A OTAN e os seus
membros.
Esta semana está a
celebrarse en Madrid un cumio da OTAN, organización á que
podemos cualificar obxectivamente como criminal de carácter militar
(máis adiante explico o por que do cualificativo de criminal), na
que van estar presentes como parte activa xentes que se corresponden,
a grandes trazos, con catro tipos diferenciados e complementarios de
suxeitos: a) cualificados membros que forman parte das súa estrutura
civil e militar; b) membros dos gobernos de diferentes países moitos
dos cales teñen madeira de súbditos e lacaios ao servizo dos
intereses do capitalismo internacional, entre eles membros do goberno
español; c) o presidente dos Estados Unidos de América (USA), xefe
supremo da organización militar; e d) Os invisibles,
representados por políticos, militares e técnicos civís alí
presentes.
Os primeiros son os
encargados de planificar as accións que posteriormente son
cualificadas pola ONU e as organizacións defensoras dos dereitos
humanos coma violacións dos dereitos humanos ou crimes de guerra por
violar o dereito internacional.
Os
segundos son, fundamentalmente, aqueles que teñen madeira de
súbditos e lacaios ao servizo dos USA (entre eles, como xa teñen abondo demostrado, os máximos dirixentes do PSOE e do
goberno español) moitos dos cales participan tamén na aprobación
dos desmáns organizados polos anteriores.
O terceiro, o señor
Biden, é o actual director da orquestra otánica e presidente
do país que dende a Segunda Guerra Mundial ten violado con maior
frecuencia o dereito internacional e a soberanía dos distintos
países, ben ao través da intervención directa do seu exército de
asasinos militares, ben ao través das súas axencias gobernamentais
de carácter civil e prácticas criminais ou utilizando ditadores
monicreques ao través da CIA en distintos países do mundo. E que
ademais persegue a aquelas persoas e organizacións que desenmascaran
as súas prácticas criminais informando á poboación mundial da súa
existencia e usando os propios documentos internos do país criminal
(Julian Assange, o soldado Mining e o membro da NSA -de cuxo nome non
me lembro- que rebelou o espionaxe indiscriminado por parte desa
axencia sobre a poboación norteamericana e á marxe da
administración xudicial). É dicir, o señor Biden é o presidente
dos Estados Unidos de América, país delincuente internacional e
impulsor da OTAN, a cuxo servizo e á defensa dos seus intereses
económicos e estratéxicos está esa organización militar.
O carto dos membros
presentes, os invisibles, son os que escriben a partitura que
se vai tocar dirixida polo director da orquestra. Eles
-maioritariamente ligados aos EE.UU.AA., son as grandes
multinacionais da enerxía, o fondos de investimento internacional, a
grandes empresas mundiais de armamento, a oligarquía financeira e os
que se lucran a nivel mundial coa produción de alimentos e a fame de
millóns de persoas no mundo (posiblemente me esqueza dalgunha clase
de indesexable; as miñas escusas). Eles son, ao través dos seus
voceiros alí presentes, os que lle van marcar á OTAN e ao seu
director actual a partitura que deben interpretar conxuntamente cos
resto dos músicos.
Por que cualifico
á OTAN como “organización criminal” de carácter militar?
Imaxino que a estas
alturas abondaría o ter que aclarar o por que de definir á OTAN
coma organización criminal. Pero vouno facer brevemente: unha
organización que á marxe das disposicións da Organización das
Nacións Unidas realiza accións de guerra e invasión de países
soberanos, que bombardea poboacións civís indiscriminada e
premeditadamente, que tortura e secuestra, que crea grupos
terroristas para desestabilizar gobernos soberanos e tentar de
xustificar as súas propias accións terroristas, etc., etc. ... non
pode ser cualificada doutra forma que como criminal. Serbia, Iraq,
Afganistán, Libia son casos na mente das persoas nas que baixo o
amparo ou intervención directa das OTAN cometéronse todo tipo de
estas atrocidades. En todas elas, realizadas á marxe da Carta das
Nacións Unidas, amais de violar a soberanía dos países, as accións
militares da OTAN provocaron vítimas civís, atacaron obxectivos
claramente non militares, practicáronse torturas e toda caste de
violacións dos dereitos humanos. Amais da súa participación
directa na guerra de Bosnia entre 1992 e 1995, unha guerra cos claros
obxectivos de desintegrar Iugoslavia e repartir as influencias
económicas e estratéxicas entre os distintos países participantes
no conflicto, bombardeando incluso obxectivos civís en Belgrado,
daquela capital do estado iugoslavo.
