08 febreiro 2019

10-F: Extrema dereita, borregos, ovellas e pallasos tristes


Ás xentes da extrema dereita española parece gustarlle o mes de febreiro para atacar as conquistas democráticas acadadas con moito traballo pola cidadanía. Xa o fixeron utilizando aos elementos máis fascistas do exército sucesor de Paquito El Terrible y sus Oficiales Guaracheros un 23-F; e parece que volven, esta vez con toda a dereita xunta e sen fisuras, a tentar un golpe de man (esperemos que incruento non só no seu desenvolvemento, senón tamén nos seus resultados) contra a democracia; e o que é peor, contra as ansias de recuperación dos espazos democráticos secuestrados á cidadanía polos últimos gobernos do Estado sustentados polas maiorías parlamentarias da extrema dereita do Partido Popular.
Cando aínda non está case nada recuperado, porque parece que por parte do goberno actual do PSOE tampouco hai moitas ganas facelo, os partidos da extrema dereita convocan para o próximo domingo, 10 de febreiro, unha concentración na praza madrileña de Colón. E digo da extrema dereita porque, como xa teño explicado máis dunha vez, ás persoas e ás organizacións eu adoito cualificalas non polo que din, senón polo que fan. Por iso igualo a Ciudadanos, Partido Popular e Vox como partícipes da mesma ideoloxía.
Non cabe dúbida de que a praza de Colón vai estar repleta de nazi-fascistas e toda caste de xentes de extrema dereita chegadas de todas as partes do Estado, a maior parte chegadas a Madrid en autobuses fretados polos convocantes e os seus apoios financeiros. Mesmo hai quen, como o Presidente da Xunta de Galicia, ven expresamente desde terras americanas para asistir ao citado acto de exaltación fascista. O que non se sabe se neste último caso pagará el o seu transporte ou teremos que pagárllelo a cidadanía da Galiza. Ou si se sabe.
En teoría, esa presencia da "nova mesta" polas rúas madrileñas é para protestar por non se sabe moi ben que relacionado con Cataluña; de feito pregúntasllo a calquera dos que participan, incluído os dirixentes convocantes, e cada un diche unha cousa distinta sobre as motivacións. No único que coinciden é en dicir que “polo bien de España”, un manido e fedorento argumento utilizado por todos os golpistas do mundo cada vez que atacan a democracia dos seus países; iso si, trocando o nome do país e poñendo o correspondente.
Eu comprendo que anden tan desesperados. Acabóuselle o chupeteo vario e diverso. Unha morea de cargos públicos de alto nivel pertencentes ao Partido Popular acusados de diversas fechorías para enriquecerse (agora xustifican que xa os botaron) e para lucro dese partido; organizacións de extrema dereita que se quedan sen chupes diversos naquelas comunidades e concellos nos que xa non goberna o Partido de Casado; o lider de Vox que ficou sen as “mamandurrias” madrileñas que lle proporcionaban FAES e Esperanza Aguirre e agora ten que buscarse a vida, e non vaia a ser que despois de toda unha vida teña que poñerse a traballar; ...e supoño que os outros que faltan tamén queren meter o cazo.
Acabo de ler hai pouco que xa se unen á convocatoria cousas tan variopintas como Hogar Social, Falange Española, España 2000,..., é dicir, todo o lixo nazi-fascista que pulula polo Estado Español vai estar en Madrid .
Imaxino que unha vez en Colón, que o petarán, haberá un palco onde se xuntarán os lideres do Partido Popular, Vox e Ciudadanos para lanzar arengas fascistas contra a democracia, contra as mulleres e contra todo aquelo que cheire a liberdade e igualdade. O que si fica máis que claro (por se alguén non o entendía) é que o entendemento entre Ciudadanos e Vox en Andalucía non foi algo ocasional e provocado polo Partido Popular, senón que foi algo buscado polas tres forzas que agora incluso lle dan responsabilidades ao partido nazi-fascista en temas relativos á recuperación da memoria histórica en Andalucía.
En fin, e resumindo: o próximo domingo a Mesta, esta vez disfrazada e fora de temporada, ocupará unha pequena parte de Madrid. Esta vez os ovelleiros montarán unha especie de cercado virtual na Praza de Colón onde xuntarán a todas as ovellas e a todos os borregos, con algún carneiro e algún lagarto de incógnito no medio,  e instalaranlle un palco desde onde os pallasos tristes tentarán que as ovellas non se aburran, os borregos non choren e os carneiros e os lagartos non se desmadren.
Mentres, outros estaremos en Santiago de Compostela intentando defender a sanidade pública galega dos continuados ataques aos que a someten aqueles extremistas de dereita liderados polo que ven das américas expresamente para participar no acto fascista.

