreso dos Deputados (vemos que segue igual de facha que entón), Rosa Díez, o Riverita, o actual Vicepresidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda, Ignacio López Chaves, Corina Porro, etc. É dicir personaxes coñecidos polo seu apego á extrema dereita ideolóxica.
            A idea destes suxeitos ligados ao Partido Popular e Ciudadanos ou similar era o acoso e derribo ao goberno galego que compartía PSdG-PSOE e BNG, próximas xa as eleccións autonómicas galegas. Agás Rosa Díez, todos eles seguen a estar nos cumios da política na actualidade. Hai que dicir que non estaba presente Núñez Feijóo, daquela candidato a presidir a Xunta da man do Partido Popular; supoño que non por falta de ganas senón por outros motivos confesables ou inconfesables. A señora esa cuxa grupello de amigos organizou a manifestación parece que agora anda moi próxima á extrema dereita de Vox e sigue nas súas fantasmadas; sei que agora anda a recoller sinaturas para que os topónimos galegos teñan a versión española. Que Sanxenxo, sexa Sangenjo (non San Gines, como sería de verdade); que O Carballiño sexa Carballino (non El Roblecito); supoño que pedirá Niño de la Guía para Niño da Águia, en lugar de Nido del Águila que sería a tradución correcta; e non sei si para O Porriño pide El Porrito ou para Muxía pide Múgía ou Ordeñaba, este último sería a tradución correcta. Parece que anda por aí recollendo sinaturas e que moitas persoas de fora de Galicia, supoño que maiormente fachas ou crédulos en grado sumo, están a asinar semellantes historietas. De Galicia poucas ou case ningunha; e quen asina... extrema dereita.
      A dicir dos xornais de fora de Galicia, para acadar asistencia á citada manifestación fletaron buses de casi toda Galiza e viñeron colectivos de extrema dereita lingüística desde Cataluña e País Vasco. Iso custa moitos cartos e coido que Galicia Bilingüe (ou Bífida, como lle dicían moitos daquela) non os tería, así que damos por bo que a pasta e a xente púxoa o Partido Popular, que reclutaría vai ti saber donde coma se foran borreg@s. Porque só póde denominarse desa así a quen, vivindo na Galiza, tragaba semellantes fantasmadas cuxo parecido coa realidade era pura coincidencia, igual que agora coas estupideces ditas por Toni Cantó no Congreso. Ou tiñan interese político non declarado no evento. Ou, simplemente, eran da extrema dereita política e lingüística. Eu penso que as dúas cousas.
        O que non contaban @s borreg@s era con que cando menos o esperaban íanlle a aparecer unhas vacas a disputarlle o pasto (non falo dos bocatas nin dos 20 pesos por asistente, e quiza unha visita guiada ao sepulcro do apóstolo, que non me extraña recibiran por ir). Cun sublime alarde de imaxinación houbo unha organización política cuxos membros disfrazáronse de vacas e aparecéronlle na cabeceira da manifestación contra o idioma galego antes de escomenzar a andaina. Supoño que non fai falla dicir que a presencia das vacas tivo tempo contado; que dilixentemente, e como adoita acontecer en casos coma este, apareceron as chamadas forzas da orde para deter e/ou impedir que as vacas puideran impedir que @s borreg@s seguiran o camiño marcado polos pastores.
             En fin, isto non cambia. As moscas trocan, pero a merda segue a ser a mesma.
 Notas.-
1 Agora non me lembro quen foi o autor, pero hai anos (non sei se foi un fiscal ou un xuíz) publicouse algo relacionado cos prexuizos que a falta de uso do galego na Administración de Xustiza estaba a provocar ás persoas galego falantes que tiñan que declarar en causas xudiciais, tanto no referente á forma de tradución que esas persoas facían para tentar de falar castelán como ás interpretacións realizadas por quen tiña que levantar acta desas intervencións.

2  Non sei se a posición de Núñez Feijóo contra o galego ten algo que ver con aquelo que me contaba cando eu estudaba en Compostela unha persoa, nativa dos Peares, coa que compartía piso de estudantes. O feito aconteceu nun programa de Cesta y Puntos, onde un mozo natural dos Peares, alumno dun colexio de pago ourensá, preguntado polos sons que emiten os animais en lugar de dicir “rebuzno”, posiblemente condicionado pola diglosia lingüística, dixo “orneo” ou “ornear” (agora mesmo non recordo ben) referíndose ao son emitido polos burros. Loxicamente, ao desenvolverse o programa en castelán, nos anos sesenta do pasado século, foi dada a resposta por non válida. Feijóo é dos Peares.