Por iso: por violar
as leis internacionais, por causar mortos como consecuencia desa
violación e por atentar repetidamente contra os dereitos humanos a
cualificación máis adecuada para a OTAN é a de organización
criminal de carácter militar; e os seus dirixentes e membros que
se apliquen o conto.
Amais destas haberá
outras moitas operacións levadas a cabo polos seus servizos de
intelixencia descoñecidas para o grande público, desde a creación
de grupos radicais islámicos ata intervencións armadas e violentas,
sobre todo en distintos países asiáticos e africanos, coa
finalidade de desestabilizar gobernos non submisos. Estou pensando
neste intre en Paquistán, Sudán ou Ucraína, por exemplo.
Se as mafias son
consideradas organizacións criminais polas transgresións que
realizan das leis con resultados de mortos como consecuencia das súas
actividades, hai razóns máis que sobradas para aplicarlle -como
mínimo- o mesmo cualificativo á OTAN.
O de “militar”,
agás que un sexa unha mostra común diso en caqui ou verde, imaxino
que non fai falla explicalo.
E supoño que tampouco
terei que aclarar que as organizacións en si mesmas non son nada,
son instrumentos cuxo carácter é decidido polas persoas que as
dirixen e deciden cales van ser as súas actividades e os seus actos;
así como as persoas e outras organizacións que poidan formar parte
delas. Cada quen que lles poña, en referencia á OTAN, a esas
persoas o cualificativo que considere. Eu téñoo claro.
E,
como afirma Jordi Calvo Rufanges (eldiario.es,26 e 29 de xuño de 2022) “a
OTAN, ao contrario do que afirman todos os asistentes ao cumio de
Madrid, non promove a paz, senón que máis ben ao contrario animou a
algúns dos seus membros a participar en guerras máis alá das súas
fronteiras, en moitos casos coa bandeira da OTAN”
levando a eses lugares “ o
caos, a destrución e provocando centenares de miles de vítimas
civís en Asia Central, Oriente Medio e o Norte de África”.
España e a OTAN.
No ano 1982, o goberno
español da extinta Unión de Centro Democrático (UCD), presidido
por Leopoldo Calvo Sotelo, decidiu a integración do Estado Español
na OTAN. Nese mesmo ano o PSOE gaña as eleccións por maioría
absoluta coa promesa suxerida do abandono da OTAN (“OTAN, de
entrada NO”). No ano 1986 o goberno español, presidido por Felipe
González (PSOE), se decanta decididamente por seguir na OTAN e
formula un referendo no que a permanencia de España nese organismo
militar estaría condicionado por tres cuestións: 1) A participación
de España na OTAN non incluiría a súa incorporación á estrutura
militar; 2) Manteríase a prohibición de instalar, almacenar ou
introducir armas nucleares en territorio español; e 3) Procederíase
á redución progresiva da presenza militar dos Estados Unidos de
América en España. Neste proceso de consulta vinculante pertenza á
organización militar do Estado Español nestas condicións foi
referendada polo 52,5% das persoas participantes no mesmo, no que a
participación acadou soamente o 59,4% do corpo electoral.
A día de hoxe, as
condicións expresadas no citado referendo non só non se teñen
cumprido en ningún dos seus aspectos, senón que todos eles téñense
transgredido amplamente polos distintos gobernos habidos desde a data
da consulta ata hoxe, gobernos presididos por Felipe González, José
María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero, Mariano Rajoy e, na
actualidade, Pedro Sánchez. Todos eles son culpables de ter
incumprido o desexo vinculante da maioría dos participantes no
citado referendo do ano 1986.