30 xaneiro 2019

FILLOS DE PUTA !!


Como poderán vostedes intuír, as entradas neste blog non teñen unha regularidade temporal; tampouco están suxeitas necesariamente a datas determinadas ou a épocas estacionais. Simplemente (e atendendo sempre a cuestións que me preocupan) están suxeitas fundamentalmente a dúas cuestións: un impulso de cabreo, risa ou admiración xerado por algunha nova, reportaxe ou vivencia persoal e o grao de preguiza que me invada no intre de poñerme ao teclado. Isto ten a avantaxe, sobre todo nos últimos tempos, de que así non estou todos os momentos que teño diante da pantalla; imaxínense vostedes: xuízo dos presos políticos cataláns, golpe de Estado en Venezuela, que si o presidente de España pide a Maduro que convoque eleccións agás queira que se recoñeza como presidente ao golpista, que si non fai o mesmo cos sátapras que gobernan e asasinan ás persoas na Arabia Saudita e noutros países do mundo coma Guatemala ou Honduras, que si un xuíz condena simplemente por abusos ou deixa libre a un violador... En fin, para que seguir.

 Neste caso, o cabreo ven determinado por unha entrevista realizada por Gonzo no día de onte a unha moza, Dafne Lozano, dentro do programa El Intermedio emitido por La Sexta. Entrevista cuxa ligazón deixo aquí.

Non é que a situación que describía a muller sexa distinta da que teñen moitas outras persoas no conxunto do Estado, e  máis na nosa querida Galiza; tampouco que as penurias descritas por ela sexan alleas a multitude de fogares nun país onde as desigualdades entre as persoas son crecentes e onde o limiar da pobreza (cando non a pobreza rampante) asola a millóns e millóns de persoas.

E de aí o título desta entrada: FILLOS DE PUTA!. Porque ao longo de toda a entrevista era unha expresión recorrente que viña á miña cabeza diante de cada situación sufrida por Dafne, situacións xeradas polo modelo de sociedade na que se desenvolven as nosas vidas, situacións que quen debería poñer os medios para evitar que ninguén estivera exposta a elas non os pon (fillos de puta!), situacións que os que poden evitalas simplemente cumprindo a lei non a evitan (fillos de puta!). 

Traballos sen contrato e cunha paga irrisoria (fillos de puta!), nenos que non teñen nin sequera libros de texto cos que empezar o curso escolar ano tras ano, máis de dez anos no paro toda a familia, ter que acollerse á solidariedade da familia máis próxima para ter un teito onde vivir porque ningún estamento oficial lles facilita un lugar no que vivir e guarecerse (fillos de puta!) mentres venden vivendas de protección pública ou sociais a fondos voitre especulativos e que expulsan aos que deberan ser os seus beneficiarios (fillos de puta!), non poder atender aos nenos por ter que pasar o día buscando traballo ou traballando en ocupacións esporádicas e/ou xestionadas por persoas obtusas ou por un empresariado ladrón (fillos de puta!)  que nin pagan o que deben nin dan de alta á traballadora na seguridade social, que os nenos non poidan ir a escola no autobús nin sequera nos días desapracíbeis por non ter con que pagalo e ninguén -desde unha administración pública- lle facilita que iso non ocorra (fillos de puta!). 

Coma dixen antes, esa problemática non afecta só a Dafne e á súa familia; son millóns de persoas nesta España súa (deles, dos que provocan ou permiten que estas cousas ocorran), e na nosa (pero deles) Galiza, os que están afectados por situacións iguais ou semellantes. Pero tamén son miles os ladróns que sen miramento someten ás persoas con necesidades a esas situacións de explotación e miseria; e os que, podendo evitalo con máis control desde a administración, permiten que esas situacións ocorran. Todos uns fillos de puta. E despois a culpa é dos chavistas, que diría Feijóo.