17 agosto 2018

Militares franquistas. Apoloxetas do xenocidio


      Un día coma hoxe, 17 de agosto, do ano 1936 os militares e gardas civís franquistas, os seus compinches da Falange, e os oportunistas do momento asasinaron a Alexandre Bóveda despois dun “xuizo” farsa con xuíces indesexables. Un día antes tocáralle o turno de ser asasinado, despois de ser sacado da cadea na que estaba preso á espera de “xuizo” e “paseado” (pola mesma caste de criminais ao servizo do xeneral Franco), ao meu avó José

       Un e outro non pensaban da mesma maneira; Bóveda era un galeguista que participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1936 e membro do Partido Galeguista, un partido nacionalista de dereitas. O meu avó era anarquista, membro da Sociedade Agraria do Porriño, e posiblemente non lle daba unha importancia prioritaria á consecución dun estatuto de autonomía para Galiza. O único que ambos tiñas en común era o seu respecto pola legalidade vixente, pola modernidade do Estado e da sociedade iniciada coa Segunda República, por defender o dereito ao voto das mulleres, por amosar as súas preferencias pola Fronte Popular e por defender todo aquilo que significaba liberdade e igualdade para toda a cidadanía, sen distinción de procedencia social, raza ou xénero.
         
Por desgraza, e por desexo expreso dos militares golpistas e asasinos comandados por Franco, non foron os únicos asasinados fora da fronte de guerra. Foron centos de miles de persoas as que foron sacadas dos seus domicilios, perseguidas polo monte, sacadas das cadeas na que estaban presas e indefensas,... e asasinadas e torturadas vil e salvaxemente por eses covardes. De moitas desas persoas, máis de 140.000 segundo unhas fontes e máis de 150.000 segundo outras, aínda hoxe non se teñen atopado os seus cadáveres. Fito real que forma parte desa tan cacarexada “marca España” con que a dereita española se gaba pero que tenta de esconder; e que fai do Reino de España o segundo país do mundo con meirande número de desaparecidos causados por xenocidio (o primeiro é a Camboia dos xémeres roxos).

Manifesto de militares “retirados” (e claramente fascistas).
E nisto, unha serie de militares xubilados publican, no pasado mes de xullo, unha "declaración de respecto e desagravio" ao xefe militar dos asasinos, o xeneral Franco. Iso si, convenientemente aupados e voceados por organizacións fascistas, como á que eles parecen pertencer, e pola caverna mediática formada polos xa coñecidos La Razón, Ok-Diario, El Español e outros medios defensores das ideas máis rancias e de extrema dereita que circulan polo reino.

          O problemático é que nos falan de Franco como “un militar exemplar”; e para ter unha demostración recomendan a lectura “sosegada e obxectiva” da súa folla de servizos. Eu imaxino que a folla de servizos do xeneral asasino será un historial militar fabricado ad hoc para elevar ao máis alto ao pequeno militar de espírito triste e voz afrautada. Seguro que esa folla de servizos non fala para nada de que vulnerou a legalidade vixente, con premeditación e aleivosía, con armas para acadar os fins e con resultado de centos de miles de mortes, cousa que calquera código penal cualificaría coma asasinato. Seguro que esa folla tampouco fala das ordes de asasinar a todos os seus compañeiros de armas que se amosaron fieis ao cumprimento das leis vixentes. Sabendo o que sabemos do exército español durante a ditadura franquista e anos inmediatamente posteriores, podemos esperar calquera relato sobre o “personaxiño” cuxo parecido coa realidade sexa pura coincidencia. E non sei se hoxe nas follas militares aínda perdurarán eses contos chinos que nos queren facer crer os da UME sobre os militares golpistas do ano 1936. Non me estrañaría.

          Tampouco falará esa folla de servizos dos acordos acadados con outros militares para asumir a dirección única do golpe de estado contra a democracia e das ordes para non deixar con vida en terra conquistada a ninguén que non mostrara o seu apoio aos asasinos (segundo as coñecidas e taxativas ordes do xeneral golpista Mola).