Pero non só non están
cumpridas ao día de hoxe, senón que, segundo declaracións de Pedro
Sánchez durante o actual cumio da OTAN, os efectivos militares dos
EE.UU. en España van ser incrementados.
Do mesmo xeito, está
anunciado polo presidente español do PSOE un aumento significativo
dos gastos militares, que seguramente vai reducir outras partidas
orzamentarias destinadas ao gasto social ou ao gasto en cooperación
internacional para o desenvolvemento. Un cartos que ían ser
produtivos vanse converter nun gasto improdutivo e parasitario. Porque do peto dos que se van beneficiar das guerras potenciais non vai saír, debido a
que o goberno négase a elevar os tributos ás rendas máis altas; en
troques, quen máis vai sufrir ese aumento do gasto vai ser a
cidadanía que ten as rendas máis baixas e a clase traballadora
que xa están a pasalo mal debido ao aumento descontrolado da
inflación derivado do financiamento europeo das aventuras bélicas
dos Estados Unidos de América e da intensa intervención dos especuladores multinacionais dos sectores enerxéticos para enriquecerse a costa de subverter o mercado.
Unha situación
mundial que vai mudando.
Ata agora, o último
documento estratéxico da OTAN era o aprobado no cumio celebrado en
Lisboa no ano 2010. Pero dende aquela o mundo ten dado moitas voltas
e as loitas e, igualmente, os intereses das distintas faccións da oligarquía
presentes no mundo teñen mudado posicións, xerando numerosas
contradicións e loitas políticas e económicas entre elas pola
preeminencia e dominio dos seus respectivos intereses. Todas elas
están a tratar de apuntalar o poder militar que serve a cada unha
delas e tentando de asegurar posicións xeoestratéxicas para un
posible conflito armado.
Se cada unha desas
faccións oligárquicas fora un galo de curral, poderiamos dicir que
neste intre son tres os galos na pelexa por controlar o galiñeiro
mundial: os descarados, agresivos e dominantes galos dos Estados
Unidos que estenden as súas ás coa ansia de dominar a totalidade do mundo; os escandalosos e agresivos galos
rusos; e os calados e silandeiros galos chinos.
As inxustificables
accións da OTAN e de Rusia no norte da Europa están a tensar dunha
forma considerable as relacións internacionais. Os primeiros, ao
incumprir os acordos acadados coa Federación Rusa no desmantelamento
do chamado Pano de Aceiro (Telón de Acero, en español)
sobre a contención da expansión da organización armada. Os
segundos ao adoitar unha posición -ao meu entender equivocada- coa
invasión e declaración da guerra a Ucraína sustentada na expansión
da OTAN e nos desexos da Ucraína de formar parte da mesma (certo é
que esta e os gobernantes monicreques ucraínos manexados por USA, sobre todo estes
últimos, non facilitaron as cousas; como tampouco o fixo a escasa vontade da Unión Europea de tentar de pararlle os pes aos EE.UU. e á OTAN sabendo os perigos que a súa actuación comportaban e que posteriormente confirmáronse). Todo isto e que as axencias
de intelixencia gobernamentais aliñadas con ambos contendentes fixeran das súas nos
distintos países e rexións pertencentes á antiga URSS e agora
“independentes” facilitaron o estoupido do conflito. Aí están
as intervencións da CIA e o MI6 en Bielorrusia e a propia Ucraína
para desestabilizar gobernos considerados pro-rusos e as protagonizadas polas
axencias de intelixencia rusas e o seu propio exército en Chechenia
e na propia Ucraína, sobre todo na rexión ucraína do Don Bass.