Nota final: co de “fillos de puta” non me refiro á profesión da nai dos que provocan ou dos que permiten estas situacións, que estou seguro que si souberan como lles ía saír o neno ou nena houberan abortado; refírome ao comportamento económico e social deles, dos que provocan ou que por desleixo permiten esas situacións.

En fin, e para rematar: FILLOS DE PUTA!

03 decembro 2018

Andalucía. Gaña o fascismo


Espero que esta entrada non me saia moi extensa; porque das causas do ascenso do fascismo e da dereita extrema (PP e C's) na Andalucía non hai moito que dicir, xa que realmente non hai moito que non teña dito xa a historia sobre os ascensos dos movementos fascistas, tanto a historia europea de antes da IIª Guerra Mundial como na recente historia dos países da Unión Europea ou dos EE.UU.

           Dicía onte, entre moitas sandeces e tonterías, un dos verdadeiros gañadores das eleccións autonómicas andaluzas: "Nosotros no somos lo que dicen que somos. ...". Evidentemente referíase á cualificación de "fascistas" que calquera mente medianamente esperta aplicaríalle a ese partido-enxendro do nazismo e do fascismo que rula polo Estado Español baixo a denominación de VOX. Todo isto realizado co amparo escénico dunha xestualidade que a min, que son moi maior, lembrábame a que nos anos setenta do século pasado poñía aquel virtuoso prócer do nazi-fascismo español chamado Blas Piñar nas súas intervencións; tanto as que facía nos cortellos ultranacionalistas españois (eles chamábanlle las Cortes Nacionales; eu -en razón do que contiñan- penso que é máis axeitado chamarlle cortellos) como imaxino faría noutros foros frecuentados pola borregancia.

           O famoso Vox, como xa sabemos, entre outras moitas barbaridades leva nos seus programas a supresión das autonomías, a expulsión dos estranxeiros, a derrogación da lei de violencia de xénero, o levantamento dun muro Trump-Style en Ceuta, a derrogación da lei do aborto e a modificación do Código Civil nos artigos que protexen o casamento entre persoas do mesmo sexo, ...e non sei cantas outras barbaridades máis. Logo, non é fascismo isto? Eles din que non; e, polo tanto, menten. Dicir que a mentira é outra dos elementos que caracterizan ao fascismo organizado.

           Vou coller, coma exemplo, o tema da expulsión dos estranxeiros. Os fascistas españois din que non queren persoas vindas desde outros continentes, que ocupan postos de traballo que podería coller os nacidos na Hispania. Mentira; e gorda. O que non queren son estranxeiros que veñan a España a traballar en traballos regulares, nos que teñen os mesmos dereitos que outros traballadores. Eles pasarían por que esas persoas vindas doutras latitudes estiveran aquí coma man de obra escrava, traballando pouco que máis que polo xantar ou prostituíndose en burdeis e cubles de estrada, sen papeis e chantaxeados polas mafias da prostitución; tampouco piden a expulsión dos membros das mafias rusas, italianas ou latinoamericanas que explotan negocios ilegais ou paralegais no país. Ese tipo de estranxeiros para eles non son perniciosos. Non hai máis que ver as relacións pasadas, e non sei se actuais,  entre o principal líder do fascismo valenciano coas "empresas" asociadas na chamada Asociación Nacional de Empresarios de Clubs de Alterne (ou algo así), na que se agrupan persoas que rexentan negocios de hostalaría na que é público e notorio que se exerce a prostitución por persoas vindas dende outros países. Isto é, simplemente, un exemplo de quen son esas xentes que "queren liberar España".