          Pero o máis curioso de todo é que din facer a declaración amparándose no seu dereito á liberdade de expresión; un dereito que o suxeito que eles defenden negou reiteradamente ao conxunto da cidadanía do Reino de España, un dereito que os asasinos golpistas segaron de raíz ao non respectar as decisións tomadas pola maioría da cidadanía española nas urnas. Uns militares golpistas que estaban ás ordes e ao servizo dos grandes terratenentes andaluces, manchegos e estremeños e dos grandes empresarios e financeiros como os March; dunha banda de asasinos impresentábeis que, posteriormente, aliáronse e colaboraron  nos xenocidios hitlerianos e musolinianos. Uns militares que instauraron un réxime á sombra do que afloraron e medraron os empresarios máis impresentables e máis salvaxes que hai neste país, que o fixeron a costa de sangre dos traballadores e dos labregos e con base en múltiples abusos; todo elo amparado na forza armada do réxime do “ilustre” xeneral Franco. Uns militares que lideraron un réxime onde a corrupción e a corruptela tamén servía para que eles se lucraran e medraran nas súas riquezas persoais e familiares.

          E chámame a atención que tamén se senten amparados polas Reais Ordenanzas das Forzas Armadas. Eu non sei se iso é exacto, mais se é así urxe trocar unha ordenanzas que permiten glorificar a quen vulnera as leis e asasina por sistema a toda persoa que non se mostre submiso ás súas ordes e ideas.

          Curiosamente entre toda esa caterva de militares franquistas están algúns dos que ate hai pouco tempo foron altos mandos do exército. Un deles o tenente xeral que sancionou ao extenente Segura por denunciar (con probas) irregularidades habidas no seo do exército e outro dos asinantes foi axudante do emérito Rei Juan Carlos.

Seguramente, tamén, a totalidade dos impresentábeis que firmaron semellante panfleto amosáronse totalmente de acordo coa detención e condena no post-franquismo dos membros da Unión Militar Democrática (UMD), dos que non respectaron nin a súa liberdade de expresión nin a súa folla de servizos militar. E seguramente algún dos asinantes do libelo franquista aínda pediría maiores condenas, cando non a morte.

          Non sei como xente desa caste puido pertencer despois do ano 1978 ao exército dun país supostamente democrático. Nin tampouco como non foi limpado o ese exército de personaxes coma eses, dos que seguramente subsisten moitos no seu seo. Seguramente estes elementos asinantes do “desagravio” terían un gran alegrón en febreiro de 1981 cando un fato de militares e gardas civís tentaron de rematar coa nacente democracia española; golpe que se trunfara xustificarían da mesma forma que xustifican o proceder de Franco. Pero non sei se foi o famoso “pacto do capó” quen os exculpou ou se estiveron calados ata ver cara a onde derivaban as augas do golpe “tejeriano” e mirar cal era a árbore que mellor sombra daba. Pero a valentía non parece que fora o seu forte.

          En todo caso, o que si podemos dicir é que eses ex-militares son fascistas. E que a súa pertenza ás forzas armadas foi tolerada (potenciada polos altos mandos?) no exército dun país da Unión Europea. E que cando a democracia española tivo o seu maior pico de forza e os elementos fascistoides do exército estaban desorientados, con posterioridade ao fracaso do golpe do 23-F (ou houbo máis de un?) e coa primeira vitoria electoral do PSOE no ano 1982, no houbo quen se puxera a poñer a cada deles onde debería estar: fora das forzas da defensa. 

          En fin, volvo a preguntarme: son civilizados os militares dos países civilizados?

P.S.: 18 de agosto de 2018, un días despois.
        Pois parece que si; que hai xente civilizada de profesión militar. Pero que tarda en reaccionar. (Achego unha ligazón a unha nova do eldiario.es de hoxe). 

      Compre lela con atención, porque dedúcese dela que aínda existe xerifaltía franquista e que esta aínda segue aleccionando aos futuros militares (e gardacivís, claro). É preciso depurar.


30 xullo 2018

Pablo Casado: migrantes e mentiras

     Non chegaban os e as fascistas clásico-modernos europeos como Le Pen, Salvini, Orban e outra serie de fillos mal paridos que rexentan con políticas antisociais contra as clases máis desfavorecidas dos seus países e políticas xenófobas baseadas en mentiras (véxase o artigo de Sánchez de Ugarte publicado no diario.es de hoxe: https://www.eldiario.es/desalambre/Espana-inmigracion-ventajas_0_783222076.html). 