Certo que destas accións unhas saen
na prensa que lemos no resto da Europa, dominada maioritariamente polos grupos
mediáticos da oligarquía aliñada no bando euro-americano, que non informan de forma veráz da realidade e proporcionan unha información manipulada ou directamente falsa en favor de parte; e que
para coñecer, ou aproximarse, á realidade das distintas
actuacións hai que andar mergullando e contrastando polas redes
(supoño que serán estas, nun prazo máis ou menos curto de
tempo, o obxectivo a silenciar ou, polo menos, censurar por parte dos
medios aliñados coa oligarquía financeira de cada bando; isto xa
está a suceder agora en moitos sites da internet coas novas
servidas por aqueles considerados coma pro-rusos no noso espazo
xeográfico aínda que sexan persoas que viven e conviven nel e con
perfecta legalidade facendo exercicio do seu dereito de expresión;
e, tamén, coas novas e sites considerados como pro-otánicos
no espazo xeográfico de influencia rusa). O mesmo pasaralle a quen recibe exclusivamente as novas por axencias ou informativos achegados ao outro bando en conflito.
Pero non debemos
esquecernos, como xa teño apuntado máis arriba, da actitude submisa da Unión Europea diante das
flagrantes e constantes transgresións dos acordos de distensión
polos EE.UU. utilizando á OTAN como instrumento. Estaba claro
que o que chegou podía chegar, que Rusia non se ía pregar á
expansión militar da organización militar sen facer nada; que non
ía permitir que Ucraína se aliñara formalmente cos EE.UU. e
servira coma ponte para competir con tratamento privilexiado ou
facerse coa totalidade ou parte do negocio que o gas, o petróleo e
outros recursos naturais que deben traspasar ou proceder do territorio ucraíno
para chegar aos distintos países da Europa ou para acceder ao mar de cara a ser transportado con medios marítimos. E esa resposta chegou; e
o fixo en forma de guerra causante de miseria e morte para a poboación ucraína e miseria e carestía para a poboación auropea e rusa. Situación
que está a supoñer, á súa vez, un maior enriquecemento para os dirixentes
económicos dos EE.UU., un dos claros e non declarados obxectivos do
país imperial e do seu instrumento militar. Pero a submisións dos
dirixentes da UE, en contra do benestar da súa cidadanía e
arriscándose a que o espazo xeográfico europea volva a ser
escenario doutra gran guerra, esta vez posiblemente nuclear, fixo que
Europa en lugar de pelexar por unha resolución negociada ao
conflito, sen aliñarse con ningunha das partes en conflito directo,
os dirixentes políticos europeos se decantaran por aliñarse cunha
das partes agresoras e impulsar unha gran campaña de propaganda ao
través da rede mediática do sistema e dos propios órganos da
Unión, encabezados polas tristes e decepcionantes figuras de Josep Borrel, Von der Leyen e Charles Michel.
O cumio da OTAN
en Madrid.
A piques de rematar a
conspiración internacional para aumentar o poder económico e de
agresión da actual oligarquía internacional dominante ao través da
súa organización militar, OTAN, en Madrid, xa se coñecen algunhas
das decisións adoitadas, tanto polo conxunto da indesexable
organización.
E tamén, como xa se
foi manifestando con feitos concretos e de forma acelerada desde a
puñalada trapeira asestada polo PSOE e o goberno español ao pobo
saharauí en complicidade con réxime sátrapa e criminal marroquí,
a posición totalmente submisa do goberno español de coalición aos
designios da política dos EE.UU. como podemos observar coas
declaracións do gris ministro Albares e do Presidente Sánchez sobre
un totalmente inxustificado aumento do gasto militar, unha maior
presenza de militares ianquis en España, unha maior participación
na organización militar, o criminal comportamento da policía de
Marrocos cos migrantes subsaharianos gabado inicialmente polas
autoridades españolas (incluso negando feitos contrastados en
imaxes filmadas), etc. Todas elas perfectamente acordes coa política
do estadounidense para o Norte de África, onde o réxime do
antidemocrático e criminal de Mohamed VI é considerado como o seu
principal aliado (e tamén do Estado Español, polo visto).
