Nos últimos tempos está moi de
moda, sobre todo en certos ámbitos relacionados cos movementos sociais, falar
da transversalidade. Mais, que é iso? Significa transversalidade o mesmo que
apoliticismo? Ao mellor enténdese que transversalidade é a arte de ocultar
voluntariamente o pensamento propio e a propia personalidade cando se actúa
dentro dun grupo ou colectivo? Ou tranversalidade é impedir a diversidade de
pensamento sobre un mesmo tema? En definitiva, é transversalidade o mesmo que
uniformidade? Eu, particularmente, penso que non.
Estas cuestións viñeron á miña
cabeza despois de escoitar unha intervención de Victoria Portas, voceira da Coordinadora
Estatal en Defensa del Sistema Público de Pensiones, sobre a simboloxía
nas manifestacións convocadas por esa organización e a súa transversalidade.
Intervención publicada nun arquivo de son
(pulsar esta ligazón para escoitalo) pola organización sevillana partícipe na
citada coordinadora.
Cando se fala de transversalidade
dun movemento estamos a falar dun movemento no que en base a uns obxectivos
básicos como pode ser a defensa das pensións públicas, a defensa dun sistema
público de saúde ou da defensa dunha sociedade non sexista, entendo eu que
estamos a falar de que neles poidan convivir distintas formas de ver a forma
acadar os obxectivos comúns buscados e, loxicamente, poden expoñelo en
liberdade porque son respectadas desde todas as posicións.
As prácticas amosadas no senso da
transversalidade polo movemento
feminista e o respecto á expresión das diferentes ideas existentes no seu
seo, así como as practicadas nese mesmo senso por SOS-Saúde Pública
parécenme todo un exemplo no ámbito da diversidade de ideas expresada en aras
de acadar algo que todos e todas as participantes neses movementos desexan.
Arredor da reivindicación principal agrúpanse unha diversidade de ideas e
pensamentos que son expresados libremente e sen obstáculos por parte da organización.
Na recente manifestación nacional
convocada en Vigo pola coordinadora
feminista galega no pasado domingo 4 de marzo dos presentes, podiamos ver
que baixo o lema común e principal de apoio á folga feminista convocada para o Día Internacional da Muller, había tamén
multitude de achegas procedentes de numerosos colectivos feministas ou de
mulleres que individualmente poñían cantos ou consignas propias e que
arroupaban á que era a motivación central da marcha. Igualmente, sindicatos e
partidos políticos poñían as súas cores, as súas bandeiras e mesmo as súas
propias consignas para indicar o seu apoio á motivación principal da marcha. O
único que pedían a todo o mundo, sen ameazas nin tons autoritarios (disto dou
fe persoal por estar no lugar onde ocorreu un feito destas características), as
organizadoras da marcha era “en primeiro
lugar as organizacións e colectivos feministas, os e as demais para atrás”.
Por suposto que o respecto das e dos “demais”
(algunhas delas presentes como secretarías da muller de centrais sindicais) ao
solicitado polas organizadoras da marcha foi inmediatamente cumprido, sen ánimo
de capitalización por parte de ninguén. Bandeiras do PSOE, de Esquerda Unida,
do BNG, bandeiras republicanas, bandeiras
estreladas, pancartas e bandeiras de sindicatos e das súas secretarías da
muller conviviron en perfecta harmonía coas bandeiras dos distintos colectivos
feministas e da coordinadora feminista galega; todas e todos co mesmo
obxectivo: divulgar e convocar a folga das mulleres para o seguinte 8 de marzo.
Todo un exemplo de real transversalidade. Todo un exemplo de respecto á
exposición e á expresión das ideas propias e alleas, así como de respecto ao
obxectivo proposto polas organizadoras.
Algo similar ocorre coas
mobilizacións organizadas por SOS-Saúde Pública ou pola Plataforma
Galega en Defensa da Sanidade Pública, mobilizacións nas que están
presentes toda caste de cores, pancartas, bandeiras e persoeiros de distintas
organizacións e pensamentos que se agrupan arredor da motivación principal que sostén
a citada mobilización.
Puxen estes dous exemplos,
feminismo e sanidade pública, por ser das máis recentes e numerosas
mobilizacións; e que, ademais, das de maior concorrencia en cuanto a
diversidade de pensamentos que nelas participan. Pensamentos que se mostran
libremente e que non son amordazados polas organizadoras das mesmas. E non por ser diversas e realmente
transversais diminúe a afluencia de persoas ás mesmas. Iso si, todos e
todas as participantes van coa cara descuberta amosando quen son e como pensan.
Alí onde hai caras descubertas e transversalidade non hai caldo de
cultivo propicio para salvadores de nada, nin para políticos de culler, nin
para negociantes sen escrúpulos. Cada quen móstrase como o que é; e cada
quen é respectado polos demais participantes. Todas e todos ao mesmo obxectivo. Como
dicía parte da letra desa bonita canción, que tivo moito éxito e foi perseguida
na República del Salvador nos anos 70 do pasado século: “de cores, de cores vístese o campo pola primavera”.