     Pero non só é que eses despreciábeis personaxes sexan quen de enganar a unha importante parte da poboación dos seus países coa sarta de grandes mentiras acerca da pretendida "invasión" de Europa por cidadáns de países africanos e de latinoamérica,senón que chegan, nalgúns casos, a poñer en cuestión a permanencia en países europeos de persoas naturais do propio continente por razóns de carácter étnico. Isto último está a pasar en Italia e Francia cos membros da etnia romaní, aos que o nazi Salvini e a nazi Le Pen, na actualidade, condenan e que no recente pasado foron perseguidos polo goberno dereitoso de Sarkozy en Francia, sen contar coa persecución de exterminio que o réxime de Hitler emprendeu contra as persoas de etnia xitana (e non esquezamos a secular persecución e criminalización dos xitanos en España, perfectamente descrita no Romancero Gitano de Federico García Lorca).

     A cobertura mediática da xenofobia.
     Pero non podemos restrinxir esa persecución á actuación desde os gobernos deses impresentábeis e sinistros gobernantes e os partidos de carácter xenófobo e fascista que os sustentan en cobertura política. Temos que integrar na cobertura e expansión das mentiras asociadas ás políticas xenófobas a multitude de medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, que, consciente e voluntariamente, dan cobertura por activa ou por pasiva a esa sarta de trolas que os nazi-xenófobos usan para tentar de convencer ao conxunto da poboación das maldades asociadas aos migrantes. Cando dicimos por activa referímonos a que apoian coas súas publicacións e desde elas difunden e afondan nas falsas argumentacións; cando falamos de apoio pasivo, referímonos á falta de desenmascaramento das mentiras e á publicación de novas tinguidas de escándalo sobre a chegada de inmigrantes aos países europeos; novas do estilo de "Otro día más, llegada masiva de emigrantes ilegales a las costas andaluzas" (referencia indirecta que contribúe a espallar esa mentira da "invasión" e do cualificativo de "ilegal" aplicado ás persoas que escapan dos seus países por mor de persecucións, guerras ou por falta de medios de sustento), que se puido escoitar onte nun noticiario dunha cadea privada de televisión que emite en aberto; non a dos bispos, que podería ser. Non se pode ocultar que os medios audiovisuais e os medios escritos de distribución masiva están ligados á grande burguesía de cada país, clase que case maioritariamente está detrás do financiamento dos grupos da ultradereita á que utilizan como bonecos, amais de recibir  -a prensa- fortes subvencións dos gobernos coa publicidade ou subvencións finalistas para garantir a súa difusión, e que eses medios non fan máis que defender os intereses económicos de quen os financia. 
     
     Nunca falan das actuacións dos patróns das grandes multinacionais que xeran miseria e pobreza, apropiándose incluso das escasas fontes de alimentación das poboacións sen recursos e dos seus campos tradicionais de cultivo (ver informes reiterados da Organización da ONU para a Alimentación -FAO-) nos países africanos, nos países latinoamericanos e de Oriente Medio. Tampouco falan de que ninguén se monta nunha balsa de praia para cruzar mares a sabendas de que as posibilidades de chagar a destino son mínimas agás que saiban que na orixe a morte sexa unha probabilidade certa. E menos meterse nunha balsa cunha criatura pequena. Información (desinformación) ao servizo de intereses económicos, non da obxectividade e o coñecemento obxectivo da realidade.

     A cobertura política da xenofobia.
     Pero non só é a cobertura mediática quen da alas aos movementos xenófobos da Europa. Hai que sinalar que os partidos clásicos da dereita europea, tanto a dereita da socialdemocracia como a dereita ultraliberal e a dereita democristián, poñen o mantemento das poltronas ao través dos votos por diante dos dereitos humanos das persoas. Así, os gobernos non persiguen aquelas actuacións que contribúen a xerar malestar entre as capas máis desfavorecidas das poboacións dos seus países e que, combinadas coas manipulacións mediáticas e as actuacións dos grupos fascistas como Hogar Social, Falange Española, Hazte Oir, Vox ou outros do estilo xeran dinámicas e sentimentos anti-migrantes.