Que decidiu a
organización de guerra en Madrid? A grandes trazos, porque a
información non é moi fluída nin moi transparente, podemos establecer
algunha das cousas que alí se teñen decidido:
1.- Ata agora tiñamos
constatado que a organización militarista de agresión aos pobos
soberanos pola conta dos EE.UU., que se escuda na suposta defensa da liberdade, infrinxía os
seus propios estatutos e actuaba máis ala do ámbito territorial que
os seus estatutos fixaban. Desde onte esa limitación territorial
desapareceu e a OTAN se arroga a competencia de actuar
militarmente alí onde os Estados Unidos de América consideren que
están perdendo influencia e decidan facelo (en teoría onde
decidan os seus órganos directores).
2.-
A Federación Rusa, antes considerada aliada, pasa a ser considerada como a principal ameaza para Europa e para o
mundo. Para elo se incrementa o gasto militar, a presencia militar USA en Europa e a presión sobre Rusia, aceptando
as candidaturas de Suecia (Ai! Se Olof Palme erguera a cabeza!) e
Finlandia de integrarse na organización armada, se se cumpren as condicións impostas por Turquía para aceptar a súa integración (fundamentalmente que os paises candidatos extraditen aos refuxiados políticos kurdos que residen nos seus territorios cara ao país antidemocrático que lles nega os seus dereitos: Turquía) . É dicir, esta integración suporía un punto
máis de tensión e perigo de guerra en Europa; e todo coa finalidade de
salvagardar os intereses económicos das industrias enerxéticas
(petróleo e gas natural) e armamentísticas dos Estados Unidos de
América; e non os intereses de seguridade e de paz para a cidadanía europea. (E non podemos descartar, tampouco, as intencións de
levantar a agricultura máis subvencionada do mundo, a dos USA, por substitución
dos cereais e forraxes ucraínos, pero disto aínda non hai datos e nada se pode afirmar; só facer especulacións).
3.- Os Estados Unidos
tampouco queren deixar de mirar para un país que pode supoñer un
claro perigo para o dominio económico e tecnolóxico da oligarquía
á que ese país e a OTAN defende polo tanto decidiron considerar
a China como unha ameaza potencial e poñen os ollos militares sobre
ese país. Polo menos de momento o país oriental non usa os
métodos postos en práctica por USA e Rusia sobre terceiros países,
o que fai máis difícil xustificar que unha organización militar
se centre nese tema. Pero todo se andará coa complicidade da City
londinense, de Wall Street e do mercado de futuros de Chicago; todo
iso acompañado do “Si, bwana” dos servidores e escravos
das distintas partes do mundo e das intervencións dos servizos de intelixencia dos países otánicos naqueles territorios nos que na actualidade prima a influencia china ou, mesmo, na mesma China.
4.-
Outra das cousas das que se ten falado en días anteriores ao inicio
do cumio foi o da posibilidade de considerar
aos movementos migratorios como potenciais ameazas para a seguridade
e que, polo tanto, hai que controlar militarmente.
Agás por unha pequena parte da poboación europea no seu conxunto,
aquela parte retrograda claramente xenófoba, un pronunciamento claro
neste senso non sería aceptado de bo grao. Polo que se camufla este
aspecto cunha formulación máis difusa pero claramente pro violadora
dos dereitos humanos. A que responde, senón, a actuación criminal
da policía marroquí e a pasividade da policía española no valado
de Melilla? Nin máis nin menos que á posta en práctica da política
otánica sobre as migracións, xa de manifesto en varios frontes: en
Turquía polo goberno teocrático de Erdogan cara ás refuxiadas
sirias, en Libia polas mafias que gobernan ese país africano co
apoio da Unión Europea e a OTAN e no Mediterráneo polas actuacións
do FRONTEX e de unidades militares turcas da OTAN, todas elas actuacións contrarias á
Declaración
Universal dos Dereitos Humanos.