Outra cousa curiosa e que nos amosa a natureza real do fascismo é a que segue. Ata agora nas zonas andaluzas onde se rexistra un maior número de persoas estranxeiras, utilizadas como man de obra barata, en réxime de cuasi-excravitude ou escravitude, moita dela "sen papeis" paridos coma Vox ou outros da súa orientación eran practicamente testemuñais. É, por suposto, non pedían a expulsión dos estranxeiros co ímpeto que agora demostran. Eran a reserva que tiñan os moitos grandes e medianos empresarios sen-vergoña desas zonas, que tradicionalmente apoiaban sobre todo ao Partido Popular. É cando, recentemente, eses escravos empezan a demandar dereitos, cando as mulleres escravas empezan a denunciar violacións, é cando -xa era máis que hora- a administración de xustiza e a laboral parece que quere timidamente empezar a tomar cartas no asunto. É, precisamente nestes momentos, cando renace a prédica da expulsión polos grupos fascistas. É nese momento cando certos movementos e partidos fascistas empezan a ter un financiamento desacorde coa súa implantación real; financiamento que non se sabe a ciencia certa de onde sae, pero que calquera cun mínimo de cabeciña sabe da orixe da súa procedencia; e financiamento do que, os que coñecen ben as zonas do renacemento fascista, seguramentemoitas persoas saben con exactitude quen aporta os cartos.

Pero o fascismo non chega ao poder só polos votos dos grandes empresarios, nin dos pequenos nin dos medianos. Son moitos os membros da clase obreira, dos desposuídos, daqueles que non poden acceder con facilidade á cultura e á educación os que votan ao fascismo (cando falo de educación, non falo dos títulos acadados no ensino regrado que -desde a miña experiencia como docente- nada ten que ver co saber estar nin coa cultura; falo do saber estar e do coñecemento, non da titulite). E a orixe deses votos obreiros e dos pequenos empresarios ben determinado porque "as esquerdas", que lles dixeron que ían facer o mesmo que hoxe, mentindo, lles din os fascistas que van facer, non se cumpriu. Non se cumpriu nin no conxunto do Estado cando esas "esquerdas" gobernaron, nin se cumpriu naquelas comunidades autónomas onde esa "esquerda" tivo o poder moito tempo. 
           A min chamoume a atención o que me dixo un día un coñecido meu que vive en Andalucía: "o que vos dicides que fai aquí na Galiza o Partido Popular, dicimos nós en Andalucía que fai o PSOE". Ilustrativo.
En resume, e como pasou en Alemaña antes do hitlerismo, coma pasou en Italia co movemento dos camisas negras, coma pasou recentemente en Hungría, Polonia, Francia, Italia, Grecia, Holanda, Dinamarca, etc., etc. o fascismo ascende electoralmente cando a esquerda socialdemócrata ostenta os gobernos e non fai políticas destinadas a mellorar a calidade de vida das clases sociais máis desfavorecidas, senón que fai obxectivo fundamental dos seus gobernos o de non xerar descontento entre os grandes poderes económicos e financeiros dos territorios que gobernan. E, como se di por aquí, non se pode estar ao mesmo tempo en misa e repicando. Son actitudes antagónicas. E o malo é que esas políticas mentireiras e continuadoras do sistema practicadas polos socialdemócratas, os votantes fanas extensivas a todos os partidos da esquerda, restando capacidade electoral ás forzas de esquerda que si procurarían restar as desigualdades e salvagardar os dereitos reais das clases máis desfavorecidas.

E que pasa cando o fascismo chega ao poder ao través das urnas? O primeiro paso que dan é rematar coas liberdades democráticas, con maiores efectos negativos sobre as clases máis desfavorecidas, sobre todo na clase obreira que terá moitas dificultades, pola represión policial ou militar, para mobilizarse e reivindicar o que lle corresponde. As clases máis podentes e os grandes poderes económicos e financeiros (que estiveron financiando por detrás aos movementos fascistas) farán o seu agosto nun réxime que nada se parece ao que en campaña electoral os nazi-fascistas prometeron, un réxime con corrupción xeneralizada, roubos consentidos e de favoritismos aos amigos, un réxime violento e asasino como xa ten ocorrido no réxime de Franco.

           En fin. Co PSOE éche o que hai. Ou fai políticas de esquerda, ou será a dereita extrema (porque neste estado non hai outra) ou o fascismo quen gobernará sempiternamente o Reino de España.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...