     Para mostra da falta de actuación dos gobernos un botón. Unha das argumentacións que usan os gobernos tinguidos de xenofobia e os movementos fascistas para convencer á clase obreira (obxectivamente interesada en políticas que defendan o traballo regular, salarios e condicións de traballo dignas) é a suposta "venta", por baixos salarios e fora de toda regulamentación laboral, da forza de traballo dos migrantes ás empresas. O discurso xenófobo en casos deste tipo susténtase "na competencia desleal" que o migrante presenta fronte ao autóctono, co cal consigue enfrontar aos traballadores e traballadoras (locais) contra os traballadores e traballadoras (migrantes). Non critican a quen financia os movementos xenófobos, é dicir, ao empresariado que contrata, por catro chavos e ao marxe de toda legalidade (sen declarar, facendo horario desmedido, sen cotizar á seguridade social, sen dereitos de calquera tipo) a unha persoa chea de fame que chega a un país descoñecido no que a súa integridade e dignidade persoal están en xogo, que elixe o camiño de deixarse explotar e non o do roubo e a delincuencia. Persoas das que se aproveitan empresarios sen conciencia (quizás chegara con dicir "empresarios", sen máis especificacións). Pero poucas veces podemos ler de actuacións dos gobernos contra ese tipo de contratacións (algunha que outra si) e todo tipo de abusos popularmente coñecidos contra os migrantes (recente caso de violacións e abusos sexuais a migrantes en Andalucía), pero si que vemos de verdadeiras redadas e actuacións continuas contra os denominados dunha forma cabrona como "ilegais".

          E non falemos das políticas da Unión Europea de potenciar a escravitude en Libia, os afogamentos no Mediterráneo ou o exterminio dos migrantes en campos de refuxiados de Turquía (hai que dicilo así de cru, porque é no que consiste realmente esa política, a súa resolución final) financiando a países gobernados por delincuentes ou dictadores. Poñendo todo tipo de trabas a que organizacións humanitarias actúen salvando as "embarcacións" que consiguen salvar ás patrulleras criminais de Libia.

     E moitos destes que falan, ouvean, escusan, dirixen ou son altos executivos do eco mediático xenófobo activo ou pasivo ou, simplemente, non fan nada seguramente teñen como empregadas do fogar, ou coma xardineiros, ou como explotadas sexuais a migrantes aos que non teñen dados de alta na Seguridade Social, aos/ás que lle pagan salarios de miseria, facendo xornadas interminábeis e sen días de descanso semanal.

    Estes "asalariados", políticos ou mass-media, da xenofobia nunca falan da contribución dos migrantes ao crecemento económico dos países nos que teñen unhas condicións de traballo dignas e acordes coas leis. Non falan da súa contribución ás arcas da seguridade social, da súa contribución á Facenda Pública ao través dos impostos, da súa contribución a manter a natalidade e moitos outros beneficios, tanto de carácter económico como social. Incluso aqueles aos que chaman "ilegais" contribúen ás arcas públicas cada vez que mercan nun establecemento, agás que o empresario propietario do mesmo, non declare o IVE ou sexa unha empresa pirata.

     Pablo Casado (y de las Jons).
     Esta fronte fascista e xenófoba viuse incrementada nestes días coas declaracións do novo presidente do Partido Popular, Pablo Casado (y de las Jons), un home que de igual modo que o seu antecesor xa apuntaba maneiras. A diferenza está en que mentres M.Rajoy xeraba políticas directamente xenófobas desde as leis, sen grandes movementos propagandísticos, sen críticas da maior parte dos mass-media nin da suposta oposición psoecialista (agás en período electoral), Casado é moi activo na contribución á causa xenófoba. Xa estaba publicamente moi escorado cara á ultradereita cando era membro da executiva e voceiro do Partido Popular; de aí a "cualidade" dos seus apoios entre os compromisarios peperos. Hai quen atribúe esta actitude á tentativa de desviar a atención pública de todos os chanchullos que parece rodean a titulacións universitarias que di ter, pero eu coido que iso non é así. Penso eu que é porque é un membro cualificado do Partido Popular e este, no seu conxunto e na maioría dos seus membros cualificados, é un partido que practica a xenofobia e que non dubidaría en practicar o fascismo máis clásico para acadar os seus fins e protexer as súas carreiras. Poido estar equivocado, pero os cheiro. E feden.

      "As orixes do fascismo", un vello libro moi actual.
     Por último, aconsellar unha lectura interesante, un libro que xa é vello pero que parece escrito hai uns días. O seu autor é Robert Paris, un historiador francés. A primeira edición do libro é do ano 1968. Eu téñoo en español, nunha edición de 1985, que ten por título "Los orígenes del fascismo". É moi instructivo e, como xa dixen, actual.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...